Teodomiro (rei suevo)
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
- Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Teodomiro.
Teodomiro foi un rei suevo de Galicia (559-570). Gobernou a Gallaecia dotándoa de institucións, administración e cohesión social buscando a lexitimidade do seu poder na Igrexa de obediencia romana.
Gregorio de Tours fálanos do fillo do rei Carriarico que salvou a súa vida por mor da virtude milagreira das reliquias de San Martiño de Tours. Cicais esteamos ante a primeira referencia a Teodomiro que sucedeu a Carriarico no trono do Reino Suevo da Gallaecia.
Baixo a influencia de San Martiño Dumiense, o seu labor de goberno baseouse nos seguintes eixos:
- Consolidación da expansión sueva coa incorporación das áreas de influencia de Astorga e Coimbra
- A convocatoria dos Concilios de Braga a modo de asembleas de goberno non só en asuntos relixiosos senón especificamente temporais.
- A organización territorial a través da estruturación da dependencia das entidades de poboación (parroquias) a os diferentes bispados.
- A cristianización das masas de labregos aínda ancoradas nun paganismo ancestral de claro sabor céltico.
- A busca da cohesión social mediante o combate da herexía ariana que profesaba o reino visigodo de Hispania e o priscilianismo seguido por importantes capas da poboación que non recoñecían a autoridade dos bispos de obediencia romana
- A lexitimación da monarquía perante as élites de orixe galaico-romana mediante o seu papel de protector da Igrexa desempeñando un rol con ecos propios de Bizancio, con quen probablemente mantivo contactos amistosos.
- A difusión da cultura a través do impulso de escolas dependentes dos mosteiros e focos de formación como o cenobio de Dumio fundado por San Martiño Dumiense.
- Unha política exterior pacífica sen enfrontamento co reino visigodo viciño e dentro da órbita da nova orde emanada do Imperio bizantino de Xustiniano.
O seu reinado marcou un fito de estabilidade e esplendor do Galliciense regnum, do que nos quedaron testimuños nas propias fontes históricas galaicas e hispánicas e nas crónicas francas.
Reino Suevo | ||
---|---|---|
Segue a: Carriarico |
Teodomiro (rei suevo) | Precede a: Miro |
Lista de reis suevos |