Sobreira
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Sobreira | ||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | ||||||||||||
|
||||||||||||
Nome científico | ||||||||||||
Quercus suber | ||||||||||||
Coñeza toda a Bioloxía en Wikispecies, o directorio dos seres vivos |
A sobreira, o sobreiro ou a corticeira (Quercus suber) é unha árbore da familia do carballo e a aciñeira (as fagáceas, antes cupulíferas, integrada por 450 especies e con case tódolos seus xéneros boreais), espontánea e cultivada no sur de Europa e norte de África e a partires da cal é o único medio de onde se pode extraer a cortiza.
Índice |
[editar] Descrición botánica
Botanicamente é unha árbore monoica, de folla simple (entre 2,5 e 10 cm de longo e entre 1,2 e 6,5 cm de ancho), de forma denticular, alterna, perenne, verde escura, con nerviación principal algo sinuosa e nerviación secundaria composta por entre 5 e 8 pares de canais, sen pelos e con estípulas caducas. As súas flores son unisexuais:
- as masculinas están reunidas en amentos ou glomérulos de entre 8 e 20 estames.
- as femininas son monoclamídeas, inconspicuas, de xineceo ínfero e con 3 ou 6 carpelos e dispóñense en pequenos acios ou na base das inflorescencias masculinas. Cada unha, dúas ou tres flores femininas aparece un invólucro basal de escamas que se transformará na cúpula do froito.
A polinización é anemófila e os froitos teñen forma de glande (balouta, lande ou landra): cada froito está provisto dunha cúpula escuamiforme ou espiñenta.
Debido á súa casca formada como cortiza, a sobreira cultivouse dende hai tempo para a súa extracción. A operación denomínase tamén pela, e non é mortal para a árbore (e non ten por que ser prexudicial se se realiza correctamente, inda que a árbore o sufre de xeito metabólico e fisiolóxico). A causa de que saia indemne é que o especime volve a producir unha nova casca protectora de cortiza a partires da capa inmediatamente interior á extraída (denominada cambium, que é en realidade o material vivo da árbore no toro). Cada oito a doce anos reprodúcese o espesor da capa de cortiza, en cada ciclo consecutivo con maior calidade cada vez.
[editar] Distribución
Ademais de cultivada, a sobreira é unha especie natural e autóctona da Península Ibérica: inda que é espontánea en moitos puntos de España e Portugal onde formou frondosos bosques en asociación con outras especias de quercíneas (quercetum), por iso mesmo se ten dito moitas veces que é unha árbore de clima mediterráneo. Esta afirmación está apoiada polos seus máximos de distribución mundial (que abrangue o sur de Iberia e tamén Alxeria e Marrocos), pero matizada pola enorme presenza da especie en localizacións ibéricas do interior (continental) e nororientais (atlánticas).
Se ben a influencia mediterránea nos vales interiores de Galicia e ó norte da cidade portuguesa de Porto é incontestable, non cabe tampouco dúbida que o clima galego e do norte de Portugal é eminentemente atlántico. A existencia (e nalgúns casos persistencia) demostrable en moitos puntos de Galicia (río Arnego e encoro de Portedemouros no Deza, sobredas da Arnoia, Castrelo de Miño, Ancares, Courel e a mesma Ribeira Sacra) permiten facer a comparación cos intentos de implantación da especie que foron frustrantes noutros lugares non mediterráneos (por exemplo, nos EEUU). Inda así, é certo que a súa distribución xeográfica chega tamén a puntos coma Tunicia, sur de Francia (montañas Albères -no departamento de Pyrénees-Orientales, "Pireneos orientais"- e montañas Maures, no de Var) e Italia, aínda que se atopa naturalizado en certas rexións de clima mediterráneo.
Edafoloxicamente dise que é unha especie calcífuga, aínda que máis que dunha distribución preferente deberíase falar dunha exclusión territorial relíctica: a especie non vive mellor nas peores terras, barbeitos, ermos e baldíos, senón que é alí onde resiste porque as mellores terras se destinan a outros cultivos: trigo, maínzo, paínzo, millo, cebada, avea, etc. Este proceder é un erro, xa que a sobreira é unha especie coñecida pola súa capacidade de compatibilidade productiva (sempre que sexa mediante métodos extensivos).
