Cruceiro
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
- Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Cruceiro (homónimos).
Un cruceiro é un monumento relixioso constituído por unha cruz de pedra, cunha ou varias imaxes, elevada sobre unha columna asentada sobre unha plataforma e situado, normalmente, en lugares públicos, principalmente encrucilladas, beiras de camiños, adros de igrexas, etc., lugares nos que ás veces existían xa cultos pagáns á natureza (teoría xa proposta por Murguía e mantida por case tódolos autores).
O cruceiro é un dos monumentos máis fortemente enraizado na nosa terra e na nosa cultura, intimamente vencellado á paisaxe rural galega. Xorde nos máis inesperados rincóns e constitúese en obxecto de respecto e devoción populares. Hoxe séguense a esculpir e plantar en prazas, xardíns e propiedades particulares pero xa cun obxectivo decorativo nada máis.
Non se coñece o número dos existentes en Galicia. Clodio González Pérez di que pasan dos 10.000, entre cruces e cruceiros [1]. A Universidade da Coruña, que está realizando desde 1993 un inventario concello a concello, estima o número en "al menos 12.000" [2]. A Bretaña francesa contaría cuns 9.000, segundo o inventario que realizou Yves Castel en 1980.
A modo de exemplo, hai catalogados "case 140 cruceiros, cruces e petos" no Porriño [3], 118 en Rianxo [4], "algo más de 300" en Vilalba [5], máis de 250 na comarca de Pontevedra [6].
A distribución por provincias é desigual, observándose unha maior abundancia nas provincias da Coruña e Pontevedra e sendo escasos en Lugo e Ourense.
Índice |
[editar] Clasificación
A efectos dunha máis sinxela análise, cómpre diferenciar na denominación común de cruceiro as seguintes tipoloxías:
- as cruces, sen máis elementos figurativos.
- os cruceiros propiamente ditos, cos elementos que se describirán a seguir.
- os cruceiros de capeliña ou cruceiros de loreto, nos cales o capitel está substituído por unha furna ou capeliña en pedra con imaxes no seu interior. Este tipo de cruceiros agrúpanse case todos na zona occidental da Coruña.
Mención á parte merecen os petos de ánimas, outra mostra tipicamente galega da escultura relixiosa pero de características propias.
[editar] Orixe
Xa desde os principios do cristianismo se buscou unha sacralización dos lugares de culto pagán ou sospeitosos de ter tal culto. Con ese obxectivo colocáronse cruces sobre pedras con algunha simboloxía, sobre menhires ou pedras significativas [7]. Outro exemplo desta intención cristianizante témolo no cruceiro de Presqueira (Baños de Molgas), levantado sobre un petróglifo. Por outra banda, están as cruces colocadas sobre miliarios romanos, das que aínda quedan exemplos como o cruceiro de Foncuberta, en Maceda (Ourense).
En calquera caso, parece aceptarse unanimemente a teoría de Castelao de que os cruceiros son unha creación gótica [8].
A orixe dos cruceiros, tal como os entendemos hoxe, pode situarse na segunda metade do século XIV[9] ou xa no século XV. O seu maior desenvolvemento produciuse no século XVII, se ben non foron realmente valorados e estudados ata ben entrado o século XX, a partir dos exhaustivos traballos de Castelao sobre as cruces de pedra en Galicia e na Bretaña [10].
Castelao defendía a tese de que os cruceiros foron introducidos en Galicia por influencia das viaxes de San Vicente de Ferrer, que estivo por terras galegas en 1412 e trouxo o modelo das cruces de termo levantinas. Tamén viaxou pola Bretaña francesa en 1419, onde morreu, o que lle permite explica-la semellanza entre os cruceiros galegos e bretóns. Segundo esta teoría, terían sido os bretóns peregrinos a Santiago de Compostela os que trouxeron e levaron estilos e iconografía.
O cruceiro máis antigo que se conserva (o de Melide, do século XIV) é unicamente unha cruz sobre unha columna moderna, do que Castelao deduce que, en orixe, os nosos cruceiros eran só cruces de pedra que se trasladaban dun lugar a outro ata asentarse nalgún momento sobre unha pedra ou sobre un pedestal. Da mesma época son tamén os cruceiros (realmente, cruces) das Ribeiras do Sor (en Mañón) e o de Neda.
[editar] Evolución
Co século XVI veu unha redución da carga figurativa e a simplificación da cruz. Simultaneamente, os cruceiros van estendéndose ó longo da Galicia rural para ir aparecendo en aldeas e lugares remotos.
