Moldova
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
|
|||
Lema: Non ten | |||
Lingua oficial | Moldavo | ||
Capital | Chişinău | ||
Presidente | Vladimir Voronin | ||
Primeiro Ministro | Vasile Tarlev | ||
Área - Total - % água |
135º maior 33,843 km² 1.4% |
||
Poboación | 116º máis poboado
|
||
Independencia
|
da Unión Soviética | ||
Moeda | Leu | ||
Fuso horario | UTC +2 | ||
Himno Nacional | Limba noastră | ||
TLD (Internet) | .MD | ||
Código telefónico | 373 |
En galego: Moldova, en castelán: Moldavia, en romanés: Moldova, en francés: Moldavie, en inglés: Moldova, en portugués: Moldávia/República Moldava mais tamén Moldova.
A República de Moldova (en romanés: Republica Moldova) é un país sen saída ó mar da Europa do Leste, que limita con Romanía polo Oeste e con Ucraína polo Leste. Foi unha das repúblicas constituíntes da Unión Soviética ata 1991.
Índice |
[editar] Historia
O territorio da actual Moldova foi habitado na Antigüidade polos dacios. Emprazada sobre unha ruta estratéxica entre Asia e Europa, Moldova foi vítima de numerosas invasións, incluíndo o Principado de Kiev e os mongois.
A fins da Idade Media a Moldova comprendía todo o territorio poboado maioritariamente por romaneses emprazado entre os montes Cárpatos ó oeste e o río Nistru ó leste. No século XIV tendo por núcleo a Bucovina constituíuse o principado de Moldova que foi invadido e ocupado polos turcos en 1512, a familia de "beŷs" (especie) de "virreis" apelidada Besarab ó servizo da chamada "Sublime Porta" ( Imperio Otomano ) deu o nome ó sector de Moldova emprazado ó nordeste do río Codrii, así xurdiu a provincia de Besarabia, que incluía case a totalidade da actual República de Moldova aínda que tamén algúns distritos cara ó sur (que tras 1947 pasaron a Ucraína), deste modo se conformou a parte oriental do principado de Moldova. Este volveuse tributario do Imperio Otomano tendo como limite oriental o Xedisán e setentrional a Podolia, aínda que en 1812 o Tratado de Bucarest transferiu Besarabia a Rusia como un dos "Principados Danubianos". A parte occidental de Moldova converteuse máis tarde en parte de Romanía. A Guerra de Crimea fixo retroceder as fronteiras rusas na rexión, aínda que a Besarabia (cuxo territorio é o que constitúe xunto á Transnistria a maior parte da actual república de Moldova) mantívose baixo control ruso.
Trala revolución rusa, Besarabia foi rapidamente convertida nunha república independente en 1918, pero uníuse a Romanía ese mesmo ano, quedando só a pequena franxa da Transnistria dentro da URSS. O pacto Molotov-Ribbentrop permitiu á Unión Soviética tomar Besarabia en xuño de 1940 e, a pesar de seren expulsadas novamente en 1941 trala Operación Barbavermella, as tropas soviéticas reocuparon a área en agosto de 1944. Baixo o goberno soviético as rexións do norte e o sur habitadas por ucraínos e romaneses foron transferidas a Ucraína e Transnistria (cunha importante poboación rusa) uníuse co resto nunha república soviética chamada "República Soviética Socialista de Moldova", a cal ocupaba o actual territorio da República de Moldova.
Cando a Unión Soviética desapareceu, en agosto de 1991, Moldova proclamouse independendente converténdose en membro da Comunidade de Estados Independentes en decembro dese mesmo ano, ó igual cá maioría das anteriores repúblicas soviéticas. Nun principio houbo un movemento pro-reunificación con Romanía, pero un referendo en marzo de 1994 recibiu unha enorme maioría de votos a favor da conservación da independencia.
Ese mesmo ano, a nova Constitución de Moldova, en vistas de acomodar ás minorías rusa, ucraína e gagauza, recoñece a creación das súas propias entidades territoriais dentro da estrutura nacional da República de Moldova, permitindo a creación de organismos lexislativos propios, goberno e competencias lingüísticas. Do mesmo modo, permitíase para estes territorios a secesión se Moldova se unise a Romanía.
