See also ebooksgratis.com: no banners, no cookies, totally FREE.

CLASSICISTRANIERI HOME PAGE - YOUTUBE CHANNEL
Privacy Policy Cookie Policy Terms and Conditions
Nacionalismo galego - Wikipedia

Nacionalismo galego

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Estreleira, utilizada polo nacionalismo de esquerdas a partir da segunda metade do século XX.
Estreleira, utilizada polo nacionalismo de esquerdas a partir da segunda metade do século XX.

O Nacionalismo galego é unha corrente politica que reinvindica que Galicia estea recoñecida como nación. Vicente Risco na súa Teoría do nacionalismo galego definiuno así:

Emprégase a verba nacionalismo para designar o corpo de doutrinas que informan todo movemento de reivindicación da personalidade dos grupos naturais por frente da sorbencia dos Estados históricos. Neste mesmo senso empregámola nós. Nacionalismo galego quere dicir polo tanto, a doutrina que informa o movemento de reivindicación da personalidade de Galiza frente da sorbencia do centralismo español.[1]

É tamén un movemento social, coas súas dimensións culturais e politicas. Os historiadores recoñecen ó longo dos séculos, desde a prehistoria ata a nosa epoca, a formacion dun pobo galego e da súa peculiar unidade[2]. A corrente política á que se refire o nacionalismo galego nace a finais do século XIX con movementos culturais que logo foron ós poucos dando o paso a partidos politicos.

Índice

[editar] Ideoloxía

Dentro do nacionalismo galego podemos atopar dúas correntes ideolóxicas principais:

  • Unha, a maioritaria que avoga por unha ampla autonomía, ou pola transformación de España nun estado federal ou confederal.
  • Outra, a da esquerda independentista, que aposta pola ruptura co estado español e co modelo de sociedade capitalista.

Estas dúas correntes, porén, teñen puntos en común como son a defensa da lingua (defendendo algúns o reintegracionismo) e cultura galega, o recoñecemento de Galicia como nación e a defensa da integración dos concellos galegofalantes de Asturias e Castela e León na Comunidade Autónoma Galega. Por outra parte cabe resaltar o feito de que, ó contrario co que sucede no País Vasco e Cataluña, en Galicia predomina o nacionalismo de esquerdas, dende posicións que van dende a esquerda radical (Primeira Linha) ata posicións moderadas de centro-esquerda (BNG).

[editar] Historia

O nacemento do nacionalismo galego propiamente dito dase coas Irmandades da Fala, pero antes houbo outros tres movementos sen os cales non é doado imaxinar a existencia do nacionalismo galego. O galeguismo nacionalista coñecerá o seu completo desenvolvemento coa creación do Partido Galeguista en 1931.

[editar] Orixes

Afírmase que unha certa tendencia nacionalista existiu sempre na conciencia do pobo galego. Dende os albores da civilización, Galicia ten sido unha rexión moi reacia á asimilación política ou cultural por parte doutros pobos. Foron os galegos, xunto a astures e cántabros os derradeiros obstáculos ós que Roma tivo que enfrontarse para a "pacificación" total de Hispania[3].

Durante a Idade Media, Galicia coñeceu un período de independencia no que os continuos enfrontamentos entre as distintas casas nobiliarias configurou un periodo que en moitas ocasións chegaba a anarquía e que non finalizou ata que foi asimilado o seu control pola Coroa de Castela por medio dos Reis Católicos, que apoiaron nun principio as Revoltas Irmandiñas, iniciadas pola baixa nobreza e o campesiñado asulagado pola presión económica e social da que eran obxecto por parte da nobreza preponderante, como medio para eliminar e controlar os nobres levantiscos e que remataron sustituindo o sistema nobiliario con nobres foráneos ou atraendo á corte aos nobres afíns a súa causa[4], a mais de outras medidas de reforma política co obxecto de exercer un mellor control sobre o territorio.

Os anos escuros de Galicia comezaron e o galego e a conciencia de nación sobreviviu nas aldeas, mentres as clases altas e a burguesía adoptaron, maioritariamente, o castelán como elemento diferenciador social.

[editar] Os precursores

Dentro dos precursores podemos sinalar tres movementos:

[editar] O Provincialismo

Ver artigo principal: Provincialismo galego.

