Literatura galega do século XX
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Serie de artigos sobre a
|
Literatura galega |
|
A literatura galega do século XX pode dividirse, grosso modo, en tres etapas: literatura de preguerra, literatura de posguerra (maioritariamente dende o exilio) e literatura dende a fin da ditadura até a fin de século. Vexamos pormenorizadamente todas as etapas e autores que o século XX deu á literatura galega.
[editar] O período intersecular
- Artigo principal: Literatura galega do período intersecular.
Despois da máis que esperanzadora etapa do Rexurdimento, a literatura galega comeza un período de decaemento en case todos os xéneros, agás no teatro, posto que a dramática galega nacerá en 1882 coa representación d'A fonte do xuramento de Francisco María de la Iglesia. De feito, un dos primeiros feitos destacábeis da literatura galega no século XX foi a creación, en 1903, da man dun grupo de xoves liderado por Eduardo Sánchez Miño, da Escola Rexional de Declamación. Manuel Lugrís Freire e Galo Salinas serán os escritores dramáticos que máis colaboren con esta escola.
Na poesía, aparecen como figuras destacadas deste comezo de século XX Antonio Noriega Varela, Manuel Leiras Pulpeiro ou Xosé María Crecente Vega, mais a súa obra non racha coa tradición anterior do século XIX, se ben en Noriega apréciase o influxo do saudosismo portugués. Percíbese unha mudanza na produción poética a partir de Ramón Cabanillas, posto que esta, pese a convivir coa tradición, estará influída polo modernismo, movemento inaugurado polo nicaraguano Rubén Darío. Véxase Xeración de entre dous séculos. Na narrativa, quizais sexan o máis destacado deste período intersecular as novelas históricas de Antonio López Ferreiro (Niño de Pombas, O Castelo de Pambre e A tecedeira de Bonaval) e os contos naturalistas Pé das Burgas de Francisco Álvarez de Nóvoa.
[editar] A época das Irmandades da Fala, do grupo Nós e do Seminario de Estudos Galegos
A partir de 1916, cando nos locais da Real Academia Galega (mais á marxe dela) un grupo de galeguistas (cuxa alma mater era Antón Vilar Ponte) funda a "Hirmandade de Amigos da Fala" da Coruña, a literatura galega renacerá novamente. Esta asociación, que despois se estenderá por outros lugares do país, dando lugar ás Irmandades da Fala (1917), vaise preocupar de darlle un pulo á literatura galega. Vai ser nesta época na que se funde o Conservatorio Nacional de Arte Galega (1919) e na que o teatro galego colla o tren de Europa, na que proliferen as publicacións de narrativa breve (Lar, Céltiga...), etc.
En 1920, a partir da fundación da revista Nós (30/ 10/ 1920), xurdirá o chamado grupo Nós, que terá por figuras principais a Vicente Risco, Otero Pedrayo e a A. D. R. Castelao, e cuxa vontade de igualar a literatura galega ás europeas provocará, entre outras cousas, o nacemento da narrativa galega actual. Trátase de autores nacidos entre 1880 e 1890, cunha fonda formación intelectual. Agás Castelao, o resto dos autores que conforman este grupo incorpóranse á ideoloxía nacionalista de xeito tardío. Risco, Otero e Florentino López Cuevillas formaran parte do chamado cenáculo ourensán. Como indica o ideólogo desta xeración, Vicente Risco, no seu libro Nós, Os inadaptados, estes intelectuais pregaleguistas, dandies, de clase acomodada, vivían na súa "torre de marfil", alienados, illados do mundo que os rodeaba. Esoterismo, filosofía oriental, Nietzsche... eran as súas preocupacións. Todo este mundo, sobre todo o gusto polo alén, verase reflectido na obra destes autores, como se pode ver, por exemplo, n´O Purgatorio de Don Ramiro , O Desengano do Priorio (ambas as dúas de Otero Pedrayo), Do Caso que lle Aconteceu ao Doutor Alveiros (Risco)... Unha novela fundamental para coñecer o proceso de galeguización destes homes é Arredor de Si, de Ramón Otero Pedrayo.
