See also ebooksgratis.com: no banners, no cookies, totally FREE.

CLASSICISTRANIERI HOME PAGE - YOUTUBE CHANNEL
Privacy Policy Cookie Policy Terms and Conditions
Romanticismo - Wikipedia

Romanticismo

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Historia da arte
Arte occidental
Arte prehistórica
Arte antiga
Arte medieval
Arte occidental
Arte contemporánea
Arte etnográfica
Arte americana
Arte africana
Arte asiática
Arte islámica
A balsa da medusa (1817) de Géricault
A balsa da medusa (1817) de Géricault
Caspar David Friedrich, Paseante ante o mar de néboa (1818), óleo sobre tea Hamburgo, (Kunsthalle)
Caspar David Friedrich, Paseante ante o mar de néboa (1818), óleo sobre tea Hamburgo, (Kunsthalle)

O Romanticismo foi un movemento estético que se orixinou en Alemaña a fins do século XVIII como unha reacción ó racionalismo da Ilustración e o Neoclasicismo, dándolle preponderancia ó sentimento. Desenvolveu fundamentalmente na primeira metade do século XIX, estendéndose dende Alemaña a Inglaterra, Francia, Italia, España, Rusia, Polonia, Estados Unidos e as recentemente nacidas repúblicas hispanoamericanas. Posteriormente, fragmentouse ou transformouse en diversas correntes, como o Parnasianismo, o Simbolismo, o Decadentismo ou o Prerrafaelismo, sumidas na denominación xeral de Posromanticismo, unha derivación do cal foi o chamado Modernismo hispanoamericano e español. Tivo fundamentais aportacións nos campos da literatura, a arte e a música. Posteriormente, unha das correntes vangardistas do século XX, o Surrealismo, levou ó extremo os postulados románticos.

Índice

[editar] O vocábulo

A palabra romanticismo vén do adxectivo inglés romantic. Termo que se comezou a usar ó redor do século XVII en Inglaterra para sinalar a natureza aventureira das novelas de cabalería chamadas romance. En Francia, tamén existía o termo roman, cuxa significación era a mesma.

Posteriormente, a palabra tivo un cambio semántico, designando ó sentimento que inducían as paisaxes, e os castelos en ruínas. John Evelyn no ano de 1654, alude a ditas paisaxes co cualificativo de "unha paisaxe moi romántico" referíndose ós arredores de Bath. Similarmente no ano de 1666, Samuel Pepys describe un castelo como "o máis romántico".'

[editar] O Romanticismo nos diversos países

O Romanticismo alemán iniciouse co movemento estético denominado Sturm und Drang ('tempestade e arrebato'). Posteriormente, asumirono autores máis importantes como Friedrich Hölderlin, Friedrich Schiller, Johann Wolfgang von Goethe, Novalis ou Klopstock. Posromántico pódese considerar a Heinrich Heine.

O Romanticismo francés tivo o seu manifesto en De l'Allemange (1813), de Madame de Staël, inda que tivo por precursor no século XVIII a Juan Jacobo Rousseau. No século XIX, Charles Nodier, Víctor Hugo, Alphonse de Lamartine, Alfred Victor de Vigny e Alfred de Musset son os maiores representantes desta estética literaria.

O Romanticismo comezou en Inglaterra case ó mesmo tempo ca en Alemaña; no século XVIII, poetas falsarios, inventores de heterónimos medievais como James Macpherson ou Thomas Chatterton, xa deixaran sentir un certo apego escapista pola Idade Media e os seus valores; pero o movemento xurdiu á luz do día cos chamados poetas lakistas (Wordsworth, Coleridge, Southey), e o seu manifesto foi o prólogo de Wordsworth ás súas Baladas líricas, inda que xa o presaxiaran no século XVIII Young cos seus Pensamentos nocturnos ou o orixinalísimo William Blake. Lord Byron e Percy Bysse Shelley son os poetas canónicos do Romanticismo inglés. Despois viñeron o narrador Thomas de Quincey, e Elisabeth Barret Browning e o seu marido Robert Browning, este último creador de unha forma poética fundamental no mundo moderno, o monólogo dramático. En narrativa destacan as novelas sobre a Idade Media inglesa de Walter Scott ou as novelas góticas O monxe de Lewis ou Melmoth o Errabundo, de Charles Maturin.

