Rugby
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O rugby é un deporte colectivo orixinario de Inglaterra, e moi estendido en todo o mundo, sobre todo nas antigas colonias inglesas como Australia, Nova Celandia ou Sudáfrica. Ademais está amplamente difundido en case toda Europa, sobre todo en Francia, Italia e Romanía. Conta a lenda que o deporte surxiu dunha xogada irregular do fútbol (Football Association), na cal un xogador do colexio de Rugby (situado na cidade inglesa co mesmo nome, en Warwickshire), de nome Willian Webb Ellis, tería pegado a bóla coas mans, e seguido con ela até a liña de fondo adversaria. Isto tería ocorrido en 1823. O Rugby só foi recoñecido como deporte pola Football Association en 1863.
O rugby é un deporte de contacto pleno que require destreza, fortaleza física e grande intelixencia táctica. Debido a isto, existen prendas non ríxidas autorizadas que poden ser empregadas como protección.
É característico no rugby o respecto polas regras que deben practicar tanto os xogadores coma o público. As decisións do árbitro rara vez son discutidas polos xogadores e, nos últimos tempos, recúrrese á repetición por vídeo dos ensaios non apreciados claramente polo árbitro e a solicitude de este.
Índice |
[editar] Historia
A súa invención atribúese a William Webb Ellis, estudante de teoloxía da inglesa escola de Rugby, de onde toma o seu nome, en 1823, tras tomar a pelota coas mans nun partido de fútbol e cargar contra os adversarios.
No entanto, os seus antecedentes remotos están nos innumerables xogos de pelota que se practicaban en todas as épocas e por todo o mundo. Así, existen xa no antigo Exipto, na Grecia clásica (pheninde, épiscyre e aporrhaxis), algún nomeado en A Ilíada. O haspartum foi practicado polos lexionarios romanos. Durante a época medieval atopamos rastro do xogo na soule ó oeste de Francia e do barette ó sur. O calcio xógase en Italia, e nas Illas Británicas practicábanse xogos como o hurling en Cornualles e Irlanda, o camp ball de East Anglia, o knappam en País de Gales e o ba' game dos Borders escoceses. Estes xogos carecían de regras aparentes e non era raro que durante a súa celebración, que se prolongaba durante días, se producise algún morto.
O primeiro club de rugby é o Guy's Hospital e foi fundado en Inglaterra no ano 1843. As primeiras regras escritas datan de 1846; e a primeira federación, a inglesa (Rugby Football Union), constitúese o 26 de xaneiro de 1871. O primeiro partido internacional dispútase ese mesmo ano entre Inglaterra e Escocia en Edimburgo. En 1877 o número de xogadores redúcese de 20 a 15. Exemplo da influenza británica no rugby atopámolo co torneo con máis carisma no mundo do rugby, o Torneo das Seis Nacións é o herdeiro directo do 4 nacións que enfrontaba ás 4 seleccións británicas. A partir de Inglaterra, o rugby popularizouse rapidamente no País de Gales, Escocia, Irlanda e Francia. Estes países difundírono polas súas colonias e outros países, arraigando especialmente en Sudáfrica, Australia, Nova Celandia, Arxentina, Uruguai e as Illas do Pacífico Sur. É aceptado que entre os aborígenes de Oceanía, o rugby substituíu as guerras tribales. Os maoríé neocelandeses son un pobo especialmente dotado para o rugby, estando a selección de Nova Celandia (os míticos "All Blacks") chea de xogadores desta ascendencia. En homenaxe a eles, esta selección empeza os seus partidos coa representación dunha danza tribal de guerra denominada "haka".
[editar] As regras do xogo
No rugby enfróntanse dous equipos dentro dun campo rectangular en cuxos extremos atópanse instaladas dúas porterías con forma de "H". O obxectivo fundamental consiste en apoiar un balón ovalado no chan coas mans sobre ou trala liña de ensaio. Isto denomínase ensaio (try en inglés) e ten un valor de 5 puntos. Tralo ensaio, o equipo anotador ten o dereito de patear o balón cara á portería adversaria, e se consegue pasalo (transformación) entre os dous paus verticais e por enriba do travesaño, anota 2 puntos máis. Orixinalmente os ensaios eran para dar opción a tirar a paus (transformación) valendo máis os tiros a paus que os ensaios. Tamén poden conseguirse puntos tirando a paus tras un golpe de castigo ou penalty ou mediante un bote-pronto ou drop, consistente en tirar a paus durante o xogo aberto deixando previamente botar o balón no chan. Námbolos casos o seu valor é de 3 puntos.
Para lograr tal obxectivo o equipo atacante pode:
- correr evadindo ou resistindo as placaxes do equipo defensor (enténdase por placaxe calquera agarre que realice o xogador defensor cos brazos a calquera parte do corpo do atacante dende os ombreiros cara abaixo - prohibido placar a cabeza ou o pescozo),
- dar pases cara atrás ou ó costado (o pase cara adiante está prohibido); ou
- mediante patadas cara ó territorio rival.
A forma de poñer o balón en xogo no rugby é moi característica. Cando o balón sae fóra do campo ponse en xogo mediante un saque lateral (touche en francés ou line out en inglés) onde a cantidade de xogadores é definida polo equipo que ingresa a pelota e pode variar dende dous xogadores até os catorece xogadores, sen contar ó xogador que introduce a pelota (xeneralmente o hooker ou talonador), e tras unha falta menor (un pase adiantado, por exemplo) ou para reiniciar o xogo logo dunha formación onde a pelota non saíu para ningún dos dous equipos mediante unha melé (scrum en inglés).