O provincialismo é un movemento que nace en 1840 para defender a integridade do territorio de Galicia. Esta integridade víase ameazada por mor dun proxecto de división do estado en provincias que se comezara a elaborar trala morte de Fernando VII. Os provincialistas querían que Galicia fose unha soa provincia e que non fose dividida nas catro que hoxe coñecemos.

Hai dúas etapas no movemento provincialista: unha que vai de 1840 a 1846 e outra que vai de 1854 a 1865. A primeira etapa caracterízase por ser un período moi activo cultural e politicamente. É neste período cando os provincialistas súmanse ó pronunciamento do comandante Miguel Solís, que acabará co fusilamento dos Mártires de Carral[5]. O segundo provincialismo é basicamente cultural, e é con el cando se produce o Rexurdimento literario de Galiza.

[editar] O Federalismo

A partir de 1865, e ata 1875, desenvólvese o federalismo galego, que acadará o seu cumio coa Primeira República Española. Os federalistas propugnaban que Galicia ficase como un cantón dentro do estado español e que fose rexida pola súa propia Constitución cantonal. Esta etapa, non obstante non é demasiado importante e non perviviu de ningún xeito[6].

[editar] O Rexionalismo

Ver artigo principal: Rexionalismo galego.

Este período dura entre 1875 e 1907 (aprox), ainda que hoxe en día hai políticos que seguen a mantelo. Neste período dase unha reestruturación cultural e ideolóxica, na que sectores tradicionalistas e conservadores adoptan as ideas galeguistas. O seu acontecemento destacado é a fundación da Asociación Regionalista Gallega, e terá como líderes principais a Manuel Murguía e Alfredo Brañas. Remata coa fundación da Real Academia Galega e o paso ás Irmandades da Fala.

[editar] Nacemento

O ideario galeguista que xurdira co provincialismo e que se desenvolvera co rexionalismo é recollido no século XX polas Irmandades da Fala, asociación de corte sociocultural fundada en 1916 e pola que pasaron galeguistas como Antón Vilar Ponte, Vicente Risco e Ramón Cabanillas. Podemos situar o comezo do nacionalismo galego propiamente dito na asemblea que as Irmandades celebran en Lugo en 1918, na que maniféstase:

Tendo Galicia todas as características esenciais de nacionalidade, nós nomeámonos, de hoxe para sempre, nacionalistas galegos, xa que a verba rexionalismo non recolle todas as aspiracións nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas.[7]

Nesta Iª Asemblea conclúese reivindicar unha autonomía total para Galicia, cara a unha federación de nacións da península; a cooficialidade do galego e do castelán en Galicia e un posto para Galicia na Sociedade de Nacións.

[editar] Evolución

[editar] Inicios

En 1922 celébrase en Monforte outra Asemblea das Irmandades da Fala. Alí manifestáronse as diferenzas entre as dúas correntes dentro da organización: a que propuñaba maior participación na política e a que defendía continuar na liña cultural. Decantándose a favor da segunda, iníciase unha etapa de corte cultural na que ten moita importancia o Grupo Nós. Fúndase nesta época o Seminario de Estudos Galegos[8]. A ditadura de Primo de Rivera supuxo un parón de 6 anos na actividade política dos grupos galeguistas.

[editar] II República

En 1929 nace a ORGA de Santiago Casares Quiroga, unha organización galega de corte autonomista, republicano e de esquerdas, aínda que en realidade de base burguesa. Foi a forza impulsora de Pacto de Lestrove (marzo 1930) e da creación da Federación Republicana Gallega. Esta acadou un importante éxito electoral nas eleccións constituíntes de 1931, sendo a forza hexemónica en Galicia con 15 deputados. Entre eles claros nacionalistas como Antón Vilar Ponte, Ramón Suárez Picallo ou o propio Ramón Otero Pedrayo integrado a través do Partido Nazonalista Repubricán, de implantación ourensá. En 1933, pasaría a denominarse Partido Republicano Gallego que acabaría na esfera da Izquierda Republicana de Manuel Azaña.

