Reino de Galicia
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Reino de Galiza |
|||||
|
|||||
|
|||||
Lema: "Hoc hic misterium fidei firmiter profitemur" | |||||
Himno nacional: "Marcha Solemne do Antigo Reino de Galiza" | |||||
Localización do Reino de Galiza e a súa extensión no século XI (en vermello). Continente europeu (en castaño claro e branco). |
|||||
Capital | Santiago de Compostela¹ | ||||
Lingua | Galego dende XII, e castelán dende XV. | ||||
Goberno | Monarquía | ||||
Lexislatura | Xunta do Reino de Galicia | ||||
Historia | |||||
• Establecido | 409 | ||||
• Disolución | 1833 | ||||
¹ Anteriormente en Lugo e outras vilas. |
- Este artigo trata do estado histórico coñecido como "Reino de Galiza" (século V - 1833). Para información sobre o país actual, véxase o artigo principal: Galiza.
O Reino de Galiza foi unha entidade política (século V - 1833) situada no Suroeste de Europa, e no Noroeste da Península Ibérica que foi evoluíndo territorialmente ao longo dos séculos.
[editar] O Reino Suevo
- Ver artigo principal: Reino Suevo.
A orixe do reino atópase no século V d.C., cando os suevos definitivamente se asentan na antiga provincia romana chamada Gallaecia. Estes, encabezados polo seu rei, Hermerico (que asinara un foedus co emperador romano Honorio, polo cal concedíalles a soberanía, é dicir, a total independencia de Roma), fixarían a súa corte na antiga Bracara Augusta, creando así o que se chamaría regnum suevorum, "regnum galliciense" ou Reino Suevo, comezando o seu reinado no 409. No 449 o primeiro rei suevo nado en Galiza, Requiario (fillo de Requila, neto de Hermerico), decide converter o reino en católico, ó igual que a maioría da súa poboación, aínda que do 465 ao 550 volveríase ó arrianismo.
Un século máis tarde as diferencias entre os nativos galaicos e os suevos comezarían a desaparecer, este feito tería por resultado que os autores coetáneos se refiran ao reino nese momento como Galliciense Regnum[1], e ós reis indistintamente coma Regem Galliciae[2], Rege Suevorum ou Galleciae totius provinciae rex[3], mesmo os bispos coma Martiño de Dumio serán recoñecidos coma episcopi Gallaecia[4]. Todo isto propicia que no século VI d.C., poidamos xa falar da existencia do Reino de Galiza.
[editar] A Gallaecia visigoda
No ano 585, Leovixildo, rei visigodo de Hispania e Septimania, consegue rematar coa independencia política que os reis suevos mantiveran en Galicia dende o ano 409, derrotando ó derradeiro rei suevo, Andeca. Deste xeito, o territorio da chamada entón Gallaecia, pasa a formar parte da órbita de poder de Toledo, dende onde os monarcas visigodos exercían o seu poder tras seren expulsados da Galia polos francos. O período de goberno visigodo en Galiza non supuxo ningún cambio brusco en relación a épocas pasadas, de xeito que a excepción das dioceses sitas na Lusitania, as dioceses galegas seguiron a desenvolver a súa actividade con notable normalidade, manténdose activas as dioceses de Braga, Porto, Tui, Iria, Britonia, Lugo, Ourense, Astorga, Coimbra, Lamego, Viseu e Idaña.
A organización territorial herdada de séculos anteriores non muda, e mesmo as elites culturais, relixiosas así como aristocráticas aceptaron aos novos monarcas, que se ben tiñan a súa corte en Toledo, asumían o control político de tres antigos reinos; Hispania, Septimania e Gallaecia, de xeito que nos concilios relixiosos como o realizado en Toledo no ano 589 estaban presentes episcoporum totius Hispaniae, Galliae et Gallaetiae[5] é dicir, bispos de toda Hispania, Galia e Gallaecia, esta concepción tripartita atópase ao longo do goberno visigodo dende o ano 585, diferenciando mediante diversas fórmulas as tres entidades visigodas nos documentos como; fines Spanie, Gallie, Gallecie[6] ou Spaniae et Galliae vel Gallitiae[7] entre outras. Destaca neste contexto a figura de San Froitoso, bispo galaico de ascendencia visigoda, famoso polas numerosas fundacións levadas a cabo por el en todo o occidente peninsular, case sempre en lugares agochados nas montañas e mesmo illas, sobresaíndo a súa austeridade.
O certo é que as derradeiras décadas da monarquía visigoda foron de marcada decadencia, debido en boa parte á redución do comercio cunha importante redución da circulación monetaria, consecuencia directa da imposición do poder musulmán a principios do século VIII polo mediterráneo sur. A Gallaecia verase afectada polas mesmas pautas. É daquela cando San Froitoso denunciou un estado xeralizado de retroceso cultural, perdida da dinámica de tempos atrás, e axiña abrollou un certo grao de descontento no alto clero galaico. Así, no X Concilio de Toledo, no ano 656, Froitoso, pertencente a círculos de poder visigodos asumíu a cadeira metropolitana de Braga, acontecendo isto previa renuncia do seu titular Potamio, quen ademais recoñecía explicitamente a crise da vida eclesiástica. Na mesma ocasión os alí reunidos anulaban o testamento deixado polo bispo Recimiro de Dumio, pois nel doaba as riquezas da diocese-mosteiro aos pobres.
A crise final visigoda remontaría ao reinado de Éxica. Este monarca declarou herdeiro ao seu fillo Witiza e xa en vida asociouno ao trono, no ano 698, pese a que a lei visigoda obrigaba á elección dun novo rei e non á transmisión hereditaria. Dita asociación consistíu en entregarlle o goberno da Gallaecia, exercendo como rei con capital en Tui. Witiza vai ser rei da Gallaecia alomenos ata a morte do seu pai, o que supón unha situación novidosa nesta etapa final e conflitiva da monarquía visigoda, evidenciando a actividade política que Galicia conservaba cen anos despois da fin da monarquía sueva. No ano 702 coa morte de Éxica, Witiza asume tamén o goberno de Hispania, trasladándoo a Toledo onde gobernaría ata o ano 710. Trala súa morte, un sector aristocrático visigodo impediu a subida ao trono do seu fillo Axila, impoñendo pola forza a Rodrigo, o que supuxo un irresoluble conflito civil entre os seus partidarios e os dos fillos de Witiza. Será no ano 711 cando os inimigos de Rodrigo logren que un exército musulmán cruce o estreito de Xibraltar e presente batalla a Rodrigo en Guadalete, onde este é derrotado, fito que marca a fin do goberno visigodo en Hispania, e que terá unha trascendencia histórica total para as dúas restantes entidades políticas: Gallaecia e Septimania.
No ano 715 Abd al-Aziz ibn Musa toma por esposa á viúva de Rodrigo, chamada Exilona titulada reginam Spanie[8], confirmando a continuidade dinástica, transferida así lexitimamente ao gobernador musulmán. Con este feito os gobernantes musulmáns consideráronse politicamente continuadores do anterior estado e asumiron os atributos detidos antes polos reis visigodos de Toledo. Deste xeito, coa conquista de toda Spania polos musulmáns, alén das súas fronteiras, os emires cordobeses serían coñecidos co título de rex Spanie[9]. A partir dese intre comeza unha nova concepción xeográfica, pois España vai ser o nome co que se designe ao territorio musulmán, e Galicia ao territorio cristián. Así o historiador Al-Maqqari deixa claro a extensión do dominio musulmán ao referirse a conquista de comezos do século VIII:
Non quedou lugar sen dominar en Al-Andalus se exceptuamos o país de Galicia[10].
