Nación
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O concepto de nación, dependendo do contexto ou da perspectiva política, pode variar na súa significación. Coloquialmente o significado de nación é sinónimo de país e mesmo estado; mais esta concepción é redutora ante aquela que considera unha nación como unha comunidade de persoas que posúen unha cultura, unha lingua, unha historia, unha orixe étnica, un territorio ou unha mentalidade propia, e que posúen ademais consciencia de constituíren un pobo diferenciado. Así a todo, dado que a realidade sempre é sumamente complexa, é posible achar nacións, mesmo en Europa, que non posúen algunha destas características (pénsese en Suíza e na súa realidade lingüística).
O termo nación vén do latín natio. Empregouse orixinalmente na Universidade de París para referirse a un grupo de estudantes dun determinado país, que falaban a mesma lingua e se rexían polas súas propias leis.
O modelo de estado-nación xurdiu durante o Renacemento cando os reis absolutistas de Castela, Inglaterra e Francia homoxeneizaron os territorios dos seus reinos, marxinando as minorías nacionais que había neles. Algunhas nacións coinciden atualmente no modelo estado-nación como pode ser Portugal, algúns estados están formados por varias nacións coma o Reino Unido ou Bélxica, e outras nacións non teñen un estado propio coma o Kurdistán ou o Sáhara Occidental.
[editar] Véxase tamén
- Estado
- Internacionalismo
- Lista de grupos étnicos
- Nacionalismo
- Nacións sen estado
- País