See also ebooksgratis.com: no banners, no cookies, totally FREE.

CLASSICISTRANIERI HOME PAGE - YOUTUBE CHANNEL
Privacy Policy Cookie Policy Terms and Conditions
Cilicia - Wikipedia

Cilicia

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Faltan por realizar tarefas neste artigo.
Neste artigo hai que completar as tarefas pendentes, que son:
Facer subdivisións

Aviso: os artigos que inclúan este marcador clasifícanse na Categoría:Artigos tarefas pendentes.

Cilicia foi unha rexión do sueste do Asia Menor. Foi satrapía persa e seléucida, e despois provincia romana e bizantina.

A rexión está dividida en dúas partes: a de fóra do Tauro e a Cilicia do Tauro. A Cilicia do Tauro pertenceu en xeral a Capadocia.

A Cilicia propia limitaba ao sur co mar Mediterráneo, ao oeste con Panfilia, ao norte con Licaonia e Capadocia e o leste cos montes Amano, que chegaban ata o golfo de Issos. Estaba dividida en dúas subrexións, a parte occidental montañosa, chamada Cilicia Traquea (e máis tarde Isauria) e a Cilicia oriental, chamada Cilicia Campestris (a chá).

A fronteira entre a Cilicia Traquea e Panfilia estaba en Coracesium (Alaya), segundo Estrabón, e ao río Melas (case 50 km ao oeste de Coracesium), segundo Plinio. Para Mela o cabo Anemurio, no extremo sur de Anatolia, era o que marcaba o límite. As dúas Cilicias estaban separadas segundo Estrabón polo río Lamos.

A Cilicia Campestris chegaba ata Solos e despois para o leste-sueste ata o Cabo Karadash (antigo Magarso). O río Cidno desemboca máis alá de Tarso.

Ao norte de Tarso as montañas do Tauro pechaban o país. O paso de Gölek Bógház, foi que usou Ciro II o grande para ir de Capadocia a Tarso, o que usou Alexandre o grande para entrar a Cilicia e o que Pescenio Níxer fortificou contra Septimio Severo, que marchaba contra el desde Capadocia. Pero o paso principal, entre Laranda e as Portas Cilicias, que é mencionado por Xenofonte foi usado noutras ocasións: Ciro o mozo utilizouno cando foi de Iconium a Licaonia por este paso acompañado da raíña de Cilicia, Epiaxa, á que enviou por este paso cunha escolta; e é o paso de mellor acceso para Solos, Pompeiópolis e Tarso. A parte máis cha é a rexión entre o Saros e o Píramo e chamábase Aleion en grego. Os ríos principais serían o Cidno, o Saro (hoxe Sihun) e o Piramo (Jihun). É preciso mencionar as cidades de Adana, Mopsuestia e Anazarbe.

Herodoto di que a rexión foi poboada polos Hipakeis que colleron o nome de cilicios por Cilix, fillo de Axenor o fenicio. En realidade a rexión foi habitada desde moi antigamente e sobre o -2000 o reino de Kizzuwatna era un dominio hitita. Xa existían Tarso (Tarša) e Adana (Adanija). Príncipes hititas da casa real gobernaron o país co título de sacerdotes. Entón a rexión estaba poboada por xente de fala luvita. Sobre o final do imperio Hitita, a finais do século –XIII, formouse un reino chamado Tarhuntassa, cuxa capital estaba na rexión de Panfilia.

Ao final do século -XIII o debilitamento de [[Hatti[[ obrigou a facer concesións ao rei de Tarhuntassa que se atribuíu o título de Rei de Hattusa. o rei hitita Suppiluliumas II afirma nunha inscrición ter devolto o reino de Tarhuntassa á obediencia, pero o reino sobreviviu e os seus reis continuáronse titulando reis de Hattusa ao igual que o fixeron os reis de Karkemish.

