Viquingos en Galicia
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
No século VIII, os viquingos convertéranse nunha potencia naval e militar. Lanzaban expedicións de saqueo e conquista polo Atlántico e subían os ríos até as cidades que pretendían saquear. Así chegaron até o Mediterráneo, e no camiño estaba Galicia.
Índice |
[editar] As primeiras invasións
A primeira incursión dos viquingos en Galicia aparece nos Annales Bertiniani: en agosto de 844 un grupo procedente dunha expedición de saqueo, que se adentrara polo Garona, chegou ata Galicia empurrados por unha tempestade para ser rexeitado nos arredores da Torre de Hércules, despois de saquear algunhas aldeas da costa. Reinaba Ramiro I. Trala derrota os viquingos seguiron rumbo Lisboa.
A lenda do Bispo Gonzalo da diocese de Bretoña dátase nesta época: ao chegaren á entrada do río Masma un grande número de embarcacións viquingas, a xente fuxiu onde o bispo, que consideraban santo. Gonzalo pregou ao ceo protección do ataque e daquela desatouse unha grande tempestade que afundiu a maior parte da frota.
Ata o 858, reinando Ordoño I de Asturias, non volveron os viquingos a Galicia. Tratábase dun continxente dunhas 100 naves procedente de expedicións de saqueo polas costas francesas que se dirixiu cara a ría de Arousa. Tras saquear Iria Flavia chegaron ata Santiago de Compostela, ao que puxeron sitio, os seus veciños pagaron un tributo para evitar o saqueo. Malia iso, os viquingos intentaron entrar na cidade, e nese momento un exército dirixido polo conde Pedro enfrontouse a eles, derrotándoos e destruíndolles trinta e oito barcos; os sobreviventes dirixíronse cara o sur. Como consecuencia desta expedición cambiouse a sé episcopal de Iria a Santiago de Compostela.
No ano 951 os viquingos reapareceron de novo atacando as costas galegas; as cidades galegas reforzaron nos anos seguintes as súas defensas en previsión dalgún ataque. De novo no 964 os viquingos fanse presentes en Galicia, pois o propio bispo de Mondoñedo, o futuro San Rosendo, ten que lles facer fronte.
[editar] As segundas invasións
Coincidindo coas desputas entre Rosendo e Sisnando polo control de Compostela, chegaron de novo os viquingos a Galicia no ano 968. Entraron tamén pola ría de Arousa baixo o mando do rei Gunderedo (Gunrod de Noruega) á fronte dun continxente numeroso, unhas cen naves, que se dirixiu cara Santiago. O bispo Sisnando, que acababa de expulsar a Rosendo da cidade, intentou detelos nas proximidades de Iria, pero non o conseguiu e morreu nunha sanguenta batalla o 29 de marzo, atravesado por unha frecha. Xa sen resistencia os viquingos esparexéronse polo país, chegando até o Courel. En Lugo o bispo Hermenexildo logrou defender a cidade, pero non puido facer nada para protexer as terras do bispado de Bretoña, cuxa antiga sé quedou totalmente destruída.
Os viquingos decidiron voltar ás súas naves cargados co botín e os prisioneiros, e foi nese momento cando un exército ao mando do conde Gonzalo Sánchez conseguiu vencelos nos arredores da ría de Ferrol no ano 970, dando morte ao seu rei e queimando a maioría das súas naves.
Ao deixaren Galicia, dirixíronse outravolta cara o sul e saquearon a costa entre o río Douro e Santarém.
[editar] As últimas invasións
Os viquingos apareceron en Galicia esporadicamente, en xeral, sen moitas consecuencias; non obstante, no ano 1015, dirixidos quizais polo rei Olaf, atacaron Castropol, Betanzos, Ribas de Sil e Tui. Nesta vila desembarcaron por sorpresa subindo polo río Miño, masacraron o exército do conde Menedus e tomaron como prisioneiro ao bispo, Afonso.
No ano 1028, reinando Vermudo III, Ulf, alcumado o Galego, tamén dirixiu unha expedición contra as costas galegas, subindo pola ría de Arousa, mais foi rexeitado polas forzas do bispo Crescornio. No 1066 o bispo Cresconio, que fortalecera a ría de Arousa edificando os Castellum Honesti, houbo de combater de novo cos viquingos.
Co fin do período das invasións viquingas, comezou a chegada de peregrinos nórdicos a Santiago de Compostela seguindo o Camiño de Santiago. O primeiro famoso foi o rei Sigurd de Noruega, no outono de 1108. A ruta do vestvegr (Camiño do Oeste), que ía de Escandinavia ata Galicia, levaba 8 días de travesía.