En 1931 nace o Partido Galeguista, en realidade unión de varios grupos nacionalistas tanto de esquerdas como de dereitas, que fai seu o programa das Irmandades. Estivo liderado por Castelao e Alexandre Bóveda. O PG tivo un éxito notable: en catro anos pasou de 700 a 6.000 afiliados, de ter 30 grupos locais a 150, e de 54,000 a 300,000 votos. O seu obxectivo final era a creación dunha república federal cun estado galego federado. Porén, a súa meta inmediata foi a consecución dun Estatuto de Autonomía para Galicia.

O PG, en principio un partido aglutinante, debeu aliarse ca Fronte Popular, debido á postura antiautonomista dos grupos da dereita española. Este feito provoca dúas escisións: Dereita Galeguista de Pontevedra (Xosé Filgueira Valverde) e Dereita Galeguista de Ourense (Vicente Risco). Estas escisións serán moi criticadas por Castelao. Este acadara acta de deputado xa en 1931, e dentro da Fronte Popular en 1936, con Vilar Ponte e Suárez Picallo.

Co triunfo das esquerdas nas eleccións de 1936, celébrase o 28 de xuño un referendo sobre o estatuto de autonomía. Votou o 74,52% da poboación e un 99,05% deste pronunciouse afirmativamente. Tras isto, viaxou a Madrid unha comisión de deputados de Galicia para presentarlle ás cortes o estatuto. Porén, a sublevación militar do 18 de xullo e a ocupación de Galicia polo bando sublevado fixo inviable a aplicación de dito estatuto.

[editar] Ditadura

Durante a ditadura de Francisco Franco todo o movemento relacionado co nacionalismo e a lingua galega foi duramente reprimido. Dirixentes nacionalistas como Alexandre Bóveda e Ánxel Casal (alcalde de Santiago de Compostela), foron fusilados [9][10].

Nace en 1963 o Partido Socialista Galego, promovido por Ramón Piñeiro, que nunca militará nel. O PSG limítase á actividade cultural e de formación dos seus membros para evitar atraer sobre si a atención do estado. Profesaba un marxismo aberto ás novas tendencias da esquerda europea. O su líder, Xosé Manuel Beiras, na súa obra O atraso económico de Galicia, realizou unha diagnose da economía galega como unha nación periférica que sofría dun neocolonialismo socioeconómico que explicaba o seu subdesenvolvemento. Esta obra tería unha gran difusión na mocidade universitaria.

O 25 de xullo de 1964, nace a Unión do Pobo Galego. Pretende rachar co culturalismo no que se refuxiou o galeguismo durante a ditadura franquista. Tiña os seus alicerces ideolóxicos no marxismo leninismo, analizaba a realidade galega considerándoa unha nación proletaria no contexto internacional, vencellándose así aos movementos de liberación nacional do terceiro mundo. Proclamaba abertamente o dereito á autodeterminación e a concepción política dunha Galicia soberana (poder popular) dona dos seus destinos, pero sen reivindicar o separatismo. En coherencia con estas formulacións, pasou á acción social directa buscando arraigar o nacionalismo a través dos conflitos sociais e a axitación co fin de agudizar as contradicións da ditadura e do capitalismo que, segundo entendían, na Galiza tiña unha fasquía nidiamente colonial. A súa primeira posta en escena foron os terzos de asalto en Castrelo de Miño. Sendo inicialmente unha fronte patriótica, en 1966 transfórmase en partido. En 1971 crea os Comités de Axuda á Loita Labrega (antecedente das Comisións Labregas), e en 1973 crea Estudiantes Revolucionarios Galegos[11].

[editar] Transición: a oportunidade perdida

Coa chegada da democracia, entre os galeguistas téntase resucitar o galeguismo de centro. En 1975 aparecen Unión Democrática e Esquerda Democrática, que se xuntan no Partido Popular Galego. De inspiración europeísta e democristiana, aglutinou a un grupo de notables que padeceu a presión dos reformistas do réxime e acabou sendo un viveiro de políticos para as potentes forzas estatais que se estaban a formar. O caso paradigmático sería Xerardo Fernández Albor, captado por Manuel Fraga Iribarne para ensaiar unha Alianza Popular de corte rexionalista. Notables do propio réxime fundarán o Partido Galego Independente, pero sucumbirán á oferta de Adolfo Suárez de participar na dirección da UCD en Galicia para darlle unha orientación moderadamente autonomista. Cando UCD pasa de coalición a partido, disolveranse nel os partidos galeguistas de Xosé Luis Meilán Gil e Euloxio Gómez Franqueira.

