See also ebooksgratis.com: no banners, no cookies, totally FREE.

CLASSICISTRANIERI HOME PAGE - YOUTUBE CHANNEL
Privacy Policy Cookie Policy Terms and Conditions
O Grove - Wikipedia

O Grove

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

O Grove
Situación
Xentilicio 1: Groveiro - Grovense - Meco
Xeografía
Provincia: Provincia de Pontevedra
Comarca: Salnés
Área: 21,9 km²
Entidades de poboación: 2 parroquias
Capital do concello: O Grove
Latitude e lonxitude:
Altitude máxima: - m.
Altitude mínima: m.
Zona horaria: 2 UTC + 1
Demografía (2007)
Poboación: 11.226 hab.
Densidade: 512,6 hab./km²
Uso do galego 3 (2001)
Galegofalantes sobre o total da poboación: 96,93 %
Falantes do galego no tramo 5 a 29 anos
Sempre: 59,71 %
Ás veces: 34,33 %
Nunca: 5,96 %
Política (2007)
Concelleiros 4: PPdeG 7 (2.349 - 36,08 %)
BNG 3 (1.205 - 18,51 %)
PSdeG-PSOE 4 (1.465 - 23,50 %)
Outros: 3 (1.491 - 22,90 %)
Alcalde: José Antonio Cacabelos Rico (PSdG-PSOE)
Eleccións municipais en: O Grove

Eleccións municipais no Grove

Censo electoral (2007)
Total electores: 10.191 - 100 %
Votantes: 6.751 - 66,24 %
Abstencións: 3.440 - 33,75 %
Votos en branco: 241 - 2,36 %
Votos nulos: - %
Orzamentos (2000)
Enderezos
Enderezo físico: Praza do Corgo, 1
Teléfono: 986 730975
Fax: 986 731351
Código postal: 36980
Correo electrónico: ogrove@fegamp.es
www.turismogrove.com

Notas:
1 Véxase no Galizionario.
2 No verán: UTC + 2.
3 Datos de 2001 publicados en 2004.
4 Eleccións municipais maio 2007.

O Grove é un concello da Comarca do Salnés, situado na beira sur de ría de Arousa, na provincia de Pontevedra, en Galicia.

Poboación en 2007: 11.226 persoas segundo o IGE, dos que 5.549 son homes e 5.677 mulleres.

Xentilicio (véxase no Galizionario) : Groveiro - Grovense - Meco

Índice

[editar] Etimoloxía do topónimo

O topónimo Ogrove está ben documentado e desde antigo: et ecclesiam Sancti Uincentii in insula Ocobre cum dextris suis (899, San Vicente de O Grove). Outras formas testemuñadas son insulam ocobre (911), sanctum Vicentium de Ogobre (912), Ogoure (1109) ou San Vicente de Ogrove (1115).

Parece evidente a evolución de Ocobre a Ogrove, manténdose como unha única palabra. En épocas máis recentes, como froito dun proceso de castelanización de topónimos totalmente alleo á evolución natural etimolóxica, produciuse a segmentación da vogal inicial "O", ó confundirse esta cun artigo singular masculino en galego e ser traducida por "El".

De todos xeitos, existe unha disputa nunca resolta entre os partidarios da toponimia oficial (O Grove) e os defensores das formas Ogrove e Ogrobe. Os primeiros deféndeno baseándose, precisamente, na súa oficialidade, e os segundos alegan que son estas as formas non deturpadas do topónimo.

Así mesmo, tampouco se chega a acordo sobre se debe estar escrito con "b" ou con "v". Por unha banda, alégase que a o topónimo procede da palaba pre-romana Ocobre ou Ocóbriga, debendo por este motivo ser escrito con "b". Os defensores do "v" baséanse, pola contra, en que a evolución do galego dende o latín é a única causante deste liorta, extremo sempre negado polos defensores do "b".[Cómpre referencia]

[editar] Xeografía

O Grove é unha pequena península de 21,89 km2, unida a terra firme a través dun istmo conocido como O Vao, que dá lugar á praia da Lanzada na súa parte occidental e á ampla marisma da enseada do Vao na súa parte oriental. Este istmo conecta O Grove co concello de Sanxenxo.