En 1923 aparecerá o Seminario de Estudos Galegos, unha especie de Universidade Galega onde se van realizar numerosos estudos e publicacións de diferentes ámbitos tendo a lingua galega como habitual, de maneira que tivo unha vital importancia para a aparición do ensaio en lingua galega. Neste Seminario colaboraron personaxes da talla de Otero Pedrayo, Castelao, Xosé Filgueira Valverde, Ricardo Carvalho Calero...
Na produción literaria de comezos de século Antonio Noriega Varela e Ramón Cabanillas serán unha ponte entre a estética do século XIX e a estética vangardista. Noriega Varela ofrece unha visión poética e impresionista da natureza, iniciando unha corrente denominada "neovirxilianismo" ou "paisaxismo humanista". Cabanillas asimila a poesía de Curros Enríquez, Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, tomando ademais elementos modernistas.
[editar] A xeración de 1925
Trátase dos escritores nacidos en torno ao ano 1900, e cuxa actividade literaria se realiza no período das Vangardas. Estes autores tamén poden aparecer denominados como a xeración dos novencentistas ou como a Xeración de 1922.
No ano 1922, o poeta Manuel Antonio e mais o pintor Álvaro Cebreiro dan a coñecer o manifesto Máis Alá. Nel recóllese unha crítica aos "vellos" e mais aos "pollitos bien". Os primeiros eran os escritores que, pese a viviren en pleno século XX, continuaban a imitar a poética dos tres grandes mestres do Rexurdimento (Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal). Os segundos, os seguidores de Valle-Inclán, os creadores literarios que, pese a seren galegos, realizaban o seu labor artístico en lingua española. Con isto, estes dous autores están a pedir unha mudanza urxente da literatura galega. Lémbrese, ademais, que esta é unha época na que, en case toda Europa, a vontade de rachar coas xeracións literarias anteriores é moito máis acentuada do normal. Aínda así, no caso galego, resulta que Manuel Antonio, o máximo representante do vangardismo, vai aceptar o maxisterio de Vicente Risco.
Na poesía, as correntes nas que participan os escritores desta xeración serán as seguintes:
- Creacionismo: baixo a influencia do poeta chileno Vicente Huidobro, o máximo (e case único) cultivador desta tendencia en Galiza foi o rianxeiro Manuel Antonio (De catro a catro. Follas dun diario d'abordo, 1928). A presenza do mar, a ruptura formal, a ausencia de ritmo, a creación de imaxes autónomas, etc., son as principais características da súa obra.
- Hilozoísmo: bautizado así por Ricardo Carvalho Calero, o máximo representante e fundador da corrente hilozoísta foi Luís Amado Carballo (Proel, 1927; O galo, 1928). A presenza da natureza, as cores e a súa simboloxía, etc., aparecerán con frecuencia na obra do poeta pontevedrés.
- Neotrobadorismo: corrente que tenciona imitar a lírica medieval (recentemente descuberta), adaptándoa á estética daquela altura. Fermín Bouza-Brey (Nao senlleira, 1933) e Álvaro Cunqueiro (Cantiga nova que se chama riveira, 1933; Dona de corpo delgado, 1950; autor pertencente á xeración de 1936) foron os máis destacados poetas neotrobadorescos galegos.
- Neovirxilianismo: corrente que imita en certo modo a poesía dos clásicos greco-latinos. Aquilino Iglesia Alvariño e Xosé María Díaz Castro (este último autor non publicará ningún libro con anterioridade á Guerra Civil) son poetas neo-virxilianistas destacados.
- Surrealismo humanista: case o único cultivador desta corrente foi o seu fundador, Luís Pimentel. Os espazos cerrados, a sensibilidade pola dor allea, etc., son constantes na súa poesía.
- Surrealismo: en Galiza non existiu a corrente surrealista en si. Aínda así, algúns autores cultivárona esporadicamente, como Álvaro Cunqueiro (en Poemas do Si e do Non) ou Aquilino Iglesia Alvariño (en Corazón ao Vento).