En 1975, créase a Asemblea Nacional Popular Galega, unha organización de masas e asemblearia con vocación de integrar partidos e persoas sen militancia buscando a implantación social do nacionalismo de esquerdas. Cunha estratexia de axitación social e unha estética revolucionaria, a sociedade galega de pequenos campesiños e pequeno burgueses foi impermeable a oferta, que acabou teledirixida dende a UPG. Esta traballaba xa na constitución do Bloque Nacional Popular Galego para concorrer ás primeiras citas electorais.

Pola súa parte, en 1978 refúndase o Partido Galeguista[12].

No centro esquerda aparece o Partido Galego Social-Demócrata en 1974, ó que cómpre sumar o Partido Socialista Galego citado anteriormente. A esquerda segue a estar representada principalmente pola UPG.

En 1976, por proposta da UPG, crease o Consello de Forzas Políticas Galegas, do que forman parte a UPG, PSG, PGSD e os carlistas e o Movemento Comunista de Galicia.

Nas primeiras eleccións do post-franquismo (1979), o nacionalismo preséntase fragmentado e con posicións rupturistas que asustan ao electorado máis moderado nun momento de grande incertidume política. Acadou algo máis do 10 por cen dos votos, sendo as forzas máis votadas o Bloque Nacional Popular Galego co 5,86 por cen e a coalición Unidade Galega (Partido Galeguista, Partido Socialista Galego e Partido Obreiro Galego) co 5,54 por cen. Non obtivo escanos. Isto deixaba ao nacionalismo galego en posicións de marxinación no proceso de reforma democrática e fóra de todos os resortes institucionais para o seu crecemento. Galicia irá a remolque de Cataluña e o País Vasco.

[editar] A autonomía

Galicia obtén o seu Estatuto de Autonomía o 6 de abril de 1981[13], quedando definida como nacionalidade histórica, ó nivel de Cataluña e País Vasco. O nacionalismo automarxinárase do proceso estatutario, aínda que o Partido Obreiro Galego de Camilo Nogueira (unha escisión da UPG), e o Partido Galeguista traballaran no consensuado Estatuto dos dezaseis, que as direccións políticas madrileñas das forzas estatais acabaron rexeitando.

Nas primeiras eleccións autonómicas, o nacionalismo volve a presentarse dividido. O Bloque Nacional Popular Galego en coalición cun PSG, xa sen Beiras, obtén 3 escanos e o 6 por cen dos votos. Isto foi considerado un éxito dada a ausencia de instrumentos institucionais e comunicativos cos que contaba o nacionalismo radical. Este consolidara unha división crónica con forzas como Galicia Ceibe que defendían a loita dende fóra do sistema e un claro independentismo. Algúns grupúsculos optaron pola loita armada seguindo a senda de Moncho Reboiras que fóra asasinado pola policía franquista. O BNPG mantívose firme na súa opción pacífica e favorable á participación nos procesos electorais. Pero o esforzo da coalición BNPG-PSG veríase frustrado cando os seus deputados foron expulsados do Parlamento galego por negárense a xurar a Constitución.

O Partido Galeguista con preto do 4 por cen dos votos non obtiña representación. Así pois, a única forza que quedaba activa no novo marco autonómico foi, na primeira lexislatura, Esquerda Galega, herdeira do Partido Obreiro Galego, co único deputado Camilo Nogueira e o o 4 por cen dos votos, cunha tendencia a crecer contrastada en posteriores comicios de ámbito diverso.

As contradiccións de UCD no proceso estatutario, daban paso a unha AP galeguizada victoriosa e puñan de manifesto, segundo todos os analistas, que había espazo para un nacionalismo de centro. O primeiro intento xa o protagonizara a coalición Unidade Galega, que integraba ao Partido Galeguista e outras forzas máis á esquerda, cun importante respaldo nas cidades nas primeiras eleccións municipais, chegando a acadar a alcaldía da Coruña. Nembargantes, esta coalición non foi duradeira.

