Os vellos non deben de namorarse
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Os vellos non deben de namorarse é unha das pezas máis populares do teatro galego. A obra foi escrita "para regalía do pobo galego" por Castelao, na cidade de Nova York, como remedio para "matar as horas de morriña".
Estreouse en Bos Aires no ano 1941 e, dende aquela, non deixou de representarse. En verbas do autor esta obra foi froito da combinación de dúas sensibilidades: a literaria e, tamén, a imaxinación plástica do pintor.
A obra, escrita coa convición de que o redundante -recurso que na literatura galega se presenta frecuentemente e que ten raíz popular- ten sumo valor expresivo, foi dirixida na súa primeira representación polo propio Castelao, quen amais da escenografía. O carácter repetitivo de Os vellos non deben de namorarse baséase no feito de ser unha triloxía, composta por tres versións (lances), encadradas entre un prólogo e un epílogo, dun mesmo esquema dramático.
Castelao escribiu primeiramente o terceiro lance contando, coma nos outros dous, a historia dun vello que se namora dunha moza. Os personaxes son personaxes-tipo, equivalentes, inda que de diferente extracción social, que compoñen historias pechadas e xustapostas. Ó final da obra, un epílogo reúne os tres vellos mortos no cemiterio, para que eles nos conten o propósito da farsa.