[editar] A formación da nova monarquía en Galicia e Asturias
Trala caída das provincias de Hispania no ano 711, e da Septimania no 719, baixo dominio musulmán, a Gallaecia vai ser a única entidade administrativa na península ibérica que apenas coñeza a pegada musulmá, mantendo intactas e en plena evolución histórica as súas estruturas socioeconómicas herdadas do pasado galaico-romano e suevo. Así atopámonos cun territorio dende o Mar Cantábrico ata o río Douro, que xa non se atopa ligado ao goberno visigodo dende Toledo, nin tampouco ao seu herdeiro político o Emirato Omeia de Córdoba, en última instancia supeditado a Damasco. A decadencia e a final desaparación do estado visigodo, supón un baleiro de poder central, é dicir, a culminación da dependencia política dos pobos do noroeste respecto Toledo, propiciando que os nobres locais galegos, astures e bascos do momento, emerxan con forza dende os seus señoríos, que tentarán acrecentar ben pola vía da diplomacia, mediante pactos e matrimonios, ben pola vía das armas procurando impoñerse ante os demais.
En realidade, pese a aparente convulsión política de comezos do século VIII, a rede eclesiástica galega non sufriu alteracións demasiado profundas, e mentres Asturias continuou carecendo de sé episcopal ata finais do século IX, Galicia mantivo unha total continuidade relixiosa dende época galaico-romana polo menos en tres dioceses: Lugo, Britonia-Mondoñedo, e Iria, onde os seus bispos residiron ininterrompidamente nas súas respectivas sés, e nominalmente noutras cinco máis: Braga, Ourense, Tui, Lamego e Dumio. De certo, ante a inseguridade político-relixiosa, os bispos destas dioceses residiron noutras sés, de feito en Lugo acolléronse temporalmente aos bispos de Braga e Ourense, na diocese de Iria aos de Tui e Lamego, e en Britonia-Mondoñedo ao de Dumio.
Este contexto sufre unha dificil interpretación histórica para o estudo das institucións políticas principalmente pola carencia dunha documentación propia da época (séculos VIII e IX). A primeira mención a un personaxe con atribucións señoriais despois da derrota visigoda atópase nun documento do ano 812, denominado Testamentum Regis Adefonsi (testamento do rei Afonso) onde se describe a un nobre de nome Paio (Pelagius), que tería loitado da rexión de Asturias nunha revolta contra o poder musulmán en Covadonga posiblemente señor do territorio onde se sitúa Cangas de Onís onde tería vivido arredor do ano 710, sendo o ciclo cronístico de Afonso III o que o describa con maior detalle pese a ser posterior.
Aínda que nas crónicas como a Bizantino-arábigo ou a Crónica Mozárabe redactadas nos anos 741 e 754 respectivamente non se mencione nin á figura de Paio nin da súa rebelión, si son varias as alusións musulmás a esta rebelión, así no Ajbar Machmúa se di: "Os galegos, aproveitando a contenda civil entre os musulmáns de mediados do século VIII, subleváronse contra o islam e apoderáronse de todo o distrito de Asturias", tamén Al-Maqqari fai mención a isto: "Di Isa ben Ahmad Al-Razi que en tempos de Anbasa ben Suhaim Al-Qalbi, ergueuse en terras de Galicia un asno salvaxe chamado Belai", sen ben é certo que ambas, ao igual que as descripcións cristiás foron escritas con bastante posterioridade aos sucesos.
As referencias máis descriptivas deste nobre chamado Pelagius, chegan porfin a finais do século IX, onde son numerosas as orixes que se lle adxudican dende as tardías crónicas cristiás, para a crónica albendense, Paio era neto de Rodrigo, derradeiro rei visigodo de Toledo, para a crónica rotense foi escollido en concilium polos propios astures como obligaba a lei electiva visigoda, para outras foi mesmo descendente do propios Leovixildo e Recaredo ou fillo do duque visigodo, Fáfila. En calquera caso o único que se pode afirmar é que a figura de Paio, convertida en mito, posiblemente si existiu mais sendo un dos moitos señores cristiáns da Gallaecia nese momento, tendo unha relevante importancia no chamado Reino dos Astures a comezos do século VIII, dende a súa modesta corte en Cangas de Onís, algo que non entra en desacordo co relato do musulman Al-Maqqari que o describe como: "un infiel chamado Belai, natural de Asturias en Galicia". Este sería sucedido polo seu fillo chamado Fáfila, pero por curto espazo de tempo.
[editar] Afonso II e tumba apostólica
Tras un período de conflitividade entre os diferentes princeps astur-galaicos, co reinado de Afonso II acontece un importante cambio político, pásase dunha anexión forzada á integración pacífica dos populos Gallecie ("pobos de Galicia") no seo da Coroa. Sen dúbida o reinado de Afonso II supuxo un importante avance no proceso de consolidación da institución Monárquica, o cal fixo pensar a máis de un que debeu ser beneficioso para o conxunto os intereses propiamente galegos, de feito este monarca pasou a súa infancia sendo educado en Samos, talvez na familia dun poderoso magnate galego, que adoitou acontecer con moitos dos reis sucesores. O certo é que semella haber unha coincidencia de intereses políticos cos galegos, tales como dous acontecementos históricos de grande relevancia na súa época, como son as relacións de toda a Galicia co reino franco e a crise relixiosa provocada pola querela adopcionista, iniciada presumiblemente na época de Mauregato e que se prolongou nos reinados de Vermudo I e o propio Afonso II. Dous feitos históricos de suma transcendencia dos que falan os anais carolinxios e que silenciaron interesadamente os cronistas de Afonso III (866-910).
Deste xeito, mentres as Crónicas do ciclo afonsino agochan os contactos políticos establecidos entre os monarcas galaicos e os carolinxios, as fontes francas confirman a asistencia de bispos de Galicia ao sínodo de Ratisbona no ano 782, e tamén ao concilio de Fráncfort do ano 794, o de maior relevancia de todos os celebrados nos tempos de Carlomagno, pois nel tratouse o tema do adopcionismo, que afectaba á unidade relixiosa de Occidente. Asemade, os anais francos dan cumpridas novas do envío de embaixadas por parte de Afonso II o Casto, que é coñecido tanto nos Annales Regni Francorum así como na Vita Karoli Magni como Hadefonsi regis Galleciae et Asturiae[11] é dicir, rei de Galicia e Asturias" ou mesmo coma Galletiarum principis[12] príncipe das Galicias segundo a Vita Hludovici. En todo caso, as relacións entre Carlomagno e este monarca deberon ser moi estreitas, pois o cronista Exinardo na Vita Karolis afirma que cando Afonso II enviaba mensaxeiros ou cartas ao rei dos francos, quería ser chamado propriu sunn, é dicir, o seu vasalo.
Con todo, o feito máis salientable é que no seu reinado producíuse a descuberta ou "invención" da tumba dun dos doce apóstolos de Xesucristo, Santiago o Maior. Tal acontecemento sucedeu no lugar chamado Compostela, e da man do bispo Teodomiro da diocese de Iria, con toda a carga político-relixiosa que este feito histórico ten nun momento no que a monarquía estaba a necesitar de símbolos integradores.
Na idade media "o culto a un santo ben podía axudar a moldear un reino", e así Afonso II decide construír unha igrexa, que se ben non foi unha obra de grande embergadura, supuña a primeira pedra do que máis tarde sería a alfaia do románico europeo.
