Ribeira Sacra
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A Ribeira Sacra é unha zona que comprende as ribeiras do río Sil e do Miño, na zona sur da provincia de Lugo e norte da provincia de Ourense; a capital da zona acordouse que fora a cidade de Monforte de Lemos (Lugo).
Índice |
[editar] Características
O nome de Ribeira Sacra probablemente vén da Idade Media, e nun principio pensouse que a denominación procede do latín Rivoira Sacrata, e que podería ter a súa orixe na gran cantidade de mosteiros e templos que nos magnánimos canóns e escarpadas abas típicas da comarca. Actualmente pódense visitar 18 mosteiros, entre os que cabe destacar dous: o recentemente creado Parador de San Estevo de Ribas de Sil -no concello de Nogueira de Ramuín (Ourense)- e o de Monforte de Lemos.
A Ribeira Sacra é especialmente coñecida polos seus tesouros naturais e biolóxicos, constituíndo un vastísimo ecosistema de gran variedade e riqueza. Son salientables os Canóns do Sil pola súa espectacular paisaxe. Esta é unha zona na que o río discorre encaixonado a través de paisaxes e montañas dunha gran beleza; os canóns dispoñen de miradores habilitados para admirar a súa impactante monumentalidade, así como de un catamarán aberto ao público que transita os canóns dun lado ao outro.
Ribeira Sacra, como denominación de orixe, é tamén coñecida pola calidade dos seus viños, que popularmente se coñecen na zona co nome xenérico de Mencía, debido a que son elaborados principalmente coa uva mencía, aínda que tamén se usa a uva Godello. As viñas, que se poden contemplar seguindo o curso do río, están dispostas nun sistema de chanzos de pedra, chamados socalcos, ao longo da ribeira, e datan da época romana.
Os romanos xa tiñan en grande aprezo estes caldos, que son afroitados e de gran presenza, ideais para tomar con carnes, e hai unha lenda que di que unha das variantes deste viño, o Amandi (procedente da zona do mesmo nome), facíaselle traer ao César desde a Gallaecia romanizada.
[editar] Investigacións sobre a orixe do nome
O primeiro testemuño escrito que temos do topónimo é o documento fundacional do Mosteiro de Santa María de Montederramo, outorgado en Allariz, o 21 de agosto de 1124 por dona Teresa de Portugal. A nomenclatura popularízase co gallo da publicación, tradución e comentario do devandito documento polo historiador Fray Antonio de Yepes, que sinalou que o documento facía referencia á zona coma "Rivoira Sacra", traducindo coma "Ribeira Sacra", en referencia á gran cantidade de mosteiros existentes na zona.
O historiador Manuel Vidán Torreira poría en dúbida esta tradución en 1987, coa publicación dunha serie de artigos en "La Voz de Galicia" e un traballo titulado "El roble sagrado de la Rivoira Sacrata". Vidán deriva "riboira/reboira/reboiro", e conclúe que Rivoira respondería denantes a "Roble" (Carballo) que a "Ribeira"[2]. Porén, esta tese adquiriría máis relevancia grazas a outro historiador, Torquato de Souza Soares, quen, sometendo a estudo crítico o documento fundacional e publicándoo en facsímil, atopa un error na transcrición de Fray Antonio de Yepes, e sinala que no documento pódese ler claramente "Rovoyra" e non "Riboira"; o que o aparta de "Ribera" e podería ter o significado de Carballeira ("Robledal"), do latín "Rubus". Vidán xa nos pon co seu traballo en sintonía coa obra de James Frazer "A ponla dourada", onde se recollen as tradicións Celtas en torno ao carballo, árbore que tiñan por sagrada e gardiá do espírito da tribo, sendo as fragas de carballos lugares obxecto de veneración. Vidán tamén se refire ao propio topónimo de Montederramo como unha probable alusión ao Visgo recollido polos Druidas, para reforzar a visión da orixe deste topónimo antes como "Carballeira Sagrada" que como a xa establecida popular e turisticamente de (Ribeira Sacra).
[editar] Concellos da Ribeira Sacra
Baños de Molgas · Castro Caldelas · Chandrexa de Queixa · Chantada · Esgos · Maceda · Manzaneda · Monforte de Lemos · Montederramo · Nogueira de Ramuín · Pantón · Parada de Sil · Paradela · Pereiro de Aguiar · A Peroxa · A Pobra do Brollón · Portomarín · Quiroga · O Saviñao · Sober · Taboada · A Teixeira
[editar] Notas
- ↑ Historia do Mosteiro de Santa Cristina
- ↑ As investigacións sobre a orixe do nome; o carballo sagrado