No concilio de Trento (1545-1563) acórdase, entre outras cousas, que existe un purgatorio no que as almas deben redimirse dos seus pecados antes de poder ascender ó ceo. Tamén se acepta, no que agora nos interesa, que os familiares e amigos vivos do difunto poden interceder polo seu perdón mediante penitencias e obras piadosas. Deste xeito comezan a construírse cruceiros pagados por persoas que buscaban gañar indulxencias para si mesmo ou para as súas persoas queridas. Así queda ben reflictido nun cruceiro de Fornelos de Montes que un tal José Benito Correa Alemparte mandou facer "por perdón de Dios y para los herederos de mi hija María, muerta de mala muerte".
Igualmente, os cregos das ordes mendicantes, especialmente franciscanos e dominicos, estenden nas súas prédicas a idea do purgatorio e incitan ós veciños a costea-la construción de cruceiros, entre outras formas de facer esmolas.
Vexamos outros exemplos:
- DEVOTOS A / MIGOS ES / TAMOS AR / DIENDO EN / TRE LLAMAS / VIBAS DE PE / NOSO FVEGO / CON BVES / TRA LIMOS / NA SE ALI / VIA EL SFR / MENTO (Cruceiro de Estribela, Lourizán, Pontevedra).
- MANDAZER / ESTA CRVZ / AÑO DE 1719 /// FRANO OS / SNO / ORACIN / PIAS ANIM (Cruceiro de Barcia de Mera, Covelo).
- ESTE CRUCERO HIZO / A SU COSTA DE O. Mo. Rz. / RUEGUEN A DIOS PR / LAS ANI / MAS (Cruceiro de Salcidos, A Guarda).
- MANDO HAZER / I PINTAR VN DEVOTO / AÑO DE 1732 / PIDE VN AVEMARA / POR LAS ANIMAS DE PVR / GATORIO (Cristo de Torroso, Mos)
- RVEGEN A DYOS P / OR QUEN HIZO EST / A OBRA AÑO DE DCI (Cruceiro do Calvario, en Sárdoma, Vigo).
Castelao recolle así esta intención expiatoria dos cruceiros:
Onde hai un cruceiro houbo sempre un pecado e cada cruceiro é unha oración de pedra que fixo baixar un perdón do Ceo, polo arrepentimento de quen o pagou e polo gran sentimento de quen o fixo (Cousas, Castelao.
Desta época (século XVI) datan moitos dos cruceiros galegos, como os da Virxe dos Remedios (en Muros, 1586), o de Fondo da Vila (Padrón, 1587), o de Ferreiros (O Pino, 1622), o do Campanario (Vilagarcía de Arousa, 1683) ou o de Ansemil (Silleda, 1698), entre outros moitos.
Entre os séculos XVI a XVIII segue a expansión dos cruceiros por toda Galicia e adquiren cada vez máis carácter de obxecto de culto popular. A imaxinería barroca propia da época vai engadindo novos elementos ás figuras talladas e aumentando o dramatismo da escea representada, sobre todo segundo imos entrando no século XIX, coa representación da Virxe con Xesús morto no seu colo ou ben ela soa, cunha espada ou varios puñais cravados no peito. Deste estilo son, por exemplo, as obras de Manuel González Perdiz (autor dos cruceiros de Padrenda, Cenlle, Goiás de Lalín, etc.), André Castaño Castro ou de Xosé Cerviño García (autor do do Hío, en Cangas).
[editar] Estrutura
Estruturalmente, os cruceiros son esculturas en pedra de granito, coa cruz (a parte superior) esculpida normalmente nunha soa peza, aínda que os hai con imaxes engadidas á cruz. De altura variable, adoitan ter entre 3 e 5 metros da base ó cumio da cruz [11]. Moitas delas estiveron policromadas nun principio [12] e hoxe en día poden verse restos de policromía en moitos deles e, nalgún caso, a pintura renóvase ata a actualidade [13].
Salvo excepcións, os cruceiros están constituídos por unha única cruz, pero hai casos nos que atopamos grupos de tres cruces. Son os calvarios, nos que habitualmente só está tallada a cruz central e, ás veces, nin esta. Polo seu merecemento, cómpren destaca-los calvarios de Santa María, de Castro Barbudo (en Pontecaldelas) [3], o de San Martiño (en Bueu), o de Beade ou o de Bieite (Leiro) [4], moito máis simple.