Nas eleccións autonómicas de 1985, Coalición Galega estreábase brillantemente co 13 por cen dos votos e e 11 escanos, freaba o crecemento da dereita española en Galicia e convertíase en chave. Os seus deputados non estiveron a altura e, incapaces de resistir a presión das forzas estatais, caeron en divisións e subdivisións ata aceptar o desembarco do líder real de Alianza Popular en Galicia, Xosé Luís Barreiro Rivas, tras o seu intento de derrocar dende dentro da Xunta de Galicia a Fernández Albor.

Nacería un goberno autonómico tripartito con dous partidos nacionalistas: Coalición Galega (agora en máns de Barreiro Rivas) e o Partido Nacionalista Galego, PNG, ineficazmente dirixido polo que fora candidato de Coalicíón Galega Pablo González Mariñas. A Presidencia da Xunta era para o PSOE, nun momento en que este propiciaba a reconversión industrial, as cotas lácteas, a rebaixa autonómica da LOAPA, os recortes na frota e un recurso de inconstitucionalidade contra a lei de normalización lingüística aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia. Tales peripecias serían castigadas electoralmente nos comicios autonómicos de 1989.

Neles o Bloque Nacionalista Galego, xa claramente proclive ao traballo institucional, iniciaba unha carreira ascendente que parecía imparable elección tras elección, ocupando espazos de centro esquerda da man de Beiras. O nacionalismo democrático perdera 10 anos de historia na súa automarxinación, pero acabaría sendo a segunda forza política en Galicia e a máis clara oposición nos repetidos mandatos de Fraga. Este aupábase ao Goberno de Galicia tras unha axustada vitoria da súa coalición (PP-CdG), onde se incorporaban sectores descontentos de Coalición Galega a través dunha nova forza galeguista de centrodereita Centristas de Galicia, cuxo líder Victorino Núñez, Presidente da Deputación de Ourense, pasaría a ser o Presidente do Parlamento de Galicia.

Os restos menos ideoloxizados de Coalición Galega ensaiarían candidaturas en comicios locais con éxito discreto (Converxencia Democrática Galega con 137 concelleiros nas eleccións municipais de 1991), ou nulo (Democracia Galega, con 36 concelleiros nas de 1999). Outros integraríanse, a través do Partido Nacionalista Galego, no BNG.

[editar] Actualidade

Sinal fronteirizo na cidade portuguesa de Valença do Minho coa pintada Espanha não é Galiza.
Sinal fronteirizo na cidade portuguesa de Valença do Minho coa pintada Espanha não é Galiza.

A única forza actual con presenza no Parlamento Galego que se define como nacionalista é o Bloque Nacionalista Galego, posicionado nunha esquerda moderada, con Anxo Quintana á testa. Este coñeceu un considerable aumento dos votos nos anos recentes, chegando incluso a ser, con Xosé Manuel Beiras, a segunda forza política de Galicia, por diante do Partido Socialista de Galicia. O seu teito electoral acadouno nas eleccións autonómicas de 1997 nas que obtivo máis de 395.000 votos e unha porcentaxe do 25%, obtendo 18 deputados. Chegou, así mesmo, tras os comicios municipais de 1999, a contar coas alcaldías de cidades como Vigo(con Lois Pérez Castrillo), Pontevedra e Ferrol. Contou ademais con un eurodeputado, tres parlamentarios no Congreso e un senador de designación autonómica. Pero o cambio de século marca unha lenta caída. Nas eleccións galegas do 2005, pasou xa a ser a terceira forza política con 13 deputados, a mesma representación que obtivera doce anos antes (1993).

Nas eleccións municipais de maio de 2007, o BNG acada o 19,19 por cen dos sufraxios. Cunha mensaxe rural, lonxe da imaxe rebelde e intelectual dos anos noventa, agudiza a súa continua caída nas cidades que compensa con contundentes vitorias en vilas medias como Monforte, Arzúa, Carballo, Bueu, Teo ou O Porriño desputando espazos sociais que eran no pasado recente couto do Partido Popular de Manuel Fraga Iribarne. O abandono por parte do Partido Popular do súa tradicional retórica galeguista e rural, fai que o BNG ocupe espazos que amortecen a fuxida do voto urbano e xuvenil que o caracterizou.