No teatro, os autores da xeración de 1925 continuarán coa renovación levada a termo na época das Irmandades. Álvaro das Casas e Rafael Dieste son dous escritores teatrais sobranceiros desta xeración.
Tamén pertence á xeración de 1925 Eduardo Blanco Amor, destacado valor na renovación da prosa na posguerra.
[editar] A literatura galega na posguerra
O golpe de Estado do xeneral Francisco Franco e a consecuente Guerra Civil española (1936-1939) truncou toda esta produción literaria. Após da vitoria do bando nacional, a literatura en lingua galega esmorece. Tan só, na máis inmediata posguerra, se conta con testemuños teatrais de tipo folclórico, semellantes aos producidos na ditadura de Miguel Primo de Rivera (1923-1929). Será precisamente unha obra teatral o primeiro texto publicado en libro após da barbarie de 1936, a zarzuela ¡Non Chores, Sabeliña! (1943) de Xosé Trapero Pardo. O seguinte, o poemario de Aquilino Iglesia Alvariño Cómaros Verdes (1947). A modo de exemplo, pódese mencionar que entre os anos 1939 e 1950 non chegou a haber nin unha ducia de publicacións en lingua galega (polo menos na Galiza), e as que se produciron foron obras fundamentalmente de ámbito rural.
Esta situación de escasísima produción (e publicación) literaria comezará a mudar a partir de 1950, ano no que aparece, da man de Ramón Piñeiro, Xaime Isla Couto e Celestino Fernández de la Vega a editorial Galaxia.
[editar] A literatura de posguerra no exilio e na diáspora
A partir de 1936, e durante as décadas de 1940 e 1950, a literatura galega non estivo morta, senón que foi continuada polos autores galegos que, ou ben se viron na obriga de exilárense, ou ben estaban emigrados en América do Sur no momento no que estalou a guerra. A súa obra estará fortemente marcada polo drama da desfeita de Xullo de 1936. A maior parte da actividade literaria estaba concentrada en México e Bos Aires. Nesta última cidade os exiliados entraron en contacto cos que emigraran antes da sublevación militar (Eduardo Blanco Amor, Emilio Pita...) e comezaron a impulsar revistas, libros e reimpresións, para establecer deste xeito a continuidade dunha cultura ameazada. É así que condicionamentos como a extraterritorialidade, as dificultades editoriais e a carencia de público lector fagan adquirir á literatura galega do exilio características especiais: compromiso político galeguista e republicano, poesía narrativa dun forte compoñente autobigráfico, introdución da temática cívico-social na poesía e a mestizaxe cultural que engade elementos temáticos e estilísticos novidosos.
Na poesía, sobrancea o labor literario de Emilio Pita, Luís Seoane e Lorenzo Varela. Moi resumidamente, de Emilio Pita poderíase dicir que é o primeiro autor galego que traballou na corrente do socialrealismo, co seu poemario Jacobusland (1942), pese a que hai quen considera que o verdadeiro pai da poesía social galega contemporánea foi, precisamente, Seoane, a través do seu libro Fardel d'Eisiliado (1952). Canto a Lorenzo Valera, este posúe unha cativa obra en lingua galega no que se refire á cantidade, mais de moi alto nivel. En Catro Poemas para Catro Grabados (1944), tamén titulado María Pita e Tres Grabados Medievais, o poeta evoca o pasado glorioso de Galiza, conxuntamente con Luís Seoane, autor dos gravados que ilustran estas composicións. Tamén se pode achar en Lonxe (1954) a problemática social.
Na narrativa, podemos resaltar as novelas de Silvio Santiago e Ramón de Valenzuela. Canto ao teatro, existe un público galego que busca obras evocadoras do país que abandonara. Os temas sobre os que era imposíbel escribir na Galiza do interior (a represión sexual, a crítica ao franquismo...) serán tratados no exterior. Destacados autores teatrais galegos desta época foron Manuel Daniel Varela Buxán e Eduardo Blanco Amor (pese a que este último non publicou a súa obra dramática ata a década de 1970). A peza A Soldadeira (1956), de Seoane, merece ser nomeada con distinción dentro da dramática galega producida en América do Sur (concretamente en Bos Aires, Arxentina), debido (entre outras virtudes) á súa innovación estética.