Apesares do casual desta decuberta, a maioría dos historiadores contemporáneos ven neste feito unha "invención" con claros fins políticos así coma relixiosos, principalmente motivados pola crise relixiosa do adopcionismo que conlevaría a creación dunha igrexa nacional na Gallaecia, independente da mozárabe con sé en Toledo, da que estaba ligada dende a fin do poder suevo en Braga. Os partidarios desta postura opinan pois, que a invasión musulmana foi o factor de base que explica a descuberta da tumba do apóstolo Santiago en Galicia, e non en Hispania; porque foi a antiga provincia romana de Gallaecia a única que ficou á marxe da marea musulmá que asulagou a Península Ibérica por volta do ano 711. De feito, esta descuberta ou "invención" do sartego tivo lugar no reinado de Afonso II (791-842), pero foi no período inmediatamente predecesor cando se puxeron as bases ideolóxicas do que ía ser, de contado, o achádego "casual" do edículo compostelán polo bispo Teodomiro de Iria, entre o 818 e 847. Tanto Mauregato coma Vermudo I son contemporáneos da querela adopcionista, dos "Comentarios á Apocalipse", atribuídos a Beato de Liébana, e da fabricación do primeiro Himno litúrxico específico en honor de Santiago, que se asocia co rei Mauregato a través dun acróstico.
[editar] Periodo e liñaxe ramirense
O fundador da dinastía dos Ramírez, Ramiro I (842-850), pasou á historia como un monarca enérxico: os cronistas o intitularon Virga Iustitiae (verga da xustiza), dado que derrotou con brevidade a aqueles que se lle rebelaron. Sen embargo, paradoxicamente el mesmo accedeu ao trono encabezando unha revolta contra heredeiro lexítimo, o nobre de palacio chamado Nepociano, cuñado de Afonso II o Casto, que contaba co apoio da nobreza oriental da antiga Gallaecia, tal e como informan a crónica albeldense e rotense.
Como nos conta o ciclo cronístico, Ramiro I que se atopaba na procura de esposa na Bardulia, tivo que regresar ó extremo occidental da Gallaecia, concretamente aos arredores de Lugo, para atoparse cos aristócratas galegos, partidarios seus que o apoiaban para acceder ao trono e depoñer a Nepociano. Unha vez reunido un imporante continxente militar de galegos, dirixiuse dende Lugo ata Asturias.
De camiño a Oviedo, produciuce a primeira confrontación entre el e Nepociano, concretamente no lugar de Curniana na ponte sobre o río Narcea, onde o exército galego derrota aos astures e bascos, coa fuxida de Nepociano do campo de batalla, como nos conta a Crónica Oventense, Cui Nepotianus occurrit ad pontem fluuii Narcea adgregata manu asturiensium et vasconum[13]. Será no ano 842 cando finalmente xa en Oviedo, fágase co trono e o goberno de Asturias e Galicia.
A confrontación entre Ramiro e Nepociano supón unha guerra civil, apoiada nos particularismos territoriais. Ramiro I, contou co apoio militar de dous importantes condes galegos: Sonna e Escipión, pese a isto non houbo intención algunha de crear un trono na parte occidental, na Galicia propiamente dita, senón de arrebatar o trono xa asentado en Oviedo. Mostra disto semella ser a erección dun pazo en Naranco, a escasos quilómetros da corte ovetense, que segundo un recente estudo da Universidade de Oviedo, posiblemente serviu como corte alternativa destinada a recepción e actos xudiciais onde Ramiro e os seus partidarios teríanse asentado antes de acometer a captura de Nepociano.
Ramiro I logrará consolidarse no trono sendo a cabeza indiscutible dunha dinastía, que se pode deseñar dende os tempos de Vermudo I o Diácono, e que se sucederá por liña masculina ata ben entrado o século XI. A maioría dos historiadores coinciden en sinalar a importancia para Galicia de que o candidato da súa aristocracia fora o vencedor, así Ramón Menéndez Pidal opinou que "con Ramiro I foi Galicia quen prevaleceu no seo da monarquía", conclusión parecida á que chegou Vicente Risco cando apunta, na súa Historia de Galicia, que "a partir de Ramiro I iniciouse un predominio de Galicia no seo do reino occidental". Ademais, con este monarca iniciarase un estirón territorial que soamente rematará a finais o século IX coa integración das cidades e terras da bacía do Douro. A partir do reino de Ramiro I, comeza unha sucesión patrilineal, de pais a fillos.
Asi pois, o seu fillo herdeiro, Ordoño accede ao trono a morte de Ramiro, no ano [850], será coñecido como Ordoño I. Pese á brevidade do seu reinado que duraría dezaseis anos, foi quen de espallar a súa autoridade réxia ata León, Astorga, Tui e Amaia Patricia segundo as crónicas de Afonso III. Durante o seu reinado, Galicia viuse atacada por unha vaga de incursións normandas que serían derrotadas polo conde Pedro. Con Ordoño I iniciase o grande proceso de expansión terrotorial da segunda metade do século IX, que levará a incorporación para o Christianorum Regnum da Galicia meridional, laboura que completará o seu fillo Afonso III, neto de Ramiro I.
[editar] Alta Idade Media
Xa nos momentos iniciais do reino ástur, o rei cántabro Afonso tivo que facer expedicións militares para ter o control da Gallaecia en 739. Aínda así, houbo frecuentes rebelións dos galegos (759, 778, 885, 895); embora após a batalla de monte Cupeiro, na que o rei Silo derrotou unha rebelión de toda a Gallaecia, non voltou haber serios intentos independentistas[14].
Galiza adquiriu de novo o carácter de reino independente de 910 a 914 baixo Ordoño II e a aristócrata galega Elvira Menéndez. Experiencia que se repetiu co primoxénito deste: Sancho Ordóñez (924) e a súa dona a raíña galega Goto. En moitos momentos da súa historia viuse unido ó Reino de Asturias e/ou ó Reino de León, facendo que nalgúns casos sexa difícil diferencialos.
A nobreza galega oscilou entre o dominio do reino ou o levantamento para a consecución dun espazo propio (traditores). Árbitro nesa inestabilidade foi San Rosendo que mediou entre Ordoño IV e Sancho I, ámbolos dous coroados en Santiago de Compostela. Resultado dunha desas rebelións será a coroación na Galiza de Vermudo II (982). Este derrotará a Ramiro III de León e unificará novamente os dous territorios.
Coa expansión navarra de Sancho III O Maior, os territorios da Coroa de León quedaron reducidos practicamente ó Reino de Galiza, ata que o seu fillo Fernando, o futuro rei de Castela, derrotou ó rei galaico-leonés Vermudo III. Tras dominar o territorio galego, e buscando a lexitimidade no matrimonio coa irmá deste, Sancha, vívese unha primeira experiencia de unidade de Galiza e León con Castela. Con todo, e seguindo a política dos monarcas da época, Fernando I deixa en testamento a partilla dos seus reinos entre os seus fillos.
[editar] Séculos centrais
Á morte do rei Fernando I en 1065, o Reino de Galiza (que nese momento chegaba xa ata a cidade Coimbra) pasa ao seu terceiro fillo na liña sucesoria, García de Galiza. Tamén pasan ó seu goberno as terras tributarias do reino, que eran as taifas musulmás de Sevilla e Badaxoz.
