Albania - Shqipëria
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
- En galego: Albania, en albanés: Shqipëria, en alemán: Albanien, en árabe: البانيا, en xaponés: アルバニア, en grego: Αλβανία.
Republika e Shqipërisë República de Albania |
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Albania, oficialmente República de Albania (en albanés: Republika e Shqipërisë e pronuciado [ɾɛˈpublika ɛ ʃcipəˈɾiːs] ou simplesmente Shqipëria) é un país do suleste de Europa. Fai fronteira con Grecia no Sul, con Montenegro do Norte, coa provincia serbia de Kosovo no norleste e coa República de Macedonia no este. Ten 362 km de costa, con litoral no Mar Adriático, ao oeste, e no mar Xónico no suloeste. Albania é unha democracia parlamentar que aínda segue a transformar o seu sistema económico cara unha economía de mercado. A súa capital é Tirana e é un candidato potencial para o ingreso na Unión Europea e na OTAN. Outras cidades tamén importantes son Apollonia, Butrinto, Krujë, Durrës e Shkoder.
Índice |
[editar] Etimoloxía
Albania é o nome en Latín Medieval do país chamado Shqipëri polos seus habitantes. O nome en Grego Medieval é o de Albania amais de variantes tales coma Albaētia ou Arbanētia. A orixe máis recente do elemento Alb- remóntase ao ilirio alb, ou outeiro, emparentado coa voz Alp-, ou montaña de pastos, atopada en rexións alpinas.
No século II D.C., na Historia do Mundo, escrita polo historiador grego Polibio, hai unha mención a unha cidade chamada Arbon, hoxe en día estaría en Albania central.
Outra teoría é que o topónimo do país procede da tribo iliria dos Albanoi, recollida por Ptolomeo, o famoso astrónomo e cartógrafo de Alexandría, quen debuxara un mapa de marcada importancia para a historia de Iliria. Ese mapa recollía á cidade de Albanópole, que estaría localizada ao sul da cidade albana de Durrës na actualidade.
Na súa historia escrita entre 1079-1080, o historiador e estatista bizantino Attaliates foi o primeiro en nomear aos Albanoi coma parte dunha revolta contra Constantinopla en 1043 e aos Arbanitai coma súditos do Duque de Dyrrachium Durante a Idade Media, os albaneses chamáronlle ao seu país Arbër ou Arbën e autodenomináronse coma Arbëresh ou Arbnesh.
No século XV, un novo nome evolucionou entre os albaneses para se referir á súa terra e é o que na actualidade se mantén: Shqipëria, que significa Terra das Águias. Adoptado apartir da rebelión contra os turcos dirixida por Gjergj Kastriot (Skanderbeg) en 1433 e que provén da bandeira nacional coa águia bicéfala. O nome ten, pois e probablemente, as súas orixes no brasón da familia Skanderbeg.
[editar] Historia
- Artigo principal:Historia de Albania
Os ilirios, pobo de fala indoeuropea, apareceron aproximadamente no 1000 AC no actual territorio de Albania. A súa cultura viuse influída pola cultura grega. Despois de ser conquistada por numerosas nacións (como o Imperio Romano e o Imperio Bizantino), pasou a formar parte, no 1478, do Imperio Otomano, tras anos de resistencia dirixida polo heroe nacional Gjergj Kastrioti Skenderbeg.
Tras a Guerra dos Balcáns, Albania declarou a súa independencia do Imperio Otomano no 1912. O país foi dirixido polo rei Zog I de Albania até 1939 cando foi acupada por Italia. Tras a Segunda Guerra Mundial os comunistas chegaron ao poder (en novembro de 1944) dirixidos por Enver Hoxha. Desde 1945 até 1990 Albania tivo un dos gobernos máis represivos de toda Europa.
Entre 1990 e 1992 o país puxo fin os 46 anos de goberno comunista e estableceu unha democracia.
[editar] Política
Albania é unha República multipartidista cunha recente democracia. A súa constitución foi aprobada, por todos aqueles cidadáns maiores de 18 anos, por referéndum popular o 22 de Novembro de 1998 e promulgada o 28 de Novembro dese mismo ano.
A cabeza do Estado é o presidente, elixido pola Kuvendi (a Asemblea da República de Albania). Os 140 membros da Kuvendi son elixidos polos albaneses cada 4 anos. A cabeza do goberno é o primeiro ministro, que está asistido por un Consello de Ministros que son nomeados por el.
Partidos importantes mais sen representación son:
- Partido Comunista de Albania (PKSH).
- Frente Nacional (PBK).
O poder xudicial organízase no Tribunal Constitucional, no Tribunal Supremo (cuxo Presidente é elixido por sufraxio universal de cada catro anos) e despois múltiples tribunais establecidos por condados e distritos. Albania non aceptou a xurisdición obligatoria da Corte Internacional de Xustiza (CIX), mais si a xurisdición da Corte Penal Internacional (CPI) para todos os seus habitantes.
O seu embaixador nos EUA é Aleksander Sallabanda.