Pedra cabaleira no cumio do monte Siradella
Pedra cabaleira no cumio do monte Siradella

O istmo do Grove, duns 2 km de lonxitude e uns 500 m de anchura no centro e case 1 km na parte máis ancha, ó norte, é un depósito de area procedente do río Umia, por un lado, e da corrente mariña predominante do sur, por outro. A conxunción dos dous fenómenos facilitou o depósito de area en forma de cordóns de dunas litoriais paralelos á costa. É de formación relativamente recente: o primeiro mapa que representa O Grove como península é de 1784, mentres que outro mapa de 1632 representábao aínda como illa.

As alturas máximas do concello están representadas pola Siradella, de 167 m de altitude, e o Con da Garda, de 95 metros.

Canto á hidrografía, O Grove só conta con pequenos regatos en diferentes puntos da península, entre os que destaca o Rasoeiro, hoxe canalizado na súa desembocadura no casco urbano.

Resulta máis significativa a lagoa da Bodeira, situada na costa norte da península, única lagoa costeira de auga doce na provincia de Pontevedra. Está incluída no ámbito do Complexo Intermareal Umia-O Grove.

[editar] Demografía

O Grove conta cunha poboación de 11.226 habitantes, (INE 2007). Divídese en dúas parroquias: a de San Martiño, que comprende o casco urbano, a illa da Toxa e a maior parte do territorio, e a de San Vicente, ó oeste da península. A poboación está concentrada fundamentalmente na parroquia de San Martiño, con 10.100 habitantes, mentres que a de San Vicente só conta con 1.126.

Evolución da poboación de: O Grove - desde 1900 ata 2004 -
 1900  1930  1950  1981  2004
  3.969   5.888  7.380  9.917   11.147
Fontes: INE e IGE

(Os criterios de rexistro censal variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)


[editar] Economía

Tradicionalmente O Grove foi unha vila dependente do mar e os seus produtos: pesca de baixura, cría de mexillón e outros bivalvos, industria conserveira, etc, representando a agricultura unha porcentaxe moito menor. Porén, desde os anos 80 o turismo constitúe unha fonte de ingresos cada vez maior, que se traduce nun gran número de hoteis e restaurantes de tódalas categorías e un crecemento constante do sector servizos. O turista non só dispón de numerosas praias senón que pode gozar doutras actividades de ocio, como rutas de sendeirismo, un Acuario, un Museo da Salga, paseos en barco pola ría, festas gastronómicas, etc., ademais das que pon á súa disposición o complexo hoteleiro da Illa da Toxa, con casino, balneario e campo de golf.

Na zona costeira do sur da península existen diferentes urbanizacións que acollen boa parte dos turistas que veranean no concello. Destaca entre elas a zona de San Vicente do Mar, con bloques de apartamentos xunto a chalets de luxo e dotada recentemente dun porto deportivo.

[editar] Historia

As primeiras referencias documentais datan do século VI e sitúan as terras do Grove baixo a xurisdición da diocese compostelá. Así mesmo, o rei Ordoño II entregoulle no século X as salinas de Noalla (Sanxenxo) xunto coas terras da illa do Grove, coas súas vidas, igrexa e pertenzas, e maila vila de Ardea (hoxe Ardia, un lugar do Grove). Pola súa banda, o bispo Sisnando entregou ó mosteiro de San Martiño Pinario a igrexa de San Vicente do Grove, coas súas terras e habitantes.

Deste xeito, o arcebispo de Santiago nomeaba, aínda no século XVII, o alcalde do Grove, un procurador xeral, un rexedor para os asuntos de terra e outro para os do mar. Non foi ata mediados do XIX cando un decreto das Cortes reduciu os seus dereitos ó nomeamento dos curatos de San Vicente e de San Martiño.

O feito máis relevante na historia antiga do Grove foi a peste bubónica que entrou en Galicia polo porto do Grove en 1562, estendéndose rapidamente pola ría de Arousa e por toda Galicia. Outros factores que influíron decisivamente na súa demografía e economía foron os frecuentes ataques musulmáns e normandos, tanto no propio Grove como ó longo de toda a ría de Arousa, e máis tarde, xa no século XVIII, os dos piratas ingleses.