No século –X os asirios chamaron á rexión Que (Qu'e) ou Awariku (polo nome do seu rei), e tiña os seus propios reis dos que se coñece a Kateh (sobre a metade do século –IX) e Kirri aínda dentro do mesmo século; máis ao oeste estaba o país de Hilakku, do que derivou Cilicia. Tiglatpileser III (-744 - -727) someteu Que e nomeou gobernadores, que residiron en Adana, pero á morte de Sargón II, como outros moitos territorios, recuperou a independencia coa anterior dinastía real (a dinastía Muksa, nas fontes fenicias Mpš, posibelmente o mitolóxico cilicio grego Mopsos). A rexión foi reconquistada por Asarhaddon (-680 - -669), pero Hilakku mantívose independente, e sobre finais do século –VIII aparece como rei Ambarish e máis tarde, ao comezo do século seguinte, Sanduarris; ata que, debido aos ataques dos cimerios durante o reinado de Asurbanipal (-668 - -631), o reino pediu a protección asiria (sobre -670), e baixo os asirios aparece como rei (metade do século –VII) Sanasarris.

O -612 os babilonios sublevados aliados aos medos ocuparon Nínive, e puxeron fin ao Imperio asirio que só subsistiu nalgúns lugares da parte occidental. É nesta época cando Que e Hilakku quedaron unidas baixo un mesmo poder real; os gregos chamaron ao título dos reis Syennesis e ao país Cilicia, derivado de Hilakku. Herodoto menciona a mediación do rei de Cilicia nun tratado de paz entre Aliates II de Lidia e Ciaxares de Media.

O -547 ou -546 Ciro II o grande fixo campaña nas rexións próximas e someteu Lidia e seguramente tamén Cilicia. É posíbel que o rei (syennesis) de Cilicia, que se chamaba Appuwašou, quedase sometido a Persia na mesma campaña. O seguinte nome que se menciona como rei é Oromedonte (sábese só que foi o pai do seguinte rei). Sucedeuno o seu fillo, un rei mencionado como Syennesis II (xa que non se sabe o seu nome) que participou o -481 ao ataque persa a Atenas á fronte dalgunhas naves, e que a filla casou con Pixodaro, o líder de Caria. A súa capital era Tarso. Outro Syennesis (identificado como o III dos reis dos que só se coñece o título ) aparece no final do século –V e participou na guerra civil entre Artaxerxes II de Persia e o seu irmán Ciro o mozo, que tiña a axuda dos mercenarios gregos, entre os que estaba Xenofonte. O syennesis foi forzado a aliarse con Ciro o mozo pola presenza das súas forzas no país, pero ao ser derrotado en Cunaxa o rei foi destronado e os seus territorios convertidos en satrapía. Xenofonte fala da raíña Epiaxa, pero non aclara se era a muller do rei, unha co-raíña, ou a rexente dun menor. Seguramente o rei deposto (como antes os seus antecesores) tiña Tarso como residencia, e alí había unha forza militar persa. Herodoto fala da IV satrapía (Cilicia) e di que o imposto que pagaba o reino era de 360 cabalos e 500 talentos de prata ao ano, dos que 140 talentos serían utilizados na cabalería de gornición no país e o resto ían ao tesouro real. Herodoto define os límites da satrapía e di que se estendía ao norte do Tauro ata o leste de Capadocia (o Éufrates era o límite entre Cilicia e Armenia), é dicir que a parte oriental de Capadocia pertencía á satrapía.

Sábese pouca cousa dos sátrapas de Cilicia, pero na satrapía había lugares autónomos como Artemis Perasia (nome dado polos gregos) ou Cibela, que tiña por centro Castabala ao nordeste. Esta rexión precisamente sublevouse durante o reinado de Artaxerxes II de Persia, pero serían sometidos por Datames. Outro santuario foi Mazaca onde se adoraba ao lume.

O primeiro sátrapa coñecido é Tirabazos que o foi do -384 ao -380; seguiu Farnabaces e despois Datames (a satrapía de Cilicia estendíase para Capadocia). O babilonio Mazeos (Mazdai) foi sátrapa do -361 ao -336, un longo período para un sátrapa. O -336 foi nomeado gobernador de Babilonia, onde estaba cando chegou Alexandre o grande. O seu sucesor en Cilicia foi Arsames, que foi derrotado por Alexandre o -333 o cal estivo un tempo en Tarso por causa dunha enfermidade e despois continuou a loita contra a xente de Cilicia nas montañas. Foi nomeado sátrapa Balacro, que o foi ata o -328 e loitou contra os montañeses sen moito éxito, e substituíuno Filoto. O -321 Pérdicas concedeu a satrapía de Cilicia e Capadocia a Eumenes, que entrou en Capadocia e o -319 Pérdicas enviou na súa axuda a Antígono (Antígono Monóftalmo), sátrapa de Frixia.

