Patroclo
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Patroclo (en grego Πάτροκλος >Pátroklos<, 'fama (kléos) do pai' (páter)) era o máis phílos (amigo, amante) de Aquiles, fillo de Menecio. Figura da Ilíada relevante en primeiro lugar por ser compañeiro de armas (hetairos) de Aquiles, recollido, como el mesmo di, por Peleo tras o asasinato infantil que o obrigou a abandonar, coma no caso de tantos heroes gregos, o seu lugar de orixe e buscar hospitalidade na casa dalgún home rico, coma aquí é o caso de Peleo, pai de Aquiles. Así foi coma medrou a intimidade entre ambos.
Se ben ó comezo de poema Patroclo permanece como esa figura secundaria, silente, que sempre está ó carón de Aquiles, as liñas da acción dispostas polo poema desde o inicio comportarán que, apremiado el mesmo pola penuria aquea, Aquiles envíe a Patroclo (canto 11) á tenda de Néstor coa excusa de saber quen é o herido que levan fóra do campo de batalla. Aquí é cando comeza a ruína de Patroclo, o principio do seu final. Despois dun rodeo caracteristicamente épico, Patroclo chega no canto 16 de novo xunto a Aquiles, chorando, anguriado pola situación que acaba de ver cos seus propios ollos e portando as palabras de Néstor aínda nos oídos: é necesario ceder e reinserirse na batalla. É así como Aquiles cede a medias, e este "a medias" é, á súa vez, a súa propia ruína: Patroclo marchará para morrer á fronte dos mirmidóns. No asunto da morte de Patroclo conflúen os dous arcos de acción que definen a estrutura do poema: por unha banda, na súa morte a "mênis" inicial acada a súa fin, pois con Patroclo morre Aquiles mesmo; por outro lado, é aquí onde comeza o segundo arco, o da reinserción de Aquiles e, así, a decisión dos asuntos fundamentais e dados por suposto do poema. A morte é a escenificación de para onde conduce o camiño do esquecemento dos propios límites: Patroclo non coidou a advertencia de Aquiles e, indo demasiado lonxe, foi golpeado por Apolo. O golpe de Apolo é a exposición do home ó seu destino: Patroclo volve ser un home, é dicir, vulnerable e exposto á morte. Espido, é branco fácil para Héctor, que, iniciando así tamén a súa propia catástrofe, arrebata a Patroclo as armas de Aquiles.
A morte de Patroclo é a catástrofe principal de todo o poema, o núcleo da viraxe, a "metabolé" da acción. A dor que Aquiles experimenta fai que todo o aspirado, pretendido e válido ata o momento perda o seu sentido: Aquiles retorna á loita, e faino para non outra cousa que asumir a súa propia morte. Interesante a este respecto é o diálogo que en soños manteñen Aquiles e Patroclo no canto 23:
- "Dormes, e de min esquecícheste, Aquiles. (...)
- ¡Sotérrame o máis rápido posible, para que atravese as portas de Hades!
- Lonxe apártanme as almas, as imaxes dos que ata a morte se esforzaron. (...)
- ¡Dáme a túa man! ¡Suplícocho! Pois non
- de novo regresarei do Hades..."
E tamén, en tanto que expresión da tortura psicolóxica na que Aquiles vive dende a morte de Patroclo, as palabras no canto 18:
"Miña nai, estas cousas o Olímpico levou á súa fin,
no entanto, ¿que pracer hai para min despois de que morrera o compañeiro
propio, Patroclo, a quen eu sobre todos os demais estimaba
igual ca a min mesmo? Perdino..."
[editar] Bibliografía
J. LATACZ: Homer. Der erste Dichter des Abendlands, 1985 Düsseldorf.
K. REINHARDT: Die Ilias und ihre Dichter, 1961 Göttingen.