Nacionalismo
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O nacionalismo é unha doutrina ou filosofía política que propugna como valores fundamentais o benestar, a preservación dos trazos identitarios, a independencia e a supervivencia da nación propia.
O nacionalismo é un concepto de identidade experimentado colectivamente por membros dun goberno, unha nación, unha sociedade ou un territorio en particular. Os nacionalistas alicerzan o seu ideario na procura imprescindible da lexitimación política. Moitas ideoloxías nacionalistas derivan o seu desenvolvemento da teoría romántica da identidade cultural, mentres que outras se basean no argumento liberal de que a lexitimidade política deriva do consenso da poboación dun territorio.
O nacionalismo é un termo malinterpretado interesadamente con frecuencia, xa que a súa definición máis xeral enfróntao polo regular cun estado poderoso e homoxeneizador. O nacionalismo non implica que unha nación sexa superior a outra, senon que sostén que certas nacións poderían atoparse en mellor situación se se lles permitir gobernarse de seu, acadando así a súa independencia política, económica ou cultural.
Índice |
[editar] Evolución do nacionalismo
O Estado-nación é un tipo concreto de Estado: a maioría dos estados conteñen varias nacións no seu interior, e a nación pode existir sen autonomía política. O seu concepto xurdiu en Europa co tratado de Westfalia (1648). O nacionalismo continuou sendo un fenómeno elitista durante unha parte de séculos tras o tratado, pero foi durante o século XIX cando se propagou amplamente por toda Europa e gañou popularidade. Desde entón o nacionalismo ten dominado as políticas europeas e mundiais. Nalgúns casos o nacionalismo tomou unha ideoloxía liberal e contra a monarquía, mentres que noutros os movementos nacionalistas foron apoiados por rexímenes monárquicos conservadores. Durante dito século, os vellos estados plurinacionais (como o Imperio Austrohúngaro) comezaron gradualmente a gretarse, e varios estados localizados foron absorbidos por entidades nacionais maiores, como Alemaña e Italia.
A finais do século XIX as ideas nacionalistas comezaran a expandirse por toda Asia. Na India o nacionalismo incentivou a fin do dominio británico. En China o nacionalismo deu unha xustificación para o estado chinés, que se atopaba enemistado coa idea dun imperio universal. No Xapón o nacionalismo foi combinado co excepcionalismo nipón.
A I Guerra Mundial marcou a destrucción definitiva dalgúns estados multinacionais (o Imperio Otomano, o Imperio Austrohúngaro e, en certa medida, o ruso). O tratado de Versalles foi establecido como un intento por recoñecer o principio de nacionalismo, xa que parte de Europa foi dividida en nacións-estado nun intento por manter a paz. Así a todo, moitos estados multinacionais e imperios sobreviviron. O século XX foi tamén marcado pola lenta adopción do nacionalismo por todo o mundo coa destrución parcial dos imperios coloniais europeos, a Unión Soviética e outros estados multinacionais menores.
Simultaneamente, particularmente na segunda metade do século, fortes tendencias antinacionalistas tiveron lugar, sendo en xeral destacables as manexadas por elites. A actual Unión Europea está actualmente transferindo poder do nivel estatal a entidades locais e continentais. Acordos de comercio, tales como NAFTA e GATT, e a crecente internacionalizazón de mercados de comercio debilitan tamén a soberanía dos estados.
A pesares disto, o nacionalismo continúa sosténdose en oposición a estas tendencias. A globalización é rexeitada masivamente en manifestacións na rúa, os partidos nacionalistas continúan gañando eleccións, e a maioría da xente mantén fortes vínculos coa súa nación.
[editar] Formas de nacionalismo
[editar] Nacionalismo de Estado e nacionalismo das minorías
Unha simple ollada á realidade internacional permítenos intuír que son múltiplas as formas de Nacionalismo pero de complicadísima delimitación conceptual xa non só porque o termo se aplique a múltiplas realidades (estados consolidados, etnias sen estado, autonomías en progreso,...), senón que ademais se emprega para designar moi diferentes xeitos que os diferentes individuos ou colectividades teñen de vivenciar a comunidade ou nación. Obsérvese que por nacionalismo se pode entender:
-
- A afección, inclinación ou cariño dos cidadáns á nación -recoñecida ou non como tal na lexislación- á que pertencen.
- Unha doutrina que enxalza a idiosincrasia, a singularidade da entidade colectiva nacional.
- A aspiración e/ou pretensión dun pobo ou raza a constituírse nunha entidade parcial ou totalmente autónoma.
- O Dereito dun pobo ou raza á propia autodeterminación.
En contraposición con outras etapas históricas próximas (como a etapa franquista en España), ou afastadas, como por exemplo aquela en que os grandes reinos europeos tiñan arelas imperialistas baseadas no nacionalismo de Estado, hoxe en día, as Ciencias sociais preocúpanse maiormente polo nacionalismo das minorías. No congreso Nationalism, Identity and Minority Rights celebrado en Bristol en 1999, só un 10% dos 210 relatorios realizados fixeron referencia ó nacionalismo de Estado.
Fernando Vizcaíno Guerra, no seu artigo Nacionalismo, Estado y nación expresa que ata a década de 1970 predominou a idea de que a condición esencial do nacionalismo era o Estado. Foi ó final desa década cando se deu en considerar a nación como a condición fundamental do nacionalismo ata podermos falar na actualidade de nacionalismo étnico, de nacionalismo das minorías ou de Estado multinacional.
Frecuentemente, os nacionalismos das minorías, por suporen a presenza de movementos en oposición ó Estado, semellan estar tamén en oposición co nacionalismo de Estado, cando ámbolos dous nacionalismos son unha mesma realidade en distintas fases. Ben é certo que o nacionalismo pode ser ó mesmo tempo un sentimento, unha doutrina e mesmo unha tendencia política, pero a diferencia real entre o nacionalismo das minorías e o nacionalismo de Estado radica no grao de recoñecemento lexislativo e internacional que un nacionalismo ten.