A promulgación da Constitución de 1812 permitiu que O Grove se convertese en concello en 1822, pertencente á provincia de Vigo. Pero esta situación só durou un ano, ó ser restaurado o antigo réxime por Fernando VII en 1823. Por fin, en 1835, recuperouse o estatus de concello.

[editar] Patrimonio artístico

O Plan Xeral de Urbanismo do Grove catalogou en 2004 un total de 320 elementos merecedores de protección: 10 de tipo arqueolóxico, 34 de tipo arquitectónico e 276 de tipo etnográfico [1].

[editar] Patrimonio arqueolóxico

Ver artigo principal: Necrópole de Adro Vello.

Os restos arqueolóxicos presentes na península do Grove están representados principalmente pola necrópole de Adro Vello (na parroquia de San Vicente), pero non son os únicos.

O vestixio arqueolóxico máis antigo do que se ten noticia está hoxe desaparecido. Consistía nun molde de arxila para fundir machadas de bronce.

No extremo máis occidental da península están os restos dun castro provisto de muralla perimetral, que deu lugar ó topónimo O Castriño. Non está excavado. Ó carón do monte da Siradella hai outro castro (probable orixe tamén do orónimo: cidadella) do que só quedan os restos das murallas e a base dalgunhas casas castrexas.

Xa na costa nororiental existen restos dunha necrópole en Cantodorxo, hoxe parcialmente ocupados por unha fábrica de conservas, na que se atoparon sepulcros de tella da época tardorromana e os restos de dous rapaces e un adulto (este cun cravo no cranio e outros nos pés); tamén se atoparon vasillas de barro e muíños de man. No lugar de Estonllo tamén se atoparon restos doutra necrópole.

[editar] Arquitectura relixiosa

  • Igrexa de San Martiño

Está situada no barrio de Vilavella, na parte alta da vila. Esta igrexa foi construída aproveitando os muros dunha edificación anterior románica e algúns outros materiais. É de planta rectangular, con dúas capelas laterais (a da dereita dedicada a San Xosé e a da esquerda a Cristo).

A única nota de interese artístico desta construción de San Martiño é o arco apuntado que dá acceso á capela do lado do evanxeo, con decoración de comezos do século XVI. Neste arco sitúanse as figuras dos doce apóstolos, coa figura de Cristo na dovela central. A reedificación do século XVII engadiu un suntuoso coro alto con balaustrada barroca e a torre campanario, con decoración con placas. O presbiterio está totalmente renovado con criterios actuais, con columnas salomónicas enramadas, que lembra o estilo barroco compostelano.

  • Igrexa de San Vicente

O Libro de fábrica de San Vicente, iniciado en 1688, fala xa da actual igrexa. Situada inicialmente na mesma praia de Carreiro, sobre a igrexa visigótica que existía en Adro Vello, trasladouse ó interior máis tarde, concretamente en 1770. É posible que este traslado obedecese a razóns de tipo relixioso ou ó feito de que a erosión do mar ameazase a estabilidade da primitiva igrexa.

A súa planta é rectangular e a capela maior de crucería de simple diagonal. No corpo da igrexa a bóveda é de canón. As únicas notas decorativas están dadas polas xambas barrocas da portada e a suntuosa balconada do coro, con arquiños laterais. A torre érguese no centro da fachada, tamén nun sinxelo barroco de placas.

  • Igrexa de San Xulián ou de San Caralampio

Esta igrexa está situada ó sur da illa da Toxa. É unha capela de estilo moderno, na que perdura o culto ó mártir San Sebastián, de forma practicamente ininterrompida desde o século XII. O elemento máis característico desta igrexa é o recubremento exterior de cunchas de vieira, polo que se coñece popularmente como a capela das cunchas.

  • Capela de San Roque

Situada en pleno casco urbano, foi levantada no século XVII en agradecemento ó santo por vence-la praga de peste.

  • Capela de San Antonio

Situada preto do porto pesqueiro, do século XVII.

