O Bierzo
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O Bierzo é unha comarca, parcialmente galegofalante e polo tanto con representacion na Real Academia Galega, da Provincia de León, que ocupa unha área de 2.828 km2, dividida entre 38 concellos. Atópase entre as Serras do Courel, os Montes Aquilanos e a Serra de Fistedo. É unha rexión húmida con moitas pradeiras naturais onde pasta o gando vacún. Hai cultivos de pataca, millo e froitas, ademais de vide, oliveira e centeo. Ten minas de antracita, un tipo de carbón, e volframio. A industria siderúrxica céntrase na cidade de Ponferrada, capital da comarca. Nos seus límites coa provincia de Ourense atópanse as antigas explotacións auríferas romanas das Médulas.
Índice |
[editar] Xeografía
O Bierzo conformou a provincia do Vierzo[1], no proxecto de división territorial de 1822 [2] [3], durante o Trienio Liberal. Porén, na definitiva división territorial de 1833 foi integrada na provincia de León.
Goza dun microclima que posibilita unha produción excelente de froitas e verduras. É unha zona con xacementos de ferro e carbón (antracita), pero que respectivamente non se explotan ou están en recesión, así como xacementos de pizarras que se exportan ó norte de Europa para os teitos de edificios.
Existe unha pequena actividade fabril nesta rexión arredor dos sectores do carbón empregado para a produción de electricidade (aquí fundou o estado ENDESA en 1944 para a produción de enerxía eléctrica), o sector siderúrxico, eólico, a extracción de pizarra, e unha certa presenza nos sectores do vidro e o cemento. Posúe asemade unha pequena rede de empresas industriais. O sector servizos, ó igual que no resto do país, vai adquirindo máis peso a medida que se desmantela o sector secundario. Todo isto está unido a unha industria agroalimentaria que, dentro do pequeno tamaño que poden acadar polas limitacións físicas que conleva o escaso tamano da comarca, é dunha grande calidade (viño, industrias cárnicas, froitos).
Ademais dun incipente turismo rural baseado na beleza das súas paisaxes naturais como Os Ancares, ou creados polo home como As Médulas, unha explotación de ouro realizada polos romanos e agora declarada Patrimonio da Humanidade; así como o Camiño de Santiago. No Bierzo pódense atopar algúns dos poucos edificios da arte mozárabe, como a igrexa de Santiago de Penalba e a de Santo Tomás das Ollas.
O principal río da comarca é o Sil, afluente do Miño. Un dito popular di «o Sil leva o auga e o Miño a fama».
[editar] Historia
[editar] Idade Antiga
O Bierzo forma parte da franxa occidental da cultura castrexa, sinalándose hai varias décadas máis dunha trintena de castros, algúns deles indicados mesmo na documentación altomedieval, como o Rupianense, sito no Val do Silencio. Coñecida a zona como Bergidum, polos romanos, foi incorporada por estes ao seu Imperio, durante as Guerras Cántabras, entre o 29 a.C. e o 19 a. C., ficando administrativamente detro do convento xurídico asturicense. Dúas poboacións aparecen con claridade: Bergidum Flavium e Interamnium Flavium, aínda que non son doadas de reducir a un lugar actual. O territorio era atravesado pola Vía XVIII, que unía Braga e Asturica, que confluía aquí con outra que procedía de Lucus. O traballo dos xacementos auríferos centrou a explotación romana do territorio, do que son mostra exemplar As Médulas, pero non único.
[editar] Idade Media
Durante o período final do reino visigodo, as fundacións cenobíticas de san Fructuoso, e logo do seu sucesor espiritual, san Valerio, levaron a falar da "Tebaida berciana". A invasión musulmá, a comezos do século VIII, afundiu o Bierzo na escuridade. A mediados do século VIII, o conde Gatón, gobernador do territorio, atreveuse a repoboar o sur do Bierzo, da Cepeda e as terras de Astorga. A fins do século VIII, funda san Xenadio, entre outros, os mosteiros de Santiago de Peñalba e de San Pedro de Montes. Mentres desde esta época e até séculos despois, outros condes gobernan o territorio berciano, e con frecuencia son membros da familia real. o século X aparecen novos mosteiros como os de Carracedo e Compludo.
A invención do corpo do apóstolo Santiago en Compostela, arredor de 814, cambiará paulatinamente o aspecto do Bierzo. Por el pasa un tramo importante do camiño, a denominada vía francíxena: dúas xornadas na guía de Aymeric Picaud. Varias poboacións medran ás beiras da ruta: Foncebadón, Molinaseca, Cacabelos, Vilafranca, e, por último, Ponferrada, medrada a carón da ponte ferrata para cruzar o Sil. Hospicios e mesóns suscitan o interese señorial por os lugares xacobeos do Bierzo por ver de obter a ganancias que deixan os devotos peregrinos. Desde a mitra compostelana que domina Cacabelos, pasando polo mosteiro de Sobrado dos Monxes que ten propiedades en Molinaseca, aos templarios con castelos en Ponferrada e Cornatel, o bispado de Astorga que cobra as peaxes de Ponferrada, até o mesmo Cluny que funda Santa María de Cluniaco en Vilafranca. Extintos os templarios, son os condes de Lemos os que reciben parte da herdanza.
[editar] Personalidades
- García de Toledo (1514- ?), marqués de Vilafranca, político, nado en Vilafranca.
- Álvaro de Mendaña(1541-1595), navegante e descubridor, natural de Congosto.
- Enrique Gil y Carrasco (1815-1846), escritor do Romanticismo, nado en Vilafranca.
- Ángel Pestaña (1888-1937), sindicalista e político, nado en Santo Tomás de las Ollas.
- Amancio Prada (n. 1949), cantante e compositor, natural de Devesas.
- Antonio Pereira (n. 1923), escritor, natural de Vilafranca do Bierzo.
- Sampiro (n. aprox. 956-1041, cronista, político e bispo de Astorga natural de Igrexas de Campo (municipio de Viladecais)
- Severo Gómez Núñez (n. 1859-1939, xeneral do exercito español, xornalista, político e deputado en Cortes e escritor. Natural de Cubillos del Sil
- San Valerio (Valerio do Bierzo).(n. século VII), escritor e ermitaño.
[editar] Avecindados ilustres
- Antonio Fernández Morales, escritor, natural de Astorga.
- Cristóbal Halfter, compositor.
[editar] Notas
- ↑ Gaceta de Madrid. martes 16 de octubre de 1821
- ↑ A división de 1822 tivo carácter provisorio e non chegou a entrar en vigor: Sebastián Martín-Retortillo En torno a la organización provincial (PDF) páx 18
- ↑ Decreto do 27 de xaneiro de 1822 de división provisional do territorio español (PDF)