Santiago o Maior
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Santiago o Maior (morto en 44) era fillo de Zebedeo e Salomé. Discípulo de Xesús, foi un dos Doce Apóstolos ou principais seguidores de Cristo. Chámaselle o maior para distinguilo de Santiago o Menor, tamén discípulo de Xesús. Era irmán de San Xoán Evanxelista.
[editar] Vida
Santiago foi presentado a Xesús, segundo o Evanxeo de Xoán, por Xoán Bautista. Nos evanxeos sinópticos, aparece como un pescador no lago de Xenesaret ou lago Tiberíades. Procedía das vilas rurais depauperadas de Galilea, foco de rebelión contra Roma (levantamento de Xudas o Galileo, desfíos a autoridade de Poncio Pilatos...) e agardaba a restauración do Reino de Israel. No seu seguimento de Xesús arelaba ocupar un posto relevante, trala liberación dos romanos, o que provocou ciumes entre os apóstolos e a ensinaza de Xesús verbo de que o que queira ser o primeiro debe ser o servidor de todos (Mc 10, 42-45). Xesús repréndeo polo seu carácter violento cando pide que un lóstrego destrúa as vilas samaritanas (tradicionais inimigas dos xudeus) que se resistían á conversión. Alcúmao con retranca Bonaerges (fillo do trono) (Mc 13,17).
Xunto a Pedro e Xoán, aparece como amigo íntimo de Xesús en escenas como a resurrección da filla de Xairo (Mc 5, 37), a transfiguración (Mt. 17, 1-2) ou a anguria no monte das Oliveiras antes da paixón (Mt 26, 37). Cando Xesús é arrestado, foxe cos demáis discípulos. Foi, segundo os Feitos dos Apóstolos, o primeiro de entre estes en ser martirizado.
A súa nai, Salomé, é unha das mulleres que, como María Magdalena, acompañan a Xesús na súa predicación itinerante, o que era algo insólito na sociedade patriarcal daquel tempo.
Aínda que non hai un só documento cristián que o mencione, crese que, trala morte de Xesús, Santiago partiu a evanxelizar a Península Ibérica. Estivo en Galicia, Guimarães (Portugal) e Póvoa de Varzim, tamén en Portugal. Segundo a tradición, o 2 de xaneiro do ano 40, a Virxe María aparecéuselle en Caesaraugusta (actual Zaragoza), sobre un pilar (hoxe venerado na basílica de Nosa Señora do Pilar). A tradición da Virxe da Barca, en Muxía é similar: a nai de Xesús, aparéceselle nunha nave de pedra sobre o Océano e confórtao e anímao a seguir predicando entre os galaicos.
Santiago volveu a Palestina, onde foi decapitado por Herodes Agripa entre os anos 43 e 44. Segundo Eusebio de Cesarea o seu delator, ao ver a serenidade e entereza con que se resistiu a renegar de Cristo, converteuse e acompañouno no martirio. (His. Ecl., II IX, 2 ss.).
[editar] Os seus restos
Segundo a tradición popular, os restos de Santiago foron trasladados dende Palestina ata Galicia de forma milagrosa :uns anxos colléronos e depositáronos nunha barca de pedra que chegou soa ata Iria Flavia, na desembocadura do río Ulla, e amarrada nun Pedrón (de aí Padrón). Dende alí, disque foron levados ata o monte Libredón (actual Santiago de Compostela) atravesando os hostís dominios da raiña Lupa. Repousan na actualidade no interior da Catedral.
Isto, aínda que supuxo a aparición do Camiño de Santiago, nunca chegou a ser confirmado. San Xerome de Estridón, no século IV, a denominada Carta do Papa León do século VI, o Breviarum Apostolorum de principios do VII, o eclesiástico británico Adelmo, no mesmo século, e Isidoro de Sevilla en De ortu et obitu Patrum, falan da predicación de Santiago en Hispania. Trala invasión árabe, no reino astur-galaico mantense a tradición (himno Oh Dei Verbum de Mauregato (783-788). No século VII, fúndase polo bispo Odoario de Lugo a igrexa de Santiago de Meilán. No Beato de Liébana píntase un magnífico mapa mundi coa cabeza de Santiago sobre Gallaecia. Finalmente, o bispo de Iria Flavia, Teodomiro e o rei astur-galaico Afonso II sobre o ano 813 confirmarán que o ermitaño Paio e os fegreses de San Fiz de Solovio reencontraron o sartego apostólico.
O seu sartego estaba cercano a un castro onde na época romana, se construiu un mausoleo en dous niveis cuxo piso inferior é unha cámara sepulcral dos séculos I e II onde repousaban tres cadavres, un de cuxos sepulcros é máis relevante que os outros dous. O profesor Isidoro Millán descifrou unha inscrición en grego con caracteres semíticos na que di ler: Athanasius martir. Isto coincide coa tradición de que, onda a Santiago, foron sepultados os seus discípulos, tamén mártires: Atanasio e Teodoro.
En Xerusalén a Igrexa Apostólica Armenia edificou a catedral de Santiago no lugar onde se di que foi decapitado e depositada a súa cabeza.
[editar] Difusión
Foi patrón dos reinos cristiáns hipánicos, e venerado en toda Europa así como en multitude de santuarios de Canarias e América, onde deu nome a numerosas e importantes vilas e cidades fundadas polos españois (Santiago de Tunte, Santiago de Galdar, Santiago de Cuba, Santiago de Chile, Santiago de Guayaquil, Santiago de Quito, Santiago de Querétaro, Santiago del Estero, Santiago de León de Caracas, Santiago Tlatelolco, Santiago de Compostela, Nayarit....)
Chegou a ser símbolo guerreiro da loita contra o Islám ( Santiago Matamouros ) dende o rei astur-galaico Ramiro I (tradición da Batalla de Clavijo). Hoxe é Patrón de España.
Como a súa festividade é o día grande de Galicia, o nacionalismo galego, en gran medida de tradición católica, escolleuno como o día de Galicia ou día da Patria Galega. A Xunta de Galicia preautononómica decretou o 25 de xullo Día Nacional de Galicia, algo que pervive nos sucesivos calendarios laborais aprobados polo executivo autonómico.
En 1122, o Papa Calisto II estableceu o ano santo xubilar xacobeo, confirmado coa Bula Regis Aeterni de Alexandre III promulgada en 1179, cando o día de Santiago cae en Domingo. Isto consagro o santuario de Santiago como un dos tres grandes destinos de peregrinación da cristiandade.
O nome de Santiago en latín era Iacobus. É a forma do primeiro romance occidental que daría lugar ao galego e que, debido á súa relevancia relixiosa e política, sería adoptado en todas as linguas romances hispanas. Deste surxirían tanto os nomes Xacobe e Xaime como Iago, Santiago ou Diego, ademais do inglés James e o francés Jacques. É unha derivación a través do grego do nome hebreo do patriarca Xacob.