[editar] Arquitectura civil

Concello do Grove
Concello do Grove

Entre as construcións máis significativas podemos destaca-las seguintes:

  • Gran Hotel da Toxa
  • Ponte da Toxa
  • Pazo do Sineiro
  • Casa do Conde
  • Casa torre de Escudeiro
  • Casa La Celestina
  • Casa do Concello

[editar] Esculturas

Ver artigo principal: Simposium Internacional de Escultura.
Unha das esculturas premiadas no Simposium Internacional
Unha das esculturas premiadas no Simposium Internacional

Desde 1990 e coincidindo coa Festa do Marisco, o concello do Grove organiza un Simposium Internacional de Escultura, coa particularidade de que as esculturas seleccionadas (entre 4 e 6 cada ano) pasan a formar parte do patrimonio artístico do concello e hoxe adornan parques, xardíns e rúas por todo o concello.

[editar] Patrimonio natural

[editar] Complexo Intermareal Umia-O Grove

Ver artigo principal: Complexo Intermareal Umia-O Grove

Cómpre destaca-lo Centro de Interpretación da Natureza, sito no alto do monte da Siradella, no que se pode visitar unha interesante mostra da riqueza natural da enseada. Depende da Consellería de Medio Ambiente.

[editar] Flora

A flora presente no Grove non ten nada que destacar. As antigas carballeiras que houbo na península foron substituídas por plantacións agrícolas e de eucaliptos ou piñeiros, que son os que hoxe dominan toda a superficie forestal, quedando só algúns pés soltos de carballos, castiñeiros e algunha sobreira. En xeral, a flora que se pode observar nos espazos non cultivados é de carácter antropoxénico.

Non obstante, a vexetación do istmo do Bao, tanto na zona central areosa como nas beiras da marisma, é especialmente interesante pola abundancia de especies propias da duna e da zona salobre, algunhas delas endémicas desta zona (como a Cistanche phelipaea ou certa variedade de orquídea). Véxase o artigo Complexo Intermareal Umia-O Grove.

[editar] Fauna

A riqueza faunística do Grove débese principalmente á abundancia de aves mariñas, sedentarias ou migratorias, presentes no xa citado Complexo Intermareal. Nas beiras da enseada hai distribuídos varios observatorios ornitolóxicos, tres deles na costa grovense. Así mesmo, non faltan, naturalmente, outras aves comúns non ligadas ó medio mariño.

Outros grupos animais, como anfibios, réptiles ou mamíferos, así como os invertebrados, tamén están presentes no seu territorio. Nas augas da costa hai unha variada representación de moluscos, crustáceos e peixes, así como a presenza constante de mamíferos mariños (golfiño común, toniña e arroaz) ou esporádica doutras especies deste grupo ou de tartarugas mariñas.

[editar] Praias

Ó se-lo Grove unha península e estar rodeado case totalmente polo mar, posúe un elevado número de praias, a maioría delas de area fina e aptas para o baño e o descanso. Boa parte delas están catalogadas con bandeiras azuis. Na seguinte relación, ordenada no sentido das agullas do reloxo, márcanse en negra as que posúen esta distinción.

  • Praia da Lanzada
  • Praia Paxareira
  • Praia Area da Cruz
  • Praia do Espiño
  • Praia Farruco
  • Praia da Barrosa
  • Praia Canelas
  • Praia Aguieira
  • Praia Borreiro
  • Praia de Castiñeiras
  • Praia Pateiro
  • Praia do Carreiro
  • Praia dos Franceses
  • Praia Area Grande
  • Praia da Mexilloeira
  • Praia das Pipas (ou de Reboredo)
  • Praia Lavaxeira
  • Praia dos Padroneses
  • Praia de Rons
  • Praia da Ponte da Toxa
  • Praia Mourisca
  • Praia da Graña
  • Praia Vilamarín
  • Praia do Guernal

[editar] Rutas de sendeirismo

  • Ruta dos lagarteiros: comeza nas inmediacións do Centro de Interpretación da Siradella e percorre, durante uns 2 km, os macizos graníticos centrais da península. Chámase así porque durante o seu percorrido é fácil observa-lo voo dalgún lagarteiro ou peneireiro (Falco tinnunculus), frecuente nesta zona. Tamén ofrece espectaculares vistas do istmo da Lanzada.
  • Ruta do Con Negro: percorre a costa oeste da península. Comeza na praia do Borreiro e segue cara o sur ata a urbanización de Pedras Negras, en San Vicente do Mar.
  • Ruta da Lagoa da Bodeira: sae de Punta Moreiras (onde se pode aproveitar para visita-lo Acuario e o Museo da Salga) e diríxese cara ó oeste, bordeando a costa, ata a lagoa da Bodeira.