García restaurou as sés de Tui e Braga e venceu varios conatos de anexión, pero finalmente foi deposto polos seus irmáns Sancho II de Castela e Afonso VI de León en 1071. Estes asinarían xa ese ano co título de reis de Galicia na documentación galega do momento. García morrería en prisión e sempre se lle recoñeceu a dignidade real. Galiza pasou a ser gobernada por Raimundo de Borgoña, casado coa filla de Afonso VI de León, dona Urraca (totius Gallecia imperatrix). A nova situación non se acadou sen resistencias. Se ben que as noticias son confusas, algúns sosteñen que o conde Rodrigo Ovéquiz encabezou unha rebelión que tardou varios anos en sufocarse. Igualmente, o bispo de Santiago Diego Páez foi deposto no Concilio de Husillos (1088); entre os motivos de tal deposición cítase un presunto intento de concertar un acordo con Guillerme o Conquistador do cal unha filla estivera prometida ó rei García. Trala morte de Don García en prisión, en 1096 Afonso VI dividiu o territorio en dous condados, un correspondente ás terras galegas e o outro ás portuguesas que doou a Henrique de Borgoña, pai do primeiro rei de Portugal Afonso Henriques.
[editar] A Era Compostelá
No ano 1111 a nobreza galega encabezada polo Conde de Traba e Diego Xelmírez coroan en Santiago de Compostela ó fillo de Urraca e Raimundo, Afonso Raimúndez, como rei -temorosos de que do novo matrimonio entre Urraca e Afonso de Aragón houbese descendencia: algo que viría coutar os seus proxectos políticos e, así mesmo, os dereitos do futuro "Emperador", como lexítimo sucesor de Afonso VI- sendo o futuro Afonso VII de León e Castela no cómputo español. Sostiña ó novo rei a forza militar do bispo compostelán e a do conde Pedro Froilaz de Trava, que fora o seu protector e titor durante toda a súa infancia. O sentido da coroación foi preservar o dereitos do fillo de don Raimundo de Borgoña sobre o Reino de Galiza, nun momento en que Urraca, xa viúva, entregaba de facto Castela e León ó seu novo home Afonso o Batallador de Navarra e Aragón. En realidade, a cerimonia compostelá tivo moito máis, nun primeiro momento, de simbólica que de efectiva e, de feito, ata a maioría de idade de Afonso VII, e a morte da súa nai, todo o conxunto noroccidental vai vivir unha etapa de convulsión con frecuentes alianzas e contraalianzas entre nai e fillo e aínda entre esta e o seu esposo aragonés, con Diego Xelmírez sempre presente nelas.
Neste clima de guerra e aproveitando que Calisto II, tío do rei de Galiza, chega ó Papado, Xelmírez consegue o arcebispado para Santiago de Compostela (1120). As pretensións do bispo eran que Compostela fose recoñecida como igrexa metropolitana de Galiza, contra os dereitos tradicionais de ostentaba Braga dende os tempos de San Martiño de Dumio. Calixto II non acepta tanto e decide crear unha nova xurisdición que supuña unha anomalía no poderío eclesiástico peninsular e que, ademais, exercía o seu poder non sobre os territorios galegos en que estaba localizada xeograficamente, senón na antiga xurisdición de Mérida (Estremadura actual e terras ó Sur do río Douro).
Braga ficaba así rodeada pola xurisdición de Compostela e, perante este perigo, convértese no centro do movemento independentista do Condado de Portugal. En 1128 o líder da nobreza galega Fernando Pérez de Traba e Tareixa de Portugal que despregaban un poder autónomo no espazo galaico-portugués son vencidos polo fillo da última Afonso Henriques. Este sería o xermolo do futuro reino portugués separado de Galicia e León. Á súa morte, Afonso VII dividiu os seus reinos (1156), cedendo Galiza e León a Fernando II.
Fernando II fai unha política de concesión de cartas-póboas, que xa iniciara o seu pai e funda entre outras, as vilas de Padrón, Ribadavia, Noia e Pontevedra tamén deu un pulo fundamental á catedral de Santiago de Compostela. O seu fillo Afonso IX mantivo a mesma política fundando ó longo da costa, Betanzos, A Coruña, Baiona, Ferrol e Neda. Estas vilas de reguengo supoñen unha verdadeira revolución na estrutura social da época porque, por unha banda, inauguran a diversificación económica, rachando coa autarquía dos séculos anteriores e facilitando o desenvolvemento das actividades pesqueiras e pre-industriais orientadas á elaboración de materias primas, peixe salgado sobre todo, que se comercializa a través dos portos, pola outra banda, serven para consolidar socialmente unha serie de "liñaxes" ou "casas" que teñen na súa orixe ós segundos da grande nobreza e á fidalguía local, que se reparten os cargos municipais e administrativos (alcaldes, rexedores, xuíces, meiriños). Crease así unha protoburguesía no reino que mesmo chega a introducir nos mosteiros rurais os seus membros: priores de nome e fidalgos de vocación, máis preocupados polos intereses das súas casas que polos ideais monásticos. É unha política de fortalecemento do elemento urbano fronte á grande nobreza.
Tamén se produce, ó longo deste século, un rápido crecemento da poboación que, no medio rural, se traduce en máis brazos para traballaren a terra e, como consecuencia, ábrense novos espazos e colonízanse e áranse terras virxes baixo a dirección dos grandes mosteiros. Isto, unido á mellora dos aparellos de labranza e ao aperfeizoamento dos sistemas de cultivo, xera un aumento da produtividade que vai repercutir no nivel de vida. O reparto desa maior produtividade entre os labregos e os señores realízase mediante o establecemento dos foros. As transformación económicas e sociais acarretan cambios profundos na mentalidade e iníciase, nas vilas, unha renovación relixiosa de man das ordes mendicantes, sobre todo dos franciscanos, que traen xérmolos de reformas sociais.
Con estes monarcas o centro vital dos reinos é, loxicamente, Compostela, onde reside a corte galega, e o seu esplendor ficou perpetuado polo Mestre Mateo no granito da Catedral e, sobre todo, no Pórtico da Gloria e Praterías. Da prosperidade do reino dan fe tamén as innumerables construcións románicas que aínda salfiren Galiza. A outro nivel menos visible, a cultura galega reflíctese na creación literaria, que ficou plasmada por unha banda na redacción do Historia Compostelá e o Códice Calixtino.
Afonso VIII, deu en herdanza os reinos de Galiza e León ás fillas que tivera con Tareixa de Portugal: Dona Sancha e Dona Doce. Acaso estes dous reinados, o de Fernando II e Afonso IX -en realidade, Afonso VIII nunha cronoloxía galego-leonesa- constitúen o momento central na posibilidade de constituír un espazo galego-leonés de seu, nun momento no que a monarquía patrimonial deixaba paso xa á de carácter territorial.
[editar] Anexión á Coroa de Castela
Ata comezos o século XIII, os reinos peninsulares anexionábanse mediante o casamento ou a herdanza baixo a persoa dun rei. Finado ou deposto o rei estes se partixaban entre os diferentes herdeiros de xeito que garantiran a súa independencia. No caso dos monarcas galegos o dereito de herdanza era indistinto para homes e para mulleres.
Afonso VIII casara dúas veces. Do seu primeiro matrimonio con Tareixa de Portugal tivo dúas fillas, Sancha e Aldonza. No segundo casamento casou con Berenguela de Castela, e tivo catro fillos; Fernando, Afonso, Constanza e Berenguela. Para manter a independencia dos reinos de Galiza e León, Afonso VIII no seu testamento aplicou o dereito galego de herdanza, que igualaba na sucesión a homes e mulleres, deixando a Aldonza coma futura raíña de Galiza e a Sancha como futura raíña de León. Sen embargo Fernando, primoxénito do seu segundo casamento xa era rei de Castela pola renuncia ao trono da súa nai, a castelá Berenguela ambicionaba espallar a súa autoridade rexia non só en Castela, senón tamén en Galiza e León. Así pois, Aldonza e Sancha contaron co masivo apoio da nobreza e igrexa galega, agás os bispos de Lugo e Mondoñedo.