A expresión simplificada do cruceiro é a cruz de pedra, soa, sen máis nada, pero resultan moito máis habituais os cruceiros máis elaborados. A tipoloxía dos cruceiros galegos é moi variada, segundo os recursos económicos da persoa que encargara a súa construción, pero basicamente consta dos seguintes elementos:
- O basamento ou plataforma dunha ou máis gradas, habitualmente tres, ás veces desigual para adaptarse á pendente do terreo. A basa adoita ser cuadrangular pero tamén as hai octogonais, triangulares e mesmo circulares. Hainos tamén -moi poucos- sen base ningunha.
- O pedestal, peza normalmente cuadrangular, cúbica, coas arestas achaflanadas. As caras poden ser lisas ou con algunha inscrición, na cara frontal. Esta inscrición permite coñece-la data na que se erixíu e o motivo, co nome de quen o encargou.
- Hai bases moi elaboradas, con caveiras, ósos, serpes e outros elementos decorativos e figurativos. Hai tamén un tipo particular que presenta un retablo ou peto de ánimas no pedestal que serve de base ó fuste (por exemplo, no cruceiro de Vilalonga, en Sanxenxo).
- O fuste: columna de sección cuadrangular, octogonal ou cilindrica; en ocasións pode ser torsionada [14] ou nodosa. Pode te-la superficie lisa, estriada ou acanalada, e non mostrar adorno ningún, pero é máis habitual que estea decorada con motivos diversos que representan a Paixón de Cristo (esqueira, martelo, tenaces, etc.) ou o pecado orixinal (caveira, serpe). En ocasións, tamén presenta outras figuras denominadas santiños, imaxes de santos que responden á devoción do lugar ou dos doadores.
- Outros nomes comúns do fuste son os de vara, varal ou esteo.
- O capitel, de complexa e variada composición, imitando os estilos arquitectónicos clásico, románico ou gótico, con volutas, follas, caveiras, anxos, santos, etc. En ocasións, o capitél é unha esfera que simboliza o mundo.
- A cruz, cun Cristo crucificado (só, coa Virxe, con anxos) na súa cara anterior, a orientada ó camiño principal, e a imaxe da Virxe ou de algún santo na súa cara posterior. Hai cruceiros especialmente decorados, como os de Hío, en Cangas, ou o Cruceiro do Home Santo, en Compostela.
- A cruz, como o fuste, pode ser de sección redonda, cuadrangular (con ou sen as arestas matadas), octogonal. Nalgún caso, imita o tronco dunha árbore. Os extremos dos brazos da cruz tamén poden ser moi simples, sen remate, ou máis ou menos complicados (bifurcados, florenzados, con follas, medallas ou outros adornos).
- O pousadoiro, unha mesa situada xunto á base do cruceiro. Este elemento só está presente nos cruceiros situados nun camiño sacramental ou nos camiños ó cemiterio, e servía para que a comitiva fúnebre puidera pousa-lo cadaleito e reza-los responsos ó morto. Nalgunha ocasión utilízase tamén como altar para celebrar misas ó aire libre, o que é máis común nos cruceiros bretóns.
[editar] Iconografía
As imaxes representadas nos cruceiros galegos son moi variadas pero podemos agrupalas nas seguintes tipoloxías:
- Xesús crucificado: a figura de Xesús na cruz é a imaxe máis característica, con variantes na expresión, na colocación de pés e mans, nos detalles anatómicos, na roupa que o cubre (pano de pureza, máis ou menos complicado), etc. Como excepción, no cruceiro de Melide represéntase a Xesús sedente amosando as mans, aínda que no anverso aparece crucificado.
- Unha variante pouco frecuente é a representación do Desencravo ou descendemento, momento no que a Virxe e os apóstolos, rematada a crucifixión, baixan a Xesús da cruz.
- Ferramentas da Paixón: trátase das ferramentas utilizadas na crucifixión de Cristo ou obxectos relacionados coa Paixón: o látego, a coroa de espiñas, os cravos, o martelo e as tenaces [15], a lanza, o cáliz no que se recolleu o sangue, a esqueira do desencravo, etc. Nalgún caso aparece un galo que representa as tres negacións de San Pedro.
- Habitualmente, a cruz está coroada cunha cartela coa inscrición INRI que, en moitos casos, estaba pintada e desapareceu co paso do tempo.
- A Virxe: aparece case sempre no reverso da cruz pero nos cruceiros de estilo gótico tamén pode estar ó pé da cruz, con San Xoán.
- A Virxe aparece representada en moi diferentes situacións, como Virxe-nai, co fillo no colo, ou como Virxe Dolorosa, co corazón atravesado por un ou varios puñais (tradicionalmente sete, lembrando os sete momentos máis dolorosos da súa vida [16]). Hai cruceiros que mostran o corazón fóra do peito da Virxe.
