Aguia peixeira
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Aguia peixeira | ||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | ||||||||||||
|
||||||||||||
Clasificación científica | ||||||||||||
|
||||||||||||
Nome científico | ||||||||||||
Pandion haliaetus | ||||||||||||
Coñeza toda a Bioloxía en Wikispecies, o directorio dos seres vivos |
A aguia peixeira (Pandion haliaetus) é unha ave rapaz bastante grande e especializada en capturar peixe.
A aguia peixeira ten a plumaxe do peito branca, ás longas e estreitas que presentan nas extremidades pulseiras negras, o que lle dá unha apariencia distintiva. Está moi ben adaptada para o seu rexime alimentario: pode pechar o nariz para evitar a entrada da auga e as dedas están provistas dunha especie de escamas puntiagudas que lle facilitan ao agarre das presas. O seu voo é lento, alternando o planeo e o bater de ás. Aniña nos lagos e lagoas de auga doce, ás veces nas costas.
Emparéllanse de por vida; en marzo comezan un período de cinco meses de colaboración para construír o niño e coidaren aos aguiachos. As femias poñen 3 ou 4 ovos a fins de abril, chócanos durante cinco semanas, e os aguiachos comezan a voar oito semanas despois da eclosión. As aguias peixeiras que aniñan en Europa pasan o inverno en África. As de Canadá e Estados Unidos invernan en América do Sur; os de Australia non migran.
Ata hai trinta anos as aguias peixeiras estiveron a piques de se extinguir, pero dende a prohibición do DDT e políticas proteccionistas en moitos países dende 1970 a súa poboación está a se recuperar.
En Europa hai arredor de 8.000 parellas, sobre todo en Escandinavia, Escocia e Rusia. Na Península Ibérica só se reproduce nas Baleares, Canarias e Chafarinas, con arredor de 30 parellas. En Galicia é unha especie moi rara, tan só se pode ver nas épocas de migracións, sobre todo no esteiro do Miño.
En América hai de 20.000 a 30.000 parellas.