Non obstante, o reino de León, máis unido a Castela xeograficamente e culturalmente preferiu a unión política con esta. Berenguela, nai de Fernando de Castela, consegue o apoio de Sancho II de Portugal para impedir que Galiza e León se convertan novamente en reinos independentes, e ambos presionan a Tareixa de Portugal, primeira muller de Afonso VII para forzar a Aldonza e Sancha para renunciar ó seu dereito lexítimo de herdanza. Finalmente, as infantas renuncian ó trono e Fernando III consegue o trono de Galiza e León, que aínda de conservar o seu título real pasan a seren gobernadas dende Castela.
[editar] Período Baixomedieval
Co reinado de Fernando III (1230-1254) o centro de poder político do reino de Galiza trasládase a Castela, a corte real abandona Compostela e iníciase unha política de tendencia centralizadora. Galiza continua a ser monolingüe e toda a súa documentación pública está redactada na lingua do reino, o galego, aínda que a partires de agora os documentos que cheguen da Corte virán redixidos en castelán. A política centralizadora de Fernando III mantense durante o reinado do seu fillo Afonso X, que introduce por vez primeira un representante xudicial do Reino no goberno de Compostela, e pouco máis tarde entregará a sé compostelá a un arcebispo de Valladolid, comezando un proceso que rematará por trocar os bispos galegos por funcionarios de Castela.
Non obstante, a pesar deste feito, o certo é que ó longo de todo o período medieval, e ata a chegada ó poder dos Reis Católicos, os nobres galegos seguiron a vivir nun estado de práctica semi-independencia con respecto da coroa castelá.
A figura do Adiantado Maior do Reino de Galicia foi o representante do monarca de Castela e era designado entre os membros da máis alta nobreza galega. Un dos máis célebres adiantados maiores foi o almirante e trobador Pai Gómez Chariño, a quen se lle atribúe a conquista de Sevilla cunha flota de naves galegas.
A nobreza galega mantivo unha longa resistencia fronte a nova dinastía dos Trastámara. En Galicia foi recoñecido como rei o monarca portugués nun primeiro conato de restauración da lexítima dinastía petrista; máis tarde sería proclamado pola nobreza galega Xoán de Gante, duque de Lancaster. Ningunha tentativa acabaría callando.
Durante as revoltas dos irmandiños estes gobernaron o Reino de Galiza mediante Xuntas que decretaron o derrubamento dos castelos e fortalezas, exerceron xustiza e recrutaron exércitos. O poder irmandiño durou dous anos ata que a nobreza galega opositora recuperou o poder (1469), axudada pola coroa castelá.
Os Reis Católicos propuxéronse disciplinar o reino e consolidar o seu dominio de xeito definitivo. Tralo escabezamento da nobreza máis levantisca (Pardo de Cela decapitado no norte, Pedro Madruga asasinado no sur, e o conde de Lemos coutado no leste), o reino de Galiza quedou baixo o mando dun Gobernador que presidia a Real Audiencia do Reino era designado polos reis de Castela e Aragón de entre a nobreza foránea.
[editar] O duque de Lancaster e Fernando I de Portugal, reis de Galiza
A morte de Pedro I en 1369 supuxo o triunfo aristocrático en Castela, onde foi coroado Henrique de Trastámara, candidato señorial, sen embargo pese as pretensións deste, a maior parte dos nobres galegos non o recoñecen como tal e co beneplácito dos municipios do reino demandan como rei a Fernando I de Portugal no ano 1369. Prodúce por un curto espazo de tempo a culminación práctica da repetida tendencia de aproximación entre Galiza e Portugal propugnada por influentes grupos sociais galegos e activa desde había tempo. Acompañado dende Portugal por importantes partidarios nobres da causa lexitimista, significados representantes da nobreza galega, entre eles Fernando Pérez de Castro (conde de Trastámara), o cabaleiro e señor de Salvaterra, Álvaro Pérez de Castro e Nuño Freire de Andrade (mestre da orde portuguesa de Cristo). Á súa entrada no reino de Galiza foi triunfal e aclamado nas cidades.
As medidas de goberno de Fernando I pasaron pola restauración das prazas fortes de Tui e Baiona entre outras, a liberación do tráfico comercial entre Galiza e Portugal así como o abastecemento de cereal e viño por vía marítima ás poboacións galegas mermadas pola guerra. Realizou igualmente disposicións en materia monetaria para o que mandou fazer moeda de seus sinais d´ouro e prata, asii (...) na Crunha e em Tuy, testemuñando as Cortes de Lisboa do ano 1371 a validez das moedas indistintamente no reino de Galiza coma no de Portugal.
Con todo, e pese ao éxito inicial, a presenza do monarca portugués no reino foi curta. Henrique de Trastámara, asistido polos mercenarios das Compañías Brancas organizou unha contraofensiva que obrigaría a Fernando I a retornar a Portugal, facendose deste xeito coa goberno de Galiza ata a chegada do Duque de Lancaster.
Tan só dous anos despois de que Fernando I de Portugal renunciara ás súas pretensións no Reino de Galiza, apenas un anos despois da ocupación de Tui por Diego Sarmento en nome do futuro rei Henrique de Trastámara e manténdose aínda A Coruña fiel a Portugal, Xoán Fernández de Andeiro culminaba as xestións con Inglaterra. Asinábase así o 10 de xullo de 1372 un tratado polo cal, Constanza, filla do rei Pedro I, asasinado por Henrique de Trastámara, reclamaba o seu dereito lexítimo como sucesora ante este último.
Así foi que o marido de Constanza, John of Gaunt, duque de Lancaster e fillo do rei Eduardo III de Inglaterra adopta os títulos reais da súa muller (de Galicia, León, Castela, etc..) dispoñendose a facelos efectivos. A primeira tentativa frustrouse cando a súa expedición se houbo de desviar, no Poitou, cara a cidade de Thouars, urxida pola Guerra dos Cen Anos en Francia. No ano 1386, respaldado pola bula papal de Urbano IV que lle concedia o dereito á Coroa de Castela, desembarca na Pescadería da Coruña, máis sen afrontar o asalto da cidade amurallada. Establecéronse entón capitulacións, segundo as cales a cidade abriríalle as portas se antes era recibido en Santiago. Así, sucedeu, e a continuación logrou, sen apenas resistencia militar, dominar o reino. Acompañado pola súa muller e fillas, asentou a súa Corte en Compostela. Dirixiu as súas operacións cara Pontevedra, Vigo, Baiona, Betanzos, Ribadavia, Ourense e Ferrol. En Ourense as súas tropas asaltaron a cidade e faga retirar ás tropas trastamaristas, mentres Ferrol é tomado polo rei de Portugal Xoán I, aliado do duque de Lancaster. No caso de Ribadavia, a cidade se resistiuse a este, e o propio Thomas Persey dirixiu un asedio de días sobre a vila, que acabou sendo tomada.
Tras estas accións militares practicamente toda Galiza ficaba en poder do duque, concretamente despois de que el e o rei portugués se fixeran co dominio de Ferrol, así a crónica escrita por Jean Froissart o deixa claro; avoient mis en leur obeissance tout le roiaulme de Gallice.
