Traxedia
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A traxedia é unha obra dramática na que os personaxes que interveñen acaban enfrontados e cun desenlace fatal. Como tal a traxedia naceu na Antiga Grecia coas obras de Tespis e Frínico, consolidándose con Esquilo, Sófocles e Eurípides. A súa orixe é escura mais pódese albiscar nos ditirambos, cantos e bailes en honra do deus Dionisio. A tradición da traxedia continuou en Roma, o primeiro autor foi Livio Andrónico e o máis coñecido Séneca, non obstante os romanos preferiron a comedia e a traxedia clásica permaneceu esquecida durante a Idade Media e non volveu aparecer ata o Renacemento por mor da influencia humanista e a súa procura das fontes clásicas, a comezos do século XVI fanse versións das traxedias dos autores clásicos e aparecen autores como Étienne Jodelle, Lope de Vega, Calderón de la Barca, Jean Racine, Pierre Corneille ou William Shakespeare.
[editar] Traxedia grega
Segundo a tradición foi Tespis o autor da primeira traxedia, non se conserva e tan só se sabe que o coro estaba formado por sátiros. Outros autores da época foron Querilo, autor de 170 traxedias e Prátinas, autor de 32.
Frínico inventou a traxedia con argumento histórico en A conquista de Mileto, intruduciu o verso iámbico e inagurou a segunda parte nas traxedias.
Con Esquilo fíxanse as regras fundamentais do drama tráxico, introduciu as máscaras e coturnos e un segundo actor en escea que fixo posible a dramatización do conflito. A traxedia representábase cunha duración definida tanto na ficción como na realidade: da alborada ao solpor. Os seus personaxes son heroes e deuses.
Sófocles introduciu un terceiro actor, complicou as tramas, desenvolveu caracteres máis humanos, máis identificados co público. A rivalidade entre Esquilo e Sófocles contribuiu á evolución da traxedia.