En ambos casos, do que se trata é de que o contrario tamén teña opción de obter o balón. Outra cousa son as infraccións maiores, que se penalizan cun golpe de castigo (penalty en inglés), no que o balón xógao directamente o equipo non infractor coa man ou pateándoo, e pode dar lugar a tiro a paus para conseguir 3 puntos ou patear cara ó touch (despexar) coa intención de gañar terreo xa que o reinicio, un line, o realizaría o mesmo equipo que pateou.
Durante o desenvolvemento do xogo, e como consecuencia das técnicas de contacto, prodúcense agrupacións espontáneas dos xogadores co obxectivo de conservar ou recuperar o balón. Son as melés abertas ou rucks (co balón no chan) e os moles (co balón na man), ambas coas súas regras particulares.
[editar] Modalidades de rugby
[editar] Rugby 15 ou rugby union
A versión deste deporte máis coñecida é a do rugby xogado por equipos de quince xogadores, aínda que non é a única. É o que se coñece no mundo anglosaxón como rugby union, en referencia á "Federación" (Union) de clubs que se rexen por unhas mesmas normas e que, tradicionalmente, foron universitarios ou afeccionados.
Primeira liña:
- 1 - Loose head Prop - Pilier esquerdo
- 2 - Hooker - Talonador
- 3 - Tight head Prop - Pilier dereito
Segunda liña: xeneralmente os xogadores máis altos do equipo, tamén encargados de gañar o balón en saques dende o lateral (touche, line-out)
- 4 - Lock (2nd row) - Segunda liña
- 5 - Lock (2nd row) - Segunda liña
Terceira liña:
- 6 - Flanker - Terceira liña ou terceira á
- 7 - Flanker - Terceira liña ou terceira á
- 8 - Number 8 - Terceira centro ou número 8
Liña de 3/4 ou "backs": Nos distintos países estes xogadores reciben diferentes nomes de acordo coa súa propia tradición. Así, nos países do hemisferio sur, o apertura (nº 10) e o primeiro centro (nº 12) denomínanse respectivamente first e second five eights.
- 9 - Scrum-half - Medio-melé: é o encargado de dirixir ós dianteiros e enlazar coa liña de tres cuartos
- 10 - Fly-half - Apertura
- 11 - Left wing - Á esquerdo
- 12 - Inside center - Primeiro centro
- 13 - Outside center - Segundo centro
- 14 - Right wing - Á dereito
- 15 - Full back - Defensor
Situación dos xogadores de Rugby 15 dentro do campo de xogo | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
|
É famosa a frase de Jean Giraudoux, que describiu un equipo de rugby do seguinte xeito: "Un equipo de rugby está formado por 15 xogadores: oito son fortes e activos, dous lixeiros e astutos, catro altos e rápidos e un que é modelo de flema e sangue fría. É a proporción ideal entre os homes", onde fai referencia ós oito dianteiros, ós dous medios -de melé e apertura-, ós 4 tres-cuartos (dous centros e dúas ás) e ó defensor respectivamente.
Un partido dura 80 minutos, dividido en dous partes de 40 minutos.
[editar] Rugby 13 ou rugby league
Agora ben, é preciso ter en conta que dende o século XIX existe en Inglaterra unha variante cuxas regras difieren en parte e que xogan equipos de trece xogadores; estes foron profesionais practicamente dende a implantación desa modalidade. A ese xogo chamóuselle rugby league [1], en referencia ó campionato de liga en que se enfrontaban os clubs que remuneraban ós seus xogadores. De Inglaterra, pasou a algúns países da esfera cultural e de influenza británica (Australia, Nova Celandia) así como a Francia.
[editar] Rugby 7 ou seven-a-side
O formato de rugby de sete xógase normalmente en torneos curtos (dun día ou unha fin de semana). Utilízase o mesmo campo que na modalidade de quince homes, pero con só sete xogadores por equipo. O partido divídese en dous tempos que duran entre sete e dez minutos. Actualmente existe un Campionato do Mundo de Rugby a 7 e un circuíto mundial.
[editar] O rugby no mundo
O rugby é o segundo deporte de equipos máis popular no mundo, só sendo superado polo fútbol. Disputado en máis de 120 países, é extremadamente popular nas Illas Británicas, en Australia (Wallabies), en Nova Celandia (The All Blacks), en Sudáfrica (The Springboks) e en Francia (Les Bleus), sendo esas as grandes potencias do deporte. É tamén bastante popular en Italia ('Gli Azzurri) e en Arxentina (Los Pumas). Fóra dos Xogos Olímpicos dende 1928, todo indicaba que o deporte voltaría á familia olímpica nos xogos de 2012 (mais aí, talvez, coa súa versión reducida, o rugby de sete jogadores, coñecido como Seven-A-Side), con todo tal expectativa non foi confirmada polo Comité Olímpico Internacional e o rugby non voltará ás Olimpíadas nesa data.
O Mundial de Rugby é o principal evento entre seleccións. Disputada cada catro anos, trátase do terceiro evento deportivo máis visto no planeta (detrás da Mundial de Fútbol e dos Xogos Olímpicos).
Outros importantes torneos son a copa das Seis Nacións (torneo deportivo entre seleccións máis antigas do mundo), disputado por Inglaterra, Escocia, País de Gales, Irlanda, Francia e Italia; e o Tres Nacións, disputado por Australia, Nova Celandia e Sudáfrica. Alén deses campionatos, as principais seleccións do mundo disputan anualmente unha serie de amigables, denominados Tests.