Paco Martín
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Francisco Martín Iglesias é o nome de nacemento do escritor galego Paco Martín, nado no barrio de Recatelo (Lugo) o 22 de febreiro de 1940.
Mestre de ensino primario até a súa xubilación. Dirixiu o semanario Axóuxere, publicou a súa primeira obra en 1971, dunha escolma de pequenas pezas narrativas que leva por título Muxicas no espello. Data de 1976 a súa primeira novela No cadeixo, finalista do Premio Galaxia de novela convocado en 1975 con motivo dos 25 anos da editorial. En 1981 publicou a novela E agora cun ceo de lama.
Moi coñecido na literatura infantil galega e traducido a varias linguas por Das cousas de Ramón Lamote (1985), que aportou a historia da literatura galega a entrañable figura de Lamote, amais de aportarlle ao autor o Premio Nacional de literatura infantil 1986 e de lle ter proporcionada merecedia sona fóra das fronteiras de Galiza, e sobretodo grazas á tradución española que correu por Latinoamérica. Escribiu tamén Lembranza nova de vellos mesteres (1988), Servando I rei do mundo enteiro (1990), Tres historias para ler á noite (1992). Recolleu adiviñas galegas que publicou en O libro das adiviñas (1975) e ¿Que cousa é cousa?... Libro das adiviñas (1985). Doutra banda, ten sido un dos pioneiros da escrita de libros de texto en galego da súa autoría son os libros Lúa Nova 1 e 2 (1978) e máis tarde Galego 1 e 2 (1985).
No 2006 saíu ao mercado o seu novo libro "A bisneta lercha", que, baseándose no conto tradicional, tenta dar un novo pulo a escritura de fábulas.
En 2008 publicou unha secuela de Das cousas de Ramón Lamote, titulada Das novas cousas de Ramón Lamote.
[editar] Obra
- Muxicas no espello, 1971
- No cadeixo, 1976.
- E agora cun ceo de lama, 1981.
- Das cousas de Ramón Lamote, 1985. Premio Nacional de literatura infantil en 1986. Mención na lista de White Ravens.
- Lembranza nova de vellos mesteres, 1988
- Servando I rei do mundo enteiro, 1990
- Dende a muralla, 1990
- Tres historias para ler á noite, 1992.
- A bisneta lercha, 2006.
- Sabeliña e os ratos, 2007.
- Das novas cousas de Ramón Lamote, 2008.
[editar] Etnografía
- O libro das adiviñas, 1975
- ¿Que cousa é cousa?... Libro das adiviñas, 1985