See also ebooksgratis.com: no banners, no cookies, totally FREE.

CLASSICISTRANIERI HOME PAGE - YOUTUBE CHANNEL
Privacy Policy Cookie Policy Terms and Conditions
Capela de San Xes de Francelos - Wikipedia

Capela de San Xes de Francelos

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Capela de San Xes de Francelos
Capela de San Xes de Francelos

A Capela de San Xes de Francelos é unha pequena e sinxela capela que orixinariamente pertencía a un antigo mosteiro medieval hoxe en día desaparecido. Na actualidade é o resultado de diversas reconstrucións que alteraron totalmente a fábrica orixinal. A súa importancia e valor residen en que nas reconstrucións aproveitáronse elementos decorativos e arquitectónicos prerrománicos provintes das edificacións anteriores, magníficos vestixios dun estilo pouco conservado en Galicia.

Índice

[editar] Situación

Localízase no núcleo poboacional da parroquia de Santa María Madalena de Francelos pertencente ao concello de Ribadavia, na comarca do Ribeiro, a escasos dous quilómetros da vila de Ribadavia.

[editar] Historia

Sobre a súa fundación houbo diversas controversias. Algúns autores sinalaron a existencia dun mosteiro, desde o século IX, de monxas bieitas ou monxes que foi abandonado ou incorporado ao mosteiro de Celanova e, a súa posterior conversión como reguengo dependente da diocese de Tui co título de Santa María no século XII, ubicando a existencia dun novo mosteiro no século XV.

Analizando a documentación atópase a primeira referencia a Francelos nun documento do ano 986 que recolle unha doazón ao Mosteiro de San Salvador de Celanova, e nun documento do Tombo de Celanova (conservado no Arquivo Histórico Nacional) do ano 993 aparece unha nova referencia concretada no mosteiro de Francellos, documentándose deste xeito a existencia dunha comunidade monástica.

Cal foi a duración deste mosteiro e cando desapareceu é difícil de determinar. O certo é que nun documento de 1156 ditado por Afonso VII no que se confirma a división de dezmos feita entre o bispo de Tui e o Cabido menciónase como Igrexa de Santa María de Francelis. Durante os séculos XII a XIV a entidade poboacional Francelos segue a aparecer en documentos, como no do ano 1176 no que Fernando II outorgou en reguengo o couto de Francelos ao Mosteiro de Santa María de Melón e outros documentos, mais neles non existen mencións expresas á ermida.

Deste xeito a primeira cita a capela de Francelos é un foro do ano 1424 que o Cabido de Tui fai aos moradores da ermida. Desde esta data en múltiples documentos de foros, arrendamentos e outros negocios xurídicos aparece plenamente identificada a ermida.

Supónse que son de Francelos as moedas visigóticas galegas que levan a lenda fravcello y fr. avcel. Hoxe en día, a advocación da Igrexa xa non é a orixinaria de Santa María Magdalena, senón que cambiou pola de San Xes ou San Xinés.

[editar] Descrición

Fachada
Fachada

A actual estrutura é dunha sóa nave de planta rectangular cunha orientación leste - Oeste, cunhas medidas de 8.6 metros de largo por 5,75 de ancho. Cúbrese con tellado de madeira a dúas augas. Os muros compóñense principalmente de cachotaría e entre eles inseridos elementos prerrománicos e algúns perpiaños ben labrados.

Nos traballos de escavacións arqueolóxicas comprobouse que os actuais muros non corresponden co primitivo edificio do cal non se atoparon os cimentos, o que fai supor que a localización da construción orixinal estaría nas inmediacións.

[editar] Fachada

Os elementos que conforman o vano de acceso a actual capela deberon corresponder ao orixinal arco triunfal que daba paso á ábsida desde a nave, como apuntaron entre outros autores Lorenzo Fernández e García Álvarez.

A fachada sitúase ao abeiro dun adro cuberto cun tellado de madeira apoiado sobre pilastras.

A porta principal componse dun arco de ferradura de dovelaxe asimétrico (número par de dovelas e despeze radial) e que se veu modificado coa introdución dun lintel adovelado. O conxunto acusa unha evidente afinidade co estilo visigótico. Nas obras de restauración descubriron que o arco non realiza función construtiva (por dentro hai cachotería, as dovelas non chegan ao interior) polo que se especula que se trate dunha reposición.