As eleccións presidenciais de 1996 resultaron propicias para os agrarios e os socialistas, principais partidos da esquerda moldava, e Petro Lucinschi foi nomeado Presidente da República, cun 54 por cento dos votos. Dende o principio do seu mandato, Lucinschi tratou de soluciona-lo problema, xa endémico, de Transnistria, achegando posicións coa Federación Rusa. Así a todo, as conversas entre os nacionalistas de Transnistria e os representantes da República de Moldova continúan sendo intermitentes e pouco produtivas, pese ó amplo grao de autonomía que o Estado moldavo outorgou a este territorio.
As eleccións lexislativas celebradas en 1998 estiveron caracterizadas pola soidade en que quedou o partido gañador, o Partido Comunista da República de Moldova, que non puido formar goberno. Boa parte dos partidos restantes da cámara uníronse en torno ó Bloque para unha Moldova Próspera e á Convención Democrática, formando un goberno de coalición.
A falta de acordos, a crispación política e o fracaso á hora de elixir un novo Presidente da República, provocaron a convocatoria de eleccións anticipadas para o 25 de abril de 2001. O Partido Comunista, con Vladimir Voronin e Vasile Tarlev á cabeza, obtivo unha importante vitoria electoral, conseguindo a metade dos votos emitidos, e obtendo a maioría absoluta na cámara. Voronin converteuse en Presidente da República de Moldova, e Tarlev en Primeiro Ministro. O partido comezou un amplo proceso de reformas económicas e sociais para favorece-la súa entrada na Unión Europea. Os esforzos do goberno tamén se orientaron na creación de emprego. O distanciamento de Moldova con respecto á Federación Rusa foi, no entanto, un crecente problema no asunto de Transnistria.
Os comunistas revalidaron a maioría absoluta nas eleccións de marzo de 2005, aínda que reduciron o seu número de representantes na cámara de 70 a 56.
[editar] Goberno e política
O Parlamento unicameral moldavo conta con 101 asentos e os seus membros son electos a través do sufraxio popular por catro anos. O Parlamento logo elixe ó presidente, quen exerce como xefe de Estado. O presidente nomea a un primeiro ministro como xefe de goberno, quen ó seu vez confecciona un gabinete, ambos sometidos á aprobación do Parlamento.
[editar] División territorial
Dende 2003 (mediante unha Lei aprobada o 19 de marzo de 2003), Moldova está dividida en 32 distritos (raion, en plural raioane), 3 municipios (Chişinău, Bălţi e Tighina), e dúas rexións semi-autónomas (Găgăuzia e Transnistria).
[editar] Demografía
A poboación de Moldova alcanza os 4,4 millóns (2006), e está decrecendo a un ritmo do 0,12% anual. A maioría da poboación pertence á etnia romanesa (80%), seguida por unha importante colectividade de rusos (7%), ucraínos (7%), alemáns, turcos, búlgaros e serbios constitúen o resto da poboación. Os habitantes concéntranse nas chairas, onde están os centros industriais e desenvólvese a agricultura a gran escala.
O 72,2% dos moldovos vive nas cidades, o que representa unha da proporcións máis baixas de Europa, só superada por algúns dos seus veciños balcánicos. As principais cidades do país son Chisinau, a capital, con 1 millóns de habitantes.
Moldova é un estado sen relixión oficial, aínda que máis do 70% da poboación adscríbese á Igrexa Ortodoxa Romanesa, que é independente da ortodoxa do leste. Tamén hai cantidades significativas de católicos protestantes (4% da poboación) ou grupos pentecostais. Segundo o censo de 2002, tamén vivían no país 23.105 ateos e arrelixiosos e 6100 xudeus.
A romanés é a lingua oficial do país. Séguenlle en importancia o húngaro e o romaní, falados polas poboacións desas etnias. O francés é falado por un significativo número de persoas (entre 1 e 2 millóns), e Moldova é membro da Francofonía.
[editar] Economía
Véxase: Economía de Moldova.
Países do mundo | Europa |
Albania | Alemaña | Andorra | ARI Macedonia | Austria | Bielorrusia | Bélxica | Bosnia - Hercegovina | Bulgaria | Chequia | Chipre | Croacia | Dinamarca | Eslovaquia | Eslovenia | España | Estonia | Finlandia | Francia | Grecia | Hungría | Irlanda | Islandia | Italia | Letonia | Liechtenstein | Lituania | Luxemburgo | Malta | Moldova | Mónaco | Montenegro | Noruega | Países Baixos | Polonia | Portugal | Reino Unido | Romanía | San Mariño | Serbia | Suecia | Suíza | Ucraína | Cidade do Vaticano |
Países con parte do seu territorio en Europa |