Nós-Unidade Popular
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Nós-Unidade Popular | |
Partido político | Nós-Unidade Popular |
Ano fundación | 2001 |
Ideoloxía | Independentismo galego |
Membro de | - |
Ámbito | Galiza |
Sede central | Rúa Quiroga Palacios, 42-Baixo. Santiago de Compostela |
Líder | Carlos Morais |
Afiliados | - |
Web do partido | [1] |
NÓS-Unidade Popular é unha organización política galega, de filiación individual, que admite a dupla militancia e se posiciona nos parámetros da esquerda independentista, revolucionaria, antipatriarcal e defensora do galego como lingua nacional da Galiza, defendendo a unidade lingüística galego-portuguesa (reintegracionismo).
Formouse en 2001 pola unión de organizacións independentistas de carácter comarcal, incluíndo militantes da organización comunista Primeira Linha. Actualmente carece de representación institucional. A súa asemblea fundacional (en 2001, que culminou o chamado Processo Espiral), celebrouse en Santiago de Compostela, capital da Galiza. A segunda (2003) foi na Coruña e a terceira (2005) en Ferrol.
Este partido publica a revista política Voz Própria, de carácter cuadrimestral.
No ano 2004 presentouse ás eleccións ao Parlamento Europeo, e obtivo 1.331 votos na Galiza (0,12%) (2.516 votos en toda España) e nas eleccións autonómicas de 2005 obtivo 1.749 votos (0,12%).
De entre as súas campañas, destacan as que periodicamente reivindican a autodeterminación nacional da Galiza, a integridade territorial do país (incluídas as comarcas limítrofes so administración asturiana e castelá que non inclúe o actual Estatuto de Autonomía), a eliminación da simboloxía franquista e a memoria dos milleiros de vítimas que a ditadura deixou na Galiza, alén das de carácter sociolaboral. A súa filiación participa activamente nos principais movementos sociais galegos (feminista, sindical, cultural, etc).