See also ebooksgratis.com: no banners, no cookies, totally FREE.

CLASSICISTRANIERI HOME PAGE - YOUTUBE CHANNEL
Privacy Policy Cookie Policy Terms and Conditions
Aquiles - Wikipedia

Aquiles

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Aquiles (en grego antigo Ἀχιλλεύς / Akhilleús) é un heroe lendario da guerra de Troia, fillo de Peleo (rei de Ptía en Tesalia) e de Tetis, unha Nereida (ninfa mariña). Os textos refírense a el frecuentemente co nome de «Pelida» ou «Eácida», epítetos que remontan aos seus devanceiros Peleo e Éaco.

É un dos protagonistas d’A Ilíada de Homero.

Aquiles dando morte a un troiano)
Aquiles dando morte a un troiano)

Índice

[editar] Vida de Aquiles

[editar] A infancia

Un dos feitos da súa lenda que máis o marcan vén do desexo da súa nai de convertelo en inmortal. En seguida, os relatos difiren. Segundo Licofrón, Tetis ten sete fillos de Peleo, e guinda seis ao lume, porque non son inmortais e por despeito cara o matrimonio forzado con Peleo. O escoliasta de Homero afirma máis ben que os puxo no lume para que este consumise a parte mortal dos nenos (unha lenda semellante está asociada con Isis, na mitoloxía exipcia, ou a Demofonte de Eleusis). Segundo o gramático Xoán Tzetzes, esfrégao con ambrosía e mergúllao no lume pola noite.

Finalmente, a variante máis popular amósanola mergullando ao seu fillo nas augas da Estixia, o río dos Infernos, suxeitándoo polo calcañar. Así convértese en invulnerábel, coa excepción do calcañar polo que o sostivera a súa nai, cousa que deu lugar á expresión «calcañar de Aquiles», que significa «sitio vulnerábel, punto sensíbel». Sen embargo, non hai nada n’A Ilíada que permita aasinar que Aquiles é insensíbel aos golpes. Na Continuación de Homero de Quinto de Esmirna, é resulta ferido polo príncipe etíope Memnón (II, 410–411). Compre notar, polo demais, que Aquiles non é o único heroe grego considerado (case) invulnerábel: os Antigos conceden tamén ese privilexio a Áiax o Grande.

Aquiles aprende de Fénix, o fillo de Amíntor, a arte da elocuencia e o manexo das armas. Recibe leccións de medicina do centauro Quirón, quen o alimenta con entrañas de animais para lle conferir a súa forza, e con mel pola dozura.

Aquiles onda Licomedes
Aquiles onda Licomedes

Ante as advertencias de súa nai, quen lle dá a escoller entre unha vida curta e brillante e unha vida longa pero escura, responde que prefire a primeira. Aos nove anos, o adiviño Calcas predi que a súa fermosura e o seu coraxe, así como a protección de Hera e de Atenea, o fan indispensábel aos Gregos para obteren a vitoria. A súa nai, temendo pola súa vida, disfrázao de muller e escóndeo entre as fillas de Licomedes, rei de Esciros, a fin de subtraelo á presión dos guerreiros. Nesta ocasión leva o nome de ‘’Pyrrha’’, «a roxa». Dunha filla de Licomedes, Deidamia, coa que ha casar máis tarde, ten un fillo, Neoptólemo, tamén alcuñado Pirro, e que participa igualmente na guerra de Troia.

Unha argucia de Ulises obrígao a seguir aos gregos: disfrazado de comerciante, o rei de Ítaca proponlles ás fillas de Licomedes que proben uns tecidos preciosos e unhas armas. Aquiles descóbrese ao ser o único que probou as armas. Polo contrario, segundo Homero (Il., IX, 439), Aquiles é enviado directamente por Peleo, á fronte dos seus Mirmidóns.

Ávido de gloria e de fazañas, segue, pois, xunto co seu inseparábel amigo Patroclo, aos dous heroes gregos Ulises e Néstor e únense ao asedio de Troia. Ao inicio da guerra, segundo o Pseudo-Apolodoro, Aquiles ten quince anos, cousa que fai deste un dos máis xoves guerreiros aqueos.

[editar] En Troia

A Cólera de Aquiles, por Tiepolo (1757) Atenea detén a Aquiles, a piques de matar a Agamenón
A Cólera de Aquiles, por Tiepolo (1757)
Atenea detén a Aquiles, a piques de matar a Agamenón

Cando chegou a Troia, unha vez os Troianos parapetados tras das súas murallas, Aquiles dedícase a cortar o aprovisionamento da cidade. Á fronte das súas naves, ataca e reduce así once cidades de Asia Menor, tributarias de Troia. É nunha desas cidades, no décimo ano de sitio, cando recibe como botín a Briseida, mentres que Agamenón recibe a Criseida tras o saqueo de Tebas.