[editar] División Administrativa
Albania está dividida en 36 rrethe (distritos). Varios distritos agrúpanse nun qark (condado da prefectura), dos que hai 12. O país divídese despois en 351 municipalidades ou concellos. A capital, Tirana, ten un status especial. Os qark cos seus rrethe son:
Condado | Capital | Distritos | |
---|---|---|---|
1. | Berat | Berat | Berat, Kuçovë, Skrapar |
2. | Dibër | Peshkopi | Bulqizë, Dibër, Mat |
3. | Durrës | Durrës | Durrës, Krujë |
4. | Elbasan | Elbasan | Elbasan, Gramsh, Librazhd, Peqin |
5. | Fier | Fier | Fier, Lushnjë, Mallakastër |
6. | Gjirokastër | Gjirokastër | Gjirokastër, Përmet, Tepelenë |
7. | Korçë | Korçë | Devoll, Kolonjë, Korçë, Pogradec |
8. | Kukës | Kukës | Has, Kukës, Tropojë |
9. | Lezhë | Lezhë | Kurbin, Lezhë, Mirditë |
10. | Shkodër | Shkodër | Malësi e Madhe, Pukë, Shkodër |
11. | Tirana | Tirana | Kavajë, Tirana |
12. | Vlorë | Vlorë | Delvinë, Sarandë, Vlorë |
Relacionado: Concellos de Albania
[editar] Xeografía e Clima
Albania é un estado cunha superficie total de 28,750 quilómetros cadrados. É moi montañoso, está cheo de cantís e montañas, con alturas xeralizadas de máis de 1000 metros. O pico máis alto, o Korab, chega até os 2.753 metros e atópase no distrito de Dibra. O 70% do país é acidentado e moitas veces inaccesíbel.
As terras baixas só ocupan 1/7 do país e redúcense á chaira litoral e a vales moi estreitos. Os seus principais ríos son o Drin, o Vijosë, o Devoll, o Seman e o Shkumbin. A costa fronte ao mar Adriático é recortada, salpicada por golfos e cabos.
As terras costeiras desfrutan dun clima mediterráneo, con temperaturas medias anuais de ao redor de 16ºC e con invernos frescos e veráns cálidos. En troques, no interior vólvese un clima continental, con medias anuais de 10ºC e bruscos contrastes de temperaturas ao longo do ano. Nalgunhas zonas montañosas as precipitacións superan os 2000 mm e as montañas en inverno receben abondosas nevaradas.
A vexetación mediterránea con maquias e coníferas destacan na franxa litoral mentres que no interior montañoso predominan fragas de coníferas e caducifolias.
A zona costeira ten aproximadamente 362 km e está situada entre os Mares Adriático e Xónico.
Ademais da capital, Tirana, con 853.400 habitantes (2003), as principais cidades son Durrës, Elbasan, Shkodër, Gjirokastër, Vlorë e Korçë.
[editar] Economía
- Ver artigo principal: economía de Albania.
Albania é un dos paises máis pobres de Europa, coa metade da poboación activa traballando na agricultura e un quinto traballando no estranxeiro. O país enfróntase a un alto desemprego, corrupción até nos niveis máis altos do goberno e ao crime organizado.
[editar] Demografía
Cara o mes de xullo do ano 2007, Albania tiña unha poboación de 3.600.523 habitantes, que crescía ao ritmo dun 0.73%
Albania é un país practicamente uniforme no referente ás etnias posto que o 96% da poboación é albanesa (segundo estimacións de 1989).Tamén hai moitos albaneses en Kosovo na república de Serbia. Mais tamén hai unha importante minoría grega no sul (sobre o 2%) que se atopa moi discriminada e ten un partido político propio, o Partido da Unión polos Dereitos do Home. Outras minorías importantes son os aromúns, os macedonios musulmáns, os goranios, os macedonios, os xitanos ou os Montenegro, entre outros. A lingua predominante é o albanés cos seus dous dialectos o toscoe o geg
[editar] Relixión
Desde a ocupación otomana, a maioría dos albaneses son musulmáns (sobre o 70%). A Igrexa Ortodoxa Oriental (20%) e a Igrexa Católica (10%) son as outras principais confesións. A pesar da mestura de relixións nunca houbo grandes disputas relixiosas e os matrimonios entre membros de distintas relixións son bastante habituais.
[editar] Ligazóns externas
- Organización nacional de turismo de Albania Web oficial albanesa de información turística.
Países do mundo | Europa |
Albania | Alemaña | Andorra | ARI Macedonia | Austria | Bielorrusia | Bélxica | Bosnia - Hercegovina | Bulgaria | Chequia | Chipre | Croacia | Dinamarca | Eslovaquia | Eslovenia | España | Estonia | Finlandia | Francia | Grecia | Hungría | Irlanda | Islandia | Italia | Letonia | Liechtenstein | Lituania | Luxemburgo | Malta | Moldova | Mónaco | Montenegro | Noruega | Países Baixos | Polonia | Portugal | Reino Unido | Romanía | San Mariño | Serbia | Suecia | Suíza | Ucraína | Cidade do Vaticano |
Países con parte do seu territorio en Europa |