[editar] Nacionalismo cívico versus nacionalismo étnico
O nacionalismo étnico define a nación en termos de etnicidade, o cal sempre inclúe algúns elementos descendentes das xeracións previas. Tamén inclúe ideas dunha conexión cultural entre os membros da nación e os seus antepasados, e frecuentemente unha linguaxe común. A nacionalidade é hereditaria. O Estado deriva a lexitimidade política do seu status como fogar do grupo étnico, e da súa función de protección do grupo nacional e a facilitación dunha vida social e cultural para o grupo. As ideas sobre etnicidade son moi antigas, pero o nacionalismo étnico moderno está fortemente influído por Johann Gottfried von Herder, quen promoveu o concepto de Volk, e Johann Gottlieb Fichte.
Sumamente expresivas e controvertidas son as palaras do político Aleix Vidal-Quadras (Los intelectuales orgánicos del nacionalismo): o concepto étnico de nación implica, segundo el, un colectivo humano esencial e primixenio definido selectiva e arbitrariamente pola raza, a lingua, a relixión, determinadas tradicións ou costumes, en que o sentimento nacionalista identitario de substrato étnico é un feixe de instintos primitivos e preracionais que potencian o odio ó estraño, a identidade individual indistinguible da grupal, ou a incapacidade de compartir derivada da loita pola subsistencia nun medio natural hostil.
En contraposición ó nacionalismo étnico, o nacionalismo cívico -di Aleix Vidal-Quadras- pacifica, harmoniza e integra as diferencias baixo o manto de valores morais superiores como a liberdade, a igualdade, a solidariedade e a xustiza
O nacionalismo cívico (tamén chamado Nacionalismo Civil ou Nacionalismo político) é a forma do nacionalismo segundo a cal o estado deriva a súa lexitimidade política da participación activa dos seus cidadáns, a "vontade do pobo"; representación política. Un individuo en tal nación debe crer que as accións do estado, en maior ou menor medida, reflicten a súa vontade, ata cando certas accións van en contra dos seus propios principios. Jean-Jacques Rousseau, quen desenvolveu esta teoría por primeira vez, ideou o concepto de Vontade Xeral para explicar como podería funcionar. Rousseau anotou as súas teorías en varios dos seus escritos, particularmente en "Sobre o Contrato Social".
O nacionalismo cívico xace dentro das tradicións de racionalismo e liberalismo. É a teoría en que se basean as democracias constitucionais.
[editar] Elementos en común de tódalas formas de nacionalismo
Algúns teoristas políticos sosteñen que calquera discriminación de formas de nacionalismo é falsa. Tódalas formas de nacionalismo contan cunha poboación formando unha nación; o cal significa que tódolos membros dunha poboación cren que forman parte dalgún tipo de cultura común e a cultura non pode ser completamente separada da etnicidade. Incluso as supostas "culturas cívicas" etnicamente neutrais nos Estados Unidos, por exemplo, inscriben a palabra Deus na súa moeda e no seu xuramento de lealdade e designan feriados oficiais, o cal promove un prexuízo cultural.
[editar] Causas polas que o nacionalismo se fai atraente
Unha razón pola cal o nacionalismo ten mantido o seu atractivo a través dos séculos pode ser o feito de que pertencer a unha nación cultural, económica ou politicamente forte dá á persoa unha agradable sensación de pertenza, sen importar a sua propia contribución á súa forza.
Outra posibilidade defende que as persoas son seres sociais, e ó formar parte dun grupo sociopolítico como a nación, contribúe ó seu desenvolvemento.
En ocasións pode xurdir un sentimento nacionalista cando os membros dunha comunidade se senten ameazados ou atacados por outra comunidade ou estado. Xorde como resposta a outro nacionalismo.
[editar] Teóricos do nacionalismo
- Jean-Jacques Rousseau
- Johann Gottfried von Herder
- Ernest Gellner
- Michel Aflaq
- Theodor Herzl
- Benedict Anderson
- José María Rosa
- Eugenio Lanti
- Charles Billig
- Sabino Arana Goiri
- Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
- Valentí Almirall
[editar] Nacionalismo histórico
Eventos históricos nos cales o nacionalismo desempeñou un papel esencial:
- Unificación italiana baixo o dominio de Piemonte e Sardeña
- Guerra franco-prusiana e a unificación alemá baixo o dominio de Prusia
- Revolución francesa
- Primeira Guerra Mundial
- Segunda Guerra Mundial
- Revolución peronista na Arxentina
- Guerra da Independencia Española
- Guerra Civil española (nacionalismo español)
[editar] Nacionalismos actuais
[editar] España
- Nacionalismo español
- Nacionalismo andaluz
- Nacionalismo catalán
- Nacionalismo galego
- Nacionalismo vasco
- Nacionalismo asturiano
[editar] Estados Unidos
- Independentismo portorriqueño
[editar] Canadá
[editar] China
- Nacionalismo chinés
[editar] Francia
- Nacionalismo bretón
- Nacionalismo corso
- Nacionalismo occitano
- Nacionalismo vasco
[editar] Reino Unido
- Nacionalismo córnico
- Nacionalismo escocés
- Nacionalismo galés
- Nacionalismo inglés
- Nacionalismo irlandés
[editar] Rusia
- Nacionalismo checheno
- Nacionalismo ruso
[editar] Nacionalismos étnicos
- Nacionalismo negro
- Nacionalismo indíxena
- Nacionalismo branco
[editar] Véxase tamén
- Anacionalismo
- Cosmopolitismo