Neste momento é cando empeza a narración d’A Ilíada. Unha peste asola o campamento grego e Calcas, incitado por Aquiles, revela que Apolo castigou a Agamenón por terlle negado ao seu sacerdote, Crises, a devolución da súa filla Criseida. Obrigado a ceder, Agamenón, furioso, reclama outra parte de botín. Aquiles protesta e Agamenón, para humillalo, decide substituír a Criseida e toma a Briseida a bela prisioneira da que Aquiles se namorara. Enfadado, este último retírase á súa tenda e xura sobre o cetro de Agamenón, regalo de Zeus, non volver ao combate. Implora á súa nai que lle pida a Zeus que os troianos tomen vantaxe, en tanto el estea ausente do campo de batalla. Zeus concédello. Isto é o que resumen os primeiros versos d’ A Ilíada:

«Canta, deusa, a cólera do Pelida Aquiles,
maldita, que causou moitas dores aos aqueos
E fixo baixar ao Hades tantas vidas valorosas
De heroes, e eles mesmos serviron de pasto para os cans
E banquete para as aves: así cumpríase o plan de Zeus.»

Privados do seu apoio, os gregos sofren derrota tras derrota, e cando os gregos están acurralados e os troianos ameazan con queimaren as súas naves, o vello sabio Néstor convence a Patroclo, o amigo e amante de Aquiles, para que o substitúa. Patroclo obtén o permiso de Aquiles para salvar os gregos levando as súas armas. A manobra ten éxito pero Patroclo, malia a súa promesa a Aquiles, emprende a persecución. É matado por Héitor, que toma as armas de Aquiles como botín. Furioso e humillado — enganado por Patroclo —, Aquiles decide vingarse, malia as advertencias da súa nai: enfrontárase con Héitor, el ha morrer pouco tempo despois. Hefesto fórxalle novas armas, coas que sae á procura de Héitor.

Aquiles curando a Patroclo, kylix de figuras vermellas do pintor de Sosias
Aquiles curando a Patroclo, kylix de figuras vermellas do pintor de Sosias

Revestido coa súa armadura máxica, traba outra vez combate e abate un gran número de troianos ao seu paso, ata tal punto que as augas do Escamandro están manchadas de cadáveres. Ofendido, o Escamandro houbo de afogar a Aquiles. Por fin atopa a Héitor, desafíao e mátao coa axuda de Atenea. Arrastra os seus retos tres veces ao redor da cidade, cun carro que habitualmente guiaba Automedonte e cada día ao redor da tumba de Patroclo.

Aquiles fai porén proba de humanidade deixando ao rei Príamo virlle reclamar o corpo do seu fillo para lle ofrecer uns funerais dignos. Obedece así á súa nai, enviada polos deuses, descontentos polo trato inflixido as restos do heroe. Organiza deseguido os funerais e os xugos fúnebres do seu amigo Patroclo.

Pero os días de Aquiles están contados, morre pouco despois, ao pé das murallas de Troia, co calcañar, o seu punto débil, furado por unha frecha disparada por Paris (guiado por Apolo) ou polo mesmo Apolo. varios mitos diverxen en canto á súa morte: ben que tivo lugar no campo de batalla, ben no templo de Apolo, ao dispoñerse a traizoar os gregos para desposar a Polixena, filla do rei Príamo, da que se namorara. Os seus funerais cóntanolos no canto XXIV d’A Odisea a alma de Agamenón, así como no libro III das Posthoméricas de Quinto de Esmirna. As súas cinzas mesturáronse coas de Patroclo e de Antíloco nunha urna de ouro. Foi enterrado, en medio de choros e de xemidos, na ribeira do Helesponto e non coñeceu, xa que logo, a vitoria final dos gregos.

Malia o seu caracter receoso, Aquiles «o dos pés lixeiros» é considerado polos gregos igual ca un semideus, e venerado en templos que lle foron dedicados en Esparta e na Élide. Ten numerosas aventuras e atribúenselle numerosos amores.

[editar] Tras a súa morte

Homero, n’A Odisea, represéntao reinando sobre o prado do asfódelo no Hades, e moi desenganado. A Ulises que o felicita por reinar entre os mortos, respóndelle (XI, 488–491):

«Non tentes abrandarme a morte, nobre Ulises!
Preferiría estar na terra doméstica dun labrego,
Mesmo sen patrimonio e case sen recursos,
Que reinar aquí entre as sombras consumidas... »

Nunha variante do mito, unha des epopeas do Ciclo Troiano, A Etiópida, sae representado tras a súa morte como vivindo a vida ideal do guerreiro, na Illa Branca, en medio de innúmeros combates e de festíns eternos, casado con Medea, con Helena, con Ifixenia ou mesmo con Polixena. Píndaro, nas Nemeas (IV, 49-50), evoca pola súa banda unha illa «brillante» situada no Ponto Euxino. Eurípides retoma igualmente esta versión na súa Andrómaca (v. 1259–1262).

