Ciencia
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A ciencia é o conxunto dos sistemas de coñecemento con obxecto e métodos de estudo determinados e baseados en leis obxectivas que se poden verificar.
Índice |
[editar] Introdución
A ciencia (do latín scientia, coñecemento) é un proceso de adquisición do coñecemento e a organización ordenada del unha vez logrado a través do proceso científico. A ciencia constitue un método sistemático de obtención de coñecemento sobre a natureza en todos os seus aspectos. O método usado denomínase método científico.
Parte dos descubrimentos científicos poden resultar moi contra a intuición, como a natureza atómica ou cuántica da materia. Moitas concepcións intuitivas da natureza foron transformadas a partir de descubrimentos científicos como a rotación da Terra arredor do Sol ou a teoría da evolución. A ciencia tamén pode entenderse como unha institución da que forman parte os científicos e que funciona de acordo con regulamentos explícitos ou implícitos. As academias. universidades, institutos de investigación, as revistas científicas e os Premios e recoñecementos acdémicos conformarían este aspecto sociolóxico da ciencia.
[editar] Estrutura do coñecemento científico
[editar] O método científico
- Artigo principal: Método científico.
O método científico constitúe o estudo sistemático, controlado, empírico e crítico de proposicións hipotéticas sobre presuntas relacións entre varios fenómenos naturais. Son dous os piares básicos do método científico. O primeiro deles é a reproducibilidade, é dicir, a capacidade de repetir un determinado experimento en calquer lugar e por calquer persoa. Este piar usa para a súa práctica, esencialmente, a comunicación e publicidade dos resultados obtidos. O segundo piar é a falsabilidade. É dicir, que toda proposición científica ten que ter a posibilidade de ser falsa. Isto implica que se poden deseñar experimentos que no caso de dar resultados distintos ós preditos negarían a hipótese posta a proba.
Na actualidade os resultados da investigación científica son publicados en revistas científicas especializadas tras críticas ou comentarios doutros expertos, correccións por parte dos autores e mesmo verificacións dos experimentos por outros equipos de investigación. Asemade, está comezando a ser usual que se publiquen na rede ó tempo que nas revistas científicas ou exclusivamente.
[editar] Filosofía da ciencia
- Artigo principal: Filosofía da ciencia
A efectividade da ciencia como método para obter coñecemento constituíu un notable campo de estudo para a filosofía. A filosofía da ciencia intenta comprender a natureza do coñecemento científico e as súas implicacións éticas.
[editar] Disciplinas científicas
Un esquema de clasificación foi plantexado polo epistemólogo alemán Rudolf Carnap, o primeiro en dividir a ciencia en ciencias puras, ciencias aplicadas e ciencias sociais ou humanas.
- Ciencias puras ou formais: por contraposición ás ciencias aplicadas, son as que non teñen en conta a súa aplicación práctica. Utilizan a dedución como método de procura da verdade.
- Ciencias aplicadas ou fácticas: encadran as Ciencias Naturais que teñen por obxecto o estudo da natureza. Seguen o método científico.
- Ciencias sociais ou Humanas: son todas as ciencias, na súa acepción máis ampla, que se ocupan dos aspectos do home - cultura e sociedade- non estudados nas ciencias naturais. O método depende de cada disciplina particular.
[editar] Historia da ciencia
- Artigos principais: Historia da ciencia | Revolución científica | Avances científicos recentes
A historia da ciencia dá conta do desenvolvemento humano, marcado polos sucesivos cambios de paradigmas sobre a natureza. A historia da ciencia está marcada polo contínuo refinamento do coñecemento adquirido e o desenvolvimento tecnolóxico acelerado dende a aparición do método científico na chamada revolución científica.
[editar] Influencia da ciencia na sociedade
Dado o carácter universal da ciencia, a súa influencia esténdese a todos os campos da sociedade. Dende o desenvolvemento tecnolóxico ós modernos problemas de tipo xurídico relacionados con campos da medicina ou a xenética, por nomear algúns casos. Porén, dende o mundo académico percíbese un alonxamento entre ciencia e sociedade. En ocasións, a investigación científica permite abordar temas de gran calado social como o Proxecto Xenoma Humano.
[editar] Divulgación científica
- Artigo principal: Divulgación científica.
A divulgación científica pretende facer doado o coñecemento científico á sociedade máis aló do mundo puramente académico. A divulgación pode referirse ós descubrimentos científicos do momento como a determinación da masa do neutrino, de teorías ben establecidas como a teoría da evolución ou de campos enteiros do coñecemento científico. A divulgación científica é unha tarefa que levan a cabo escritores, científicos, museos e, de xeito ocasional, a través dos medios de comunicación.
Algúns científicos notables teñen contribuído especialmente á divulgación do coñecemento científico. Entre os máis coñecidos están Stephen Hawking, Carl Sagan, Richard Dawkins, Stephen Jay Gould, Martin Gardner e autores de ciencia ficción como Isaac Asimov. Outros científicos teñen realizado tarefas de divulgación tanto en libros divulgativos como en novelas de ciencia ficción, como Fred Hoyle. A maioría das axencias ou institutos científicos destacados en Estados Unidos teñen un departamento de divulgación (chamado Education and Outreach) pero non é unha cousa común noutras partes.
[editar] Auxe moderno da pseudociencia
- Artigo principal: Pseudociencia.
En contra da ciencia formal e o método científico, as sociedades humanas teñen desenvolvido dende antigo un sistema de crenzas máxicas ou mítico. En ocasións chámaselles Ciencias ocultas ou alternativas: coñecementos e prácticas misteriosas que dende a antigüidade pretenden domeñar os secretos da natureza. Non seguen o método científico polo que non son recoñecidas como disciplinas científicas e son consideradas en xeral como pseudociencias. Entre as máis populares en Occidente está a astroloxía.
[editar] Ver tamén
- Ciencias aplicadas
- Ciencias exactas.
- Ciencias experimentais.
- Ciencia ficción.
- Ciencias humanas.
- Ciencias naturais.
- Ciencias ocultas.
[editar] Relacionados
- A Ciencia en Galiza
- A ciencia ten nome de muller
- Alberte o Magno, patrón da Ciencia e os científicos
- Científicos galegos
- Patentes
- Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade
[editar] Referencias e ligazóns externas
Enlaces externos