O Romanticismo italiano tivo o seu manifesto na Lettera semiseria de Grisóstomo do Berchet (1816) e destaca, sobre todo, pola figura dos poetas Ugo Fóscolo, autor do famoso poema Os sepulcros, e Giácomo Leopardi, cuxo pesimismo se verte en composicións como O infinito ou A Italia. O romanticismo italiano tivo tamén unha gran novela histórica, I promesi sposi (Os mozos prometidos), de Alessandro Manzoni.

O Romanticismo estadounidense, salvo precedentes como William Cullen Bryant, proporcionou a un gran poeta, Edgar Allan Poe creador dunha das correntes fundamentais do Postromanticism, o Simbolismo), e a James Fenimore Cooper (discípulo das novelas históricas de Scott). Pódese considerar un posromántico o orixinalísimo ensaísta Henry David Thoreau, introdutor de ideas anticipadas ó seu tempo como a non violencia e o ecoloxismo, e autor do famoso ensaio Sobre a desobediencia civil.

En Rusia, o Romanticismo supuxo toda unha revolución, pois autorizou como lingua literaria o ata entón pouco cultivado idioma ruso. O artífice desta moda foi o gran poeta Alexandre Pushkin, acompañado de numerosos seguidores e imitadores.

En Portugal introduciron o Romanticismo Almeida Garrett e Alejandro Herculano; considérase posromántico ó gran poeta Antero de Quental.

En España a ideoloxía romántica entrou moi axiña, pero a linguaxe romántico propiamente dita tardou en ser asimilada, porque se asociaba estreitamente con contidos ideolóxicos que se consideraban emparentados co Século de Oro e a propia tradición absolutista española. Pero cando os románticos liberais españois, emigrados por vicisitudes políticas, entraron en contacto co Romanticismo europeo, trouxeron xa esa linguaxe á morte do rei Fernando VII en 1833. Destacan especialmente o cubano José María de Heredia, José de Espronceda (o máis xenuinamente byroniano), o periodista Mariano José de Larra e José Zorrilla (poeta e autor dramático autor da famosa peza Don Juan Tenorio). Poetas posrománticos poden considerarse Gustavo Adolfo Bécquer, a galega Rosalía de Castro e Jaime Ferrán, que tiveron un contacto máis directo coa lírica xermánica de Heinrich Heine.

En Romanía, o seu máximo expoñente foi Mihai Eminescu.

[editar] Características

O Romanticismo foi unha reacción contra o espírito racional e hipercrítico da Ilustración e o Neoclasicismo, e favorecía ante todo a supremacía do sentimento fronte á razón, do liberalismo fronte ó despotismo ilustrado, da orixinalidade fronte á tradición grecolatina, da creatividade fronte a a imitación neoclásica e da obra imperfecta, inacabada e aberta fronte á obra perfecta, concluída e cerrada. É propio deste movemento un gran aprezo do persoal, un subxectivismo e individualismo absoluto, un culto ó eu fundamental, fronte á universalidade e sociabilidade da ilustración no século XVIII; nese sentido os heroes románticos son con frecuencia prototipos de rebeldía (Don Juan, o pirata, Prometeo) e os autores románticos quebrantan calquera normativa ou tradición cultural que afogue a súa liberdade, como por exemplo as tres unidades aristotélicas (acción, tempo e lugar) e a de estilo (mesturando prosa e verso e utilizando polimetría no teatro), ou revolucionando a métrica e volvendo a rimas máis libres e populares como a asonante. Igualmente renovan os temas e os ambientes, e por contraste ó Século das luces prefiren os ambientes nocturnos e lutuosos, os lugares sórdidos e ruinosos e veneran e buscan as historias fantásticas e a superstición que os ilustrados e neoclásicos ridiculizaban. Un aspecto do influxo do novo espírito romántico e o seu cultivo do diferencial é o auxe que tomaron o estudo da literatura popular (romances ou baladas anónimas, contos tradicionais, coplas, refráns) e as literaturas en linguas rexionais durante este período: a gaélica, a escocesa, a provenzal, a bretona, a catalana, a galega,... Este auxe do nacional e do nacionalismo foi unha reacción á cultura francesa do século XVIII, de espírito clásico e universalista, e dunha Europa uniforme e unida baixo o poder de Francia, pretendida polo nacionalismo napoleónico.

O Romanticismo expandiu tamén e arrequeceu a limitada linguaxe do Neoclasicismo dando entrada ó exótico e o extravagante, buscando novas combinacións métricas e flexibilizando as antigas ou buscando en culturas bárbaras e exóticas ou na Idade Media, en vez de en Grecia ou Roma, a súa inspiración. En certo sentido, a versión máis extrema do Romanticismo non respecta nin asume ningunha tradición anterior, e denominarase, xa no século XX, co nome de Surrealismo.