[editar] O nome de Aquiles

Aquiles frecuentemente é chamado «Pelida» ou «Eácida», epítetos que nos recordan a súa ascendencia. O nome de Aquiles propiamente dito é de etimoloxía descoñecida. No seu Dictionnaire étymologique de la langue grecque, Pierre Chantraine fai un listado das numerosas hipóteses avanzadas ao longo dos séculos. A cuestión en efecto xa se suscitou na Antigüidade: o Pseudoapolodoro explica así que o seu nome significa «o que non ten labios» (dun α privativo e de χεῖλος / kheĩlos, «labio»), «porque nunca aproximara os seus labios a un peito» (Biblioteca, III, 13, 6). Con todo, esta etimoloxía popular non ten base ningunha.

Unha das hipóteses máis convincentes, emitida por Leonard Palmer, dá ao nome do heroe o senso de «aquel cuxo exército está aflixido», de ἀχός / akhós, «a pena, a aflición», e de λαός / laós, «o exército, a tropa dos guerreiros». En efecto, a figura de Aquiles está estreitamente ligada coa pena: a que experimentaron os aqueos cando Aquiles se retira da batalla, e logo cando morre.

[editar] O culto de Aquiles

Tetis chora a morte de Aquiles, por Füssli (1780)
Tetis chora a morte de Aquiles, por Füssli (1780)

Aquiles é obxecto dun culto heroico en varias rexións do Mediterráneo. É difícil saber como naceu o culto, pois os cultos heroicos focalízanse polo xeral sobre a tumba do heroe. Así, os restos de Aquiles suponse que se atopan nas ribeiras do Helesponto, non lonxe de Troia: n’A Ilíada (XXIII), Patroclo é enterrado nese lugar, e o seu fantasma pídelle a Aquiles que as súas cinzas se enterren no mesmo sitio. A Odisea no seu canto XXIV confirma a cuestión.

Aquiles é venerado no Quersoneso de Tracia, na rexión de Olbia e en Tendra, así como en Leucé, illa identificada coa Illa Branca. Aí, os contos dos mariñeiros evocan aparicións do heroe. Esta asociación de Aquiles non debe estrañarnos: Aquiles é fillo dunha Nereida.

Ten templos dedicados (heróons) e con culto, especialmente en Esparta e na Élide. Certos poemas imaxínano seguindo unha radiante vida póstuma, ben na Illa Branca, no esteiro do Danubio, ben nos Campos Elíseos, rodeado de divindades coas que comparte a existencia e os praceres dentro dunha eterna ledicia, entrecortada con festíns e numerosos combates.

Algunhas inscricións a el dedicadas testemuñan un culto na rexión do mar Negro desde o século –V ata o período romano, onde é coñecido co nome de «Pontarca» (en grego, rei do Ponto). Un fragmento de Alceo (354 LP), recollendo a fraseoloxía destas inscricións, evoca a Aquiles reinando sobre Escitia (Ἀχιλλεύς ὀ τὰς Σκυθίκας / Akhilleús ho tàs Skuthíkas).

[editar] Aquiles como personaxe emblemático

Aquiles é un heroe exemplar. Así Alexandre o Grande compárase con el, laiándose por non ter atopado un Homero para cantar as súas propias fazañas. Na compaña do seu amante Hefestión, o conquistador sacrifica mesmo sobre a tumba de Aquiles e de Patroclo.

Atopámolo nas artes pero tamén na filosofía. Así por exemplo, Sócrates dedícase a relativizar a rectitude moral (a falta dunha envergadura intelectual suficiente, Aquiles non tería sido capaz de enganar a outro) por medio dunha comparación entre Ulises e Aquiles, dedicándose a demostrar que se Ulises era mentireiro, Aquiles non o era menos, so que menos hábil. Ao contrario, Píndaro loa a súa rectitude nunha das súas Nemeas.

[editar] Literatura

Aquiles é o heroe d’A Ilíada, pero tamén doutras epopeas do Ciclo. Pódense citar A Memnónida e A Etiópida de Arctino de Mileto, con influencias da primeira sobre a segunda, ao falar de Aquiles cando mata o heroe Memnón para vingar ao seu amigo Antíloco, tema moi comparábel ao combate contra Héitor para vingar a Patroclo. Estas dúas epopeas son probabelmente anteriores a Homero.

É tamén o heroe d’A Aquileida, un poema en latín inacabado de Estacio, que relataba a súa infancia.