Na opción de centro presentouse Terra Galega que conseguiu superar a barreira do 2 por cento e algúns éxitos moi localizados. O recentemente refundado por segunda vez Partido Galeguista, perdidas as súas raigames históricas, colleitou un claro fracaso.

Na liña independentista, os partidos con máis forza son a Frente Popular Galega e Nós-Unidade Popular.

O nacionalismo galego ten experimentado un notable crecemento nos anos recentes, pasando o voto nacionalista dun 9% a máis dun 25% a finais dos anos noventa. Apareceron moitas organizacións xuvenís que apoian o independentismo galego, e, malia seren moi numerosas, carecen de éxito e poder político real. Entre estas, a máis forte é a Frente Popular Galega. Pola súa banda, Nós-Unidade Popular ten organizado campañas para o retiro dos restos da simboloxía do réxime franquista que aínda quedan en Galicia.

O nacionalismo galego de esquerdas acadou un fito histórico tralas eleccións autonómicas do 2005. Por primeira vez, malia ter experimentado un descenso dos votos e de escanos, un partido nacionalista galego de esquerdas, o BNG, logrou formar parte do goberno, ocupando o seu dirixente Anxo Quintana o cargo de Vicepresidente da Xunta de Galicia e as consellarías de Medio Rural, Innovación e Industria, Cultura e Vivenda[14]. Nesta lexislatura apróbanse importantes proxectos para o galeguismo, como son a creación dunha rede de galescolas ou a completa reactivación da selección galega de fútbol, que pasou polo seu "bautismo de lume" nun partido amistoso contra a selección de Uruguai o sábado 29 de decembro de 2005[15], sendo o resultado 3 - 2 a prol de Galicia.

[editar] Reforma do Estatuto

Coa reforma de Estatuto de Autonomía, os nacionalistas tentan acadar maiores cotas de autogoberno en materias como a Pesca, a Xustiza, Policía autonómica, as concas fluviais, asistencia social da inmigración, a ordenación do litoral, medio ambiente, industria, a administración local (baleirando de contido as Deputacións) ou o idioma galego, equiparando o seu status xurídico ao castelán[16].

Propoñen, así mesmo, incorporar un listado de dereitos cívicos consonte as novas tendencias sociais e un modelo de financiamento autonómico que reverta en Galicia o valor engadido xerado polos seus sectores produtivos.

Para eles ten especial trascendencia introducir no preámbulo unha mención a Galicia como nación. O PSdeG, a través do Presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño, avogou pola introdución do termo "nación común dos galegos" inspirada no Himno galego que fai mención á Nazón de Breogán. Aínda así, é difícil que sexa incluído debido á necesidade normativa de contar cos votos do PP para sacar adiante a reforma[17].

