See also ebooksgratis.com: no banners, no cookies, totally FREE.

CLASSICISTRANIERI HOME PAGE - YOUTUBE CHANNEL
Privacy Policy Cookie Policy Terms and Conditions
Francisco de Asís - Wikipedia

Francisco de Asís

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Francisco de Asís pintado polo Greco
Francisco de Asís pintado polo Greco
Francisco de Asís pintado por Francisco de Zurbarán
Francisco de Asís pintado por Francisco de Zurbarán

Francisco de Asís (en italiano Francesco d'Assissi, nado en en Asís o 26 de setembro de 1181 e falecido na mesma vila o 3 de outubro de 1226, foi un relixioso italiano. Fundador da Orde Franciscana, e patrón cristián dos ecoloxistas, dos nudistas e da protección do medio ambiente.

Índice

[editar] Mocidade

Fillo do próspero comerciante Pedro Bernardone. O seu nome auténtico era Xoán, pero como o seu pai comerciaba moito con Francia, alcumárono Francesco. Durante a súa primeira mocidade, adicouse á diversión, o despilfarro e a ostentación. A súa fogosa xuventude fervía en pecados (Celano, Vida primera). Amigo das tradicións cabaleirescas, participou nas guerras de Perugia, estivo prisioneiro un ano e, tras ser liberado, caeu enfermo. Recuperado, alistouse nas tropas de Galterío e Briena, pero volveu a enfermar no camiño de Roma e retornou a Asís. Nese momento, volveuse máis meditabundo e ensimismado. De vida refinada, sentía unha gran repulsa polas doenzas repugnantes, ata que un día se cruzou cun leproso e, vencendo o seu noxo, achegouse a él e bicouno. Isto cambiou a súa vida, comezou a atender enfermos nos hospitais e a facer esmolas. Vivía cos leprosos, lavaba os seus corpos infectos e curaba as súas úlceras purulentas (Celano, Vida primera)

[editar] Desprendimento

Adoitaba ir a orar ás aforas da vila, na igrexa de San Damián, onde escoitou unha voz que lle dicía: Francisco, repara a miña casa, pois xa ves que está en ruínas. Entón, crendo que a voz se refería ao edificio do templo no que oraba, decidiu contribuír a súa reparación e a vivir alí como un anacoreta.

Cando voltou a Asís, recibiu as burlas dos seus paisanos, que se rían do seu aspecto desleixado e abandonado. O seu pai encerrouno e golpeouno. Máis tarde, obrigouno a comparecer perante o Bispo Guido de Asís. O bispo conminoulle a que devolvera o diñeiro do seu pai, empregado en atender aos pobres e enfermos e en reparar San Damián e díxolle que Deus non quere que a súa Igrexa goce de bens adquiridos inxustamente. Daquela Francisco sacouse os vestidos e, quedando espido, dixo: os meus vestidos son do meu pai. Pedro Bernardone indignado abandonou o pazo episcopal.

Liberado de todos os bens e renunciando á herdanza do seu pai, ía polos camiños cantando loubanzas a Deus e bendecíndoo pola bondade e beleza das súas criaturas. Nin as malleiras dos bandoleros ripábanlle a alegría. Cando voltou a Asís, despois de varios anos, atopou o desprezo e a xacarandaina. Alí retomou a idea de restaurar San Damián coas súas propias máns.

Trasladouse a unha sinxela capeliña chamada Porciúncula. Daquela, nunha celebración, escoitou as palabras de Xesús de Nazareth que obrigaba a dar gratis o que gratis se recibira e a non posuír nin diñeiro, nin dúas túnicas, nin sandalias, nin báculo, nin alforxas e a ir polo mundo coma años en medio de lobos. Isto tocoulle moi fondo e desfíxose do pouco que xa levaba enriba e ficou cunha túnica de lá como a dos labregos miserentos da Umbría.

[editar] Primeiros discípulos

Tras este xesto, sentiu un grande entusiasmo interior que o impulsaba a predicar a conversión e a noticia alegre da paz do Señor. Empezou a ter discípulos e seguidores. O primeiro foi un rico comerciante Bernardo de Quintavalle que tras ler a Biblia con Francisco, decidiu repartir as súas riquezas entre os pobres. Vivían nunha cabana en Rivo Torto non lonxe de Asís.

En 1210, Francisco redactou a primeira regra franciscana e foron a Roma para que o Papa a aprobase. En Roma encontrou censura e incomprensión por parte das autoridades eclesiásticas. Pero, unha vez analizada a regra, a sorpresa foi que consistía literalmente nas frases de Xesús sobre o desprendimento, a pobreza e a fraternidade, de xeito que se viron obrigados a aceptala. Inocencio III amosouse adverso, pero finalmente mandou chamar ao pordioseiro e aprobou a regra.