[editar] Música

  • Aquiles e Polixena é a derradeira traxedia lírica de Lully, que non tivo tempo de compoñer máis que o prólogo e o primeiro acto. A suite foi rematada polo seu axudante Pascal Collasse.
  • Na súa ópera La Belle Hélène, Offenbach fixo del un guerreiro non moi malo, o «fervente Aquiles».
  • En 1992, o grupo de heavy metal Manowar escribiu e cantou unha canción inspirada na epopea de Aquiles, “Achilles, Agony and Ecstasy in eight Parts” no álbum The Triumph of Steel.

[editar] Cine

Aquiles foi encarnado no cine por:

  • Stanley Baker en Helene de Troia (1956) ;
  • Arturo Dominici en A Guerra de Troia (1962) ;
  • Brad Pitt en Troia (2004).

[editar] Fontes

  • Apolodoro: Biblioteca (III, 13, 5–8);
  • Apolodoro: Epítome (III, 14–16);
  • Apolonio de Rodas: Argonáuticas (I ; IV, 783–879);
  • Arctino de Mileto: Etiópida
  • Argonáuticas órficas (v. 387 e seguintes.);
  • Calímaco: Himnos (Apolo, v. 20) ;
  • Eurípides: Ifixenia en Áulide;
  • Hesíodo: Teogonía (v. 1007);
  • Homero: Ilíada (passim);
  • Homero: Odisea (XI, 467–540 ; XXIV, 16 e seguintes.);
  • Ovidio: Heroidas (III);
  • Ovidio: Metamorfoses (XI, 217–265 ; XII, 580–XIII, 398);
  • Platón, O Banquete;
  • Píndaro: Odas (Olímpicas, IX);
  • Quinto de Esmirna: Continuación de Homero (passim);
  • Os regresos
  • Estacio: Aquileida (passim);
  • Estásino: Cantos ciprios
  • Trifiodoro: A toma de Troia (passim);
  • Valerio Flaco: Argonáuticas (I, 133, 255 e 409).

[editar] Ver tamén

[editar] Artigos relacionados

[editar] Bibliografía

  • Anthony Edwards :
    • (en inglés) “Achilles in the Underworld: Iliad, Odyssey, and Æthiopis”, Greek, Roman, and Byzantine Studies, 26 (1985), pp. 215-227,
    • (en inglés) “Achilles in the Odyssey: Ideologies of Heroism in the Homeric Epic”, Beitrage zur klassischen Philologie, 171, Meisenheim, 1985 ;
  • Hélène Monsacré, Os larmes d'Aquiles. O heroe, a femme e a souffrance en a poésie d'Homero, Albin Michel, Paris, 1984 ;
  • Gregory Nagy :
    • O Meilleur des Aqueos. A fabrique do heroe en a poésie grega archaïque, Seuil, coll. « Des travaux », Paris, 1999,
    • (en inglés) The Name of Achilles: Quescións of Etymology and 'Folk Etymology', Illinois Classical Studies, 19, 1994.

[editar] Ligazóns externas

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre:



aa - ab - af - ak - als - am - an - ang - ar - arc - as - ast - av - ay - az - ba - bar - bat_smg - bcl - be - be_x_old - bg - bh - bi - bm - bn - bo - bpy - br - bs - bug - bxr - ca - cbk_zam - cdo - ce - ceb - ch - cho - chr - chy - co - cr - crh - cs - csb - cu - cv - cy - da - de - diq - dsb - dv - dz - ee - el - eml - en - eo - es - et - eu - ext - fa - ff - fi - fiu_vro - fj - fo - fr - frp - fur - fy - ga - gan - gd - gl - glk - gn - got - gu - gv - ha - hak - haw - he - hi - hif - ho - hr - hsb - ht - hu - hy - hz - ia - id - ie - ig - ii - ik - ilo - io - is - it - iu - ja - jbo - jv - ka - kaa - kab - kg - ki - kj - kk - kl - km - kn - ko - kr - ks - ksh - ku - kv - kw - ky - la - lad - lb - lbe - lg - li - lij - lmo - ln - lo - lt - lv - map_bms - mdf - mg - mh - mi - mk - ml - mn - mo - mr - mt - mus - my - myv - mzn - na - nah - nap - nds - nds_nl - ne - new - ng - nl - nn - no - nov - nrm - nv - ny - oc - om - or - os - pa - pag - pam - pap - pdc - pi - pih - pl - pms - ps - pt - qu - quality - rm - rmy - rn - ro - roa_rup - roa_tara - ru - rw - sa - sah - sc - scn - sco - sd - se - sg - sh - si - simple - sk - sl - sm - sn - so - sr - srn - ss - st - stq - su - sv - sw - szl - ta - te - tet - tg - th - ti - tk - tl - tlh - tn - to - tpi - tr - ts - tt - tum - tw - ty - udm - ug - uk - ur - uz - ve - vec - vi - vls - vo - wa - war - wo - wuu - xal - xh - yi - yo - za - zea - zh - zh_classical - zh_min_nan - zh_yue - zu -