[editar] Partidos políticos e organizacións nacionalistas

[editar] Partidos políticos

  • Asamblea Nacional Popular Galega: creouse en 1975 impulsada pola UPG como una organización suprapartidaria que canalizase a loita pola autodeterminación de Galicia.
  • Bloque Nacionalista Galego: fronte plural de corte socialdemócrata, hoxe en día a única forza que se di nacionalista galega con presenza no Parlamento Galego, onde ten 13 escanos, no Congreso dos Deputados, con dous escanos, e no Senado con un escano. Conta cuns 12.000 militantes. Foi fundado o 26 de setembro de 1982 coa unión de varias forzas políticas nacionalistas. O seu candidato á presidencia de Galicia é actualmente Anxo Quintana. Dentro del conviven varios partidos nacionalistas:
    • Colectivo Socialista: organización política socialista. Conta con arredor de 150 militantes (2002). Os seus dirixentes son Mario López Rico e Francisco Trigo Durán. Proceden da esfera do antigo PSG
    • Esquerda Nacionalista: Conta con arredor de 600 militantes. Propuña a independencia de Galicia e a reintegración gradual do galego no portugués. Fundada por Xosé Manuel Beiras, o seu Secretario Nacional é Alberte Xullo Rodríguez Feixoo e o seu Presidente Antonio Fernández Oca.
    • Inzar: colectivo procedente da unificación Movemento Comunista de Galicia e da Liga Comunista Revolucionaria de Galicia. Ten 234 militantes (2002).
    • Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista: partido centrista-liberal, proveniente da descomposición de Coalición Galega. Cogobernou na Xunta tripartita coas carteiras de Presidencia e Pesca. Tiña 132 militantes en 2002. Xosé Henrique Rodríguez Peña foi o seu Secretario Xeral ata a súa morte en agosto de 2006.
    • Unidade Galega: refundación de Esquerda Galega intégrase da mán de Camilo Nogueira no BNG en 1994 e en 2003 autodisólvese como partido político, converténdose nunha corrente de opinión.
    • Unión do Povo Galego: partido autodefinido como "comunista patriótico, porque asume a loita de liberación *nacional". Ten 1.300 militantes e o seu voceiro dende 1965 é Terra e Tempo. O seu presidente dende 1977 é Bautista Álvarez e o seu secretario xeral Francisco Rodríguez, parlamentario no Congreso dos Deputados por terceira lexislatura consecutiva.
  • Frente Popular Galega: organización situada ideoloxicamente no socialismo e no independentismo. Formado en 1987 polo PCLN (Partido Comunista de Liberación Nacional) e Galiza Ceive-OLN xunto con outras organizacións menores de carácter local como os Colectivos Nacionalistas de Trasancos e Vigo, Grupos Independentistas Galegos de Compostela e o colectivo Iskeiro de Ferrol. A súa acción política guíase polos principios de: independencia nacional, socialismo, anticolonialismo, democracia popular, anti-imperialismo, solidariedade internacionalista e auto-organización. Os seus persoeiros máis destacados son Xosé Luís Méndez Ferrín e Mariano Abalo (portavoz nacional).
  • Nós-Unidade Popular: posiciónase nos parámetros da esquerda independentista, revolucionaria, antipatriarcal e defensora do galego como lingua nacional da Galiza, defendendo a unidade lingüística galego-portuguesa (reintegracionismo). O seu lider é Carlos Morais.
    • Primeira Linha: organización comunista integrada no Movimento de Libertaçom Nacional Galego. Apoia a independencia de Galicia, considerando esta como a actual Comunidade Autónoma de Galicia máis a Terras do Eo-Navia, o Val do Íbias e as rexións do Bierzo e Seabra.
    • Assembleia da Mocidade Independentista:
  • Partido Galeguista: partido de centro que se autodefine como herdeiro do Partido Galeguista de 1931 constituído no ano 2004 con Manuel Soto como secretario xeral e Xabier González como presidente. Autodefínense como a opción política galeguista e dos galeguistas, é dicir: nacionalista, democrática, liberal e europeísta.
  • Partido Obreiro Galego: escisión da UPG, fóra fundado por Camilo Nogueira e é o antecedente de Esquerda Galega.
  • Partido Popular Galego: foi un partido galeguista democristián de centro dos anos da transición.
  • Coalición Galega: fundada por Euloxio Gómez Franqueira, colleitou importantes éxitos en diversas eleccións locais e nas eleccións autonómicas de 1985 con Pablo González Mariñas como candidato á Presidencia da Xunta. Tivo un deputado no Congreso (Senén Bernárdez). Vítima de sucesivas escisións, acabou en máns do ex-dirixente de Alianza Popular Xosé Luís Barreiro Rivas, que a conduciu, tras pasar polo goberno tripartito onde ostentou a Vicepresidencia, á súa práctica desaparición.
  • Centristas de Galicia: escisión de Coalición Galega, gobernou a Deputación de Ourense e se coaligou con Fraga Iribarne en 1989, facéndose coa Presidencia do Parlamento (Victorino Núñez) e a Consellería de Cultura (Daniel Barata), hoxe é un grupo de presión de ámbito ourensá dentro do PP. Un ex-dirixente sería tamén Conselleiro de Emigración, Cooperación Exterior e Inmigración no derradeiro goberno Fraga (Aurelio Miras Portugal)
  • Terra Galega: coalición de centro nacionalista con escasos contidos ideolóxicos que se formou o 4 de novembro de 2005. Fórmanna o Centro Democrático Independiente (CDI), Iniciativa Galega, Coalición Galega, Unidade por Narón e algunhas outras pequenas forzas locais que suman 4 alcaldes e 64 concelleiros en 32 concellos galegos.
  • Candidatura Democrática Galega: Grupo de notables nacionalistas moderados que nas primeiras eleccións democráticas acadara un Senador na persoa de Valentín Paz Andrade.
  • Galicia Ceibe: nada na transición do Partido Galego do Proletariado, foi unha escisión da UPG, que tiña como figura carismática a Xosé Luís Méndez Ferrín, partidario dunha acción directa independentista sen concesións de ningunha caste coa reforma democrática do post-franquismo.