- Outras advocacións da Virxe que podemos ver nos cruceiros galegos son a Virxe da Soidade (cos dedos cruzados sobre o peito), a Inmaculada Concepción (en actitude orante e sobre anxos ou sobre os cornos da lúa), a Virxe do Socorro (co neno en brazos e golpeando ó demo, ós seus pés), a Asunción (entre dous anxos que a coroan), a Virxe do Carme, a Peregrina, a Virxe do Leite (dando o peito ó fillo), etc.
- Castelao recolleu unha ampla mostra das Virxes esculpidas nos cruceiros galegos en diferentes actitudes e advocacións [5].
- O Espíritu Santo está representado en contadas ocasións, na figura dunha pomba, como por exemplo no cruceiro gótico de Pazos, ou nun de Vilalonga (Sanxenxo)
- Santos e santas: a figura de San Xoán é común nos cruceiros góticos, situado ó pé da cruz, á esquerda (coa Virxe á dereita da cruz). Podémolo ver no cruceiro do Home Santo, en Santiago, no cruceiro de Neda e no cruceiro do Hío.
- Outros santos representados nos cruceiros son San Francisco [17] (cruceiro da praza de Fonseca, en Pontevedra ou o do Ponte Nafonso, hoxe en Noia); Santiago, San Pedro, San Xoán Bautista, Santa Lucía, Santo Agostiño, etc. Moitas veces trátase da imaxe dun frade.
- Normalmente, estas imaxes de santos están esculpidas no fuste, apoiadas en pequenas peañas. Os efectos da erosión e, moi probablemente, da acción humana foron borrando as liñas das imaxes facéndoas irrecoñecibles na maioría dos casos.
- Anxos: son frecuentes as cabezas de anxos, arcanxos e querubíns ós pés da Virxe ou nas catro esquinas do capitel. Máis raros son os anxos de corpo enteiro, e entre estes merece ser mencionado o do cruceiro da Ascensión, en Entenza (Salceda de Caselas), representado fronte a Xesús co cáliz nas mans para recolle-lo seu sangue.
- O Demo: a figura do demo non é frecuente e, cando existe, adoita toma-la forma dunha serpe ou dun mostro. Podémolo ver ós pés da Virxe, trala cruz, ou tamén no capitel, no fuste ou no pedestal, como unha serpe esculpida nun lateral ou enrolada no fuste. Cómpre cita-lo caso do calvario de Bueu, no que o demo aparece no capitel do ladrón malo, coa lingua de fóra e burlándose do espectador.
- Adán e Eva e o Pecado Orixinal: co barroco faise común a inclusión das figuras de Adán e Eva nos cruceiros, no momento da tentación (que se representa coa serpe ofrecendo a mazá a Eva) ou da expulsión do paraíso (con Adán e Eva conscientes do seu estado nu, avergonzados e expulsados por un anxo cunha espada de lume). O demo pode estar tamén representado en forma de píntega, animal tipicamente ponzoñoso na imaxinación popular galega.
- Como as figuras de Adán e Eva adoitan estar a media altura do fuste, hai autores que ven unha representación da árbore da vida ou árbore do paraíso, por debaixo deles, e da árbore da resurrección, entre eles e a cruz.
- A morte: aparece simbolizada cunha caveira (de onde lle vén o nome de calvario que tamén reciben estas esculturas, e particularmente o pedestal), por veces completada con dous ósos cruzados debaixo. Representa que a resurrección de Xesús vence a morte do pecado.
- Figuras non relixiosas: ocasionalmente, nos cruceiros aparecen tamén figuras non relixiosas. Así témo-los casos do cruceiro de Mourente (Pontevedra), no que un garda civil custodia a cruz, ou o de Santiago de Covelo, con catro grandes figuras que simbolizan a Agricultura, a Industria, as Artes e a Xustiza.
- No cruceiro de Fervenzas (Aranga, A Coruña), o doador do cruceiro figura axeonllado e rezando ós pés do Cristo, entre a Virxe e San Xoán.
[editar] Escultores
A maior parte dos cruceiros galegos son anónimos, non quedando constancia dos canteiros que os fixeron (tamén chamados santeiros). Resulta máis habitual sabe-lo nome de quen os encargou (o que abona a teoría de que a súa intención fose a de conseguir oracións para salva-las súas almas) e a data na que foron erguidos, porque no pedestal do cruceiro adoita constar inscrito. A seguinte relación, incompleta, recolle os nomes dalgúns dos santeiros coñecidos, xunto ós cruceiros que fixeron e a data. Nos máis recentes indícanse as datas de nacemento e morte.
