Séculos Escuros
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Denomínanse Séculos escuros os anos que van entre finais do século XV e finais do XVIII, durante os que a literatura galega entra nun período de decadencia e a lingua perde o seu uso nos rexistros oficiais.
[editar] Factores
Diversos foron os factores que provocaron o progresivo decaemento, entre os que cabe salientar:
- O asentamento en Galicia dunha nobreza castelá, que non empregaba o galego, que vén substituír unha nobreza galega derrotada despois de apoiar ós perdedores nas loitas dinásticas pola coroa de Castela, primeiro a Pedro I contra Henrique de Trastámara (século XIV) e máis tarde (1475-1479) a Xoana a Beltranexa fronte á futura Isabel a Católica
- a ausencia dunha burguesía capaz de defender os seus intereses e os do país
- a perda de autonomía da Igrexa galega.
Non obstante, todos estes factores conflúen, e son comprendidos á vez, por outra clave realmente decisiva: a pesar de que durante toda a Idade Media Galicia viviu nun estado de práctica semi-independencia, o certo é que cando se achega o solpor medieval, o país galego carecía dun monarca privativo -logo da definitiva unión de Galicia-León e Castela en 1230- e/ou de institucións de seu. É dicir, Galicia aparece nesa altura como un reino, si, pero un reino máis dos que conforman a coroa de Castela. Desta maneira, a ausencia dun poder central galego organizado que puidese servir de contrapeso nun momento no que, polo contrario, a monarquía avanzaba cara ao absolutismo ao tempo que se centralizaba no territorio castelán, determinou o afastamento dos lugares de decisión e, xa que logo, unha decisiva perda na capacidade de influencia. Galicia quedaba así como un reino cada vez máis afastado e decididamente marxinal nos proxectos dunha monarquía que, centrada en Castela, vive momentos de expansión imperial.
A lingua galega, durante o longo período de tres séculos -XVI, XVII e XVIII- estivo ausente dos usos escritos, fronte ó castelán e o portugués que entran nun proceso de fixación e codificación, o cal lles confire a categoría de linguas de cultura. Porén, segue a se-la vía normal de comunicación de case a totalidade da poboación. O exclusivo uso oral levou á súa consideración como lingua aliteraria, incapacitada para a ciencia e a cultura.
Convén subliñar, porén, que o galego continuou durante todo este espazo cronolóxico a ser a lingua maioritaria, no uso oral, por parte da poboación. Nin a ideoloxía dominante, nin os medios dos que dispoñía o poder central, determinaban a unificación lingüística dos diversos reinos da monarquía hispánica. Antes ben, a uniformización só se dirixiu cara ás capas sociais dominantes; xa no século XIX (e no XX), dentro do estado liberal, e nos procesos de universalización do mesmo -xustiza, administración, escola, medios de comunicación..-asistiremos, agora si, a un proceso decidido de acadar a unidade lingüística do nacente Estado Español. De todos os xeitos, a conciencia -na propia Galicia- de "castelán como lingua dos poderosos" /vs/ "galego lingua das camadas populares" e esoutra de "castelán como lingua escrita" /vs/ "galego como lingua de exclusivo uso oral" nace xustamente durante esta longa etapa e vai ser determinante para comprendermos os procesos diglósicos que chegan deica os nosos días.
O estudioso Xosé Ramón Freixeiro Mato, a pesar dos poucos datos existentes, fala de tres grupos sociais na Galiza canto ao seu comportamento lingüístico: un reducido grupo monolingüe en castelán no cumio do poder político-relixioso, un grupo bilingüe autóctono integrado no aparato do poder e unha maioría monolingüe en galego. H. Monteagudo sinala que o primeiro grupo atraerá ao castelán as capas sociais que procuran o ascenso, e esta extensión horizontal continuará até o século XVIII, converténdose en descendente só a partir do XIX e aínda máis no XX.
A nosa literatura queda así á marxe do Renacemento e do Barroco, coincidindo esta súa etapa máis escura co Século de Ouro da literatura castelá. Así e todo posúense, en galego, algunhas cartas, documentos e escasas mostras literarias que nos deixan ver a lingua da época. De fins do século XVI e primeiros do XVII coñécense varias cartas dirixidas a Diego Sarmiento de Acuña, conde de Gondomar, como por exemplo a que lle enviou don Diego Sarmiento de Sotomayor, dicíndolle en 1605: e mais que fixese ysto nesta lingoaxe pois é de v. m. tan estimada. E tamén a través da observación das cartas, sabemos que unha parte da aristocracia galega coñecía mal o castelán e vivía instalada no galego como lingua familiar e habitual.
Paralelamente a este baleiro de literatura erudita, pervive a vea da lírica popular en forma de cantigas de berce, de cego, entroidos, adiviñas, lendas, romances, contos, farsas, etc. Moitos deles chegaron ata hoxe por transmisión oral. No século XVIII, xorden as voces de denuncia dos chamados "ilustrados", que demostran a súa inquedanza polo subdesenvolvemento de Galicia e ofrecen propostas renovadoras da vida económica, social e cultural. Créanse organismos como as Sociedades Económicas de Amigos do País e a Academia de Agricultura do Reino de Galicia.
Entre este minoritario grupo de intelectuais despunta con forza a figura do padre Frei Martiño Sarmiento, personaxe polifacético –naturalista, lingüista, bibliófilo...— que defendeu o uso do galego no ensino, na administración e na Igrexa, isto é, a oficialización como lingua propia dos galegos. Participan tamén o Padre Feixoo, o primeiro en rexeita-la condición de dialecto para o galego, e o padre Sobreira, continuador do labor lexicográfico de Sarmiento. A súa obra constituiu a primeira chamada de atención dunha problemática lingüística que se ha manifestar en toda a súa extensión na segunda metade do XIX.
[editar] Bibliografía
- FREIXEIRO MATO, X. R., Lingua galega: normalidade e conflito, Ed. Laiovento, 1998, 2ª edición.