Xosé Ramón Pena
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Xosé Ramón Pena (Betanzos, 1956) é un escritor en lingua galega.
Nado en Betanzos (1956), pasou a infancia e mocidade na Coruña. Estudou filoloxía hispánica e galego-portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela, pola que é doutor en Filoloxía. Profesor na Universidade de Vigo e mais na de California (Sta. Barbara), na actualidade traballa como catedrático de lingua e literatura galega en Vigo.
O seu labor ocupa os espazos da investigación na historia da literatura, na narrativa e no xornalismo. Dentro do primeiro deles, está especializado nos eidos da literatura medieval e das vangardas galegas, estudando e editando a obra de R. Cabanillas, Amado Carballo ou Manuel Antonio. É autor de títulos como Manuel Antonio e a vangarda (1996), Xograres do mar de Vigo (1998)´, Historia da literatura medieval galego-portuguesa (2002) ou -con Manuel Forcadela- Estudos sobre Os Eoas de Eduardo Pondal (2005). Así mesmo levou a cabo o estudo e edición de Na noite estrelecida (1987), Da Terra asoballada (1994) e A esmorga (2001). Tamén é coautor dun Manual do galego urxente (1987) e do volume Galego século XXI (2004).
Como narrador está en posesión do premio Xerais de novela e do "Losada Diéguez" á creación literaria. É autor dos seguintes títulos: O reverso do espello (1984), Para despois do adeus (1987), Paixóns privadas (1991), A era de Acuario (1997) e Fado de princesa (2005).
Colaborador habitual en xornais e revistas, mantén unha columna semanal no xornal Faro do Vigo no cal dirixe, ademais, o suplemento cultural semanal "Faro da Cultura".