Volver
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Volver é unha película española de 2006 dirixida por Pedro Almodóvar.
Índice |
[editar] Argumento
Aviso: Esta sección pode revelar detalles da trama ou do argumento.
Segundo as propias palabras de Almodóvar, a película fálanos de «tres xeracións de mulleres sobreviven ó vento solano, ó lume, á tolemia, á superstición e ata á morte a base de bondade, mentiras e unha vitalidade sen límites.
»Elas son Raimunda (Penélope Cruz) casada cun obreiro en paro e unha filla adolescente (Yohana Cobo); Sole (Lola Dueñas), a súa irmá, gaña a vida como perruqueira, e a nai de ambas, Irene (Carmen Maura), morta nun incendio xunto ó seu marido. Este personaxe aparécese primeiro á súa irmá (Chus Lampreave) e despois a Sole, aínda que con quen deixou importantes asuntos pendentes foi con Raimunda e coa súa veciña do pobo, Agustina (Blanca Portillo).
»Volver non é unha comedia surrealista, aínda que en ocasións o pareza. Vivos e mortos conviven sen estridencias, provocando situacións hilarantes ou dunha emoción intensa e xenuína. É unha película sobre a cultura da morte na miña Mancha natal. Os meus paisanos vívena cunha naturalidade admirable. O modo en que os mortos continúan presentes nas súas vidas, a riqueza e humanidade dos seus ritos fai que os mortos non morran nunca. Volver destrúe os tópicos da España negra e propón unha España tan real como oposta. Unha España branca, espontánea, divertida, intrépida, solidaria e xusta».
[editar] Comentarios
A estrea mundial produciuse en Puertollano (Cidade Real) o 10 de marzo de 2006. A oficial foi o 16 de marzo de 2006 no Palacio da Música da Gran Vía madrileña. Giorgio Armani patrocinou o evento.
En Volver, o último filme ata o momento de Pedro Almodóvar, prodúcese o reencontro coa súa «musa» por excelencia, Carmen Maura, a cal encarna o papel dunha «avoa pantasma». No seu anterior filme, La mala educación, aparece a modo de guiño-pista o cartel dunha suposta película que o personaxe de Enrique Goded rodaría: La abuela fantasma. Ademais, no despacho do director das oficinas de «El Azar S.A.», aparece o cartel doutra das películas de Goded (Fele Martínez), o cal mostra, na parte inferior esquerda, o nome da principal protagonista: Carmen Maura. Todos estes guiños daban moitas pistas do encontro que levaría a cabo na próxima película almodovariana, Volver. Xa en La flor de mi secreto Amanda Gris escribe un libro, que a editorial rexeita por ser demasiado negro, no que unha muller esconde o cadáver do seu marido nun arcón conxelador.
Volver rende homenaxe ó perseverante e asfixiante loito que incitou ó director manchego a plasmar un universo de cor cuxas raíces están intimamente ligadas ó movemento Pop Art promovido por Andy Warhol. Sobrexpoñer a cotidianeidade de personaxes marxinados e desprazados por mor das fortes estruturas de poder da sociedade, é unha das características que, en esencia, resume a éxtase que Pedro Almodóvar transmite a través dos seus personaxes.
Almodóvar dirixe Volver de xeito máis fluído que nunca. Notamos a súa esencia en cada un dos planos do filme: reflexos en autobuses, tricolor na entrada do bar, primeirísimos primeiros planos arrepiantes (papel de cociña empapándose de sangue). Almodóvar volve a un aspecto xa homenaxeado en Todo sobre mi madre: mulleres ó bordo do abismo cuxas mellores armas son as mentiras e a estratexias que usan para ocultar (Volver é unha película na que se oculta moito); de feito, todas as actrices ocultan, nun momento ou outro, converténdose deste xeito en excelentísimas actrices vítimas da cotidianeidade social na que se atopan mergulladas. Ademais, a soidade (elemento crave en Hable cone lla) convértese nunha «pantasma» que sobrevoa a película dun xeito moi sutil pero profunda. Frases como «Estou soa, coma sempre», «imaxino as soidades que pasarías», «non me fagas chorar, que as pantasmas non choran» deixan constancia dun selo almodovariano por excelencia. Capaz de mostrar unha suposta pantasma de xeito cómico pero envolvido nun contexto dramático, é unha habilidade cinematográfica que Almodóvar aborda mellor que ninguén. Bágoas, sorrisos, gargalladas, pantasmas, rusas, perruqueiras, clientas maruxas, bicos e rituais manchegos, acoso sexual, porros, prostitución, televisión lixo, mentiras, contas pendentes, soidade, mortes, nacementos, xoias de plástico, estampados floreados e unha infinidade de voltas, son os elementos que flúen, de xeito totalmente libre e diluído, por cada un dos minutos de metraxe de Volver.
