Ordoño IV
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Ordoño IV (958- † 959). Rei de Galicia e León.
Foi coroado en Santiago de Compostela tras a expulsión de Sancho I o Craso. Contou co apoio de San Rosendo en Galicia e o conde de Castela Fernán González. Era fillo de Afonso IV o Monxe e sobriño de Ramiro II.
Casou coa filla do conde castelán, buscando a cohesión co cada vez máis independentista condado. Isto determinou o descontento de parte da nobreza galega.
Reinou nun período turbulento do Reino de León marcado polo enfrontamento entre irreconciliables faccións nobiliarias galegas, leonesas e casteláns. A imposibilidade de poñer orde nesta caótica situación granxeoulle unha pésima fama reflectida nas crónicas cristiás e musulmanas. Determinada historiografía coñéceo como Ordoño IV o Malo. Despachou varios documentos a prol da igrexa de Iria-Santiago de Compostela
Os fracasos na gobernación propiciaron que os mesmos que o apoiaran, entre eles San Rosendo, optasen pola volta de Sancho, no ano 959. Sancho entrou en Zamora co apoio das tropas do califa cordobés. Ordoño refuxiouse en Castela ata que Fernán González foi feito prisioneiro polo novo rei galaico-leonés. Finalmente foi acollido en Córdoba polo califa al-Hacán. Morreu no ano 962, sen ter renunciado ao trono.