See also ebooksgratis.com: no banners, no cookies, totally FREE.

CLASSICISTRANIERI HOME PAGE - YOUTUBE CHANNEL
Privacy Policy Cookie Policy Terms and Conditions
Igrexa de San Miguel de Osmo - Wikipedia

Igrexa de San Miguel de Osmo

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Vista xeral da Igrexa desde o muro norte
Vista xeral da Igrexa desde o muro norte

A Igrexa parroquial de San Miguel de Osmo é de fábrica orixinal románica con pinturas manieristas no seu interior.

Índice

[editar] Situación

Fachada da Igrexa
Fachada da Igrexa

A Igrexa Parroquial de San Miguel de Osmo atópase enclavada nunha carballeira en Osmo no concello de Cenlle, onde xusto antes de chegar a Igrexa, podemos ver un enorme carballo de máis de cen anos.

Na súa orixe parece ser que foi de fundación privada, feita polo Conde de Ribadavia.

[editar] Descrición

A Igrexa é de núcleo románico, aínda que sufriu profundas transformacións nos séculos XVI e XVII.

Presenta planta basilical dunha sóa nave, lixeiramente modificada, cun adro e un anexo no seu muro norte, anexo no que antigamente se conservaba o arquivo parroquial.

[editar] Exterior

Detalle dos canzorros no lateral da Igrexa
Detalle dos canzorros no lateral da Igrexa

A Igrexa parroquial de San Miguel de Osmo conserva pouco da súa orixinal fábrica románica, tres canzorros no muro sur, que pola súa tipoloxía, de motivos xeométricos, fai que poidamos situalos nunha étapa do románico serodio. Tamén pode ser desta época unha cruz situada na cabeceira da Igrexa.

[editar] Fachada

Conserva unha sinxela pero fermosa fachada renacentista, do século XVI ou primeiros anos do XVII, estilo pouco común na zona e en igrexas parroquiais.

A porta principal compónse dun arco de medio punto apoiado sobre pilastras rectangulares. O arco adórnase cunha composición de cabezas humanas e unha do demo insertadas en casetóns.

Esta portada está enmarcada por dúas columnas apoiadas en basas de gran altura e que na súa parte superior se pechan cunha especie de cornixa. Por encima da porta hai un anxel coas súas ás no lado esquerdo da porta, non conservándose o do lado dereito.

Por riba das columnas, atópanse dous escudos, que tamén parecen indicar a fundación da Igrexa polos Condes de Ribadavia.

A Portada remátase con unha espadaña de dúas alturas, nas que hai tres hornacinas (dúas na altura inferior e unha na superior).

[editar] Interior

Desta mesma época destaca a sancristía cuberta cunha bóveda nervada en forma de cruz estrelada. Nas súas claves sorprenden cinco medallóns que representan o sol, a lúa, dous anxos enfrontados e no central un motivo floral sorprendendo os cinco pola súa boa feitura. Os arcos nervados apoiánse en ménsulas que representan dúas facianas no lado oeste e as dúas do lado leste sen decoración.

Xa na Igrexa ao pe do altar atopámonos con dúas tumbas con escudos (supónse que pertencen a familia dos Condes de Ribadavia).

A súa imaxe actual débese a importantes reformas feitas no século XVIII.

No seu interior é de resaltar a importancia dunha predela no altar de San Francisco.

[editar] A Predela de San Miguel

Entrando na igrexa pódese observar a man esquerda o altar de San Francisco onde nos atopamos con un achádego de gran valor artístico, coñecido como a Predela de San Miguel, podemos definila como un dos exemplos máis claros do manierismo de principios do século XVII convivindo con trazos barrocos. Os materiais empregados na súa confeción e a disposición das pinturas sitúan a orixe da predela nun altar realizado dentro do primeiro cuarto do século XVII.

A Predela está composta de oito táboas pintadas ao óleo, de 20x10 cm.; 20x15 cm. e 17x30 cm.

En Osmo, na predela os evanxelistas colocanse nas caras externas e saintes do mesmo, mentres que nas zonas máis afundidas e adoptando diferentes formatos se dispoñen o Nacemento de Cristo e o Descanso na Fuxida a Exipto, a Epifanía e a Circuncisión.

