Códice Calixtino
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O códice miniado coñecido en latín como Liber Sancti Jacobi ou Codex Calixtinus e en galego como Libro de Santiago ou máis comunmente como Códice Calixtino é un conxunto de textos reunidos en Santiago de Compostela nos anos finais do arcebispado de Diego Xelmírez e que se presentaba como da autoría do Papa Calisto II.
O códice consiste nun conxunto de textos anteriores de carácter litúrxico, histórico e haxiográfico que pretendía servir como promoción da sé apostólica de Santiago de Compostela, ideado polo arcebispo Xelmírez ou polo seu círculo próximo e redactado por varios autores entre 1130 e 1160 e que se caracteriza pola corrección do latín empregado e cun alto valor literario.
O exemplar máis antigo, datado entre 1150 e 1160, consérvase na Catedral de Santiago de Compostela e é copia dun exemplar modelo. A copia que realizou o monxe Arnaldo de Monte en 1173 coñécese como manuscrito de Ripoll e consérvase actualmente en Barcelona.
O Códice Calixtino divídese en cinco libros e componse de 225 folios a dobre cara de 295 x 214 mm, cada folio contén, polo xeral, unha única columna de 34 liñas. O manuscrito restaurouse en 1966 e volveuselle engadir o Libro IV que estaba fóra do manuscrito dende 1609.
O Códice Calixtino imprimiuse por vez primeira en 1882, nunha edición feita por Fidel Fita.
Parte do manuscrito traduciuse ao galego no primeiro terzo do século XV, coñecido como Miragres de Santiago, recolle partes da Historia Karoli e da Guía do Peregrino.
Índice |
[editar] Libros
[editar] Libro I
O primeiro libro, Anthologia liturgica, comprende ata o folio 139, é o libro máis longo do códice, de carácter litúrxico. Consiste nunha antoloxía de homilías, cantos litúrxicos, cantos de peregrinos e de sermóns en honra do apóstolo Santiago que se celebraban na catedral de Santiago. O sermón Veneranda dies, o cerne do libro, amosa o sentido e a valoración da peregrinaxe a Santiago.
O manuscrito constitúe por riba de todo un manuscrito musical. A maior parte das pezas son melodías gregorianas. Pero tamén hai unha vintena de pezas polifónicas, as primeiras en ser notadas e contén a primeira notación dunha peza a tres voces: Congaudeant catholici, que aparece asinada por Magister Albertus Parisiensis.
A maior parte dos autores son franceses e de épocas anteriores: Venance Fortunat, bispo de Poiters no século VI, Fulbert de Chartres do século XI.
[editar] Libro II
O segundo libro, De miraculi sancti Jacobi ou Miragres de Santiago, comprende do folio 139 ao 155, é unha compilación de 22 miragres atribuídos a Santiago e que ocorren en diversas partes de Europa, en especial no percorrido do Camiño de Santiago.
[editar] Libro III
O terceiro libro, Liber de translatione corporis sancti Jacobi ad Compestellam, comprende os folios 156 ao 162. Relátase a evanxelización do apóstolo Santiago en Hispania e a translación do seu corpo.
[editar] Libro IV
O cuarto libro, Historia Karoli Magni et Rothalandi, comprende os folios 163 ao 191. Narra a historia de Carlomagno e de Rolando en Hispania dun xeito épico e fantástico. Coñecido como o Pseudo Turpín, por serlle atribuído ao bispo Turpín de Reims, amosa un Carlomagno descubridor da tumba do apóstolo Santiago e creador dos inicios da peregrinación a Compostela e da súa igrexa.
Foi o libro máis difundido do Códice Calixtino, con máis de 250 copias coñecidas na Idade Media en toda Europa e que serviu de inspiración a varios cantares de xesta feitos en Francia e Italia.
[editar] Libro V
Ao quinto libro, Iter pro peregrinis ad Compostellam, coñecido como Guía do Peregrino de Santiago de Compostela comprende os folios 192 ao 213. Atribuído a Aimery Picaud, autor de Parthenay-le-Vieux (Poitou), escribiuse entre os anos 1135 e 1140. O texto é un conxunto de consellos prácticos para os peregrinos, baseado no propio percorrido do autor, cos lugares onde descansar, calidade das augas, as reliquias a venerar, as xentes e cidades do camiño ou os santuarios a visitar antes de chegar á catedral de Santiago de Compostela.
[editar] Véxase tamén
[editar] Outros artigos
[editar] Bibliografía
- M. C. Díaz y Díaz, El Códice Calixtino de la Catedral de Santiago. Estudio Codicológico y de contenido, Santiago de Compostela, (1988). (en castelán)
- C. Meredith-Jones, Historia Karoli Marni et Rotholandi ou Chronique du Pseudo-Turpin. Xenebra, (1972) (2º ed.) (en francés)
- E. Temperán Villaverde, La liturgia propia de Santiago en el Códice Calixtino, Santiago de Compostela, 1997 (en castelán)
- J. Williams e A Stones, The Codex Calixtinus and The Shrine of St. James, Tübingen, 1992. (en inglés)