En 1212, o abade de Monte Subiaso regaloulle a Porciúncula. Francisco non quixo aceptar propiedade ningunha e considerouna como préstamo, en sinal do cal leváballe aos monxes un canastro de peixes apañados nun regato veciño. A este agasallo os benedictinos responderon cun tonel de aceite. Este costume continúa hoxendía.

Construíron humildes cabanas ao redor da igrexa e comezou a ensinar co exemplo a o bo humor a fraternidade, a cooperación, a pobreza e a penitencia. Entendía que era unha seducción demoníaca aceptar diñeiro, buscar a excentricidade ou execederse no xexún con perigo da saúde, aínda que se conta que él mesmo botouse a rolos na neve para vencer as tentacións carnais. Aos lacazáns chamábaos irmán mosca e ao seu corpo irmán asno. Nembargantes, tiña un fondo amor pola natureza, particularmente aos animais e consideraba como irmás a todas a criatruras. Os seus biógrafos contan que afastaba con delicadeza os vermes do camiño para que non foran esmagados, que falaba coas anduriñas, que tiña un coelliño que o seguía no Lago Trasimeno e que chegou a amansar un lobo que aterrorizaba aos veciños. Aos irmáns que facían leña prohibíalles cortar toda a árbore para que renovasen os gromos; ao hortelán pedíalle que deixara na beira do horto franxas sen cultivar para que naceran herbas e flores que evocaran a cantos as viran a fragancia eterna.

Os seus discípulos gostaban de xogar cos nenos, atender enfermos, cantar e traballar manualmente nos máis diversos oficios. Percorrían as vilas e as aldeas e proclamaban que O Amor non é amado co fin de achegar ás xentes a Xesucristo. Conseguian reconciliar a inimigos e mesmo evitar conflitos armados como o caso da vila de Arezzo ao borde dunha guerra civil. Difundían un afecto verdadeiro superior a todo amor, escribirá Celano, quen tamén recolle persecucións, crueldades e encarceramentos dos que foron vitimas, e que aturaban con paciencia, reciedume e ledicia.

Tivo tamén seguidoras, entre as que salientou Clara de Asís, que profesaba un fondo amor e fascinación por Francisco. Fundou coas súa compañeiras unha orde contemplativa.

[editar] O Islam

Francisco decidiu predicar aos musulmáns, nun momento en que Europa no Concilio de Letrán organizaba as cruzadas, pero tras embarcar rumbo a Siria, unha treboada devolveuno a Ancona. Unha enfermidade impediulle tamén ir a Marrocos. Por fin, en 1219, conseguiu chegar a Damieta, onde os cruzados combatían aos musulmáns polo control da desembocadura do Nilo. Doído ao ver o embrutecemento moral dos cruzados, acordou pasar ao territorio islámico na busca do mesmo Sultán. O propio Malek-al-Kamil recibiuno e deulle hospitalidade por uns días, abraiado da audacia e indefensión dos predicadores. Malia isto, fracasou no seu intento de converter á corte do Sultán. Voltou de Terra Santa cos ollos danados para sempre e unha malaria que xa non lle daría acougo.

[editar] A Orde

Francisco chamaba a súa orde a dos irmáns menores, pero esta espallábase alén dos Alpes. En 1219, tivo lugar na Porciúncula o capítulo da orde. Construíronse multitude de cabanas para acoller aos delegados de toda Europa. Moitos delegados acusaron a Francisco de entregarse a aventura e pediron unha estrutura máis eficaz e sólida. Francisco defendeu con forza o camiño da sinxeleza e a humildade, exhortou aos seus seguidores a que foran, fronte os prudentes, pobres e toleiráns neste mundo e a confiar en Deus.

Rexeitou tamén, noutra ocasión, a proposta de solicitar poder predicar sen autorización dos bispos de cada diócese por onde facían camiño os seus predicadores. A desconfianza e a persecución por parte das autoridades relixiosas aconsellaban tal petición que se dirixiría ao Papa. Francisco repuxo: o maior dos privilexios e non gozar de privilexio ningún.

Aproveitando a súa viaxe a Siria, os que quedaran como os seus vicarios, pretenderon asimilar a orde ás regras estruturadas da vida monástica do tempo. Isto supoñía unha relaxación e vivir comodamente en conventos. Cando retornou, Francisco considerou isto unha traición ao seu espírito e negouse a entrar no convento de Bolonia. Solicitou ao papa Honorio III que puxese ao cardeal Ugolino (futuro Gregorio IX) como protector da orde e dispúxose a redactar unha nova regra.