  1. San Marcos: Situado na parte externa do lado esquerdo da predela, representado de medio corpo cos seus atributos (león e libro) sobre un fondo neutro.
  2. A Natividade: Destaca por ser unha escea chea de humildade, fervor e recollemento. Unicamente están representados o Neno Xesús, San Xosé e María. Ao fondo o boi e a mula recordan que o fillo de Deus naceu nun establo.
  3. San Lucas: Destaca a súa indumentaria que o diferencia dos demais (toga escura cun broche e o colo de pel) e está acompañado dun boi, lendo un libro.
  4. A Epifanía: Reproduce a estrutura compositiva e os xestos doutras Epifanías pintadas noutros retablos manieristas. Están representadas María e o Neno no seu regazo, San Xosé ao fondo e os Tres Reis Magos ofrecendo os seus presentes.
  5. A Circuncisión: Igual que no caso anterior, trátase dunha pintura inspirada noutros grabados ou pinturas da época como por exemplo os que podemos atopar na Biblioteca Nacional de Madrid de Goltzius. Nel están representados María e o Neno, o mohel e o Sacerdote e San Xosé, un home, unha muller e un neno. É de suliñar que as cortinaxes e as columnatas que se ven ao fondo da pintura suxiren a idea de que nos atopamos nun templo.
  6. San Xoan Evanxelista: Aparece acompañado dunha aguia e dun caliz envenenado.
  7. A Fuxida da Sagrada Familia a Exipto: As tres figuras aparecen nun primeiro plano nunha paisaxe poblada de árbores. Sémellase moito a un grabado do século XVI de Lucas Van Leyden.
  8. San Mateo: Última táboa da predela, pintado cun anxel que lle sinala un libro. É a composición máis animada dos catro evanxelistas.

[editar] Galería de imaxes

[editar] Véxase tamén

[editar] Bibliografía

  • Ponce Couce, Leandro e Sánchez García, Jesús (1998), Galicia. Guía do Patrimonio arquitectónico., Vía Láctea Editorial Guías. ISBN 84-89444-50-1.
  • González Pérez, Cl.,artigo Osmo, Gran Enciclopedia Gallega - Tomo XXIII, páx. 144
  • Monterroso Montero, Juan M.; La Predela de San Miguel de Osmo, Revista Adaxe, nº11, páx. 97 a 104.(1995).


aa - ab - af - ak - als - am - an - ang - ar - arc - as - ast - av - ay - az - ba - bar - bat_smg - bcl - be - be_x_old - bg - bh - bi - bm - bn - bo - bpy - br - bs - bug - bxr - ca - cbk_zam - cdo - ce - ceb - ch - cho - chr - chy - co - cr - crh - cs - csb - cu - cv - cy - da - de - diq - dsb - dv - dz - ee - el - eml - en - eo - es - et - eu - ext - fa - ff - fi - fiu_vro - fj - fo - fr - frp - fur - fy - ga - gan - gd - gl - glk - gn - got - gu - gv - ha - hak - haw - he - hi - hif - ho - hr - hsb - ht - hu - hy - hz - ia - id - ie - ig - ii - ik - ilo - io - is - it - iu - ja - jbo - jv - ka - kaa - kab - kg - ki - kj - kk - kl - km - kn - ko - kr - ks - ksh - ku - kv - kw - ky - la - lad - lb - lbe - lg - li - lij - lmo - ln - lo - lt - lv - map_bms - mdf - mg - mh - mi - mk - ml - mn - mo - mr - mt - mus - my - myv - mzn - na - nah - nap - nds - nds_nl - ne - new - ng - nl - nn - no - nov - nrm - nv - ny - oc - om - or - os - pa - pag - pam - pap - pdc - pi - pih - pl - pms - ps - pt - qu - quality - rm - rmy - rn - ro - roa_rup - roa_tara - ru - rw - sa - sah - sc - scn - sco - sd - se - sg - sh - si - simple - sk - sl - sm - sn - so - sr - srn - ss - st - stq - su - sv - sw - szl - ta - te - tet - tg - th - ti - tk - tl - tlh - tn - to - tpi - tr - ts - tt - tum - tw - ty - udm - ug - uk - ur - uz - ve - vec - vi - vls - vo - wa - war - wo - wuu - xal - xh - yi - yo - za - zea - zh - zh_classical - zh_min_nan - zh_yue - zu -