Deputación
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Segundo a vixente Constitución española de 1978, no seu Título VIII baixo o epígrafe "A organización territorial do estado", as deputacións son corporacións de carácter representativo ás que están atribuídos o goberno e administración provincial.
O propio texto constitucional define tamén provincia como unha entidade local determinada pola agrupación de concellos e división territorial. Esta entidade local, segundo o propio texto, e ao igual cós concellos e comunidades autónomas, gozan de plena autonomía para a xestión dos seus respectivos intereses. Para esta xestión dota á provincia de persoalidade xurídica propia.
A provincia na súa actividade debe garantir os principios de solidariedade e equilibrio entre os municipios que a integran, para o mesmo deberá asegurar a prestación integral e axeitada na totalidade do seu territorio dos servizos de competencia municipal e a participación na coordinación entre a administración local coa da comunidade autónoma e a do estado.
Para o funcionamento da deputación esta organízase en varios órganos de goberno, todas as deputacións terán: o Presidente, os Vicepresidentes, a Xunta de Goberno e o Pleno. Existen outros órganos chamados complementarios co obxectivo de estudar, informar ou consultar os asuntos que serán sometidos a decisión plenaria, neste apartado situánse as coñecidas como "comisións informativas".
Estas corporacións, ás que se lles atribúe o goberno e a administración provincial, nas illas (Comunidade Canaria e Balear) teñen o nome de cabildos ou consellos.