- Xoán de Santiago (Fondo de Vila, 1587; Beiro (Cordeiro, Valga)).
- Xoán de Vilasó (Teaño, Boiro, 1589).
- Xoán Fernández (Berdoias, Vimianzo, 1616).
- Xoán de Bouzas Beiro (Pego, Meilide, Cerdedo, 1651).
- Xacinto Gómez (Os Ánxeles, Brión, 1765; Cea, Vilagarcía de Arousa, 1797).
- Xosé Bieito de Castro (Folgoso, Cerdedo, 1786).
- Esteban Gómez (Tioira, Maceda, Ourense, 1769).
- Felipe de Sa (finais do XVIII).
- José Ferreiro (natural de Noia, comezos do XX).
- José Couto (Ponteareas).
- Andrés Castaño Fernández (o Vello Santeiro de Chave, 1825-1914).
- Manuel González Perdiz (1833-1905), autor dos cruceiros de Padrenda, Cenlle, Goiás de Lalín, etc.
- Xosé Cerviño García (1843-1922), autor de, entre outros, o cruceiro do Hío. Tamén coñecido como Mestre Cerviño ou Pepe da Pena.
- Ignacio Cerviño Quinteiro (1820-1905).
- Andrés Castaño Castro (o Novo Santeiro de Chave, 1881-1961).
- Xosé Ferreiro Quireza (finais do XIX), autor do cruceiro de Aciveiro.
Os modernos canteiros seguen esculpindo cruceiros e en numerosos lugares, sobre todo chalets e xardíns e prazas públicas, podemos velos acabados de facer, con mellor ou peor fortuna. Escultores de sona, como Francisco Asorey ou Antonio Faílde, tamén seguiron este estilo [18].
[editar] Un patrimonio a conservar
Os cruceiros son unha mostra clara do noso patrimonio histórico, artístico, cultural e etnográfico que cómpre conservar. Non obstante, o estado de conservación dos cruceiros galegos, como todo o resto do seu patrimonio, é moi irregular. Hainos perfectamente conservados, protexidos, coñecidos e respectados por todos, pero só gozan desta situación os máis sobranceiros. Moito máis común é unha situación de protección teórica, establecida por lei, que non foi quen de evitar un sinnúmero de casos de destrución (accidental [19] ou provocada [20]) e de expolios, tanto de imaxes como do cruceiro completo. Tamén resulta desgraciadamente frecuente a presenza nas inmediacións do cruceiro de cables eléctricos, postes de luz, sinais de tráfico, contedores de lixo, marquesinas de autobús, etc.
Os cruceiros forman parte do Patrimonio Cultural de Galicia dunha forma expresa xa desde 1963 [21], que obrigaba ós propietarios a non realizar ningunha intervención neles sen autorización oficial, asimilaba o seu comercio ó das obras de arte e facía recaer nos concellos a responsabilidade de vixialos e conservalos.
A Lei do Patrimonio Cultural de Galicia [22] non menciona expresamente os cruceiros, pero inclúe dentro dese Patrimonio "os bens móbeis, inmóbeis e inmateriais de interese artístico, histórico, arquitectónico, paleontolóxico, arqueolóxico, etnográfico, científico e técnico" (art. 1º), asumindo a Comunidade Autónoma "a competencia exclusiva sobre o patrimonio cultural de interese de Galicia” (art. 2º) e lembrando a obriga dos concellos de “protexeren, defenderen, realzaren e daren a coñecer o valor cultural dos bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia que se ubiquen no seu termo municipal" (art. 4º). Fai tamén responsables "ós propietarios, posuidores e demais titulares de dereitos reais sobre bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia [que] están obrigados a conservalos, cuidalos e protexelos debidamente para segurar a súa integridade e evitar a súa perda, destrucción ou deterioración" (art. 25). Igualmente, establece que "os bens inventariados ... gozarán dunha protección baseada en evitar a súa desaparición, e estarán baixo a responsabilidade dos concellos e da Consellería de Cultura, que haberá de autorizar calquera intervención que lles afecte" (art. 54).
Crea tamén o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, pero este inventario aínda está sen facer polo que, por non saber, nin se sabe o número de cruceiros en Galicia e moito menos o seu estado de conservación. Moitos concellos teñen feito xa un inventario dos seus bens histórico-artísticos, sexa por necesidade de regulación dentro dos seus Plans de Ordenación Urbana, sexa por iniciativa municipal ou dalgún particular ou organización cultural local, pero tamén é certo que a experiencia demostra que moitos destes catálogos recollen cruceiros xa inexistentes ou son incompletos [23].