Despois do reparto de Triparadiso, boa parte de Cilicia quedou dentro da satrapía de Capadocia (o -320) e dentro do dominio de Antígono, quen a dominou desde o -316 e a conservou ata o -301 cando, derrotado en Ipsos, Seleuco I Nicátor e Ptolomeo I Sóter se repartiron o país, quedándose o exipcio coas cidades da zona costeira e o seléucida o interior. Pleistarco foi nomeado sátrapa seléucida. Os exipcios conservaron as súas posesións (incluído durante a segunda guerra siria onde aínda as aumentaron) ata a quinta guerra siria (-202 - -198) cando a perderon en proveito dos seléucidas. A lingua luvita foi progresivamente substituída polo grego. Demetrio Poliorcetes dominouna do -298 ao -293 e despois Casandro ata o -285, pero serían máis ocupacións militares que dominacións.

Diodoto Trifón (-140 - -138) fortificou Coracesium durante a súa usurpación (como di Estrabón) do trono seléucida. Antíoco VII Sidetes cercouno no castelo (-139) onde se suicidou (-138). Estrabón fai responsábel a Trifón de que os cilicios comezasen a dedicarse á pirataría, combinado coa debilidade dos seguintes reis (iso é debido a que a capital dos piratas cilicios foi Coracesium). A gran demanda de escravos en Roma e noutras grandes cidades (sobre todo despois da destrución de Cartago e Corinto) facía moi necesario un tráfico que os piratas facían con eficacia, e Delos converteuse nun mercado libre para todos os escravos que puidesen coller e levar alí, pois os piratas alí figuraban como comerciantes de escravos lexítimos. A partir de -110 a pirataría converteuse na primeira ocupación na rexión. Durante a guerra con Mitrídates, os piratas estiveron ao lado do rei, que foi derrotado.

Cilicia foi doada a Antonio o -103 e este comezou a combater os piratas, pero o poder romano nunca se estableceu. O -92 Sila recibiu a provincia sen máis éxito que Antonio. O -80 e -79 Dolabella foi o gobernador de Cilicia, pero non se sabe que estivese nunca alí e todas as accións de Verres e Dolabella mencionadas por Cicerón serían en Licia, Panfilia, Psidia e Frixia. Os seléucidas perderon a rexión sobre o -83 ante Armenia, dominio que de feito non se estendeu a todas as rexións montañosas, xa seguramente en parte fóra do control seléucida, senón só a unha parte.

Os romanos fixeron algunha expedición contra os piratas (que mesmo ameazaran as custas italianas e moitas rexións do imperio) sen demasiado interese ata despois do -78. Entre o -78 e o -74 Publius Servilius Vatia foi enviado contra os piratas e loitou en Licia, Panfilia e en Córico en Cilicia e someteu unha parte da Cilicia occidental (polo que recibiu o sobrenome de Isáurico), pero a maior parte restou independente en mans dos piratas ou baixo dominio de Tigranes II de Armenia. O -69 aínda era un dominio armenio e seguramente tamén o -66. Gneo Pompeio foi nomeado o -67 comandante da guerra contra os piratas; foi el quen combateu aos piratas e estableceunos en cidades e lles deu terras (-67) e quen pacificou a Cilicia Traquea sobre o -66. Despois deste ano Tigranes foi aliado romano e renunciou formalmente a Siria (incluíndo Cilicia) Commagene, Osroene e Migdonia, que o -64 serían convertidas en provincia romana. Sobre o -65 os romanos dominaban na Cilicia cha. Entón organizouse a provincia con seis distritos:

  • Cilicia Campestre (Cilicia Campestris)
  • Cilicia Áspera (Cilicia Aspera)
  • Panfilia
  • Psidia
  • Isauria
  • Licaonia

