José Antonio Alonso
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
José Antonio Alonso Suárez, nado en León o 28 de marzo de 1960, é un político español.
Amigo da infancia de José Luis Rodríguez Zapatero, con quen compartiu estudos básicos e superiores, estudou a carreira de dereito na Universidade de León, e converteuse en xuíz en 1985, á temperá idade de 25 anos. En 1989, Alonso foi nomeado xuíz penal en Madrid, e pouco despois, maxistrado da Audiencia Nacional. Entre 1994 e 1998, foi o voceiro de Xuíces para a Democracia, e ten sona de ser un dos máis progresistas. Aínda así, tamén se recoñece que a súa profesionalidade sempre lle permitiu deixar a un lado as súas tendencias políticas ó tomar decisións xudiciais.
Antes das últimas eleccións xerais de 2004, Zapatero, daquela líder do PSOE na oposición, instoulle a optar a un escano no Congreso, que finalmente gañou. Porén, Alonso, malia a ter un escano e ser nomeado Ministro do Interior e logo de Defensa, aínda non ten o carnet de membro do Partido Socialista por incompatibilidade coa carreira xudicial.
Casado e cun fillo, Alonso participou en numerosos cursos universitarios e conferencias relacionadas coa linguaxe, a economía, as leis e a historia españolas. De feito, gústalle a filosofía e escribiu varios ensaios políticos.
En abril de 2006, a dimisión de José Bono como Ministro de Defensa levou aparellado o seu nomeamento para o cargo, deixando a carteira de Interior a Alfredo Pérez Rubalcaba. Co inicio da segunda lexislatura de Zapatero, Alonso abandonou o ministerio e fíxose cargo do posto de voceiro do grupo parlamentario socialista.
Predecesor: Ángel Acebes |
Ministro do Interior 2004 - 2006 |
Sucesor: Alfredo Pérez Rubalcaba |
Predecesor: José Bono |
Ministro de Defensa 2006 - 2008 |
Sucesor: Carme Chacón |