Sedna
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
90377 Sedna é un planetoide de gran tamaño situado alén de Plutón. O nome que lle asignou a Unión Astronómica Internacional (IAU) foi 2003 VB12. A súa descoberta marcou o límite máximo de distancia dun obxecto descuberto no sistema Solar, considerándose como un planetoide frío, dun tamaño da orde de 2/3 de Plutón, e sendo bautizado co nome definitivo '90377 Sedna'. O seu descobremento data do 14 de novembro de 2003, por Mike Brown (Caltech), Chad Trujillo (Gemini Observatory) e David L. Rabinowitz (Yale University).
Foi o obxecto do Sistema Solar máis afastado descuberto ata entón. Atopábase, no momento da súa descuberta, a uns trece mil millóns de quilómetros do Sol (75 veces a distancia Terra-Sol), seguramente o seu perihelio (punto máis próximo da súa órbita ó Sol). Sedna ten un diámetro entre 1.600 e 2.000 quilómetros (máis da metade do tamaño da lúa e un pouco máis pequeno que Plutón).
Aínda que a NASA anunciou que Sedna era un obxecto sideral, pronto se publicou que se trataba dun planeta. A definición de planetas (que os distingue dos asteroides) aínda está en discusión. De feito, de aplicárense os criterios da IAU ó respecto, deberiamos deixar de considerar como planeta a Plutón. Posteriormente aclarouse que Sedna era un obxecto xigantesco pero que non debía ser incluído na categoría dos planetas do Sistema Solar.
Con todo, Sedna é un obxecto moi peculiar. De momento está considerado o punto máis frío do Sistema Solar. A súa enorme distancia ó Sol só logra quentalo ata ós -240ºC. A duración da súa rotación en torno ó Sol é duns 10.500 anos.
[editar] Principais datos
- Nome: 90377 Sedna
- Distancia ó Sol (perihelio): 13.000.000.000 quilómetros
- Diámetro: 1.600-2.000 quilómetros
- Temperatura da superficie: -240ºC
- Tempo de rotación solar: 10.500 anos
- Data de descubrimento: 14 de novembro de 2003