Adeamis incluíu unha parte de Frixia, cos conventos xurídicos de Laodicea, de Apamea e de Synnada. Probabelmente foi na Cilicia Áspera onde o máis importante dos xefes locais foi recoñecido rei (Tarcondimoto I Filantonio). O -58 a illa de Chipre, tomada polos romanos a Exipto, foi incluída dentro dos límites da provincia, e aínda permanecía así cando Cicerón foi procónsul dela os anos -51 e -50. Marco Tulio Cicerón dirixiu a última campaña contra os piratas de Cilicia sobre o -50; Cicerón menciona aos habitantes de Cilicia que vivían nas montañas como Eleutercilicios e que tiñan capital en Pindenissos, e no seu tempo os habitantes da chaira xa estaban helenizados e a etnia cilicia coa súa lingua só se conservaba nas montañas e distritos afastados, como as rexións dos montes Amano, que Estrabón di que sempre tiveron varios reis ou xefes locais, que tiñan diversas prazas fortes e no seu tempo un deles impúxose ao outros e foi designado rei polos romanos, e que este rei se chamaba Tarcondimoto (que, como vimos era recoñecido rei desde aproximadamente o -64). Tarcondimoto I Filantonio foi rei de Cilicia (o título era "rei da alta Cilicia") do -64 ao -31. Tarcondimoto I E estivo con Pompeio na batalla de Farsalia, pero foi perdoado por César, e morreu loitando por Marco Antonio en Accio. A provincia dividiuse en oito conventos xurídicos:

  • Tarso (feita capital provincial e residencia do gobernador).
  • Forum Iconium (en Licaonia).
  • Forum Isauricum (probabelmente Philormenium).
  • Forum Pamphylium, (cidade descoñecida).
  • Forum Cibyraticum ou Cibra (en Laodice no Lico).
  • Apamea.
  • Synnada.
  • Chipre.

Sobre o -47 César fixo algunha mudanza: Cibra foi incorporada á provincia de Asia coa maior parte de Psidia e Panfilia; tamén se cre que lle serían incorporados os conventos de Apamea e Synnada. O -41 Marco Antonio fixo rei a Polemón, que se fixo chamar Antonio Polemón (así aparece nas moedas), co título de sacerdote máximo dos Cennatios, dinastía da cidade sagrada dos Olbeis e Lalasseis (o nome Cennatios aparece nas moedas de Diocesarea, onde é titulada "metrópole" dos Cennatios; os Lalaseis son mencionados por Plinio e Ptolomeo). O -36 Marco Antonio deu Chipre e Cilicia a Cleopatra (os reinos subsistiron como clientes de Exipto), e a Frixia oriental con Licaonia, Isauria e Psidia a Amintas, rei de Galacia. Augusto aínda a reduciu máis: reincorporou Cilicia Áspera (onde o reino de Tarcondimoto foi abolido) pero Chipre foi feita provincia separada e Panfilia, Isauria e Psidia despois da morte de Amintas xa non volveron, e serían constituídas en provincia separada, quedando unida Licaonia á nova provincia de Galacia (establecida á morte de Amintas). Cilicia quedou limitada ás Cilicias campestre e áspera.