Desde 1993, a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, en colaboración coa Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña [6], está realizando un inventario pormenorizado de tódolos cruceiros e petos de ánimas galegos, coa creación dunha ficha de cada exemplar co plano de situación, fotografías e debuxos, descrición, datos históricos e etnográficos, estado legal, estado de conservación, etc. Xan Casabella, director deste proxecto de catalogación, explicaba a principios de 2007 que xa estaba feito o 80% do traballo [24].
[editar] Galería de imaxes
[editar] Os cruceiros na cultura popular
Os cruceiros son moito máis que unha manifestación de arte relixiosa, por máis que esa fose a razón orixinal da súa construción. Cumpren, efectivamente, unha función relixiosa, sacralizadora, dun determinado lugar, sexa certo ou non que alí se celebraran cultos pagáns, pero chegan moito máis aló. Tamén son moito máis que un simple fito xeográfico que marca un lugar ou unha linde entre parroquias. Son sinais de identidade da aldea ou da parroquia, lugares de encontro e de referencia na vida diaria da xente da aldea. Os cruceiros son obxectos sagrados e, por extensión, tamén o é lugar onde se levantan. Ante os cruceiros rezábase polas ánimas dos mortos, pero tamén pedindo axuda a Deus: lémbrese a lámina de Castelao no caderno Nós: "Non me fan xustiza, Señor" [7].
Ó redor dos cruceiros xurdiron ó longo dos séculos crenzas e supersticións, case sempre relacionadas coa morte de alguén -normalmente, violenta-, e buscouse neles protección contra o sobrenatural, especialmente contra a Santa Compaña [25], as meigas e a morte (quizais aí estea a razón da presenza de tantos cruceiros nas encrucilladas e nos camiños ó cemiterio). Erguéronse na praza da aldea para protección da xente e no campo da feira para a protección do gando.
O feito de erguelos naqueles puntos nos que tivo lugar unha morte violenta busca dar descanso á alma da víctima, propiciar que Deus a acolla e evitar que ande vagando polo lugar e poida producir algún dano ós viandantes.
Nalgúns cruceiros existiu o costume de soterrar ó seu pé os nenos mortos sen bautizar, como mostran as letras iniciais ou pequenas cruces gravadas na base do cruceiro.
Ó redor dos cruceiros naceron tamén tradicións, como o bautismo no ventre da nai (testemuñado nos cruceiros situados nas pontes [26]) e outras prácticas máxicas para cura-lo tangaraño (raquitismo) ou para buscar un embarazo. Identifican, deste xeito, lugares de curación máxica.
Xa mencionamos que algúns cruceiros posuían unha pequena mesa ó pé. Nesta mesa pousaban o cadaleito no camiño ó cemiterio mentres rezaban un responso. Tamén, noutros sitios, as procesións celebradas con ocasión da festa do lugar aproveitaban esta mesa para pousa-lo Santo e rezar, ou ben os participantes daban unha volta ó redor do cruceiro.
Aínda hoxe poden verse nalgún caso cirios colocados nos banzos da base, ou ofrendas de froitos, espigas de millo, flores, exvotos, que non son outra cousa que anónimos xestos de piedade.
[editar] Cantigueiro
- Se te volvo ver, Rosina,/ de noite xunto ó cruceiro,/ ou has de velar comigo/ ou durmir co compañeiro.
[editar] Lendas
Bouza Brey [27] recolle a seguinte lenda en torno ó cruceiro da Gándara, no lugar da Cerqueira (Santa Cristina de Vea, A Estrada).
- Cando o lugar da Cerqueira era todo unha carballeira, os lobos levaron unha meniña e os pais non foron quen de atopala, por máis que buscaron. Acodiron á Virxe de Aránzazu, na capela da Gándara, e despois de rezar volveron busca-la filla, atopándoa viva e sa, acariñando un lobo que tiña morto á beira. En sinal de agradecemento á Virxe mandaron construí-lo cruceiro e gravaron nel esta inscrición: “Xoán de Porto e Catalina de Ribeira, a súa muller, pagaron esta obra ano 1742. Ante este cruceiro unha salve pedimos por quen o mandou facer”.
