Ilya Ilyich Mechnikov
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Ilya Ilyich Mechnikov (Илья Ильич Мечников; *Jarkov, Ucraína, 16 de maio de 1845 - † París, 16 de xullo de 1916). Tamén coñecido como Eli ou Elías Metchnikoff, foi un Microbiólogo ucraíno de orixe xudía, Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina en 1908.
Durante o traxecto da súa vida deulle as costas á tradición xudía dos seus devanceiros; converteuse lentamente nun fervente ateo e revolucionario.
A lectura de A orixe das especies de Charles Darwin produciulle un forte impacto no seu concepto científico da natureza. Logo chegou, grazas ao azar, á microbioloxía, onde descubriu procesos como a fagocitose axudado e patrocinado por Lous Pasteur en Francia.
Estudou nas universidades de Jarkov e Wurzburgo. En 1870 foi nomeado profesor de zooloxía da Universidade de Odesa, cargo que deixou en 1882 para adicarse a investigar en bacterioloxía e patoloxía. Tras dirixir o Instituto Bacteriolóxico de Odesa entre 1886 e 1888, trasladouse ao Instituto Pasteur de París, sendo nomeado subdirector en 1895.
En 1884 formulou a "teoría fagocitósica da inmunidade", que explicaría a capacidade do corpo humano para resistir e vencer as enfermidades infecciosas. Pero os seus estudos máis importantes están relacionados coa sífilis, estudos que permitirían posteriormente a Paul Ehrlich descubrir un tratamento eficaz contra ela. Foi o introductor do emprego dos fermentos lácticos en terapéutica para modificar a fermentación pútrida no intestino e creu atopar nos microbios do leite acedo -o iogur- a solución ao problema do envellecemento.
Tivo sempre un respecto reverencial pola morte e por iso creou disciplinas científicas como a xerontoloxía (ciencia da vellez) e a tanatoloxía (ciencia da morte). Ilya cría que a morte estaba vencellada, en certa forma, coa sífilis e buscou, xunto con Emile Roux, unha cura, descubrindo o ungüento gris a base de calomelanos.
En 1908 compartiu con Paul Ehrlich o Premio Nobel de Medicina polos seus traballos sobre a fagocitose e a inmunidade.
[editar] Bibliografía
Entre as obras que deixou escritas destacan Patoloxía comparada da inflamación (1893), A naturaleza do home (1903), A inmunidade nas enfermidades infecciosas (1905) e O alongamento da vida (1908).
[editar] Referencias
- Paul de Kruif, Cazadores de Microbios