Estatua de Zeus
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A estatua de Zeus en Olimpia, esculpida polo grande escultor grego Fidias (século V a.C.) no ano 433 a.C., na cidade de Olimpia (actual Grecia), foi considerada unha das sete marabillas do mundo antigo. No ano 394 foi transportada a Constantinopla (actual Estambul), onde se di que foi destruída durante un incendio.
A estatua ocupaba a totalidade do ancho do corredor do templo construído para acollela. De acordo cunha fonte contemporánea, medía aproximadamente doce metros de alto. Zeus foi esculpido en marfil (ou modelado, pois na realización o marfil poñíase a mollo nun líquido que o facía máis maleábel) e foi sentado sobre un maxestoso trono feito de madeira de cedro embutida con marfil, ouro, ébano e pedras preciosas. Sobre a man dereita de Zeus había unha pequena estatua de Niké, a deusa grega da vitoria; e a man esquerda sostiña un cetro brillante cunha aguia na punta.
[editar] O santuario de Zeus
Na antigüidade, os gregos celebraban un dos seus festivais máis importantes, os Xogos Olímpicos na honra do rei dos deuses, Zeus. Os atletas acudían de lugares moi lonxanos, desde Sicilia até Exipto e Siria, ao santuario de Zeus situado na costa occidental de Grecia, no Peloponeso e esta celebración contribuía a unificar as cidades-estado gregas.
La sede consistía nun estadio para os xogos e un bosque sagrado, ou Altis, no que se situaban os templos. O santuario de Zeus foi simple no principio, mais, así como os xogos gañaban en importancia, viuse a necesidade de construir un máis adecuado á divindade. A construción iniciouse entre 470 e 460 a.C. baixo a dirección de Libon de Elis, quen o rematou en 456 a.C. O templo, de estilo dórico, erguíase sobre unha plataforma rectangular elevada. O teito apoiábase en trece grandes columnas nos lados e seis en cada extremo. O edificio culminaba en pico. Os pedimentos creados pola inclinación do tellado cobríanse con esculturas e baixo eles, xusto por baixo das columnas, outras esculturas describían os traballos de Hércules, seis a cada lado.
Encargóuselle a estatua de Zeus a Fidias, que xa creara unha de Atenea de 13 m. de alto para o Partenón de Atenas e que era o autor de boa parte das esculturas do exterior dese mesmo templo.
[editar] Arqueoloxía
As primeiras escavacións arqueolóxicas foron levadas a cabo por unha equipa francesa en 1829. Localizaron os limites do templo e atoparon fragmentos dos traballos de Hércules, hoxe en día no Museo do Louvre. En 1875 e os cinco anos seguintes, outra expedición alemá localizou a maioría dos edificios, atopou máis fragmentos das esculturas do templo e localizou os restos da poza no chan que contiña os óleos para a estatua.
Na década de 1950, outra equipa achou o obradoiro de Fidias ao oeste do templo, baixo unha igrexa cristiá. Atoparon ferramentas, un foxo para moldear o bronce, formas de arxila e mesmo fragmentos de colmillo de elefante que se terían usado. Moitas das formas de arxila, que se empregaran para crear láminas de ouro, tiñan números de serie que deberon ser utilizadas para indicar o lugar que habían de ocupar.
O estadio foi restaurado e dos templos é pouco o que fica, a excepción dunhas columnas - e nada da estatua.
[editar] Véxase tamén
- Santuario de Olimpia
- Olimpia