Ademais das rutas descritas, poden percorrerse dous paseos de madeira bordeando a costa. O primeiro vai desde San Vicente do Mar ata a batería militar inmediata á zona do Con Negro. Todo o camiño vai entre rochas graníticas á beira do mar aberto. O segundo percorre toda a praia da Lanzada, desde a zona chamada do Sanatorio ata entrar no concello de Sanxenxo.

En novembro de 2007, a Dirección Xeral de Costas aceptou a proposta do goberno municipal de construír unha senda peonil que percorra todo o perímetro da península [2].

[editar] Lendas e tradicións

Ver artigo principal: Lenda do Meco.

Corren diversas lendas nas terras do Grove, pero a máis coñecida é a do Meco, que chegou a da-lo alcume dos veciños desta vila, coñecidos popularmente como mecos.

[editar] Festas locais

Ver artigo principal: Festa do Marisco.
  • Festa do Carme (Patroa dos mariñeiros, 16 de xullo)
  • San Martiño (Patrón do Grove, 11 de novembro)
  • Festa do Marisco (segundo domingo de outubro)
  • Festa do centolo (primeira semana de decembro)

[editar] Personaxes célebres

[editar] Lugares do Grove

Para unha lista completa de todos os lugares do concello do Grove vexa: Lugares do Grove.

[editar] Galería de imaxes

Vexa o artigo principal en: Galería de imaxes do Grove

[editar] Parroquias

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias do Grove

O Grove (San Martiño) | San Vicente do Grove (San Vicente)



  1. La Voz de Galicia, 11.01.2004.
  2. La Voz de Galicia, 11.11.2007.
  3. Realmente, Lueiro Rey naceu na localidade de Fornelos de Montes, pero foi vivir ó Grove cando só contaba con sete anos, residindo nesta localidade ata a súa morte.

[editar] Véxase tamén

[editar] Bibliografía

  • Gran Enciclopedia Galega.

[editar] Outros artigos

[editar] Ligazóns externas


aa - ab - af - ak - als - am - an - ang - ar - arc - as - ast - av - ay - az - ba - bar - bat_smg - bcl - be - be_x_old - bg - bh - bi - bm - bn - bo - bpy - br - bs - bug - bxr - ca - cbk_zam - cdo - ce - ceb - ch - cho - chr - chy - co - cr - crh - cs - csb - cu - cv - cy - da - de - diq - dsb - dv - dz - ee - el - eml - en - eo - es - et - eu - ext - fa - ff - fi - fiu_vro - fj - fo - fr - frp - fur - fy - ga - gan - gd - gl - glk - gn - got - gu - gv - ha - hak - haw - he - hi - hif - ho - hr - hsb - ht - hu - hy - hz - ia - id - ie - ig - ii - ik - ilo - io - is - it - iu - ja - jbo - jv - ka - kaa - kab - kg - ki - kj - kk - kl - km - kn - ko - kr - ks - ksh - ku - kv - kw - ky - la - lad - lb - lbe - lg - li - lij - lmo - ln - lo - lt - lv - map_bms - mdf - mg - mh - mi - mk - ml - mn - mo - mr - mt - mus - my - myv - mzn - na - nah - nap - nds - nds_nl - ne - new - ng - nl - nn - no - nov - nrm - nv - ny - oc - om - or - os - pa - pag - pam - pap - pdc - pi - pih - pl - pms - ps - pt - qu - quality - rm - rmy - rn - ro - roa_rup - roa_tara - ru - rw - sa - sah - sc - scn - sco - sd - se - sg - sh - si - simple - sk - sl - sm - sn - so - sr - srn - ss - st - stq - su - sv - sw - szl - ta - te - tet - tg - th - ti - tk - tl - tlh - tn - to - tpi - tr - ts - tt - tum - tw - ty - udm - ug - uk - ur - uz - ve - vec - vi - vls - vo - wa - war - wo - wuu - xal - xh - yi - yo - za - zea - zh - zh_classical - zh_min_nan - zh_yue - zu -