No teatro, sobresae a figura de Manuel Varela Buxán, quen fundou en Bos Aires a compañía Aires da Terra. Castelao asistiu a unha función da obra de Varela Buxán Pola nosa culpa, e quedou impresionado pola acollida do público, o que motivou que lle confiase a estrea d'Os vellos non deben de namorarse.
[editar] A literatura de posguerra na Galiza interior. O papel de Galaxia
Como se dixo máis arriba, a situación da literatura galega comezará a mudar a partir de 1950. Neste ano, verá a luz a editorial Galaxia, elemento de cuantiosísima importancia dentro do proceso de recuperación cultural e do rearme do galeguismo producido na Galiza interior. A primeira publicación levada a termo por Galaxia non é outra que Antífona da Cantiga (1950), de Ramón Cabanillas. Os autores vinculados a esta editorial cultivarán con especial afinco o xénero do ensaio. Ensaístas da talla de Ramón Piñeiro, Celestino Fernández de la Vega, Xaime Illa Couto, Ricardo Carvalho Calero, Francisco Fernández del Riego, Xosé María Álvarez Blázquez ou Xoán Rof Carballo colaborarán con Galaxia. As traducións cobrarán a partir deste momento a mesma importancia que lles fora concedida durante os anos de 1920. Conseguirá Galaxia que moitos dos escritores en lingua galega da etapa de preguerra volten a publicar literatura no idioma de Galiza (Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo, Aquilino Iglesia Alvariño,...). E, a través da colección Illa Nova, os novos autores (Xohana Torres, Bernardino Graña, Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel María, María Xosé Queizán...) contarán cun medio no que poder publicar.
Durante a década de 1950 tamén terá un rol importante (e non sempre recoñecido) a editorial viguesa Monterrey. Nela publicará en 1953 Fermín Bouza-Brey a primeira edición da peza teatral de Gabriel Feixoo de Araúxo Entremés Famoso sobre da Pesca no Río Miño (1671) (tamén coñecida como A Contenda dos Labradores de Caldelas. Esta e outras obras saídas do prelo de Monterrey son fundamentais para a divulgación da literatura galega producida durante os Séculos Escuros.
[editar] A recuperación cultural e literaria na Galiza dos anos de 1960
Durante a década de 1960, Galiza verá acentuado o proceso de recuperación cultural que xa comezara no decenio anterior. Todo este proceso terá as súas repercusións na literatura. Así, no ano 1961 celebrarase o a primeira e única edición do Certame de Teatro do Miño e, dous anos despois, en 1963, no ano no que se celebra por primeira vez o Día das Letras Galegas, aparecerá a revista Grial, órgano de vital importancia no ámbito literario e cultural. Igualmente, entre 1963 e 1965, terán lugar as tres edicións dos Premios de Teatro Castelao. As agrupacións culturais a partir de 1960 van proliferar fortemente, o cal influirá sobre todo no teatro.
[editar] A narrativa a partir da posguerra
Se anteriormente se mostrou como o teatro e poesía contaron con testemuños en lingua galega durante a década de 1940, para coñecer a primeira obra narrativa (publicada na Galiza interior) posterior á desfeita de 1936 haberá que agardar ata o ano 1951, no cal sae á luz a novela de Ricardo Carvalho Calero A Xente da Barreira.
Os tres grandes narradores en lingua galega renovadores da prosa galega (á marxe da Nova Narrativa Galega) serán Álvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco Amor e Ánxel Fole. Trátase de tres grandes narradores, cultivadores de correntes diferentes. Así, pódese dicir do primeiro que se movía como prosista dentro do realismo máxico, o segundo na tendencia do socialrealismo e, o terceiro, combinaría as características do conto popular coa narrativa culta.
