Lingua escocesa
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A lingua escocesa é unha lingua xermánica falada principalmente en partes de Escocia e en partes da Irlanda do Norte.
Ten a súa orixe en dialectos do inglés medio de Nortumbria. Posúe preto dun millón e medio de falantes, e é unha lingua común na rúa, pero que carece de calquera apoio oficial: nin se aprende nas escolas nin aparece na rotulación das cidades nin apenas en libros. O escritor máis famoso en escocés é Robert Burns, que empregou esta lingua tanto coma o inglés nos seus poemas.
A súa zona de distribución é o sur e leste de Escocia, mentres que o gaélico escocés é falado na Terra Alta (noroeste do país). O código ISO 639 do idioma é sco.
[editar] Dialectos
Recoñécese que o escocés ten habitualmente cinco dialectos:
- Escocés setentrional, falado ao norte de Dundee e dividido á súa vez nunha franxa máis setentrional (ao redor da vila de Caithness), nunha fita central e maioritaria (chamado dialecto dórico) e nunha máis meridional. O dialecto dórico ten á súa vez algúns dialectos recoñecidos e peculiares na vila de Cromarty: a fala dos mariñeiros de Cromarty, a fala dos labregos de Cromarty e a fala dos vilegos de Cromarty.
- Escocés central, falado entre as cidades de Perth (ao norte) e Glasgow e Edimburgo (ao sur), e que se adoita dividir en nororiental, sudoriental, occidental e sudoccidental.
- Escocés meridional ou fala das Estremas, usada nas Estremas de Escocia.
- Escocés insular, falado nas Órcadas e nas Shetland.
- Escocés do Úlster, falado por emigrantes escoceses ao norte de Irlanda e no condado de Donegal, e emparentado directamente co escocés central.