Pasaran uns vinte anos do goberno de Cicerón ata que o poder romano se puido consolidar, xa que debido ás guerras civís non se puideron enviar nunca forzas militares suficientes. Finalmente, despois de Accio, púidose proceder a unha reorganización profunda: Cilicia e Chipre foron separadas de Exipto; o reino da alta Cilicia foi suprimindo, pero o -25, á morte de Amintas de Galacia, a Cilicia Traquea foi doada a Arquelao de Capadocia (que a posuíu por completo coa excepción de Seleucia, e que tivo por capital a illa de Eleusis, preto da desembocadura do río Lamo, á que se deu o nome de Sebaste en honor de Augusto), e despois, o -20, foi doada a administración dunha parte a título de rei a Tarcondimoto II Filopátor (fillo de Tarcodimoto I) porque era unha rexión difícil de gobernar. Tamén se consolidou nestes anos unha dinastía nativa en Olbe (na montaña entre Solos e Cyinda), onde os reis se chamaron case todos Áiax e Teucro, porque dicían ser descendentes do mítico Áiax (fillo de Teucro); e tamén noutro lugar montañoso, talvez o país dos Cennatios que xa fora reino durante uns dez anos (-41 a -31). Tarcondimoto II foi rei ata o ano 17, en que morreu, xustamente ao mesmo ano en que morreu Arquelao (que desde o ano 15 estaba retido en Roma) e Capadocia foi feita provincia de Roma e Cilicia Aspera repartiuse entre esta provincia e a provincia de Siria (Cilicia Campestre e seguramente Isauria); un rei Arquelao dos Clites é mencionado como rei desta vila no reinado de Tiberio (iniciado o 14) e suponse ben que fose un rei diferente ao Arquelao de Capadocia, ben que fose un descendente (a familia de Arquelao conservaría un poder local) pero nada se pode afirmar con certeza. Os gobernadores de Siria combateron ás tribos montañesas, como por exemplo Lucio Vitelo o ano 36, pero cada vez con menos dificultade. O 41 Polemón foi nomeado rei de Cilicia (probabelmente outra vez na Cilicia Aspera) e conservou o reino ata o 72, cando Vespasiano reunificou Cilicia e converteuna en provincia imperial administrada por legados (legatus) co título de propretores, e na época de Caracala foi feita provincia consular; foi dividida en dúas partes por Diocleciano o 293 (a parte occidental montañosa converteuse en Isauria, da vila dos isaurios, e a chaira conservou o nome de Cilicia); despois do reinado de Constantino I o Grande , Cilicia foi dividida en dúas provincias: Cilicia Primeira (Cilicia Prima), con capital en Tarso, baixo un cónsul; Cilicia Segunda (Cilicia Secunda), con capital en Anazarbe, baixo un praeses; e Isauria ou Cilicia Aspera (capital Seleucia) mantívose gobernada tamén por un praeses. Dentro de Cilicia había seis cidades libres, Tarso, Anazarbe (metrópoles desde o tempo de Caracala), Córico, Mopsuetia, Seleucia no Calicadno (esta última foi parte do reino de Arquelao, pero foi separada del polo mesmo Augusto) e Agis. Selino, máis tarde chamada Traianópolis foi colonia romana.

No século VII converteuse en zona de fronteira entre os bizantinos e os árabes. Os árabes ocupárona sobre o 700, pero os bizantinos recuperárona na súa ofensiva do 965, que os levou a Alepo e máis lonxe. Entón establecéronse alí moitos armenios, ata o punto de que o país foi coñecido como a Armenia Menor ou a Pequena Armenia, e formáronse señoríos armenios que orixinaron un reino, que existiu ata o 1375. Desde entón pasou ao Imperio otomán.

Ver: Reino de Armenia Menor.

Ao final da primeira guerra mundial (1918) foi ocupada polos franceses, que a administraron cinco anos ata que foi evacuada.


aa - ab - af - ak - als - am - an - ang - ar - arc - as - ast - av - ay - az - ba - bar - bat_smg - bcl - be - be_x_old - bg - bh - bi - bm - bn - bo - bpy - br - bs - bug - bxr - ca - cbk_zam - cdo - ce - ceb - ch - cho - chr - chy - co - cr - crh - cs - csb - cu - cv - cy - da - de - diq - dsb - dv - dz - ee - el - eml - en - eo - es - et - eu - ext - fa - ff - fi - fiu_vro - fj - fo - fr - frp - fur - fy - ga - gan - gd - gl - glk - gn - got - gu - gv - ha - hak - haw - he - hi - hif - ho - hr - hsb - ht - hu - hy - hz - ia - id - ie - ig - ii - ik - ilo - io - is - it - iu - ja - jbo - jv - ka - kaa - kab - kg - ki - kj - kk - kl - km - kn - ko - kr - ks - ksh - ku - kv - kw - ky - la - lad - lb - lbe - lg - li - lij - lmo - ln - lo - lt - lv - map_bms - mdf - mg - mh - mi - mk - ml - mn - mo - mr - mt - mus - my - myv - mzn - na - nah - nap - nds - nds_nl - ne - new - ng - nl - nn - no - nov - nrm - nv - ny - oc - om - or - os - pa - pag - pam - pap - pdc - pi - pih - pl - pms - ps - pt - qu - quality - rm - rmy - rn - ro - roa_rup - roa_tara - ru - rw - sa - sah - sc - scn - sco - sd - se - sg - sh - si - simple - sk - sl - sm - sn - so - sr - srn - ss - st - stq - su - sv - sw - szl - ta - te - tet - tg - th - ti - tk - tl - tlh - tn - to - tpi - tr - ts - tt - tum - tw - ty - udm - ug - uk - ur - uz - ve - vec - vi - vls - vo - wa - war - wo - wuu - xal - xh - yi - yo - za - zea - zh - zh_classical - zh_min_nan - zh_yue - zu -