A partir da aparición da antes mencionada colección "Illa Nova" da editorial Galaxia, iranse coñecendo novos autores en prosa e en lingua galega. A maior parte deles encadraríanse dentro do movemento da Nova Narrativa Galega. Inspirada no Nouveau Roman francés, os escritores que se moven dentro desta tendencia posuíran unha serie de características comúns, sendo algunhas delas as enumeradas a seguir:
- utilización abundante do monólogo interior;
- débil delimitación entre o tempo o espazo, que fican indeterminados;
- fusión do mundo onírico co mundo real (os soños adquirirán importancia nestas novelas);
- presentación dun mundo violento e adverso para as personaxes, o cal lles crea desacougo;
- os protagonistas destas narracións son con frecuencia antiheroes;
- con frecuencia, cada vez que apareza unha reivindicación de tipo político, farase mediante o uso de trasuntos, símbolos...
Por outra parte, non existe un criterio unificado á hora de delimitar que autores pertencerían a este movemento. Neste artigo, considérase que pertencerían ao movemento da Nova Narrativa Galega os seguintes: Xosé Luís Méndez Ferrín, Carlos Casares, Camilo Suárez-Llanos (Camilo Gonsar), Xohán Casal, Xohana Torres, María Xosé Queizán, Gonzalo Rodríguez Mourullo e Xosé Neira Vilas.
[editar] A poesía a partir da posguerra
Como se viu anteriormente, o primeiro libro de poesía da posguerra publicado en Galiza foi Cómaros Verdes (1947), de Aquilino Iglesia Alvariño.
Como ben indica Xosé Luís Méndez Ferrín, no seu libro De Pondal a Novoneyra (1984), o caso da literatura galega posterior á Guerra Civil é anómalo, posto que agromarán asemade tres xeracións diferentes que non rompen esteticamente as unhas coas outras. Estas serían:
- A xeración de 1936: a dos autores nacidos entre 1910 e 1920.
- A Promoción de Enlace: formada por autores nados entre 1920 e 1930, que accederon á cultura nos anos 40, nun ambiente de extrema penuria material e intelectual e de illamento internacional, sendo así, en boa medida, autodidactas.
- A Xeración das Festas Minervais: a de escritores vidos ao mundo entre 1930 e 1940, e que se deron a coñecer nas Festas Minervais que organizaba a Universidade de Santiago de Compostela nos anos 50.
Aínda así, débese especificar que tres compoñentes da xeración de 1936 xa publicaran poesía con anterioridade ao alzamento antirrepublicano. Estes serían: Álvaro Cunqueiro, Aquilino Iglesia Alvariño e Ricardo Carvalho Calero. Estes autores, ao igual que o resto dos membros da súa xeración, foron educados nun ambiente de maior liberdade da que permitía o réxime franquista, o cal se verá reflectido na súa obra. Os membros da Promoción de Enlace (Luz Pozo Garza, Antón Tovar, Manuel Cuña Novás...) medraran nun medio adverso cultural e lingüisticamente, polo que comezarán a súa produción poética en español. As carencias formativas e de referentes europeos estarán presentes na súa poesía. Non acontecerá o mesmo cos membro da Xeración das Festas Minervais (Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Xosé Luís Franco Grande, Uxío Novoneyra, Xohana Torres, Manuel María...), que, como o grupo Nós, intentarán conectar novamente a súa produción literaria coa europea.
Por outra parte, as dúas correntes dominantes nesta etapa na poesía galega son:
- Por unha banda, a poesía social (ou socialrealismo), cuxo máximos representantes serían Celso Emilio Ferreiro e Manuel María
- Pola outra, a escola da Tebra, a cal se presenta como unha alternativa á poesía reivindicativa, e que estaría fortemente caracterizada polo clima de anguria do "eu lírico" e pola influencia da filosofía existencialista de Martin Heidegger e Karl Jaspers, así tamén pola obra de Jean-Paul Sartre e Albert Camus.