[editar] Xéneros románticos

De forma diferente á Ilustración, que destacara nos xéneros didácticos, o Romanticismo sobresaíu sobre todo nos xéneros lírico e dramático (neste creáronse xéneros novos como o drama romántico. Pero tamén se crearon algúns xéneros novos en narrativa, como a novela histórica, froito do escocés Walter Scott, a novela gótica ou novela de terror, a novela de ciencia-fición (anglicismo que cabería substituír por fición científica), cuxa primeira obra é o Frankenstein ou o Moderno Prometeo de Mary Shelley), ou a lenda en prosa ou verso, cultivado este último xénero por Zorrilla ou Bécquer. Incluso o xénero didáctico pareceu renovarse coa aparición do artigo de costumes.

[editar] O espírito romántico

O estilo vital dos autores románticos desprezaba o materialismo burgués e preconizaba o amor libre e o liberalismo en política, inda que houbo tamén un Romanticismo reaccionario, representado por Chateaubriand, que preconizaba a volta ós valores cristiáns da Idade Media. O idealismo extremo e esaxerado que buscaba en todo o Romanticismo encontraba con frecuencia un violento choque coa realidade miserable e materialista, o que causaba con frecuencia que o romántico acabase coa súa propia vida mediante o suicidio. A maioría dos románticos morreron xoves. Os románticos amaban a natureza fronte á civilización como símbolo de todo o verdadeiro e xenuíno.

[editar] Véxase tamén

[editar] Referencia bibliográfica

  • De Paz, Alfredo. La revolución romántica; poéticas, estéticas, ideologías. Tradución de María García Lozano. Madrid: Editorial Tecnos, S.A, 1986.
  • Berlín, Isaiah. Las raíces del romanticismo. Edición de Henry Hardy. Buenos Aires, México, Santafé de Bogotá: Aguilar, Altea, Taurus, Alfaguara, S.A, 2000.
  • Ward, Thomas. La teoría literaria: Romanticismo, krausismo y modernismo ante la globalización industrial. University, MS: Romance Monographs, 2004.
  • V.V.A.A. Fragmentos para una teoría romántica do arte. Antología y edición de Javier Aranaldo. Madrid: Editorial Tecnos, 1994.


aa - ab - af - ak - als - am - an - ang - ar - arc - as - ast - av - ay - az - ba - bar - bat_smg - bcl - be - be_x_old - bg - bh - bi - bm - bn - bo - bpy - br - bs - bug - bxr - ca - cbk_zam - cdo - ce - ceb - ch - cho - chr - chy - co - cr - crh - cs - csb - cu - cv - cy - da - de - diq - dsb - dv - dz - ee - el - eml - en - eo - es - et - eu - ext - fa - ff - fi - fiu_vro - fj - fo - fr - frp - fur - fy - ga - gan - gd - gl - glk - gn - got - gu - gv - ha - hak - haw - he - hi - hif - ho - hr - hsb - ht - hu - hy - hz - ia - id - ie - ig - ii - ik - ilo - io - is - it - iu - ja - jbo - jv - ka - kaa - kab - kg - ki - kj - kk - kl - km - kn - ko - kr - ks - ksh - ku - kv - kw - ky - la - lad - lb - lbe - lg - li - lij - lmo - ln - lo - lt - lv - map_bms - mdf - mg - mh - mi - mk - ml - mn - mo - mr - mt - mus - my - myv - mzn - na - nah - nap - nds - nds_nl - ne - new - ng - nl - nn - no - nov - nrm - nv - ny - oc - om - or - os - pa - pag - pam - pap - pdc - pi - pih - pl - pms - ps - pt - qu - quality - rm - rmy - rn - ro - roa_rup - roa_tara - ru - rw - sa - sah - sc - scn - sco - sd - se - sg - sh - si - simple - sk - sl - sm - sn - so - sr - srn - ss - st - stq - su - sv - sw - szl - ta - te - tet - tg - th - ti - tk - tl - tlh - tn - to - tpi - tr - ts - tt - tum - tw - ty - udm - ug - uk - ur - uz - ve - vec - vi - vls - vo - wa - war - wo - wuu - xal - xh - yi - yo - za - zea - zh - zh_classical - zh_min_nan - zh_yue - zu -