É máis, a súa explotación tradicional está asociada a un sistema produtivo multinivel e sostible e único no mundo pola súa integración social e altísimo rendemento: os sobreirais ou sobredas (chamados encinar e alcornocal en castelán e montado en portugués). A potencia produtiva deste sistema extensivo non ten igual debido á súa diversidade produtiva: touros de lida, porcino de alta calidade, cortiza, cultivos alimentarios e de forraxe, vexetación e fauna salvaxe dabondo para manter unha caza sostible, mantemento ou restauración edáfica, variedade territorial debido á existencia de manchas ou currais (microclimas máis húmidos ou secos dependendo da orientación xeográfica da aba), asociación con outras especies coma o piñeiro real (e a súa produción de piñóns), explotación micolóxica nalgúns casos e apícola máis habitualmente, etc.
A enorme variedade produtiva e a adaptación coevolutiva da estrutura social e da distribución territorial da poboación no sur ibérico a esta diversificación fan necesaria a xestión do territorio por parte dun equipo de xestión forestal moi consciente da importancia social, ecolóxica e industrial deste modelo de produción.
[editar] Localizacións singulares
En Galicia quedan manchas que testemuñan unha expansión maior na antigüidade: os bosquetes coñecidos máis amplos sitúanse nos seguintes puntos:
- máis de mil hectáreas nos concellos da Arnoia e Ribadavia e en xeral toda a comarca do Ribeiro;
- río Arnego, encoro de Portodemouros e en xeral toda a bacia do río Deza e o río Ulla;
- Ribeira Sacra e curso baixo do río Miño;
- Por norma xeral é posible atopalo en tódolos vales interiores de Galicia e nos costeiros meridionais.
O normal é que a carón destas zonas teña existido un aproveitamento tradicional, cando menos para confeccionar albarizas ou colmeas. Moi preto da primeira das ubicacións mencionadas, en Ventosela (na estrada entre Ribadavia e o antigo pazo de Otero Pedrayo en Trasalba), hai unha empresa de tratamento de cortizas.
Historicamente a súa distribución foi moito maior e máis densa tal e como demostra a distribución dos topónimos que proceden do latino suber (non debe confundirse con Sobrado, que vén de superatum).
Fóra de Galicia hai varias localidades mundialmente famosas:
- San Pedro de Alcantara en Extremadura;
- Parque Natural de los Alcornocales, entre a provincia de Málaga e a provincia de Cádiz;
- Vila Nova de Gaia, preto de Porto, en Portugal;
- En Tunicia está a maior sobreda do planeta;
[editar] Pela
A pela é o proceso de descascado da sobreira. Os tipos de cortiza que se extrae clasifícanse cronoloxicamente coma:
- bornizo
- primario
- secundario
A pela faise a unha altura gradualmente crecente, que se establece por unha circunferencia á altura do peito (C.A.P.) ou diámetro gradualmente menor.
[editar] Cortiza
Á parte da importancia simbólica que ten que as primeiras células vistas nun microscopio fosen precisamente as de cortiza, a importancia industrial da cortiza é moi clara: é un material cunhas características moi específicas pero que non poden ser imitadas artificialmente por ningún outro composto sintético industrial. A imposibilidade actual de que a industria bioquímica sexa capaz de reproducir cortiza ou materiais coas súas propiedades coloca á industria nun lugar estratéxico único no mundo. Se tódalas rollas das botellas do mundo (das de certa calidade, xa que a calidade do viño ou licor se pode estimar pola calidade da rolla que o tapa) saen das árbores, hai que previr ó sector da sobreexplotación, coidar os recursos actuais, prever un constante aumento do mercado cun constante aumento produtivo en calidade e cantidade e aumentar asemade a superficie forestal destinada a este recurso de momento insubstituíble.
A cortiza utilízase coma illante térmico e sonoro con aplicacións moi diversas, pero o seu uso principal é a produción de rollas para o peche de botellas. A calidade da cortiza é proporcional á dificultade da súa produción e ó seu valor, e os embotelladores escóllena en función da bebida que se debe conservar.
[editar] Antropoloxía
No Courel chámase así os alpendres adosados ás casas.
[editar] A sobreira na cultura popular galega
- A muller que ha de ser miña/ ha de ter o cu de pan,/ a barriga de cortizo/ i o nariz de bacallau (é posible un erro na recollida da cantiga de pan por pau).
- Meu santo, San Antoniño,/ nacido no sobreiral,/ o pesebre do meu burro/ évos voso irmán carnal.