Henrique Monteagudo
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Xosé Henrique Monteagudo Romero (Muros, 1959) é profesor de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela desde 1982, secretario do Consello da Cultura Galega e ademais un recoñecido investigador da Sociolingüística galega.
[editar] Biografía
Henrique Monteagudo licenciouse en filoloxía hispánica (galego-portugués) pola Universidade de Santiago de Compostela (1981) e foi profesor na mesma e investigador do ILGA desde 1982. En 1997 doutorouse pola Universidade de Santiago de Compostela e desde ese momento foi profesor titular de Filoloxía Galega en Santiago. Tamén foi profesor nas universidades de Birmingham (como 'Assistant Lectores'), na City University of New York (1996) e na de Lisboa (1998). Actualmente é coordinador da Sección de Lingua Galega do Consello da Cultura Galega e director do Arquivo de Planificación e Normalización Lingüística. Monteagudo é co-coordinador do Informe sobre Política Lingüística e Normalización en Galicia da Sección de Lingua Galega do CCG desde 1998 e forma parte do Consello de Redacción da revista Grial desde 1989.
Canto aos recoñecementos que recibiu, podemos salientar:
- Premio da Crítica 'Galicia' de investigación (1987)
- 1º Premio de "Ensayo sobre las lenguas y literaturas gallega, vasca y catalana", da Universidade Nacional de Educación a Distancia (Madrid), 1998.
- Premio Losada Diéguez de investigación (2000).
Ten publicado traballos sobre literatura galega medieval, historia externa da lingua, planificación lingüística e gramática e lexicografía galegas e, de entre as súas publicacións destacan:
- Aspectos sociolingüísticos do bilingüismo en Galicia (1985, coautor)
- Gramática galega (1986, coautor xunto a Rosario Álvarez e Xosé Luís Regueira)
- Estudios de sociolingüística galega (1995, editor)
- Historia Social da Lingua Galega (1999, autor).
Ademais, ten editado textos de Rosalía de Castro, Castelao e Ramón Otero Pedrayo e os seus traballos publícanse en revistas especializadas como Grial, Verba, Coloquio/Letras (de Lisboa), Signo y Seña (de Buenos Aires), Portuguese Studies (de Cambridge), entre outras.