Xunta do Reino de Galicia
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A Xunta do Reino de Galicia era a representación do reino de Galicia cando formaba parte da Coroa de Castela ata a reforma liberal do estado en 1833.
Era un organismo colectivo formado polos deputados que se reunían para tratar asuntos referidos ó conxunto do reino de Galicia. A súa orixe non está clara e hoxe acéptase unha relación directa entre a Xunta e as reunións da Santa Irmandade, das que partiría o costume de manter reunións periódicas entre os representantes das principais cidades para solventar as cuestións relativas ó reparto de tributos e levas militares. Un dos aspectos máis interesantes en relación coa actuación da Xunta foi o tema do voto en Cortes.
Galicia perdera a posibilidade de ter voto nas Cortes da Coroa de Castela, e era a cidade de Zamora a que falaba por ela dende mediados do século XV. Non se sabe con certeza como perdeu este dereito que tiña Galicia. En 1623 grazas ás boas xestións dos diplomáticos galegos Lemos e Gondomar (e o pago de 100.000 ducados) Galicia recupera o voto en Cortes. Este esforzo valeu de pouco xa que é unha época na que as Cortes teñen un papel escaso ou nulo.
A pesar da positiva valoración que da actuación da Xunta do Reino fixeron historiadores como Murguía non foi unha institución realmente representativa do conxunto do reino, nin polos asuntos nos que entende e traballa nin polos intereses que defende. Actuou como un órgano intermedio, consultivo, de equilibrio entre as autonomías locais e os desexos rexios ós que case nunca se opuxo. Mantivo unha actitude pouco reivindicativa[Cómpre referencia] e isto estaba causado[Cómpre referencia] pola composicion social da Xunta na que predominaban individuos pertencentes á pequena nobreza provincial e ás oligarquías urbanas, é dicir, por elementos da fidalguía intermediaria. A reforma liberal de 1833 acaba coa Xunta do Reino e tamén co Reino de Galicia, e fai aparecer as 4 provincias que se manteñen na actualidade.