[editar] O teatro a partir da posguerra
Nos anos inmediatamente posteriores a 1939, o teatro galego camiñará polos mesmos vieiros que andara durante a ditadura de Miguel Primo de Rivera (1923-1930) ou, o que é o mesmo, o folclorismo e o ruralismo serán de novo as notas dominantes. Na década de 1940, chegarase mesmo a ver como os coros populares (é dicir, os encargados das representacións) se apropian dos textos dos autores que poderían resultar perigosos para o réxime franquista (ou, o que é o mesmo, estas obras serán representadas sen anunciar o nome dos seus autores). Durante a década de 1950 vese unha certa produción teatral, que pretende continuar co teatro da época das Vangardas. A profesora Laura Tato, no seu traballo "O teatro desde 1936" (2001), albisca unha outra liña, a do teatro de "anguria existencial", que neste artigo se relaciona coa Escola da Tebra da poesía.
A partir da década de 1960, a recuperación cultural influirá na normalización teatral. E isto non só se reflectirá na celebración xa arriba mencionados Certame de Teatro do Miño (1960) e dos Premios de Teatro Castelao) (1963-1965). En 1965, a través do Agrupación Cultural O Facho, xurdirá o Grupo de Teatro O Facho, dirixido por Manuel Lourenzo. Dous anos despois, en 1967, o propio Manuel Lourenzo porase, como cofundador, a cargo do Grupo de Teatro Circo, o cal recibe este nome por xurdir do Círculo de Artesáns da Coruña. Con estes dous grupos, pódese dicir que nace o chamado Teatro Independente, o cal pretendía devolverlle o teatro ao pobo, sen renunciar a posíbeis innovacións nin aos rigores estéticos e formais. Cabe especificar que, a diferenza do caso español, o teatro independente galego nace nas rúas, non nas universidades, o que favorece a súa difusión.
Como consecuencia do auxe do teatro independente, xorden en Ribadavia as Mostras de Teatro Abrente de Ribadavia, así denominadas por seren organizadas pola Agrupación Cultural Abrente. As oito edicións destas mostras, celebradas entre 1973 e 1980, gozaron dun importante éxito de público. Nelas participarán ou daranse a coñecer os integrantes da primeira xeración de dramaturgos profesionais en lingua galega, o grupo Abrente, cuxos máximos representantes son Manuel Lourenzo, Euloxio R. Ruibal, Francisco Taxes e Roberto Vidal Bolaño.
[editar] A literatura galega de finais do século XX
A partir da aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia, no ano 1980, a tesitura da literatura galega vai mudar acorde coa nova situación sociopolítica. Se ben para o caso da poesía haise que remontar ata a década de 1970; neste apartado tratarase sobre todo a literatura desde 1980 ata 1999.
[editar] A poesía de finais do século XX
Na década de 1970, concretamente a partir de 1975, comezarán a abrollar colectivos poéticos que continuarán coa recuperación cultural iniciada no decenio anterior. O primeiro en xurdir será Rompente, que pretendía, sen renunciar ao formalismo, unha conxunción entre a poesía intimista e social. Outro grupo destacado sería Cravo Fondo (1977), que, tomando a metáfora da obra ferriniana, buscaba como estética a conxunción entre a "pólvora e a magnolia". Grupos sobranceiros desta época tamén foron Loia, Dolmen, Alén...
Por outra parte, tense afirmado que a renovación da poesía galega nesta altura veu da man da publicación do poemario de Xosé Luís Méndez Ferrín Con Pólvora e Magnolias (1976) e do libro de Arcadio López-Casanova Mesteres (1976). Realmente, Mesteres publicouse en Valencia e a Galiza naquela altura só chegaron dous exemplares desta obra, polo que a súa difusión foi moi reducida. Ademais, hai quen aprecia en Ferrín a influencia do último Álvaro Cunqueiro e, o profesor Luciano Rodríguez Gómez ve en López-Casanova a de Aquilino Iglesia Alvariño. Tamén hai quen apunta a obra de Alfonso Pexegueiro Seraogna (1976) como "aguillón" desta mudanza, mais este poemario non abandona de todo a tendencia socialrealista.