Non obstante, a evolución dos acontecementos militares foi determinada por unha epidemia de peste que decimou as tropas inglesas en chan galego. Isto forzou ao duque de Lancaster a negociar unha saida con Henrique de Trastámara. Os termos da paz, asinada en 1388 estipulaban a renuncia ás pretensións rexias de John of Gaunt e da súa muller Constanza a cambio dunha crecida indemnización e da voda entre o herdeiro castelán, Henrique III, e a filla do duque, Caterina de Lancaster. A retirada final dos ingleses pechaba os intentos desenvolvidos polos concellos e a alta nobreza galega para acadar un espazo non compartido con Castela e orientar Galiza cara Portugal e o Atlántico, con todo non sería a derradeira vez que isto ocorrería.
[editar] Os derradeiros nobres rebeldes
- Ver artigo principal: Doma y castración del Reino de Galicia.
A nova concepción monárquica conducida polos Reis Católicos, o chamado “Estado Moderno”, foi auspiciada en Galicia polo episcopado (en primeiro lugar polo arcebispo Afonso Fonseca), asi como por algúns nobres foráneos, particularmente os Pimentel, condes de Benavente, directamente ligados á monarquía. Sen embargo esta nova concepción tivo por resultado o choque frontal con senllos condes galegos. Son destacables as rebeldías sostidas, por orde cronolóxica, por Pedro Álvarez, conde de Soutomaior (Pedro Madruga), polo mariscal Pardo de Cela, e polos sucesivos condes de Lemos, Pero Álvarez Osorio e Rodrigo Henríquez de Castro.
Todos eles compartían o común denominador da forte oposición militar ao proxecto político dos Reis Católicos, proxecto que repercutía considerablemente a estes nobres e por ende, aos seus parceiros nobiliarios e eclesiásticos no país. Este factor dotounos de unidade dabondo como para seren considerados entón (tamén desde fora) unha acción representativa do Reino de Galiza, como entidade autónoma e resistente fronte á absorción que supuña a imposición do autoritarismo monarquico, dada a carencia de protagonismo galego neste proxecto, hexemonizado pola oligarquía aristocrática castelá-andaluza e cunha participación moi restrinxida de elementos galegos do mesmo estamento. A resistencia exercida por estes nobres foi adoptada por moitos como un carácter innato do reino e das súas xentes, asi o cronista aragonés Jerónimo Zurita describiu aquela situación do seguinte xeito:
En aquel tiempo se comenzó a domar aquella tierra de Galicia, porque no sólo los señores y caballeros della pero todas las gentes de aquella nación eran unos contra otros muy arriscados y guerreros [16]
A resistencia presentada por Pedro Álvarez de Soutomaior ofrece a maior claridade de motivos políticos e de obxectivos, e foi tamén a de maior envergadura e posibilidades de éxito, por integrarse nun conflito de grandes proporcións. O pertinez enfrontamento do conde contra o arcebispo de Santiago, Afonso de Fonseca II, xuntouse, por extensión á oposición frontal contra a monarquía de Isabel a Católica. Na guerra de sucesión que segue á morte de Henrique IV abraza a causa da súa filla, Xoana (desposada con Afonso V de Portugal) e, por tanto, a opción portuguesa fronte á aragonesa de Isabel. No decurso da guerra sucesoria mantiva entre Xoana e Isabel, os contendendes estiveron a punto de acadar un compromiso que incluiría a incorporación do reino de Galiza á coroa portuguesa. A vitoria militar de Isabel e a subseguinte paz de Alcaçobas de Castela con Portugal en 1479, seguidas do exilio do conde de Soutomaior a Portugal (onde foi recompensado co título de Conde de Caminha) e a súa sospeitosa morte pouco despois, significaron o fracaso das inclinacións pro-portuguesistas e atlánticas de Galiza.
Anos despois, e no norte do reino, nun famoso 17 de decembro de 1483 era executado o mariscal Pero Pardo de Cela en Mondoñedo, cumpríndose sentenza polo Gobernador dos Reis Católicos en Galiza, Fernando de Acuña. Semellante final, colofón dunha longa e desproporcionada resistencia no cerco do seu castelo da Frouseira e a caída por traizón, conferíronlle un especial dramatismo ao caso, facéndoo tema idóneo para a literatura. Xa no mesmo momento do tráxico desenlace se compuxo un fermoso “Pranto da Frouseira”, mitificación inmediata da súa figura;
que por treyçon foy vendida,
Pedro Pardo meu señor.
derribada na ribeyra,
ca jamais se veo vencida.
Por treyçon tamben vindido
Jesus nosso redentor,
e por aqueestes tredores,
Dun xeito ou outro o capítulo de Pardo de Cela inclúese doadamente na secuencia de resistencia contra o Estado Moderno e explica a dureza e exemplaridade do castigo, que sería excesivo para unha simple rebeldía motivada por intereses estritamente particulares e sen maior transcendencia política, e que espertaría temor en toda a nobreza galega. A mediados dos anos sesenta, cando a loita entre o monarca e os señores acadou a máxima tensión, o mariscal atopábase no cargo de alcalde da vila de Viveiro, noameado polo procurador do Concello para exercendo como tal polo rei, no que se xuntan segundo viña sendo norma, o lexitimismo monárquico e o movemento emancipador urbán. Pardo de Cela está por tanto situado no mesmo bando de onde xurdirían, axiña as Irmandiños.
Un ano despois, en 1465, colaboraba na supresión do señorío de Xoán de Viveiro sobre esa vila como membro do concello e en nome de Henrique IV. Unha vez vencidas as irmandades, o choque de Pardo de Cela con membros relevantes da igrexa mindoniense e, por fin, cos Reis Católicos, era continuación lóxica, xa a nivel particular, daqueles aliñamentos anteriores, pois a crecente hexemonía eclesiástica e o forte intervencionismo monárquico nos concellos, fenómenos ambos propios do Estado moderno, erosionaban as bases da súa posición social e política.
Finalmente entre 1483 e 1485 as respectivas rebelións de Pero Álvarez Osorio e de Rodrigo Henríquez de Castro, sucesivos condes de Lemos chegaban ao seu fin. O primeiro morría de morte natural, deixando pendente a resolución da discrepancia; o segundo foi cercado e derrotado ante o despregue militar persoalmente comandado polos reis de Castela e Aragón. Con esta última rebelión anulábase toda oposición nobiliar fronte á monarquia dos reis católicos no reino de Galiza. Ademais a derrota de Rodrigo Henríquez supuxo a remodelación do mapa de Galiza, deixando O Bierzo de formar parte do condado de Lemos e consecuentemente de Galiza.
Sofocada xa toda oposición no reino, en 1486 os Reis Católicos visitaban Galiza, sendo o símbolo do remate dunha época, o final da Idade Media en Galiza. A consecución final do pleno dominio rexio en Galiza, o que o cronista Jerónimo Zurita chamaría “domar aquella tierra de Galicia”[16].
O reino entrou noutra fase, marcada pola extinción política dos sectores sociais capaces de conducir unha dinámica propia, convertido nun terrritorio periférico da monarquía hispánica na súa proxección imperial. Supeditado a institucións alleas, introducíronse organismos novos impostos desde fóra (audiencia, santa irmandade, gobernadores, correxedores, inquisición, congregación monástica de Valladolid, etc.), nutridos maiormente con funcionarios estranxeiros e contando co concurso dos sectores autóctonos intermediarios e subalternos.
[editar] A recuperación do voto do Reino de Galiza nas Cortes
Apartires do reinado de Xoán II de Castela o Reino de Galiza deixa de ser chamado ás Cortes e, aproximadamente, dende 1476 Zamora era a cidade encargada de falar por el na asemblea da Coroa de Castela. Mais dende 1518 as cidades e vilas galegas comezaron a mobilizarse para recupera-lo seu voto lexítimo en Cortes, contradicindo os dirixentes galegos a potestade de Zamora de falar no nome do Reino de Galicia.
