A poesía de vangarda
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A poesía de vangarda. Contexto histórico e cultural.
Do punto de vista histórico, o primeiro terzo do século XX caracterízase por grandes tensións e enfrontamentos entre as potencias europeas. Ademais da I Guerra Mundial (1914-1918), terá lugar a Revolución Soviética, abrindo esperanzas para un réxime económico diferente, esperanzador para o proletariado e para os sectores máis desfavorecidos da sociedade. Tras os "felices" anos 20, época de desenvolvemento e prosperidade económica, terá lugar o grande desastre da bolsa de Wall Street (1929) e volverá unha época de recensión e conflitos que, unidos ás difíciles condicións impostas ós vencidos da Grande Guerra, provocarán a xestación dos sistemas totalitarios (fascismo e nazismo) que conducirán á II Guerra Mundial. Do punto de vista cultural, estamos nunha época dominada polas transformacións e o progreso científico e tecnolóxico (a aparición do automóbil e do avión, o cinematógrafo,...). O principal valor será, pois, o da modernidade, o da substitución do vello e caduco polo novo e orixinal. No aspecto literario, era precisa unha fonda renovación que superase o Romanticismo, o Realismo e o Simbolismo e o Impresionismo precedentes. Desta vontade de ruptura co anterior, de loita contra o sentimentalismo, de exaltación do subconsciente, do irracional, da liberdade, da paixón e do individualismo nacerán as vangardas nas primeiras décadas do século XX.
Índice |
[editar] Caracterización das vangardas
O termo vangarda pertence ao léxico militar, designando a parte do exército máis adiantada, a que baterá primeiro co inimigo, a "primeira liña" de combate. No terreo artístico é, pois, a "primeira liña" da creación, a renovación radical nas formas e contidos para, ao mesmo tempo que se substitúen as tendencias anteriores, enfrontarse co estabelecido, por consideralo obsoleto. Unha das súas características é a actitude provocadora, publicando Manifestos nos que se ataca todo o producido anteriormente, que se desbota por desfasado, ao mesmo tempo que se reivindica o orixinal, o lúdico, desafiando os modelos e valores existentes ata o momento. Aparecen deste xeito os diferentes Ismos (futurismo, dadaísmo, cubismo...), isto é, diversas correntes vangardistas con diferentes fundamentos estéticos, mais cun denominador común:
1. A loita contra as tradicións, procurando a novidade e a liberdade. 2. O carácter experimental e a rapidez con que se suceden unhas propostas tras outras.
Na pintura vai ser o momento da fuxida da arte figurativa, na procura da arte abstracta, suprimindo a personificación. Transmítese tamén agresividade e violencia, violentando as formas e utilizando cores rechamantes. Aparecen os deseños xeométricos e a visión simultánea de varias configuracións dun obxecto. Na literatura, e concretamente na poesía, o texto vai ser construido a través da simultaneidade e xustaposición de imaxes. Rómpese tanto coa estrofa, puntuación e cómputo silábico dos versos como coa sintaxe, alterando por completo a estrutura tradicional das composicións. Aparece o "caligrama" ou poema escrito mediante "imaxes visuais" pretendendo tachar coa lóxica sucesividade do feito escrito ou lido.
[editar] Principais movementos de vangarda
[editar] Futurismo
Nace en 1909, data en que se publica un Manifesto asinado por Marinetti. Como ben informa o seu nome, trátase dunha exaltación da máquina, da civilización industrial, do "moderno", no que se inclúe a guerra, a violencia, a forza, a velocidade, o desprezo á muller,.... Ademais do seu importante desenvolvemento en Italia, país no que algunhas das súas ideas e autores serán utilizados polo fascismo, tivo un grande auxe en Rusia, lugar no que deu orixe a unha serie de grupos que se enfrontaban á tradición realista do XIX, representada por Tolstoi ou Dostoievski. Entre os autores máis importantes desatacan Maiakovsky (ruso) e Almada Negreiros (portugués).
[editar] Dadaísmo
A palabra dadá foi usada por primeira vez en 1916, nunha publicación de Zúrich titulada Cabaret Voltaire. Con este mesmo nome existía nesa cidade un cabaré no que artistas plásticos e literatos oferecían diferentes propostas ao público, caracterizadas pola súa radicalidade. O dadaísmo, fundado por Tristán Tzara sen a utilización de ningún Manifesto, é unha corrente nihilista, antirracional, destrutora das bases da sociedade á que se opón violentamente, negando mesmo a idea da autoría e do proceso creativo. É o azar, a casualidade, o que vai producir unha determinada obra artística. De alí que unha das técnicas máis usuais sexa a do collage. Bo exemplo das súas provocacións é a exposición celebrada en 1920 en Colonia, na que entregaban un martelo aos visitantes para destruíren as obras que non lles gustasen.
[editar] Cubismo
Nace en 1907, data da obra 'As señoritas de Avignon' de Pablo Picasso. Xorde, pois, como estola pictórica, caracterizada pola descomposición da realidade en figuras xeométricas e a representación simultánea de varias perspectivas dun mesmo obxecto. A nivel literario pretende salientar a idea de simultaneidade, dando lugar a unha disposición tipográfica especifica baseada nos "Caligramas" de Guillaume Apollinaire, en realidade, poemas que combinan a plástica, o debuxo e a imaxe visual, coa letra escrita.
[editar] Surrealismo
En 1924 André Breton publica o Primeiro Manifesto Surrealista. A súa pretensión é conseguir a escrita automática, o fluxo do subconsciente liberado de todas as presións sociais e culturais. A influencia da psicoanálise e das obras de Freud é evidente, e na súa base reside a idea de conseguir mudar a sociedade. Para iso, a escrita debe ser pura, reflectindo unicamente aquilo que pensamos, sen correccións nin rectificacións impostas pola "autocensura" que todas e todos exercemos. Paul Elouard e Antonin Artaud son representantes destacados deste Ismo na Literatura. Noutras artes salientan figuras tan coñecidas como Luis Buñuel ou Salvador Dalí.
[editar] Creacionismo
O seu principal representante é o poeta chileno Vicente Huidobro, que deixou pegadas na obra de Manuel Antonio. Este Ismo céntrase na reivindicación do poema como pura recreación interior, sen ningunha imitación da realidade, pois no proceso de elaboración "créase" a verdadeira realidade. Debemos compoñer poemas do mesmo xeito que a natureza crea as árbores. Na súa estética destaca o uso da imaxe, non unha imaxe tradicional, senón a imaxe vangardista, irracional, ilóxica, sen relación aparente entre o referente real e o elemento evocado.
[editar] Ultraísmo
É un Ismo propio da literatura española que recolle elementos de diferentes torrentes vangardistas procurando a súa non exclusión. A súa estética está baseada tanto na imaxe como na metáfora.
[editar] Neotrobadorismo
Este nome emprégase para as obras do século XX que recrean o trobadorismo medieval galego-portugués, aínda que algúns autores non o consideran un movemento de vangarda por non ter presentes as características da poesía vangardista, salvo no caso de Cunqueiro que mestura vangardismo e a recreación das cantigas medievais.