Fai unha crítica ós programas de televisión que denominan telelixo, é unha homenaxe e referencia a Bellissima (Bellísima) de Luchino Visconti e ata o aspecto de Penélope Cruz é idéntico ó de Anna Magnani en Bellissima. Así como Managni leva a súa filla a un concurso de talento, en Volver Irene leva á súa filla a un concurso televisivo de talento. Os personaxes teñen o acento da Mancha e na súa maioría son mulleres.
[editar] Reparto
- Penélope Cruz (Raimunda)
- Carmen Maura (Irene)
- Lola Dueñas (Sole)
- Blanca Portillo (Agustina)
- Yohana Cobo (Paula)
- Chus Lampreave (Tía Paula)
- Antonio de la Torre (Paco)
- Carlos Blanco (Emilio)
- María Isabel Díaz (Regina)
- Neus Sanz (Inés)
- Leandro Rivera (Auxiliar Produción)
- Yolanda Ramos (Presentadora TV)
- Carlos García Cambero (Carlos)
- Pepa Aniorte (Veciña)
- Elvira Cuadrupani (Veciña)
- María Alfonsa Rosso (Veciña)
- Fany de Castro (Veciña)
- Eli Iranzo (Veciña)
- Magdalena Brotto (Veciña)
- Isabel Ayúcar (Veciña)
- Concha Galán (Veciña)
- Marie Franç Torres (Veciña)
- Natalia Roig (Veciña)
- Pilar Castro (Axudante da presentadora, escenas eliminadas)
- Carmen Machi (escenas eliminadas)
- Raimunda Sánchez Expósito (anciá que queda durmida no funeral)
- Agustín Almodóvar (empregado froitería)
[editar] Premios e candidaturas
[editar] Oscar
Categoría | Acode | Resultado |
---|---|---|
Mellor actriz | Penélope Cruz | Candidata |
[editar] Goya 2006
Categoría | Acode | Resultado |
---|---|---|
Mellor película | Gañadora | |
Mellor director | Pedro Almodóvar | Gañador |
Mellor actriz | Penélope Cruz | Gañadora |
Mellor actriz de reparto | Carmen Maura | Gañadora |
Mellor actriz de repartición | Lola Dueñas | Candidata |
Mellor actriz de repartición | Blanca Portillo | Candidata |
Mellor guión orixinal | Pedro Almodóvar | Candidato |
Mellor dirección de produción | Antonio Norella | Candidato |
Mellor música orixinal | Alberto Iglesias | Gañador |
Mellor dirección artística | Salvador Parra | Candidato |
Mellor deseño de vestiario | Gina Daigeler | Candidata |
Mellor fotografía | José Luís Alcaine | Candidato |
Mellor maquillaxe e perruquería | Gina Daigeler | Candidata |
Mellor deseño de vestiario | Ana Lozano, Massimo Gattabrus | Candidatos |
Mellor son | Miguel Reixas | Candidato |
[editar] Premios César
Categoría | Acode | Resultado |
---|---|---|
Mellor película estranxeira | Candidata |
[editar] Festival de Cannes
Categoría | Acode | Resultado |
---|---|---|
Mellor interpretación feminina (ó conxunto de actrices) | Penélope Cruz, Carmen Maura, Blanca Portillo, Lola Dueñas, Chus Lampreave e Yohana Cobo | Gañadoras |
Mellor guión orixinal | Pedro Almodóvar | Gañador |
Premio FIPRESCI da Federación Internacional da Crítica de Cine á mellor película do ano | Gañador |
Nota: É a segunda vez que FIPRESCI elixe un filme de Almodóvar como o mellor do ano, xa que en 1999 o Gran Premio foi para Todo sobre mi madre.
[editar] Premios do cine europeo
Categoría | Persoa | Resultado |
---|---|---|
Mellor película europea | Candidata | |
Mellor director | Pedro Almodóvar | Gañador |
Mellor actriz | Penélope Cruz | Gañadora |
Mellor guión orixinal | Pedro Almodóvar | Candidato |
Mellor compositor | Alberto Iglesias | Gañador |
Mellor fotografía | José Luís Alcaine | Candidato |
Premio do público á mellor película europea do ano | Gañador |
[editar] Medallas do Círculo de Escritores Cinematográficos 2006
Categoría | Persoa | Resultado |
---|---|---|
Mellor película | Gañadora | |
Mellor director | Pedro Almodóvar | Gañador |
Mellor actriz | Penélope Cruz | Gañadora |
Mellor actriz secundaria | Carmen Maura | Gañadora |
Mellor guión orixinal | Pedro Almodóvar | Gañador |
Mellor música | Alberto Iglesias | Gañador |
[editar] Outros premios
- Premio do Público e Especial do Xurado no 13º Festival Internacional de Cine de Valdivia (Chile).
- Mellor actriz do ano (Penélope Cruz) na décima edición do Festival de Cine de Hollywood.
- O 28 de setembro de 2006, a Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España elixiu a "Volver" como representante española nos Oscar.