A recuperación do voto en Cortes foi un obxectivo compartido polas oligarquías urbanas e os magnates galegos. En 1520 o arcebispo de Santiago, Alonso de Fonseca, o conde de Andradre e o de Benavente reclamárono durante a celebración das Cortes de Santiago sen obter resultado. Con todo o compromiso das elites galegas propiciou que o 4 de decembro de 1520, nobres e prelados do reino reunidos na Asemblea de Melide, dirixida polo arcebispo de Santiago Alonso III de Fonseca, insistiran na reclamación ó emperador no tema do voto, sen embargo Carlos I rexeitou dotar a Galiza de voto nas Cortes unha vez máis.[17]
Un ano despois da negativa do emperador, as cidades galegas toman a iniciativa, e no ano 1557 unha Xunta do Reino oferta 20.000 ducados polo que xa de por si era un voto lexítimo nas Cortes. A aspiración seguiu a ser recollida por sucesivas xuntas ata que no 1599 a Audiencia accedeu ó desexo das sete capitais e convocounas para tratar en exclusiva o asunto. Dous comisionados se encargaron de facer en Madrid as xestións pertinentes mais as súas novas ofertas pecuniarias foron rexeitadas. Non obstante, dende 1621 apareceron as circunstancias precisas para o éxito da aspiración do reino galego. A Monarquía necesitaba a cooperación política e financieira dos seus reinos para soste-lo esforzo bélico (fin da Tregua dos Doce Anos)[18]. A oligarquía urbana e a nobreza galega foron quen de aproveitar a ocasión, e apesares da resistencia de Zamora e o afán exclusivista das demais cidades con voto en Cortes, a Coroa sacrifica "la conveniencia política en aras de la necesidad militar", e no ano 1623 o reino de Galiza recupera o voto, despois iso si de pagar 100.000 ducados para construír unha escadra que defendera as súas propias costas. A influencia de Diego Sarmiento de Acuña, Conde de Gondomar, foi decisiva para recupera-lo voto, e que Filipe IV fixera merecede de tal por de 13 de outubro de 1623. A Xunta de 1621, a proposta do marqués de Cerralbo, gobernador do Reino, ofreceu os 100.000 ducados e ó concede-lo voto en 1623 os procuradores galegos, conde de Salvaterra e D. Antonio de Castro e Andrade, asistiron ás Cortes convocadas para o 18 de marzo dese ano. Ámbolos dous foron nomeados por Frai Antonio de Soutomaior e o conde de Gondomar, quen xogaron un relevante papel na obtención do voto. Desta maneira o reino recuperaba un dereito de seu que durante 150 anos lle fora despoxado.
[editar] O Reino de Galiza na Idade Moderna
A representación do país ante a monarquía exercíaa a Xunta do Reino de Galicia composta por representantes das cidades de Santiago, Lugo, Betanzos, Coruña, Mondoñedo, Ourense e Tui. Esta institución non foi quen de exercer un poder nitidamente autónomo agás durante a invasión napoleónica. No transcurso da guerra da independencia asumiu a soberanía interior e exterior, entrementres o Rei de España Fernando non consolidase a súa posición.
Oficialmente, Galiza, mantívose como reino ata 1833 ano no que foi divido en catro provincias durante a rexencia de María Cristina, desaparecendo así dos mapas.
[editar] As linguas oficiais do reino
- Ver artigo principal: Historia da lingua galega.
Desde o século I d.C ao XII o latín desempeñou en toda a antiga Gallaecia, e polo tanto tamén no territorio estritamente galego ou occidental o papel máis correspondente ao que hoxe chamaríamos "lingua oficial", pois esta era a lingua utilizada nos textos escritos, tanto de carácter documental como literario. Sen embargo como aconteceu noutras partes conquistadas tardiamente polo Imperio Romano, na Gallaecia antiga só as elites politico-relixiosas que dispoñían dun poder económico abondo puideron permitirse adoptar costumes e lingua romanas, en canto que a maioría da poboación galaica, eminentemente rural e afastada dos centros de poder, continuou a manter os seus costumes, relixión e lingua. Esta situación non debeu de mudar significativamente ata a chegada de diferentes pobos no século V.
Sen datos lingüísticos concretos para o reino establecido na Gallaecia no período comprendido entre o séculos V e VIII, todo fai supor aos autores que coexistiron varias linguas nese momento. Por unha parte, o latín, con caracter oficial que mantería a súa condición de "lingua franca" ata finais da Idade Media, e por outra parte o conxunto de linguas maioritariamente faladas pola poboación que presumiblemente serían: o galaico antigo (lingua prerromana), diferentes dialectos xermánicos por xente de orixe sueva ou visigoda chegados no século V, e en menor proporción a lingua britana, falada unicamente no territorio correspondente á Diocese Britoniense[19]. Sen embargo, será o latín vulgar falado polas élites galaicas romanizadas o que vaia evoluír nun proto-galego impoñéndose paseniñamente ás demais linguas e afianzando a súa posición de lingua romance ou "romanzo", que foi seguramente falado polas clases altas do reino galego dende o século X, chegando a desprazar na escrita ao latín tres séculos despois.
É pois na primeira metade do XIII cando aparecen os primeiros documentos en lingua galega ou "romanzo galego" de carácter oficial no reino de Galicia. O máis antigo do que temos novas é o "Foro do Bo Burgo de Castro Caldelas" dado en Allariz no mes de abril de 1228, durante reinado de Afonso VIII, rei de León e Galicia[20]. Foi na Chancelería real deste mesmo rei, o derradeiro rei privativo de Galicia e León, onde se producíu este privilexio rodado o que pon de relevo o uso solemne que chegou a acadar a lingua galega, estendéndose o seu uso na segunda metade dese século e xeralizándose no século XIV. Así, o galego foi a partir do século XIII a lingua normal e "oficial" entre os habitantes do reino de Galicia. Con todo, á morte de Afonso VIII, os reinos de Galicia e León, son finalmente gobernados polo rei de Castela, Fernando III, quen xa no ano 1250 se dirixe aos composteláns en castelán. Afonso X, alcumado "o Sabio", poeta prolífico en galego, que reina desde 1252 a 1284, consagra definitivamente o uso do castelán como lingua oficial da súa corte, utilizando en exclusiva esta lingua na súa relación coas cidades e vilas do reino de Galicia.
Os reis sucesivos consolidan o castelán como lingua para todos os usos dos seus reinos, inclusive para as relacións coa Igrexa, o que provoca que aínda sendo practicamente unilingües en galego os documentos orixinarios do reino de Galicia, comecen a chegar pouco a pouco documentos en castelán emanados directamente da Chancelaría Real en Castela, aínda que a súa presenza fose mínima con relación ao galego ata séculos despois. Tamén se constata que a Igrexa comeza a facer uso público do galego no reino de Galicia a inicios do XIV, xeralizándoo durante a segunda metade do mesmo tanto en asuntos internos como na relación con outras institucións ou con particulares; a pesar da forte presenza do latín na vida da Igrexa, rexístrase o uso do galego en numerosas actas dos Sínodos das dioceses de Mondoñedo, Ourense ou Santiago durante os séculos XIV e XV, regulándose tamén en galego as cuestións e actos de culto. Sen embargo como consecuencia da derrota de Pedro I, apoiado pola nobreza galega, fronte ao seu irmán Henrique II de Trastámara, entra no século XIV no reino de Galicia unha aristocracia castelá acompañada da súa correspondente corte, traendo tamén consigo o castelán, que ata entón só se empregara en documentos enviados desde a corte de Castela a partir do reinado de Fernando III .