Cóntase tamén que no lugar –hoxe deshabitado- de Fromariz, en Moncelos, Abadín (Lugo), puxeron un cruceiro porque alí se aparecían ós transeuntes estraños animais: unha vaca con sete becerros, unha cocha con oito ranchos, gatos que se enrodelaban nas pernas, etc. E disque que desde que puxeron o cruceiro xa non se aparece nada.
[editar] Referencias
- ↑ Gran Enciclopedia Galega, tomo 12, px. 236.
- ↑ La Voz de Galicia, 17.02.2007.
- ↑ Pérez Rego, David (2006): Catálogo de cruceiros, cruces e petos de ánimas do Porriño.
- ↑ Lois M. Blanco, La Voz de Galicia, 4.03.1993.
- ↑ La Voz de Galicia, 17.02.2007.
- ↑ La Voz de Galicia, 7.10.2006.
- ↑ Así temos, en Pedrouzos (Castro Caldelas) un penedo natural, chamado Pena do Pendón, sobre o que se colocou unha cruz; ou o Penedo de Queiroás, en Allariz, sobre o que se levantou un cruceiro.
- ↑ Teoría compartida por investigadores como Xosé Filgueira Valverde ou Xosé Carlos Valle Pérez.
- ↑ Filgueira Valverde menciona un cruceiro citado nun documento do arquivo da Catedral de Lugo, datado en 1215, pero é máis probable que se trate da referencia a un "castiñeiro" ou "carballo das cruces", que marcaban os lindes entre lugares ou parroquias, frecuentes na montaña luguesa ata hai pouco.
- ↑ Pero non se pode esquece-los precedentes de Bernardo Barreiro, quen publicou en 1888 La Cruz del Hombre Santo e en 1889 Monumentos populares: las cruces y los cruceros, textos nos que xa denunciaba o desinterese de intelectuais e gobernantes por estes monumentos.
- ↑ Tamén os hai moito máis pequenos, pero non é o habitual: O Cristo Pequeno, en Río Barba (O Vicedo), e a Cruz do Cano de Melchor, na mesma parroquia, miden pouco máis de un metro.
- ↑ Castelao afirmaba que todos foron policromados pero que a chuvia e o sol durante séculos terminaron por varre-la pintura. Risco discrepa desta tese insinuando que "cecáis sexa moito supoñer".
- ↑ Véxase, por exemplo, o cruceiro de Mourente, en Pontevedra.
- ↑ Un fermoso exemplo deste tipo de fuste en columna salomónica é o caso do cruceiro de Areas, en Adragonte (Paderne).
- ↑ Ve-lo cruceiro de Combarro, Poio, Combarro, en Poio.
- ↑ A profecía de Simeón, a fuxida a Exipto, a perda do Neno no Templo, a rúa da Amargura, a Crucifixión, o Descendemento e o Enterro.
- ↑ Lémbrese que os frades franciscanos foron os principais difusores dos cruceiros.
- ↑ De Faílde é o cruceiro do pazo de Vistalegre (Tui), labrado en 1957.
- ↑ Como tal, o cruceiro de Santo Tomé, en Cambados, do século XVII, quedou esnaquizado o 4 de outubro de 2007 por un camión que descargaba material nunha obra (La Voz de Galicia, 5.10.2007)
- ↑ Dous cruceiros en Carcacía (Padrón), un deles de 1719, foron derribados para anchear unha pista (La Voz de Galicia, 30.08.1987). Uns gamberros provocaron a caída da cruz do cruceiro da praza da Leña (Pontevedra) ó subirse nel, rompéndose en varios trozos (La Voz de Galicia, 16.07.1991).
- ↑ Decreto 571/1963, de 14 de marzo, sobre protección de los escudos, emblemas, piedras heráldicas, rollos de justicia, cruces de término y piezas similares de interés histórico-artístico (BOE nº 77, de 30.03.1963) [1].
- ↑ Lei 8/1995, de 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia (DOG nº 214, de 8 de novembro de 1995).
- ↑ Esta discrepancia entre os datos oficiais e os reais pode exemplificarse no caso do concello de Vilalba: segundo o Inventario do Patrimonio Cultural de Galicia había 118 cruceiros [2]. O inventario que está a realiza-la Universidade da Coruña contabilizaba a principios de 2007 "algo más de 300" (La Voz de Galicia, 17.02.2007).
- ↑ La Voz de Galicia, 17.02.2007.
- ↑ Porque a Santa Compaña, disque, fuxe dos camiños nos que se levanta un cruceiro.
- ↑ Tamén se recorría co mesmo fin ó cruceiro da Basílica de Santa María, en Pontevedra.
