Tratado de San Stefano
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O tratado de San Stefano (3 de marzo de 1878) é o acordo que impuxo Rusia ao Imperio Otomán trala súa vitoria na guerra ruso-turca de 1877-1878. Asinouse en San Stefano (grego: Ayastefanos, actualmente Yeşilköy), poboación situada ao oeste de Istambul, polo Conde Nicholas Pavlovich Ignatiev e Alexander Nelidov por parte do Imperio Ruso e o Ministro de Asuntos Exteriores Safvet Pasha e o embaixador en Alemaña Sadullah Bey por parte do Imperio Otomán.
O 3 de marzo, día en que se asinou o Tratado de San Stefano, é o día nacional de Bulgaria.
[editar] Antecedentes
En 1859 Serbia se rebelaba contra os turcos, rebelión seguida pouco despois por Montenegro (que chegou a declararse independente), Bosnia e Hercegovina (que se uniron a Serbia). En 1876 a insurrección propágase tamén a Bulgaria. A severa represión levada a cabo polos turcos, provocou que o Tsar Alexandre III de Rusia aliado con Romanía declarase a guerra aos turcos. O exército turco foi derrotado e obrigado a asinar a rendición neste tratado de San Stefano.
[editar] Consecuencias
O tratado reorganizaba as antigas posesións balcánicas do Imperio Otomán.
A disposición máis importante deste tratado foi o recoñecemento da independencia de Bulgaria que absorbeu a maior parte de Macedonia o que permitiulle estenderse desde o mar Exeo ao mar Negro.
Tamén se recoñeceu a independencia de Serbia, de Montenegro e de Romanía. Romanía cedía Besarabia a Rusia e obtiña a cambio Dobruxa. Bosnia - Hercegovina pasaba a ser autónoma.
Rusia conseguía territorios do Imperio Otomán e o Sultán garantía a seguridade dos seus súbditos cristiáns.
O Reino Unido e o Imperio Austrohúngaro opuxéronse a este tratado que daba ás ao nacionalismo eslavo ao temer que Bulgaria se convertese nun satélite de Rusia e nunha ameaza para o Imperio Otomán.
O tratado modificouse catro meses máis tarde, o 13 de xullo de 1878, tralo Congreso de Berlín, no tratado de Berlín.