Este núcleo nobiliario foráneo a Galicia, que se instala co seu séquito no obxectivo de castigar á nobreza galega contraria a Henrique II, substitúe principalmente nos cargos importantes a persoas galegas por outras de fóra. Isto constituíu o primeiro foco diglósico no reino de Galicia, pois os escribas redactaban en lingua galega se eran orixinarios do reino, e en lingua castelá se eran estranxeiros neste[21]. Se ben é certo que estes últimos serían minoría en Galicia ata o século XV pois ademais da utilización do galego en todo tipo de documentación privada, este tamén foi empregado polos organismos civís libremente conformados polos cidadáns, principalmente concellos e gremios, así como pola Igrexa nas catedrais, conventos, mosteiros, etc. Deste xeito o galego funcionou desde o século XIII ata fins do XV como lingua "oficial" entre os propios galegos, independentemente de que existira dende o século XIV unha ínfima minoría de xente estranxeira, aínda que detentadora do poder, que empregase o castelán.
A penetración decisiva do castelán no reino de Galicia verase incrementada coa vitoria, a fins do século XV, de Isabel a Católica na loita polo trono da Coroa de Castela que mantivo con Xoana, esta última apoiada maioritariamente pola nobreza galega que a defendía como lexítima herdeira. Baixo o reinado dos Reis Católicos consúmase a imposición definitiva da escrita en castelán no reino de Galicia e a partir de 1480 os escribáns públicos galegos han de ser examinados polo "Real Consejo" en Toledo, mudando os seus formularios galegos polos casteláns, factor determinante para a desaparición do galego da escrita e que tacitamente vén supor a supresión do carácter oficial de que ata entón na práctica gozaba o galego[22]. É a carencia dunha forte burguesía autóctona e independente o factor determinante que explica o desprestixio e a perda de funcións da lingua galega, en favor do establecemento do castelán como lingua oficial no reino. A este período coñeceselle como os Séculos Escuros. O castelán pois, será a lingua que dende o século XVI ata a desaparición formal no reino galego no ano 1833 que se empregue nos documentos e actos con caracter oficial, e o galego a lingua que de facto se empregue polos seus habitantes.
[editar] Notas
- ↑ Historia Francorum. Gregorio de Tours.
- ↑ De scriptoribus ecclesiasticis. Sigebertus Gembalensis.
- ↑ RISCO, M., España Sagrada 40- 41.
- ↑ Martini Episcopi Bracarensis Opera Omnia pp. 288-304.
- ↑ Chronicon Iohannis Biclarensis 590.1 = vv 330-341.
- ↑ Wamba Lex.
- ↑ Synodus Toletana tertia.
- ↑ Crónica Mozárabe, ed. López Pereira, 1980a, ps. 76-79: "cum reginam spanie in coniugo copulatam.
- ↑ ed. Lafuente Alcántara, 1867, p. 166.
- ↑ Al-Maccari, Histori, ed. Gayangos, 2002, v. I, p.291.
- ↑ Annales Laurissense Maiores.
- ↑ Vita Hludovici.
- ↑ Cronica ad Sebastinum.
- ↑ Claudio Sánchez-Albornoz: Orígenes de la nación española. El reino de Asturias- Instituto de Estudios Asturianos, 1972.
- ↑ Galicia. Célula de universalidade. Os camiños do mar a Europa.
- ↑ 16.0 16.1 Annales de Aragón.
- ↑ FERNÁNDEZ VEGA, “Las Juntas del Reino de Galicia y la recuperación del voto en Cortes”, Compostellanum, XXV, n. 1-4 (1980). pp.21-23.
- ↑ THOMPSON, I.A.A., Guerra y Decadencia. Gobierno y Adminitración en la España de los Austrias, 1560-1620, Barcelona, 1981, pp.337-38.
- ↑ YOUNG, Simon (2001), Britonia: Camiños novos. 84-95622-58-0.
- ↑ Este ademais é o documento máis antigo escrito en galego no actual territorio de Galicia, se ben hai documentos en galego aínda anteriores no tempo. Véxase: O Foro do bo Burgo do Castro Caldelas, dado por Afonso IX en 1228.
- ↑ Cfr. H. Monteagudo Romero, "Aspectos sociolingüísticos do uso escrito do galego, o castelán e o latín na Galicia tardomedieval (ss. XIII-XIV)", op. cit., p. 181
- ↑ Cfr. X. Ferro Couselo, "Cómo e por qué os escribanos deixaron de empregar o galego", in VV. AA., Homenaxe a Ramón Otero Pedrayo, Galaxia, Vigo, 1958, p. 251.
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía
- Historia de regibus Gothorum, Vandalorum et Suevorum, editeur Jacques-Paul Migne, Patrologia Latina.
- Liber Sancti Jacobi "Codex Calixtinus", Santiago de Compostela, Xunta de Galicia , 07/2004.
- Arredor da conformación do Reino de Galicia (711-910), Xosé Antonio López Teixeira, Editorial Toxosoutos, S.L. 02/2003.
- Galicia, todo un reino, Colin Smith. Universidade de Santiago de Compostela, 1996.
- Martiño de Dumio : a creación dun reino, Anselmo López Carreira, Edicions do Cumio, S.A. 08/1996.
- Documentos medievales del reino de Galicia: Fernando II (1155-1188), ISBN 84-453-2818-2.
- Alfonso III El Magno : último rey de Oviedo y primero de Galicia, Armando Cotarelo Valledor, Tres Cantos, Ediciones Istmo, S.A. 04/1992.
- Gregory of Tours, History of the Franks, Tradución por L Thorpe (Penguin, 1974).
- Historia compostelana, Emma Falque Rey. Ediciones Akal, S.A. 11/1994.
- La sociedad gallega en la Alta Edad Media, Isla Frez, Amancio, C.S.I.C, 02/1992, ISBN 10: 84-00-07215-4.
- Britonia: Camiños novos, YOUNG, Simon (2001),Editorial Toxosoutos, S.L. 84-95622-58-0.
- O reino de Galiza, Anselmo López Carreira, Edicións A Nosa Terra. Promocións Culturais Galegas S.A., 1998, ISBN 84-89976-43-0.
- O cronicón de Hidacio : Bispo de Chaves, César Candelas Colodrón, Editorial Toxosoutos S.L., 02/2004.
- Bosquejo histórico político y religioso del antiguo reino de Galicia, Jacobo Araujo. Seminario de Estudios Terra de Viveiro. ISBN 10: 84-606-2244-4
- O reino medieval de Galicia, Anselmo López Carreira, Edicións A Nosa Terra, Promocións Culturais Galegas, S.A., 2005, ISBN 84-96403-54-8.
- Las Juntas del Reino de Galicia y la recuperación del voto en Cortes, FERNÁNDEZ VEGA, Compostellanum, XXV, n. 1-4 (1980).
[editar] Outros artigos
- Marcha do Antigo Reino de Galicia
- Escudo de Galicia
- Para máis información vexa o artigo: Historia de Galiza.
[editar] Ligazóns externas
- Historia Francorum (texto latino orixinal, completo)
- Martini Episcopi Bracarensis Opera Omnia (pp. 288-304)
- Liber de scriptoribus ecclesiasticis. Sigebertus Gembalensis
- Sobre a evolución do escudo do Reino de Galicia. "Cronoloxía do Santo Graal na Galiza".
- Chronicon Iohannes Biclarensis (Cronicón de Xoán Biclarense)
- The Britonian Studies Internet Resource (Estudos britones na rede)