Leonardo da Vinci
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Leonardo da Vinci (15 de abril de 1452 - 2 de maio de 1519) foi un pintor, arquitecto, enxeñeiro, científico e escultor do Renacemento italiano. Está considerado por moitos como o arquetipo do Home do Renacemento. É o autor do máis famoso cuadro do mundo, intitulado Mona Lisa ou A Gioconda.
A pegada de Leonardo na historia da arte europea é bastante profunda. Algunhas técnicas desenvolvidas por el, destacadamente o esfummato e o clarescuro, tornáronse unha regra para a pintura dos séculos vindeiros.
No ano 2008, foi elixido nunha enquisa elaborada co motivo da celebración do Día de Europa en 50 países europeos o personaxe máis influente da sociedade europea actual[1].
Índice |
[editar] Biografía
Giorgio Vasari relata a vida deste xenio na súa obra Vite. Leonardo naceu en Vinci, Italia; antes de que se adoitaran as convencións de nomes actualmente vixentes en Europa, así, ao seu nome de pía engadíuselle o do seu pai (Ser Piero) e o lugar de nacemento. Leonardo axeitaba asinar os seus traballos como Leonardo ou Io, Leonardo (eu, Leonardo), sen empregar o nome do seu pai, inducindo a pensar que era fillo ilexítimo.
O seu pai era home influínte, se ben descoñécese o detalle, e a súa nai era unha rapaza labrega chamada Caterina. Suxeriuse que Caterina foi escrava, propiedade de Piero, pero está sen confirmar.
Leonardo creceu co seu pai en Florencia, onde foi aprendiz de pintor, independizándose despois. Entre 1482 e 1499 traballou para o Duque de Milán e mantivo o seu propio taller, no que traballaban varios aprendices. Ao invadir Francia a cidade, voltou a Florencia como enxeñeiro e arquitecto ao servizo de César Borgia, fillo do papa Alexandre VI. En 1506 voltou a Milán.
Despois pasou tres anos (1513-1516) en Roma, cidade na que traballaban pintores como Rafael e Michelangelo, con quen non tivo moitos contactos.
En 1516 entrou ó servizo do rei Francisco I de Francia no Pazo Real Amboisse, onde recibeu sepultura despois de morrer, unha semana antes dos seus 67 anos, en Cloux.
Leonardo, segundo parece, non mantivo relacións íntimas con ningunha muller ao longo da súa vida. En 1476, foi acusado, xunto con outros tres rapaces, de ter relacións homosexuais cun modelo de 17 anos, Xacobe Saltarelli. A acusación non foi adiante, e todos foron absoltos por falta de probas; os acusados tiveron que soportar durante un tempo a vixilancia dos Serenos, unha especie de policía anti-vicio renacentista.
[editar] Obra
Leonardo é ben coñecido pola súa obra pictórica, entre a que destaca A Gioconda (actualmente no museo do Louvre de París) e A última cea. Nembargantes, ata os nosos días só chegaron 70 pinturas e ningunha das súas esculturas.
Leonardo era un pintor compulsivo que decote esbozaba grandes obras pictóricas para deixalas, ao cabo, sen rematar. En 1481 encargóuselle a decoración do altar A adoración dos Magos. Despois de grandes proxectos e numerosos bosquexos, a obra foi abandonada sen terminar cando Leonardo se trasladou a Milán.
Alí pasou anos planeando e realizando modelos da estatua dun monumental cabalo de bronce de 8 metros que ía ser alzado en Milán. A causa da guerra con Francia, o proxecto nunca rematou. Por iniciativa privada, construiuse en 1999 en Nova York unha estatua construída segundo os seus planos que foi doada á cidade de Milán, onde se erixiu.
De regreso a Florencia, recibiu o encargo para a execución dun mural público xunto con Miguel Anxo, que foi o elixido para ornar a parede oposta. Tras realizar unha gran variedade de estudos para o proxecto, abandonou a cidade.
Os seus detallados estudos da anatomía, como por exemplo o Home de Vitruvio (ver imaxe), son quizais máis impresionantes que os seus traballos artísticos, ao igual que sorprenden aínda os seus traballos sobre enxeñaría, os paxaros, o voo e outras áreas que suscitaron a súa insaciable curiosidade.
As súas elucubracións sobre temas técnicos e científicos rexistrábaos Leonardo con minuciosidade e neles combinábase perfectamente a arte coa ciencia para representar do mellor xeito posible a materialización das súas ideas. Porén, con certo afán críptico, coma se non quixese desvelar completamente os seus descubrimentos, Leonardo, que era zurdo, realizaba as súas escrituras reflexadas, escribindo de esquerda a dereita, de xeito que para facer a interpretación dos seus escrito é necesario empregar un espello.
En 1502 proxectou unha ponte de 240 metros de luz que formaba parte dun proxecto de construción para o Sultán Bajazet II de Constantinopla. A obra xamais se realizou, mais no ano 2001 a idea resucitou para a construción dunha ponte en Noruega baseada no deseño de Leonardo.
Dotado dunha aguda capacidade de observación, a súa aproximación á ciencia nunca destacou polas súas explicacións teóricas nen por recurrir a experimentos; en cambio, para comprender os fenómenos que lle interesaban describíaos e debuxábaos ata os seus últimos detalles, pensando en realizar unha grande enciclopedia baseada en detallados debuxos de todo o coñecido.
As notas conteñen debuxos de numerosas innovacións coma diversas máquinas para voar, un helicóptero, armas de fogo, tanques armados, un submarino e un dispositivo con engranaxes que podería ser unha máquina para calcular.
O 3 de xaneiro de 1496 ensaiou unha das súas máquinas para voar sen éxito.
Leonardo nunca publicou ou distribuiu os contidos dos seus manuscritos que permaneceron ocultos ata o século XIX cando puideron incorporarse as súas contribucións ao desenvolvemento técnico e científico. Por esta razón L. Sprague de Camp considerábao non coma o primeiro enxeñeiro moderno, senón coma o último dos enxeñeiros da antigüidade, facendo notar que tras a época de Leonardo formalizouse a publicación dos descubrimentos científicos.
En 1994 Bill Gates adquiriu un dos seus manuscritos por 25 millóns de dólares.
No 2004 o nome de Leonardo, nunca lonxe da opinión pública, recibiu un pouco máis de atención que a habitual debido á publicación da novela O código Da Vinci, de Dan Brown, unha obra de ficción controvertida polo seu tratamento do Opus Dei e na que a figura de da Vinci ten un papel importante.
[editar] Referencias
- ↑ http://www.lavozdegalicia.es/cultura/2008/05/10/00031210412501163377212.htm?idioma=galego Leonardo Dá Vinci, o personaxe máis influente da cultura europea
[editar] Ligazóns externas