Casa do Home
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A Casa do Home, máis coñecida como DOMUS, é un museo coruñés, o único interactivo conceptual e monográfico sobre o ser humano. Algunhas das súas montaxes máis interesantes son un collage representando a Gioconda realizado con 10.062 fotografías de persoas de todo o mundo, imaxes dun parto, elaborar un menú e comprobar se é equilibrado ou ver os latidos do propio corazón. Foi inaugurado en 1995 e é obra de César Portela e Arata Isozaki.
Conta con 1.500 m² de exposicións, 300 deles na sala Severo Ochoa, de exposicións temporais, e unha sala de proxeccións de cinema en grande formato. Ten excelentes vistas ás praias de Riazor e Orzán.
As exposicións oferecen uns 200 módulos interactivos. Ademais de fornecer información, esixen ser accionados mediante algún mecanismo, frecuentemente en forma de xogos sinxelos, para entender o seu funcionamento. As áreas temáticas denomínanse Eu (a identidade), Nós (demografía), Bioquímica e Xenética, Paisaxes (medios de exploración do corpo e imaxes microscópicas de tecidos e células), Reprodución e desenvolvemento embrionario, Sentidos, Corazón e sistema circulatorio, Comer para vivir (nutrición e sentidos do gusto e o olfacto), Sistema motor, O pé, Cerebro, Equilibrio, habilidades e linguaxe.
A sala de proxeccións denomínase Leonardo da Vinci. As proxeccións son de grande formato (8/70) magnavisión sobre unha pantalla de 80 m2. Conta cunha potencia de 7.000 vatios de luz e 4.000 de son, con 17 altifalantes.
Enderezo: Sta. Teresa, 1.