Clima continental
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O Clima continental é un clima rigoroso no cal as diferenzas de temperaturas entre inverno e verán, día e a noite, son enormes. Os veráns son quentes e os invernos moi fríos con xeadas a cotío (por atinxir temperaturas baixo 0ºC) e chuvias escasas. Estas características prodúcense por localizarse no interior dos continentes ou por rexións illadas por cadeas montañas que impiden a influencia marítima.
Aínda que por clima continental entendemos aquel que con características específicas, se dá en territorios de latitude media, outros climas poden presentar influencia da continentalidade (escaso atemperamento das temperaturas por influencia do mar); así nas zonas interiores ecuatoriais de Brasil e o centro de África o clima tropical está continentalizado, pois son as maiores amplitudes térmicas diarias. Os desertos extensos como o Sáhara tamén poderían presentar un "clima con influencia continental" onde o mar non atempera. Agora ben, estritamente falando é "clima continental" unicamente o que se acha na zona de latitude media do planeta.
[editar] Distribución
O clima continental aparece especialmente no hemisferio norte do planeta: Siberia (exceptuando o norte), o interior de Estados Unidos e Canadá, Europa central e oriental, Asia central, interior de China, Irán e certas zonas do norte de África e o cono sur.
O fenómeno do clima continental amplíase a outros climas que se modifican pola presenza de barreiras montañosas que impiden a influencia mariña ou ventos fríos procedentes dos polos que poden influír en extremar as temperaturas e levar a continentalidade ata o mar (a costa leste de Estados Unidos, as beiras do mar Negro ou mar Báltico, etc).
O clima continental está case limitado ao hemisferio norte do planeta, basicamente porque a maioría de terras emerxidas nesa latitude media se atopan alí, a excepción de zonas de Arxentina en Sudamérica, pero neste subcontinente a parte de latitude media é estreita, sendo escasas as zonas de clima continental.
Sudáfrica e Australia localizadas en latitudes medias no hemisferio sur, non posúen clima continental, pola estreiteza no caso do primeiro, e pola creación do deserto nas zonas interiores do segundo.
[editar] Cidades con clima continental
Malia o desapracible do clima continental, boa parte das maiores cidades do mundo, tanto en poboación como desenvolvemento económico están en zonas con este clima, pénsese en Chicago, Moscova, Montreal, Toronto, Berlín, Madrid, Nova York, Pequín, Saraievo, Viena, Múnic, Milán, Turín, Belgrado, Budapest, Praga, Ankara, Washington, Varsovia...
A capital de país co clima continental máis severo no mundo é Ulan Bator, en Mongolia.
[editar] Tipos de clima continental
Como o clima continental é en realidade a dexeneración dun clima determinado, hai infinidade de tipos cuxos trazos en común son as temperaturas extremas:
- Clima continental fritiu ou siberiano: é o máis severo, dáse en toda Siberia exceptuando o norte (que é nival), e o centro leste de Canadá, a media anual está por baixo dos 0ºC, con longos invernos, a amplitude térmica é enorme de máis de 50ºC, os curtos veráns son mornos.
- Clima continental monzónico ou manchuriano: dáse no norte de China, Corea do Norte, os arredores da cidades rusas como Vladivostok. Menos extremado có siberiano, posúe veráns máis cálidos, a media anual é superior aos 0ºC aínda que inferior aos 10ºC. Ademais dun período maior de choivas en torno aos 500mm. É basicamente un clima monzónico temperado extremado en amplitude térmica.
- Clima temperado continental húmido: dáse na Rusia Europea (exceptuando a franxa norte) a maior parte de Europa oriental e central, centro e nordés de Estados Unidos, e sueste de Canadá. Similar ao manchuriano, aínda que con temperaturas medias algo máis baixas e menos precipitacións, así como máis irregulares. É a dexeneración do clima atlántico ou marítimo.
- Clima mediterráneo continentalizado: dáse no interior da Península Ibérica, norte de Italia, as zonas amesetadas de Suíza, interior de Grecia, interior de Anatolia, o atlas sahariano e zonas amesetadas de Alxeria.
- Clima continental árido: dáse en Asia central, Mongolia, centro-oeste de América do Norte nos lindes das montañas rochosas.