- ↑ BOUZA BREY, F. (1932): “Léndaa de lobos do cruceiro da Gándara”, en Nós 97, 15 de xaneiro de 1932, 20.
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía
- CASTELAO (1949): As Cruces de pedra na Galiza. Ed. Nós, Buenos Aires.
- CASTELAO (1974): As cruces de pedra na Bretaña. Sant-iago na Bretaña. Ed. Castrelos, Vigo.
- FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA E NÚÑEZ, Estanislao (1997): Cruces e cruceiros de ánimas de Galicia. Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía (AGCE), Vigo.
- GONZÁLEZ PÉREZ, Clodio (2003): "Cruceiro" en Gran Enciclopedia Galega, tomo 12, 236-244.
- IGLESIAS GRANDE, Cesáreo (2006): "Os cruceiros de Ourense", en Sementar (Revista Informativa para profesores de Relixión. Diocese de Ourense), Xaneiro 2006 nº 13 [8].
- PENAS BERMÚDEZ, Carme: As cruces de pedra no olvido [9]
- RISCO, Vicente (1962): "Etnografía: cultura espiritual", en OTERO PEDRAYO, Ramón (1962): Historia de Galiza. Ed. Nós, Bos Aires. Tomo I, 730-736.
- Burgoa Fernández, Juan José (2003), Los cruceros, el patrimonio etnográfico y el arte popular, Sada. Ediciós do Castro. ISBN 84-8485-101-X. (en castelán)
- Arribas Arias, Fernando, José Manual Blanco Prado e Mario Saavedra Pérez (2002), Cruceiros, cristos e cruces da Pastoriza, Sada. Ediciós do Castro. ISBN 84-8485-074-9.
- Arribas Arias, Fernando e José Manual Blanco Prado (2000), Cruceiros de Begonte, Cospeito e Rábade, Sada. Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-997-0.
- Arribas Arias, Fernando e José Manual Blanco Prado (1998), Cruceiros de Castro de Rei e Outeiro de Rei, Sada. Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-872-9.
- Arribas Arias, Fernando e José Manual Blanco Prado (1999), Cruceiros de Guitiriz, Sada. Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-916-4.
- Arribas Arias, Fernando e José Manual Blanco Prado (2004), Cruceiros, cristos e cruces de Xermade, Sada. Ediciós do Castro. ISBN 84-8485-147-8.
- Arribas Arias, Fernando, José Manual Blanco Prado e Mario Saavedra Pérez (2007), Cruceiros, cristos, cruces e esmoleiros de Abadín, Sada. Ediciós do Castro. ISBN 978-84-8485-254-4.
- Burgoa Fernández, Juan José (2005), Cruces, cruceiros e petos do Camiños Portugués en Galicia, Vigo. AGCE. ISBN 84-87904-37-8.
- Fernández de la Cigoña Núñez, Estanislao (2007), Cruces, cruceiros e petos do Concello de Mondariz Balneario, Vigo. AGCE. ISBN 978-84-87904-55-4.
- Fernández de la Cigoña Núñez, Estanislao (2007), Cruces, cruceiros e petos do Concello de Poio, Vigo. AGCE. ISBN 978-84-87904-57-8.* Fernández de la Cigoña Núñez, Estanislao (2006), Cruces, cruceiros e petos do Concello de Salceda de Caselas, Vigo. AGCE. ISBN 84-87904-43-2.
- Fernández de la Cigoña Núñez, Estanislao (2007), Cruces, cruceiros e petos do Concello de Poio, Vigo. AGCE. ISBN 978-84-87904-57-8.* Fernández de la Cigoña Núñez, Estanislao (2007), Cruces, cruceiros e petos do Concello de Soutomaior, Vigo. AGCE. ISBN 978-84-87904-56-1.
- Fernández de la Cigoña Núñez, Estanislao (2007), Cruces, cruceiros e petos do Concello de Poio, Vigo. AGCE. ISBN 978-84-87904-57-8.* Fernández de la Cigoña Núñez, Estanislao (2005), Cruces, cruceiros e petos de Redondela, Vigo. AGCE. ISBN 84-87904-35-1.
[editar] Outros artigos
[editar] Ligazóns externas
[editar] A Coruña
[editar] Lugo
- Cruceiros de Vilalba
- Catálogo dos cruceiros e cruces da Terra de Viveiro
- Cruceiros do Concello de Guitiriz
- Cruceiros, Cristos e cruces de Xermade
- Cruceiros, Cristos e Cruces da Pastoriza
- Catálogo de cruceiros da Terra Chá
- Cruceiros de Cospeito