Suevos
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Os suevos (lat. suebi ou suevi; alemán Sueben [1] ou Sweben) son un pobo xermánico procedente do norte de Europa. O seu asentamento primitivo atópase na zona do mar Báltico, chamado polos romanos Mare Suebicum. Tácito menciónaos, aínda que chama suevos a tódolos pobos xermánicos do leste.
Nas súas migracións, os suevos dirixíronse cara o sur e o oeste, quedando un tempo na área da Alemaña moderna. Aínda existe unha rexión alemá chamada Suabia (Schwaben [2]) que ven equivaler ao antigo reino de Württemberg no moderno estado de Baden-Württemberg e a zona sudoccidental de Baviera, con centro en Ulm. Nesta época, varias tribos se separaron do grupo central dos suevos para formar os alamáns, de onde, a través do francés, nos chega o nome de Alemaña.
Os primeiros contactos coñecidos entre os suevos e os romanos datan do século I a.C., na Guerra das Galias Ariovisto enfrontouse con César, e posteriormente estableceron relacións comerciais que se traduciron nunha certa romanización.
O 31 de decembro do 406 os suevos xunto a alanos e vándalos atravesaron o limes que separaba os pobos xermánicos do Imperio Romano, non está clara a razón para traspasar o límite, pero probablemente a presión demográfica unida ós problemas internos que viña atravesando o Imperio, aumentado coa falta de soldados que vixiasen a fronteira cos que contaba Estilicón, o encargado de defender o imperio dos xermanos e á desconfianza que deste tiña o emperador Honorio.
Tras permanecer un tempo na Galia, os suevos establecéronse na Gallaecia cara o ano 410. Debido ao seu escaso número estiveron agrupados. O seu réxime de goberno era a monarquía. Os reis suevos esténdense desde Hermerico no ano 409 ata Andeca, que no ano 585 foi derrotado polo rei visigodo Leovixildo.
[editar] Reis suevos de Gallaecia
- Hermerico (409-438)
- Requila (438-448)
- Requiario (448-456)
- Aguiulfo (456-457), no sur.
- Franta (456-457), no norte.
- Maldras (457-459), no sur, e no norte despois da morte de Framta.
- Requimundo (459-463), no norte.
- Frumario (459-463), no sur, oposeio a Remismundo.
- Remismundo (459-469), no sur, oposto a Frumar; gobernou todo o reino dende o 463 .
- Período escuro (469-550), durante este tempo só é coñecido un rei: Teodomundo.
- Carriarico (550-559)
- Teodomiro (559-570)
- Miro (570-583)
- Eurico (583-584)
- Andeca (584-585), deposto e recluído nun mosteiro por Leovixildo
- Malarico (585-586), oposto a Leovixildo e derrotado.
Os visigodos conquistaron aos suevos no 585.