Ilustración
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A Ilustración é a corrente intelectual de pensamento que dominou Europa no século XVIII baseada no corpo doutrinal dun grupo de filósofos, na súa maioría franceses, que facía énfase na razón e na ciencia como formas de explicar o universo. Foi un dos movementos impulsor do capitalismo e da sociedade moderna. Tivo unha dinámica rápida nos países protestantes e máis lenta nos demais estados da Europa.
O pensamento partía do suposto que o ser humano nacera para ser feliz, de que a razón humana era capaz por si soa de acadar a verdade e dos principios fundamentais da teoría de John Locke e a partir de aí os filósofos ilustrados propuñan unha nova forma de Estado que garantizase a liberdade, a seguridade e a prosperidade e que, como consecuencia fose representativa e non totalmente dependente da vontade do monarca. Pero para que triunfase está postura os filósofos eran conscientes que tiña que cambiar a sociedade para estar baseada na tolerancia e a igualdade legal, mais non económica. Montesquieu, que teorizou sobre a separación de poderes, Voltaire, defensor da liberdade de pensamento, e Rousseau, que expresou o principio de soberanía nacional, foron os filósofos que máis influencia exerceron nos seus contemporáneos.