Francisco renunciara a liderar a orde e en fronte tiña a frai Elías, o auténtico ministro xeral. Este facíase eco das protestas dos que reclamaban ter, cando menos, bens en común. Cando Honorio III aprobou a nova regra en 1223, esta recollía literalmente o redactado por Francisco que mantiña o seu espírito radical de pobreza, humildade e sinxeleza.

Redactou tamén unha regra para os laicos, os futuros terciarios franciscanos. El mesmo renunciou a ser sacerdote por considerarse indigno.

Non lle entusiasmaba que os seus irmáns se dedicaran ao estudo como era común nos monxes. Vía nesto un perigo de soberbia e dureza de corazón. Temía que o saber alimentara a vanidade. Pero, neste aspecto, foi máis dubitativo e flexible.

[editar] Perfil

A súa experiencia vital levábao á convicción de que a humildade era a fonte de todas as virtudes. Entendía a pobreza de xeito radical, como desprotección e desamparo absolutos. Consideraba o diñeiro, o prestixio e o poder como demoníacos, así que se compracía na pobreza e no desprezo.

Afincado na oración, tivo experiencias místicas e sufriu de estigmas. Algo que só revelou aos máis achegados.

Sometíase a un duro rigor, pero exhultaba dunha alegría que lle inspiraban composicións líricas que chegaron ata nós como a loubanza á natureza (cántico do irmán sol) e o himno da paz, unha oración onde glosaba todo un programa para ser instrumento de gozo, perdón e reconciliación.

A súa tenrura polo Xesús neno e desvalido levouno a montar o primeiro Belén ou Nacemento. Unha tradición que chega aos nosos días. A tradición conta que foi peregrino a Santiago de Compostela onde se fixo amigo do galego Cotolai.

Os seus biógrafos, moi próximos aos feitos, como Celano non dubidan en atribuirlle prodixios milagrosos que falan do seu amor á natureza e a súa capacidade de sanar aos doentes e apaciguar aos inimigos. Este caracterizaba a Francisco e aos seus seguidores como persoas de risa modesta, rostro festivo, ollo sinxelo, actitude humilde, lingua benigna, e resposta serea; concordes no ideal, dilixentes no servizo e infatigables nas obras; libres e destemidos, non buscaban a protección de ninguén(Vida primera)

[editar] Morte

Os seus derradeiros anos foron dun progresivo debilitamento. A piques de finar, pediu que o levaran á Porciúncula, solicitou parar para adiviñar, máis que albiscar, por mor da cegueira, a paisaxe de Asís, comeu un pastel pedindo perdón ao irmán corpo polo mal que o tratara. Rogou que se cantase o cántico ao irmán sol e expresou o seu desexo de ser soterrado no cemiterio dos criminais no Colle d´Inferno. Fixo que o puxeran espido sobre a espida terra (Celano, Vida Segunda) e deu a benvida á irmá morte.


aa - ab - af - ak - als - am - an - ang - ar - arc - as - ast - av - ay - az - ba - bar - bat_smg - bcl - be - be_x_old - bg - bh - bi - bm - bn - bo - bpy - br - bs - bug - bxr - ca - cbk_zam - cdo - ce - ceb - ch - cho - chr - chy - co - cr - crh - cs - csb - cu - cv - cy - da - de - diq - dsb - dv - dz - ee - el - eml - en - eo - es - et - eu - ext - fa - ff - fi - fiu_vro - fj - fo - fr - frp - fur - fy - ga - gan - gd - gl - glk - gn - got - gu - gv - ha - hak - haw - he - hi - hif - ho - hr - hsb - ht - hu - hy - hz - ia - id - ie - ig - ii - ik - ilo - io - is - it - iu - ja - jbo - jv - ka - kaa - kab - kg - ki - kj - kk - kl - km - kn - ko - kr - ks - ksh - ku - kv - kw - ky - la - lad - lb - lbe - lg - li - lij - lmo - ln - lo - lt - lv - map_bms - mdf - mg - mh - mi - mk - ml - mn - mo - mr - mt - mus - my - myv - mzn - na - nah - nap - nds - nds_nl - ne - new - ng - nl - nn - no - nov - nrm - nv - ny - oc - om - or - os - pa - pag - pam - pap - pdc - pi - pih - pl - pms - ps - pt - qu - quality - rm - rmy - rn - ro - roa_rup - roa_tara - ru - rw - sa - sah - sc - scn - sco - sd - se - sg - sh - si - simple - sk - sl - sm - sn - so - sr - srn - ss - st - stq - su - sv - sw - szl - ta - te - tet - tg - th - ti - tk - tl - tlh - tn - to - tpi - tr - ts - tt - tum - tw - ty - udm - ug - uk - ur - uz - ve - vec - vi - vls - vo - wa - war - wo - wuu - xal - xh - yi - yo - za - zea - zh - zh_classical - zh_min_nan - zh_yue - zu -