Os autores da promoción dos oitenta serán os primeiros nos que se aprecie unha certa mudanza estética con respecto á poesía anterior. Estes escritores moveranse sobre todo na estela de Ricardo Carvalho Calero (erotismo, mundos míticos, simboloxía das cores...), sen desbotar a liña social (lémbrese, por exemplo, a Lino Braxe). Algúns dos autores destacados deste grupo xeracional son: Antón Reixa, Pilar Pallarés, Lois Pereiro, Chus Pato, Xosé María Álvarez Cáccamo, Miguel Anxo Fernán-Vello, Ana Romaní, Claudio Rodríguez Fer, Luísa Villalta, Henrique Rabunhal, Francisco Salinas Portugal,...
Por último, tense falado dunha promoción dos noventa, conformada polos autores que se deron a coñecer no decenio pasado. Realmente, a distinción entre a promoción dos oitenta e a promoción dos noventa responde a un criterio xeracional, posto que non existe unha grande diferenza entre a obra dos poetas da unha ou da outra promoción. Si se aprecia, a partir de 1990, unha maior presenza da poesía feminina. Algúns autores destacados deste grupo xeracional son Yolanda Castaño, Olga Novo, Emma Couceiro, Enma Pedreira, María Lado, Lucía Aldao, Estíbaliz Espinosa, Fran Alonso, Gonzalo Navaza,...
[editar] A narrativa de finais do século XX
Con posterioridade á Nova Narrativa Galega, apréciase na narrativa galega unha grande dispersión de estilos e tendencias. Nesta época, a produción neste xénero coñecerá unha máis que notábel ampliación temática, así como tamén un incremento na nómina de subxéneros (novela policial, novela histórica, novela pseudohistórica, novela infanto-xuvenil, novela de aventuras,...).
Se ben o elemento simbólico continuará a ser empregado, o seu uso será cuantitativamente menor nesta época. Tamén se acha a partir de 1980 unha certa dialéctica (e incluso confronto) entre o mundo rural e o mundo urbano. Por último, haise que referir á literatura de quiosco, a cal agromará con forza na década de 1980, cunha grande variedade temática (novelas do "Oeste", eróticas, policiais,...).
Narradores destacados desta época son, entre outros, Manuel Rivas, Suso de Toro, Carlos G. Reigosa, Xosé Carlos Caneiro, Xurxo Borrazás, Marilar Aleixandre, Xavier Docampo, Agustín Fernández Paz, Paco Martín, Tucho Calvo, Darío Xohán Cabana, Fina Casalderrey...
Pódese establecer unha clasificación dos escritores en prosa por promocións:
- Autores que xa comezaran a súa andaina literaria en obras incluídas na Nova Narrativa Galega, que xa tiñan unha extensa obra de calidade. Son Xosé Luís Méndez Ferrín e Carlos Casares.
- Primeira promoción: escritores nados nas décadas dos trinta e cuarenta (agás Anxo Rei Ballesteros), que comezan a publicar na década dos setenta. Son entre outros: Xosé Fernández Ferreiro, Paco Martín, Alfredo Conde, Xavier Alcalá, Anxo Rei Ballesteros...
- Segunda promoción: escritores nados nas décadas dos corenta e cincuenta (agás Antón Risco) que comezan a publicar o máis salientable da súa produción na década dos oitenta. Entre eles: Xosé Manuel Martínez Oca, Xesús Rábade Paredes, Úrsula Heinze, Tucho Calvo, Víctor Freixanes, Darío Xohán Cabana, Suso de Toro, Antón Risco, Xosé Cid Cabido, Manuel Rivas, Marilar Aleixandre, Miguel Anxo Murado (este último, nacido nos anos sesenta, comeza a publicar nos oitenta)...
- Terceira promoción: escritores nados nas décadas dos cincuenta e sesenta, que comezan a escribir na teñen o groso da produción na década dos noventa. Algúns deles: Xosé Miranda, Xelís de Toro, Gonzalo Navaza, Ramón Caride, Xosé Carlos Caneiro, Xurxo Borrazás...