O arco apoiase sobre dúas semicolumnas de fuste monolítico decorados con ondulantes motivos vexetais e encostados ás xambas. A decoración lévanos de novo ao estilo visigodo e o feito de que as columnas se atopen adosadas ás xambas ao arte asturiano prerrománico, a exemplos como o da Igrexa de Santa María do Naranco, pese a que nesta última os motivos e formas decorativas son ben distintas.

Os fustes apoianse en bases compostas por plinto, dous boceis e unha semi-escocia. Os orificios nas basas poderían corresponder á existencia dun cancel de peche.

Os capiteis son entregos e en forma de ábaco rectilíneo decorado por catro filas de carnosas follas, pertencendo a unha tipoloxía dexenerada do tipo visigodo (a súa vez baseado no romano corintio). No extremo superior dereito do capitel dereito pódese ver un corpo circular e baixo este outra figura en forma de S. Estes capiteis presentan semellanzas cos da asturiana Igrexa de San Miguel de Lillo ou os de San Salvador de Priesca, produto da collida de elementos do estilo tradicional visigodo e influenzas do arte ramirense.

Iconografía do capitel e perpiaño dereito, e celosía
Iconografía do capitel e perpiaño dereito, e celosía
Iconografía do capitel e perpiaño esquerdo
Iconografía do capitel e perpiaño esquerdo

A decoración dos capiteis prolóngase en relevos gravados directamente no perpiaño semellantes aos de San Xoan de Camba (Castro Caldelas). En ambos os lados aparecen representados unha personaxe aureolada montada nun asno que leva na man un posible ramo e figuras con túnicas saíndolle ao paso (dúas no da dereita e unha no da esquerda). Son de talla moi plana co fondo rebaixado e enmárcanse por un resalte recto e axustado as figuras en pé. Sobre a interpretación desta representación existen varias teorías que coinciden en sinalar que se trata de escenas bíblicas:

  • Unha primeira teoría defende que representan, un a Entrada de Xesús en Xerusalén e o outro a Fuxida a Exipto.
  • Unha segunda teoría defende que un representa a Entrada de Xesús en Xerusalén e o outro a Balaan detido polo Anxo.
  • Unha terceira considera que se trata dun desdobramento da mesma escena, ben a Entrada en Xerusalén ou ben a Fuxida a Exipto.

A disposición en frisos dos relevos buscando destacar a horizontalidade lévanos ao xeito de facer visigodo, pero na contra a técnica da labra utilizada non foi a de bisel propia deste estilo, mais ben presenta semellanzas co arte asturiano ou ramirense.

A porta principal flanquéase por dous vanos:

O vano esquerdo é cadrado con derrame interior e exterior.

Seteira prerrománica no muro sur
Seteira prerrománica no muro sur
Cabeceira da capela
Cabeceira da capela

O vano dereito presenta un arco de medio punto e tápase cunha celosía en pedra de 90 cm de ancho e 146,5 cm de alto. A celosía presenta un calado de dúas rosáceas de oito pétalos superpostos e trianguliños intercalados entre as follas, e na cima tres arquiños de ferradura. A celosía enmárcase cunha moldura de 3 cm de ancho cun baquetón soguedado e enmarcado a súa vez por un tallo serpenteante con racimos, e no mais alto catro aves enfrontadas por parellas picando nos acios. O estilo ou estilos desta peza dividen aos autores, xa que algúns ven influenzas visigodas, outros mozárabes e outros do arte asturiano serodio.

A fachada remata nunha espadaña composta por un só van.

[editar] Pezas noutras partes da capela

No discorrer das obras de restauración atopáronse diversos elementos prerrománicos formando parte dos muros así como pinturas barrocas no interior.

No muro meridional ábrese un estreito vano en forma de aspilleira cun amplo abocinamento cara ao interior presentando un arco decorado cun baquetón sogueado, arco mutilado que na actualidade presenta forma de medio punto.

