Robot
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Unha posible definición de robot é un dispositivo mecánico que pode realizar tarefas físicas preprogramadas. Un robot pode actuar baixo control directo dun ser humano (p.ex. o brazo robótico da lanzadeira espacial) ou autónomo baixo control dun ordenador preprogramado. Hai autores que fan fincapé na distinción entre mecanismo (cando precisa intervención humana para funcionar), autómata (cando o sistema reproduce un mesmo programa -unha mesma acción- unha e outra vez sen intervención humana, podendo incluso tomar decisións) e un robot, que se diferenciaría pola versatilidade: pode ser reprogramado e realizar diferentes accións en función do programa que execute. Para entendernos: unha porta que detecta a nosa presenza e abre e pecha automaticamente é un automatismo, non é un robot; só pode facer iso. O brazo mecánico controlado por un ordenador que pinta ou solda nunha cadea de montaxe distintos modelos de coches, si sería un robot. Os robots pódense utilizar para realizar as tarefas que son demasiado perigosas ou difíciles para que os seres humanos os executen directamente ou para automatizar tarefas repetitivas que se poden realizar de xeito máis barato por un robot que polo ser humano (p. ex. na produción do automóbil).
[editar] O Termo "Robot"
A palabra robot vén do vocábulo checo "robota" que significa "servidume", "traballo forzado", ou escravitude, especialmente os chamados "traballadores alugados" que viviron no Imperio Austrohúngaro ata 1848.
O termo "robot" utilizouno por primeira Karel Čapek na súa historia actuada R.U.R. (Rossum's Universal Robots) (escrita en colaboración co seu irmán Josef en 1920; interpretada por primeira vez en 1921). Aínda que os robots de Čapek eran humanos artificiais orgánicos, a palabra robot emprégase case sempre para referirse a humanos mecánicos. O termo androide pode referirse a calquera destes, mentres que un cyborg ("organismo cibernético" ou "home biónico") pode ser unha criatura que é a combinación de partes orgánicas e mecánicas.
[editar] Intelixencia
Algúns científicos afirman que os robots serán capaces de se aproximaren a unha intelixencia semellante á humana na primeira metade do século XXI. Mesmo antes de se obteren estes niveis de intelixencia teóricos, especúlase que os robots poden comezar a substituír os humanos en moitas postos con traballo intensivo. O pioneiro da cibernética Norbert Wiener discutiu algúns destes temas no seu libro The human use of human beings (1950), no que especulou que a realización de traballos humanos polos robots pode levar a un aumento no desemprego e problemas sociais a curto prazo, porén que a medio prazo isto pode traer unha riqueza material ás persoas na maioría das nacións.