[editar] O teatro de finais do século XX
Nesta época, no xénero teatral, sucederá un feito ben curioso. Se na poesía e na narrativa as mudanzas estéticas virán dadas polos autores das novas xeracións, no teatro serán os dramaturgos do grupo Abrente os auténticos artífices do cambio. Finalizadas as Mostras de Teatro Abrente de Ribadavia en 1980, e coa aprobación do Estatuto de Autonomía nese mesmo ano, ábrese un novo marco para a creación teatral. Nese mesmo ano, aparecería na Coruña a Sala de Teatro Luís Seoane, a primeira sala de teatro estábel de Galiza, clausurada en 1988. En 1984, financiado pola Xunta de Galicia, e cun orzamento inicial de 25 millóns de pesetas, fúndase o Centro Dramático Galego(CDG). Iníciase, polo tanto, a etapa do teatro institucional. En 1989, aparecería o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM). Aínda así, pese á existencia deste teatro institucional, os grupos amadores seguirán a dominar no panorama dramático galego. De feito, a profesora Laura Tato, no seu traballo "O teatro actual" (1998), afirma que, na primeira metade da década de 1990, Galiza só contaba con catro compañías profesionais á marxe do CDG. Derivado desta situación, chégase a tesituras realmente kafkianas. Así, por pór un exemplo, un dos dramaturgos e actores máis experimentados, Manuel Lourenzo, engrosou, ata a súa aparición nunha coñecida serie televisiva, a listaxe de amateurs.
Canto aos novos creadores, está xeralmente admitida a existencia dunha promoción dos oitenta e mais dunha promoción dos noventa. A pesar disto, non todos os estudosos teatrais coinciden en fixar os mesmos límites para o inicio e a fin das mesmas. Son novos autores desta fin de século, entre outros: Henrique Rabunhal, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xesús Pisón, Raúl Dans, Cándido Pazó, Miguel Anxo Murado, Quico Cadaval, Lino Braxe, Marcos Orsi, Ana Vallés, Imma Antonio Souto, Xosé Luís Sendón...
[editar] O ensaio de finais do século XX
O ensaio non tivo moita actividade, aínda que aparecen signos de recuperación coa aparición de autores como Ramón Máiz, Xusto García Beramendi, Pegerto Saavedra, Xosé Ramón Barreiro ou Ramón Villares. Os eidos nos que o ensaio concentra unha grande actividade son os da lingua e literatura galega con obras como Problemas da língua galega (1981) e Da fala e da escrita (1983) de Ricardo Carvalho Calero; Informe(s) sobre a lingua galega. Presente e pasado (1991) de Xesús Alonso Montero; De Pondal a Novoneyra (1984) de Xosé Luís Méndez Ferrín, etcétera. Tamén cabe salientar a dous autores que orientaron a súa produción cara o ensaio teolóxico e antropolóxico: Andrés Torres Queiruga, quen escribiu obras como Nova aproximación a unha filosofía da saudade (1981); e Xosé Chao Rego, autor de traballos sobre a identidade galega como Eu renazo galego (1983) e Para comprendermos Galicia (1987).
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía
- Darío Xohán Cabana, Xosé Luís Méndez Ferrín (2006), De Manuel María a Ferrín: a grande xeración, A Coruña: Real Academia Galega. ISBN 84-87987-65-6.
- Xulio Pardo de Neyra (2005), A introdución do vangardismo na literatura galega, A Coruña: Edicións Espiral Maior. ISBN 84-96475-07-7.
- Ricardo Carvalho Calero (1981), Historia da literatura galega contemporánea. 1908-1936, Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-391-5.
- Francisco Rodríguez (1990), Literatura galega contemporánea. Problemas de método e interpretación, Vigo: Edicións do Cumio. ISBN 84-87126-23-5.
- Xulio Pardo de Neyra (2006), Literatura galega de vangarda. A iconoclastia rupturista dos primeiros manifestos galegos, Santiago de Compostela: 3C3 Editores. ISBN 84-934890-9-3.
- Carlos L. Bernárdez, E. X. Insua, X. M. Millán Otero, M. Rei Romeu, L. Tato Fontaíña (2001), Literatura galega. Século XX, Vigo: Promocións Culturais Galegas / A Nosa Terra. ISBN 84-95350-33-5.