No muro oriental atópase un perpiaño rematado nun modillón con decoración de sogueado. Na base do aleiro do tellado outro perpiaño con sogueado rematado por un baquetón.

Na cabeceira atopouse un perpiaño enmarcado por unha moldura con forma de alfiz, A máis unha rosácea de oito pétalos enmarcados por unha moldura circular.

No muro norte, colocadas horizontalmente e visibles desde o interior unha e outra desde o exterior, dúas pilastras que formarían parella divididas en tres faixas paralelas cun baquetón central e os laterais con sogueado, conformando unha decoración en espiña de pez.

No muro sur un pequeno nicho decorado cun baquetón sogueado.

Outras pezas foron documentadas esparexidas polas casas de Francelos: catro xambas, un anaco de columna, un anaco de cornixa moldurada en nacela, un anaco de pilastra sogueada.

[editar] Interior: Pinturas e retablo

Son pinturas barrocas feitas ao fresco situadas aos lados do altar. Atópanse en mal estado de conservación e representan cortinaxes e estrelas insertadas en círculos.

No testeiro sitúase o retablo barroco, apoiado nun banco decorado con pinturas de estilo similar ás dos muros. É un retablo estruturado nun só corpo con prelada e ático. Distribúese en tres rúas coa central resaltada. Os nicho presentan arcos de medio punto e cos fondos policromados.

[editar] Traballos arqueolóxicos

A Asociación Marcelo Macías con motivo das obras de restauración propuxeron a realización de catas arqueolóxicas, que deron como resultado a descuberta dunha necrópole composta por un total de nove tumbas de nenos de corta idade feitas en granito degradado e sen cuberta e orientadas oeste - leste. Nelas atopáronse algún resto óseo e case ningún axuar.

[editar] Véxase tamén

[editar] Bibliografía

  • Rodríguez González, Julio e Seara Carballo, Alfredo. San Xés de Francelos. Boletín Avriense anexo 4. Museo Arqueolóxico Provincial. Ourense. (1985)
  • Risco, Vicente. Geografía del Reino de Galicia, Tomo XI. (1980).

[editar] Outros artigos

[editar] Ligazóns externas

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre:
Outras linguas


aa - ab - af - ak - als - am - an - ang - ar - arc - as - ast - av - ay - az - ba - bar - bat_smg - bcl - be - be_x_old - bg - bh - bi - bm - bn - bo - bpy - br - bs - bug - bxr - ca - cbk_zam - cdo - ce - ceb - ch - cho - chr - chy - co - cr - crh - cs - csb - cu - cv - cy - da - de - diq - dsb - dv - dz - ee - el - eml - en - eo - es - et - eu - ext - fa - ff - fi - fiu_vro - fj - fo - fr - frp - fur - fy - ga - gan - gd - gl - glk - gn - got - gu - gv - ha - hak - haw - he - hi - hif - ho - hr - hsb - ht - hu - hy - hz - ia - id - ie - ig - ii - ik - ilo - io - is - it - iu - ja - jbo - jv - ka - kaa - kab - kg - ki - kj - kk - kl - km - kn - ko - kr - ks - ksh - ku - kv - kw - ky - la - lad - lb - lbe - lg - li - lij - lmo - ln - lo - lt - lv - map_bms - mdf - mg - mh - mi - mk - ml - mn - mo - mr - mt - mus - my - myv - mzn - na - nah - nap - nds - nds_nl - ne - new - ng - nl - nn - no - nov - nrm - nv - ny - oc - om - or - os - pa - pag - pam - pap - pdc - pi - pih - pl - pms - ps - pt - qu - quality - rm - rmy - rn - ro - roa_rup - roa_tara - ru - rw - sa - sah - sc - scn - sco - sd - se - sg - sh - si - simple - sk - sl - sm - sn - so - sr - srn - ss - st - stq - su - sv - sw - szl - ta - te - tet - tg - th - ti - tk - tl - tlh - tn - to - tpi - tr - ts - tt - tum - tw - ty - udm - ug - uk - ur - uz - ve - vec - vi - vls - vo - wa - war - wo - wuu - xal - xh - yi - yo - za - zea - zh - zh_classical - zh_min_nan - zh_yue - zu -