[editar] Organizacións armadas

[editar] Outras organizacións

  • Ceivar: colectivo de esquerdas que avoga pola liberación dos presos vinculados ó independentismo galego de esquerdas. Autodefínense como un "organismo popular antirepresivo".

[editar] Referencias

  1. Risco, Vicente. Teoría do nacionalismo galego. Fundación Vicente Risco
  2. Coberta do libro coordenado por Francisco Carballo, Historia de Galicia, Edicións A Nosa Terra, 1996, ISBN 84-89138-65-6
  3. [1] - Hispania Romana
  4. Caixa Galicia - Idade Media e as Dinastías en Galicia
  5. Galicia Espallada - O fusilamento dos mártires de carral
  6. A nosa Terra - "A República non foi o sistema perfecto"
  7. Galicia Espallada - Manifiesto da Asamblea Nazonalista de Lugo - 17 de novembre de 1918
  8. Novo Seminario de Estudos Galegos
  9. Biografía Alexandre bóveda - Galicia espallada
  10. Biografía Ánxel Casal - Vieiros
  11. www.uniondopovogalego.org - Historia
  12. La Voz de Galicia - A refundación do Partido Galeguista
  13. www.xunta.es - Estatuto de Autonomía de Galicia
  14. www.avogacia.org - PSOE e BNG acadan o contrato final de compromisos e o reparto das áreas do goberno de coalición na Xunta
  15. La Voz de Galicia - A selección galega de fútbol debuta frente a Uruguai
  16. 20minutos.es - La propuesta del Estatuto gallego del BNG: "Galicia es una nación"
  17. Libertad Digital - Aplazada la reforma del Estatuto gallego por la falta de acuerdo en la definición de Galicia como nación

[editar] Véxase tamén

[editar] Outros artigos

[editar] Ligazóns externas


aa - ab - af - ak - als - am - an - ang - ar - arc - as - ast - av - ay - az - ba - bar - bat_smg - bcl - be - be_x_old - bg - bh - bi - bm - bn - bo - bpy - br - bs - bug - bxr - ca - cbk_zam - cdo - ce - ceb - ch - cho - chr - chy - co - cr - crh - cs - csb - cu - cv - cy - da - de - diq - dsb - dv - dz - ee - el - eml - en - eo - es - et - eu - ext - fa - ff - fi - fiu_vro - fj - fo - fr - frp - fur - fy - ga - gan - gd - gl - glk - gn - got - gu - gv - ha - hak - haw - he - hi - hif - ho - hr - hsb - ht - hu - hy - hz - ia - id - ie - ig - ii - ik - ilo - io - is - it - iu - ja - jbo - jv - ka - kaa - kab - kg - ki - kj - kk - kl - km - kn - ko - kr - ks - ksh - ku - kv - kw - ky - la - lad - lb - lbe - lg - li - lij - lmo - ln - lo - lt - lv - map_bms - mdf - mg - mh - mi - mk - ml - mn - mo - mr - mt - mus - my - myv - mzn - na - nah - nap - nds - nds_nl - ne - new - ng - nl - nn - no - nov - nrm - nv - ny - oc - om - or - os - pa - pag - pam - pap - pdc - pi - pih - pl - pms - ps - pt - qu - quality - rm - rmy - rn - ro - roa_rup - roa_tara - ru - rw - sa - sah - sc - scn - sco - sd - se - sg - sh - si - simple - sk - sl - sm - sn - so - sr - srn - ss - st - stq - su - sv - sw - szl - ta - te - tet - tg - th - ti - tk - tl - tlh - tn - to - tpi - tr - ts - tt - tum - tw - ty - udm - ug - uk - ur - uz - ve - vec - vi - vls - vo - wa - war - wo - wuu - xal - xh - yi - yo - za - zea - zh - zh_classical - zh_min_nan - zh_yue - zu -